29/9/09

Carreira da Tore: na Voz de Galicia

O xornal coruñés, La Voz de Galicia, para elevar a súa categoría deportiva, tivo o permiso para fotografar aos tres membros do club participantes na primeira edición da Carreira da Torre.

22/9/09

I Carreira Torre de Hércules


O Furacán do Miño (antes coñecido como O Farmacéutico Veloz), O Comensal Austero e O Cronista participaron o pasado domingo día 13 de setembro na 1ª edición da Carreira Popular da Torre de Hércules.

Amenceu un día tristiño, deses nos que a chuvia non para de caer, deses que nos fan cuestionar a nosa actividade atlética (mira que ter que ir a unha car
reiriña co día que vai e co ven que se estaba na cama…) Pero os compromisos adquiridos polo club e a profesionalidade dos seus atletas fixo que estes tres dignos representantes se persoaran ao pé da Torre ás 9, 45 horas. A retirada de dorsais fíxose baixo uns paraugas, o quecemento case igual.

Pasadas as 10.30 Andrés Díaz deunos o pistoletazo de saída. A partir de aí cada quen fixo o que puido:
-O Comensal Austero dedicouse a vixiar as costas dos seus dous compañeiros para que ninguén os adiantara a traizón.

- O Furacán do Miño (antes coñecido como O Farmacéutico Veloz) dedicouse a probar en que quilómetro comezarían as dores: 27.03´´.

-O Cronista, laiouse de saír moi rápido e de non ter feito a est
as alturas máis series: 23.17´´.

A sorpresa, agradábel, da xornada estivo protagonizada polo Mestre e a súa bicicleta. Participou na carreira dando ánimos, especialmente ao Cronista, xa que ao estudar a súa faciana, parecía claro que non ía moi ben na proba.

Como a nosa Keniata de Montrove preferiuse ir de viaxe nesta fin de semana e visto que corríamos (nunca mellor dito) o risco de n
on pillar premio, O Cronista decidiu que lle tocaba sacrificarse un pouco polo club e loitar por un deles (3º Premio na Categoría de Veteranos B).


Outra crónica no blog Khenesfera.

Resultados.


3/9/09

Subida ao Monte Pindo

Consideracións previas:

Con vento moi duro do nordeste (que diría aquel ministro innomeable), faltando os dous andaríns do grupo: o Mestre e Pura Vida e saíndo media hora máis tarde do previsto...


Feitos:

Ás 10.07 minutos do pasado domingo 30 de setembro, seis membros e mebras do club iniciamos a subida ao mítico Monte Pindo (Red Natura 2000).


Existían tres posibles hipóteses para ver ao Comensal Austero poñerse diante do grupo na subida: intención de marcar o seu característico ritmo de diesel incansable e constante dos seus entrenos correndo, tratar de desfondar ao grupo, ou subir ata rebentar. Efectivamente, querido lector ou lectora, a terceira hipótese foi a correcta. Media hora dando caña ata que non puido máis.


Pero a continuación deixámoslle coller a dianteira ao noso Triatleta, caracterizado pola súa forza e non pola súa boa visión nin capacidade de orientación (lembrade a Andaina de Allariz e o tempo que nos fixo perder). E, como non, tamén fixo varios intentos para perdernos polo camiño.


A Keniata de Montrove coma sempre, ao seu, a subir, subir, subir. Tan só de cando en vez botaba en falta ao Mestre (“como lle gustaría a el esta subida…”)


Que dicir de dona Teresa. Todo un espectáculo… nos seus nocellos: que se os torzo para a dereita,que se os torzo para a esquerda, que se me resbalo un pouquiño por aquí ou por alá. Pura fantasía, pura elasticidade. Tamén se lembraba do Mestre e do pouco que a el lle gusta ir e voltar a un lugar polo mesmo recorrido. Seguro que lle encantaría facer unha “ampliación” ou unha variante” ao Pindo.


A cola de pelotón foi case sempre o reporteiro gráfico. O pobre non daba feito, non sabía se camiñar o fotografar, mesmo chegou a separarse, temporalmente, da súa dona. Máis vale unha boa foto que unha boa compaña (debía pensar)


Ás 11.27 fixemos cume na Moa. (641 m.) Fotografías. Bebidas isotónicas. O forte nordeste case non nos deixa gozar das espectaculares vistas sobre Fisterra, Carnota, o Ézaro ou Paxareiras. Que espectáculo.


Tras unha hora e dez minutos completamos o descenso. Pera nos deron as persoas que ían subindo a pesar do forte sol (moito nos preguntaron canto faltaba para o ascensor…)


Remate:

Ao chegar ao vehículo atopámonos cunha advertencia escrita dun ser cheo de envexa por non poder camiñar (disque que ten unha fascite plantar, cando en realidade o que ten é medo ás alturas, medo de non seguir o ritmo do grupo, medo ao non estar ao seu nivel). A advertencia… pura maledicencia. Nin caso. Polo tanto non será reproducida pero será gardada no arquivo histórico documental do Club.


Rematamos a maña descansando na praia de san Francisco e xantando churrasco acompañando de un tal “Ribera del Duero” e dunha pequena colección de sobremesas (mesmo o ex-Comensal Austero estivo tan educado que probou case todos…)