26/3/12

Vig-Bay 2012: pensando na maratón da Coruña


Tras dúas semanas malas de adestramentos, e cos correlegas da Panadería de Osedo (Pachuco, Raúl e Roberto), participamos na Vig-Bay 2012. A temperatura foi de 14 graos na saída e ceo cuberto. Cando chegamos á meta eran xa 17. Non houbo vento polo que as condicións climatolóxicas foron excelentes. Nunca tanta xente vira nunha media maratón de Galicia: 4.400 inscritos. Case somos unha potencia no atletismo popular. Aínda lembro ben a primeira vez que corremos por Samil: chegáramos aos oitocentos?

Sei que nesta proba, como xa noutras, fáltame alguén preto de min. Voume afacendo a iso, pero cústame non ter compaña nos minutos previos ao inicio da carreira.

Antes da saída puiden saudar aos amigos do C.A. Sada para desexarlles moita sorte, especialmente a Bea e a Montse.

O obxectivo marcado era, segundo o plan de adestramento baixar de 1.23´. Tiña, ademais. o precedente de febreiro da media do Ribeiro en que baixara de 1.22. No caixón de saída compartín uns minutos con algúns colegas de Sada. Con eses datos na cabeza e con tres minutos de quecemento (nunca chegamos con tempo) tomei a saída.

Sendo bastante estraño en min, non saín moi rápido. Aguantándome, pasei o primeiro quilómetro en 3.50´´. Deixei que fora marchando a xente. Manteño un ritmo cómodo. Ao chegar ao quilómetro cinco, trato de buscar escusas sobre o ritmo peor do agardado: a costa. Cando chego ao dez pensei que iría baixando máis o tempo (39.08´´). Gustaríame ter baixado de 39´. Pero nada, busco outra vez a mesma escusa, a costa. Desde alí trato de subir o ritmo, amodiño pero constante, sei que debe ser o tramo máis rápido. Saúdo a Xosé dos Taninos, desexándolle moita sorte para a súa maratón de París. Non deixo de adiantar xente. Ao chegar ao 15, por vez primeira adiántame un rapaz. O paso por ese quilómetro non foi malo: 57.50´´. Non me gusta nada o paso por Praia América, é unha avenida longa e vese o remate da proba. Para compensalo, motívome na baixada á Ramallosa. De alí ao final toca sufrir. Trato de manter o ritmo. No último quilómetro desprego a miña bandeira republicana. Sempre hai algún berro de ánimo para ela. Forzo un pouco nos últimos douscentos metros. Sei que non fixen uns bos tres quilómetros finais.

Resultado:  1.21.27´´ a 3.52´´ , 5º na categoria e de 162 na xeral sobre un total de 4.100 atletas. Parece que podo manter o obxectivo na maratón do 15 de abril: continuar baixando das 3 horas. Os ritmos medios foron: ata o 5 km a 3,54´´. 
Do 5 ao 10 km a 3,50´´.
Do 10 ao 15 km a 3,45´´.
Do 15 a meta a 3,51´´.


Tras cruzar a meta, bebo, como e volvo saír en dirección a Vigo. Tócame animar aos amigos. Vou ao trote en dirección contraria á meta. A xente alucina. Saúdo e animo a Roberto. Despois collo a Montse e a acompaño uns metros para darlle ánimos. Logo vexo a Bea: na súa primeira media vai fenomenal, dime que vai cansa (entrarían en meta as dúas cuns tempos extraordinarios: 1.43 e 1.49.) Logo vexo a Antonio e axiña ao meu obxectivo: a Rabudiña. Ven fenomenal, sen suar. Dime que o pasou moi ben. Trato de animala constantemente nos tres últimos quilómetros (as palabras que alí nos dixemos nunca se farán públicas). Do 40 ao 41 pasa a máis de sesenta atletas. Non sei que máis podo facer por ela. Entra soa na meta por baixo do seu obxectivo. Parabéns campiona.


Fíxome moita ilusión, saber que Pablo Nieto tamén rematou a carreira. Parabéns Pablo.

Outra crónica colectiva en Panadería d´Osedo.
Foto en carreira de AlexhaPhotos.

24/3/12

Preparando a Vig-Bay?


Que facer o día anterior á Vig-Bay? 

Que facer o día anterior a unha proba na que hai un obxectivo moi claro pensando na maratón de tres semanas despois?

Pois no meu caso, facer 400 quilómetros para ter unha enchenta de lamprea e un concerto en directo de dúas horas.

Efectivamente, se admito que correr é xa unha paixón, tamén o é (o é ou foi?) a biblioteca escolar. E como unha parte máis da biblioteca escolar, as xuntanzas gastronómicas coas responsables dalgunhas das mellores bibliotecas escolares galegas que, para o caso, é como dicir, das mellores do Estado. Este sábado tocaba repetir experiencia culinaria en As Neves para lembrar o sabor da lamprea en rolo (seca e cortada coma se fora fiambre). Mais este ano abandonamos o restaurante e dirixímonos, tras visitar a escola unitaria deVide, á Casa da Auga, na parroquia de Vide, concello de As Neves. 

A mestra, as mestras e as súas nais (as da escola, se entende) preparánronnos, con todo o amor do que se posible agasallar, un eterno xantar a base de canapés, tortillas (ovos caseiros, con patacas, con xamón, con chourizo…) tortas de verduras, queixo e logo, a lamprea con diversos tipos de ensaladiñas. De sobremesa: , ademais duns fenomenais biscoitos, un licor café inconmensurable.

Tras o xantar, principiou a festa: dúas horas de música ao vivo a cargo das Pandereteiras de Vide. Impresionantes… cada ano fano mellor aínda que nos pareza incrible. Como agradecer tanta xenerosidade?, tanta paixón polo "público"?, polo colectivo?

E que dicir desa mestra… desa FUNCIONARIA (así en maiúsculas, con orgullo do que somos, do noso traballo, e de para quen facemos o que facemos) que non sabe onde remata o seu traballo e principia a súa vida… que  neste sábado parece que traballa e cando é luns abra o local de traballo seguro que parece que está de vacacións e feliz de convivir cos cativos na súa escola… E que escola…. Se hai que facer (¿) recortes que, por favor, a esta unitaria que non a toquen.

Grazas Sabela. Grazas Lourdes. Grazas pandereteiras. Mañá na carreira seguro que me lembrarei dos biscoitos e do licor café.

18/3/12

Adestramento: un domingo máis, unha tirada menos

Estando a unha semana da VIG-BAY, e tendo xa moitos quilómetros acumulados nas pernas, decidín que hoxe domingo non ía facer unha tirada longa e dura coma os domingos pasados (29, 31 e 29 quilómetros). Aceptei, xa que logo, a invitación dos novos amigos do Club Atletismo de Sada para trotar con eles uns vinte quilómetros (ao final fixen algúns mais posto que antes da cita xa estivera trotando para sacarme a friaxe do corpo) polo paseo marítimo de Sada. 

Fixemos tres voltas, pensando nas tres voltas da maratón da Coruña.

Xuntámonos un bo feixe de xente e tiven a oportunidade de saudar a vellas amigas e de coñecer a outros membros do club. Durante case as dúas horas do adestramento, a auga tivo a ben ser respetuosa con nós e case non fixo acto de presenza. Nos últimos tres quilómetros subimos un pouco o ritmo para rematar cun nivel alto de pulsacións.

Un domingo máis e unha tirada menos ata chegar á maratón da Coruña.