22/4/12

Percurso da Maratón de Madrid

Hoxe é o día do MAPOMA, ou mellor dito do Rock´n´Roll Madrid. Como non imos participar, poño este vídeo onde non se aprecia moi ben a dureza dos últimos quilómetros. Ao velo, sorpréndeme o ben que lembro este percorrido. 
Canto teño gozado e canto teño sofrido no asfalto madrileño!!!. Sorte a todos e todas os participantes.




15/4/12

Maratón A Coruña 42: chegou o descanso


ADICATORIA
Hai case un ano, meu  pai deixou estes mares para ir navegar por outros máis tranquilos.
Pola contra, Sara está a piques de coñecer as ondas da ría Muros (xa ten lista a táboa de surf, a vela de wind-surf, e a cometa de kite-surf), mentres o seu pai ten corazón tan grande que as veas non son quen de soportar a súa forza.
Para eles tres ía esta maratón, e, para eles tres, vai esta crónica.

Tres maratóns en trece meses… quen o diría hai uns anos. Efectivamente en marzo de 2011 fixen o Marató de BCN, en novembro, para recobrar sensacións, a de Porto e, agora, en abril de 2012 o da Coruña. 

Como sempre fixen unha preparación específica seguindo un plan de dez semanas.

En xaneiro andiven con varios catarros que me deixaron sen forzas polo que tomeime a miña primeira participación na Media Maratona Manuela Machado en Viana do Castelo como un adestramento, para ir de menos a máis. En febreiro, fixen a I Media Maratón do Ribeiro cun tempo inesperadamente bo. Logo, a tres semanas da maratón, a Vig-Bay, onde o tempo que tiña que saír, saíu. Despois viñeron uns días de repouso e masaxes por molestias nun isquio; molestias que non deixaron de existir completamente. Na semana anterior, volvín a estar con molestias na gorxa e algo acatarrado.

Fixen os adestramentos, primeiro con moita tranquilidade, sen presión, gozando deles. Mais, logo, apareceu o cansazo psicolóxico, a falta de gañas, o desexo para que  pasara pronto  o 15. Para tratar de combater esas malas sensacións fixen un par de tiradas longas (menos longas de que me gustaría) cos amigos do C.A. de Sada. Todo un pracer.

Os quilómetros feitos por semanas, foron os seguintes (de luns a domingo): 81, 70, 91, 92, 79, 94, 59, 47,  Por meses: xaneiro con 253 ; febreiro con 325, marzo con 335. Como veredes non fun moi regular. Nos adestramentos os tempos da series saíron case todos agás, como sempre, o test de 2x6000.

Na última fin de semana aparaceu unha molestia tras cada adestramento no nocello esquerdo. Mesmo como ía  máis (chegou a ser dolorosa) modifiquei os entrenos. Só saín a trotar o martes. Logo, coxeei un pouco, repouso ata o sábado para probar o nocello. O sábado pola mañá o nocello aguantou quince minutos sen protestar. Mais eu sei que non está ben. Decido facer a proba pero co risco de abandonar se aparece a dor.

Durante os días previos, as charlas coas amizades danme moito ánimo: coma sempre corro por e con eles.  Juan e Pili estarán, seguro, no percorrido. A Rabudiña tamén. Conto cuns berros exclusivamente para min. É a vantaxe de correr na casa.

O domingo amenceu como dicían as previsións: forte treboada ás 7.15. Un rato despois, tiramos as primeiras fotos co CAS, logo con Raúl e despois eu só. Case sen quecemento facemos a saída moi puntual.

Inicio a proba moi comodamente. Sorpréndome ao ver o tempo no primeiro quilómetro: 3.59´´. Como parece ser que se fai un grupo que quere baixar algúns minutos das tres horas, vou con eles ao pensar que é a mellor forma de protexerse do vento. Facemos o Orzán e Riazor. Cruzamos por Xoana de Vega e Linares Rivas, ao entrar, por vez primeira no porto, cáenos unha gran cantidade de auga e granizo, acompañado por forte vento. Foron tan só dous minutos. Pero estamos empapados e as miñas zapatillas son un puro charco.

O ritmo do grupo é bastante irregular: tiróns e paróns. De súpeto, véxome no final de Oza con cinco corredores só, posto que o gran grupo quedárase atrás. Como nos da un forte vento de cara en dirección á Casa do Mar, baixo o ritmo e deixo que o grupo me colla. Primeiro paso polos Cantóns: parece que o público está decidíndose a animarnos. Rematamos a primeira volta en 56 minutos, case un mellor do esperado, pero sigo cómodo. 

Iniciamos a segunda volta con todo o vendaval polo Orzán e logo pola zona do Milenium. Ao pasar pola Casa da Auga (20,5 km.) o grupo comeza a marchárseme. Non me importa, vou ben. Paso a media maratón en 1.25. Case no tempo deseñado. Dous quilómetros despois xa estou de novo co grupo. Imos de novo por Oza. Parada técnica a evacuar líquido (perdo 40 segundos). Váiseme o grupo. O regreso á Casa do Mar fáiseme duro polo forte vento en contra. Desde Linares Rivas ata os Cantóns hai moita xente animando pero aínda non aparecen os grupos anunciados pola organización. 

Na Mariña, Pablo e logo Ángel, saúdanme. Aos dous fágolles movementos negativos coa cabeza. Remato a segunda volta (quilómetro 28 en 1.54.11´´, a menos de 4.05´´) Tempo estupendo e… abandono.

O nocello dixo basta. Non teño gañas (perdón) para quedarme a anirmar aos amigos e amigas, nin aos outros participantes. Saúdo a varios amigos e marcho para casa.

É o meu primeiro abandono nunha maratón… e foi tocar xusto no da casa…. Unha mágoa. É síntoo de verdade porque varios amigos achegáranse ata a proba para animarme (Juan, Pili, Julio, Chema, Sandra, Pablo, Ángel...). Laméntoo moitísimo por eles. Pero cando non se pode, non se pode.




DESPEDIDA
Toca agora unhas semanas de repouso e, coma sempre, unhas sesións de chapa e pintura para tratar de amañar algo o corpiño. E para despedirse, nada mellor que facelo dun xeito explosivo, ou non?



14/4/12

Maratón da Coruña: o Home do Mazo

Mañá será o gran día: comentarei esta última e desgraciada semana. Pero por agora déixovos este vídeo, agardando que non apareza pola Coruña,  visto en Os Patukos:


8/4/12

Maratón da Coruña: penúltima semana de adestramentos

Que semana máis rara. Teño cansancio mental, de adestrar, correr… 

Esta semana tocaba pouco traballo, mais para compensar (si xa sei que non se debe facer) o da pasada, fixen algún adestramento de máis. Ademais, tocaba ao test de 2x6000. Un adestramento que nunca me sae. Tiñan que as dúas series a 25.00´´ e a 22.20´´. Saíron a 24.32´´ e 23.17´´ (ben é certo que a última fíxena en progresión rematando a 3.40´´). En outubro saíran a 24.40´´ e 23.50´´ pero hai un ano, pensando na maratón de Barcelona, fixéraas a 23.20´´ e 22.31´´. 

Continúan as molestias en todo o lado dereito (piramidal, isquio e fascia lata) pero só en repouso. Agardo que aguanten a carreira. Curiosamente tamén hai algún problemiña no nocello esquerdo. Mais fisicamente creo que non vou mal. 

En resume, fixen esta semana: 17, 18, 17, 14 e 20 hoxe domingo, é dicir, 86 quilómetros cando no plan de adestramento tocaba facer só 60. O sábado e o domingo trotei ao redor do Monte Louro. 

Pero o peor de todo son as horribles previsións metereolóxicas para o domingo 15: vento forte e chuvia.

2/4/12

Fragas do Eume

Impactado polo incendio da Fraga do Eume, deixo aquí unha fotos tiradas hai uns meses para tratar de lembrala sempre así.

1/4/12

Maratón da Coruña: a tres semanas


O pasado domingo  25 de abril fixen a Vig-Bay: contento. Mais despois de entrar na meta, volvín en dirección Vigo para animar aos coñecidos facendo, de novo, os tres últimos quilómetros acompañando á miña gabachiña preferida. Esprintando con ela, o isquio dereito protestou.  Mirade como entramos os dous na meta (unha por dentro e outro por fóra):

O isquio non se deixou estirar en todo o día. O martes saín a probalo e… houbo que parar aos quince minutos. Case desesperado, tratoume o xoves a miña quiropráctica de cabeceira, dándome permiso para volver ao asfalto o sábado. Mais o venres volvín saír outros quince minutos para quecer os músculos e, logo, darlle unha boa sesións de estiramentos. Despois media hora de abdominais no ximnasio (co Pili e Juan, que ledicia!!!). O sábado, con máis medo ca ilusión, fixen unha tirada normal de 17 quilómetros. O regreso foi especialmente rápido. Houbo molestias por todos lados pero non especialmente no isquio.

O domingo, sumeime ao adestramento polo paseo do Mero dos amigos do CAS. Antes da  hora convida, fixen uns quilómetros para ir quecendo… Cando chegaron, tivemos oportunidade de comentar a pasada Vig-Bay. Fixen a tirada de ida ata Cecebre con Bea a un ritmo de 5.30. Regresei só a un ritmo de 4.02, indo de menos a máis. Chegado á Barcala, regresei por Bea. En total  24 quilómetros.

Unha vez na casa preparei o sobremesa da xornada “Flans glaseados á mandarina”… unha auténtica BOMBA (prefiro poñer unha foto antes que o vídeo de King Africa)

O resume semanal é un desastre: só 47 quilómetros, saltándome tres días de adestramentos, dos que dous eran de series. Creo que xa estou a buscar escusas por se os resultados da maratón non son os agardados, ademais desde hoxe pola mañá teño molestias  na gorxa... cachissss.