12/11/12

Behobia-San Sebastián 2012

Case sen adestrar na semana (34 quilómetros e unha hora de ximnasio) o sábado pola mañá saíu un vehículo desde Montrove con destino Donostia. No automóbil van dous veteráns da Behobia-San Sebastián (Raúl e Antonio) e dous novatos (Paloma e o que escribe) Tras case 700 quilómetros e certos problemas para atopar aparcamento en Donostia, recollemos os dorsais no velódromo de Anoeta coa compaña de Luís Pardo. Houbo certos problemiñas co meu dorsal... “ah… pero es tu sales muy adelante...”. Na pequena feira do corredor fixemos provisión de camisetas para os amigos e a oficial para dona Teresa. O Mariscal fixo acopio de calcetíns. Tivemos ocasión s de saudar a Jorge Valdés e desexarlle sorte. Cando nos dirixiamos a tomar a primeira caña o ceo descargou sobre nós varias toneladas de auga como presaxio do que sería o día da carreira.


Achegámonos ata o hotel, preparamos a equipación para o día seguinte e baixamos ao centro a degustar os ben afamados pintxos donostiarras onde tamén saudamos a Manute (Manuel Hurtado)

O domingo levantámonos moi cedo e almorzamos no hotel mais non na habitación senón no comedor (xa sabedes como é o Mariscal…) Pillamos o topo e un bus que nos deixou en Hendaia (Oh, la France…). Foi chegar a Francia e principiar a chover, chover, chover… milleiros de toneladas de auga sobre nós…Tras deixar as mochilas nos camións, que fixemos? O quecemento? Protexernos da chuvia nunha gasolineira como todos os milleiros de corredores e corredoras.

Como a organización era moi previsora, separou a saída dos distintos grupos de atletas  case unha hora. Marchei para o meu caixón cos mellores desexos de Paloma, Antonio e Raúl. Metinme no meu grupo so 30 segundos antes da saída ben tapadiño baixo o chuvasqueiro e unha gran bolsa do lixo do xardín. Asumo que será a primeira vez que corra tan tapado… A intención é saír detrás do grupo, sen présa, probándome, tratando de ir cómodo e pensado que xa habería tempo para correr. Cruzo a liña de saída na posición 2.168.

Os primeiros metros son unha constante fuxida dos  charcos e tratando de nun ser tirado e de non tirar a ninguén.

Van pasando os minutos e comezo a ir pasando xente. No quilómetro dous tiro a bolsa de plástico. Atopo ao Rama, dos Taninos de Ponteareas. Saúdoo e mándolle recordos para Xosé e Edu. Desexámonos boa sorte. De súpeto vexo o bandeirola do quilómetro 4… xa van catro e non me decatara dos 20.12´´ transcorridos. Paso o km 5 en 20.14´´ (a 4.03´´ o km.) e na posición 1.371  . Vou tranquilo e paréceme un tempo de paso estupendo. 

Teño a sensación de que toda a carreira será un sube-baixa polo que paréceme estupendo ser moi prudente e ver como se comportan os piramidais e os abductores.. Cada vez que hai unha subida, e hai moitas, quedo abraiado coa cantidade de xente que vai diante… non lembro ningunha outra proba na que saía tan atrás… tamén é certo que é a proba con máis participantes (25.000 inscritos) da miña vida. Chego á subida máis longa da proba nun tramo de autoestrada… fáiseme difícil, vou lento pero… continuo pasando xente. Vou cambiando de carril, en zig-zag, constantemente na busca da liña máis recta posible.

Paso o 10 en  40.16´´ (a 4.00´´/km nos últimos 5000) é dicir en menos tempo que os cinco quilómetros anteriores. Vou na posición 1.078. Longa baixada na que aproveito para quitarme o chuvasqueiro, Chegamos ao porto de Pasaia. No quilómetro 15 o meu tempo é de 59.45´´… (a 3.56´´/km os últimos 5000, isto ten boa pinta) e na posición 999. Comprobo que vou aumentado o ritmo aínda que vou algo canso… Cada metro teño menos atletas diante… Agora toca esforzarse e correr, correr, correr.

Por fin chega o remate do 15 e o inicio da costa máis dura subida do traxecto, O Mariscal tenme avisado da súa dureza. Vou amodiño pero… sigo adiantando xente. Na parte máis dura, pásame un rapaz… Pobriño, quedeime coa súa matrícula… para que na baixada contemple el a miña.

Chegamos a Donostia, aumento o ritmo. Forzo. O espiquer anuncia o derradeiro quilómetro e… nese momento o ceo decide descargar outra tonelada de auga. Tanta descargou que o fotógrafo do Diario Vasco non fixo fotos deses minutos (cachisss) e o vento mesmo chegou tirar o arco de meta cun cronómetro. Márcome un esprit da casa: longo e progresivo. Mirade que pintas nos últimos metros:





















Entro na meta contento e empapado cun tempo de 1.18.55 ´´ a unha media 3.57´´/quilómetro, de 929 na clasificación absoluta e de 22 na categoría. (Ligazón a un vídeo coa entrada na meta no tempo de 1.21.30)

Como fago nas probas especiais, pídolle á rapaza que me da a medalla dous bicos. Recollo a mochila e os abundantes alimentos e marcho aos fisios. Danme unha masaxe de corenta minutos. Camiño ata o hotel onde temos previsto volver xuntar o grupo. Doume unha ducha longa, longa, longa e quente, quente, quente. Chega Raúl moi contento pois mellorou moitos minutos. Tamén Paloma (e Antonio) está moi contenta. Rematou o seu primeiro vintemil, nas peores condicións metereolóxicas posibles. Guiada por Antonio, foi moi prudente ata que no quilómetro 10, co corazón ben colocado, empezaron a recoller cadáveres… Entraron na meta en pouco máis de dúas horas. Parabéns, campiona.

Cando chegamos a Donostia, Luís preguntáranos que tiña de especial esta carreira Non o sabía. Non cría o que tiña contado Raúl. Que, que ten de especial…? Que por que é proba máis afamada? Pois pola xente, polo público. Milleiros de persoas, de nenos e nenas, de familias completas, de aitas… Foi impresionante. Xente e xente nas cunetas, nas rúas, baixo a a infatigable choiva, ofrecéndonos froita, auga, bebidas isotónicas. É realmente incrible. Por iso é a mellor proba.

Tras outros pintxos para o xantar, iniciamos o regreso na hora prevista (ordenada) polo Mariscal. Sete horiñas ata casa.

NOTA FINAL: Agora si toca descansar, recuperar os piramidais, isquios e curar o inicio de pubalxia.

Eskerrik asko

Gero arte

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión