19/8/12

XXI Carreira das Areas (Carnota, A Coruña)

Non me gustan os cambios. Por que cambiar algo ao que xa estamos afeitos e gozamos del? 

Pois ben, despois de 20 anos, o concello de Carnota decidiu trocar o punto de saída e de chegada da súa Carreira das Areas. O cambio consistiu en poñer a saída e a chegada nas portas do concello, É dicir, a 1.400 metros da area da praia. E para colmo a 41 metros de altitude (os douscentos primeiros/últimos cunha pendente de coidado). Ademais, e sen previo aviso, retrasouse a saída media hora. 

Como cheguei con tempo, e a proba foi retrasada e como non levo nada ben as subidas, decidín tirar para arriba pola pista que hai sobre o concello para volver o petroglifo de Pedra Escrita. Había xa varios anos que estivera alí. Agora está sinalizado e conta cun panel informativo. Mágoa que a información que contén proveña de quen provén (non penso citar o seu nome) 

Iniciei a proba amodo, sen acelerarme na baixada inicial. Ao chegar á area, calculo que vou de sétimo na miña categoría (de 45 a 54 anos). Tamén cambiaron a a dirección do percorrido, indo, inicialmente cara Maceiras. A marea está moi baixa pero hai moita auga na dura area. Ao chegar á primeira baliza, xa estamos os tres primeiros da categoría xuntos. Tras uns minutos de trote conxunto, equivócome e penso que axiña iniciaremos a subida ao concello, polo que cambio o ritmo e acelero para deixar aos meus compañeiros un pouco por detrás. Pouco despois decátome do erro e vexo que temos que ir ata Boca do Rio e trato de manter o ritmo e a distancia. A vista é impresionante, toda a Praia de Carnota, coa súa inmensidade de sete quilómetros de lonxitude e a vista sempre fixa na Moa, o cume do Monte Pindo. A area está agora máis branda e hai moitas pozas e regatos que ás veces podemos saltar e outras non. 
FOTO: Tirando cara a Boca do Río, con Lira ao fondo

Na segunda baliza, Blas e Raquel danme ánimos e inicio o regreso vendo que os da miña categoría vanse quedando. Ao chegar á area seca e coller a pasarela de madeira, sufro un pouco e os que tiña diante vánseme algo. Cando pisamos o asfalto de novo, gaño unha posición e afrontamos a subida final. A humidade é altísima e a temperatura é xa de 25 graos. Menos mal que o día está cuberto. Vexo que ninguén forza e todos mantemos os nosos lugares na costa final. Entro exactamente en 40 minutos, pensando que foron uns sete quilómetros pola area, non está mal. Confeso que voume atopando cada día mellor. 

Ao pouco de rematar, Ángel Carracedo, ordena aos de Louro unha foto conxunta. Entre os que vedes hai catro premios nas distintas categorías. Falo cos atletas coñecidos, especialmente cos que vexo na temporada de verán. 

Parte de guerra: tíñalle medo ao comportamento do nocello esquerdo pola area, especialmente pola branda e irregular da zona de Boca do Río. Durante a proba portouse moi ben pero logo en frío e pola tarde comecei a notar molestias, distintas das habituais desde hai xa catro meses, mais molestias. Tras a proba tratei de estirar os piramidais e o dereito, sempre o dereito, ameazou con contracturarse: estaba moi cargado. 

Finalmente entro na meta de 20 e de 1º na categoría. O premio consiste nunha pequena e fermosa bandexa feita por Nacho Porto

 Semana iniciada con 90 minutos de ximnasio acompañado por Pili e Marta. O martes fixen, por fin, unha tirada de 21 km (lento pero seguro: 1.35.35´´). Mércores: 15 km con 6x1000: 4.08; 4.02; 3.58; 3.50; 3.45; 3.38´´ (xa mellor ca semana pasada). Xoves: tres horas de andaina polas Fragas do Eume e 10 km de trote. Venres: 17 km. Sábado a proba de Carnota e o Domingo rematei a semana trotanto tan só sete quilómetros (chovía, chovía, chovía) e dándome unha boa sesión de alongamentos que dirían os irmáns portugueses. 

Outros 81 quilómetros semanais para o peto.

13/8/12

XIX Carreira a Pé de Lira


Esta semana fixen unha tirada en bici e 71 km correndo, entre eles houbo un día con intento de series (6x1000 en 4.10´´: 4.05´´; 4.04´´; 4.00´´; 3.55´´; 3.50´´). Teño que seguir buscando as sensacións na series (a velocidade e a resistencia chegarán algún día). O venres descasei pois, repasando os meus apuntamentos, vin que desde o 2004 (1ª participación) non mellorara o crono a Carreira a Pé de Lira (7.350 metros). O sábado era o día da proba mais tamén o día que a miña irmá decidiu celebrar un inventado “Patrón” en Louro. E como celebramos as cousas en Galicia?: con callos, xamón asado e sobremesas para un rexemento. Pois co bandullo ben cheo funme para Lira.

Oportunidade de tirar unas fotos para Iniciarte e saudar aos amigos da temporada de verán, como xa fixera na proba de Vimianzo e farei na de Carnota. Como vou só desde Louro teño tempo dabondo de facer o quecemento e comprobar, como fago sempre, como é a costa de asfalto duns 600 metros que hai no quilómetro 5-6.

A primeira sorpresa veu da man de Blas, regresado das súas montañas e con el  a fotógrafa máis guapa das carreira: Raquel.  A segunda é que teño un club de fans máis numeroso da competición. Os comensais (chegáramos a pasar do trinta) tras a longa sobremesa decidiron darse un paseo ata Lira. Non sabían que terían que esperar 90 minutos pola foto da entrega de trofeos… (mentres picaron pementos e cervexas)

O ambiente magnífico, como sempre. O número de participantes en aumento. 

Na saída a xente nova empeza con moita présa. Adiántanme moitos. A saída en subida e polo piñeiral é estreita e duns 300 metros. Cando remato o primeiro quilómetros case teño a miña posición natural. Adiante a moita xente. No segundo quilómetro pásanme dous atletas, un deles da miña categoría. Vou detrás deles polos camiños de terra e con pedras soltas. Vou incómodo pero consigo que non se me marchen. Dous quilómetros máis tarde, aumento o ritmo e pásoos (o da miña categoría ficaría lesionado nun xemelgo e tería que abandonar) Ao dar a volta, tras pasar a Praia de Ximprón (lembraredes o seu nome pola desfeita do Prestige) noto que vou pagar o esforzo realizado con/contra os dous atletas. Levo uns quince segundos de marxe sobre o grupiño que ven detrás onde hai unha persoa da miña categoría. Ao iniciar a subida, fágoo con malos presentimentos mais vou con calma. Ao pouco de rematar a subida voume recuperando e mesmo son quen de facer uns últimos minutos con forza e impedir que ninguén me pase na baixa final, tal e como acontecerá nalgunha outra ocasión. Comprobo o cronómetro e vexo que é posible mellorar a marca pero… esquecín paralo na meta.

Entrei, co apoio do club de fans, de 12 na xeral e de 1º na categoría.

Rematei a semana trotando o domingo uns 13 km.

5/8/12

1ª Carreira pedestre Concello de Vimianzo


Semana de iniciar a posta a punto: Luns só 30 minutos de abdominais. Martes 15 km con 6 series de 1.000 metros: as tres primeiras por encima de catro minutos e a tres seguintes en torno a 3.45´´. Mércores 17 km, xoves 15 km con outras seis series (só dúas por baixo de catro minutos pero todas en progresión). Venres17 km, sábado 15 e domingo 12 km. Total semanal: 91 km.

Un apuntamento sobre o mes de xullo: fixen un total de 311 km. É o oitavo mes, desde que troto, no que supero os trescentos quilómetros. Levo acumulados nestes sete primeiros meses do ano un total de 1.752 km. Son moitos ao pensar nos problemas do nocello esquerdo que apareceu unha semana antes da maratona da Coruña.

E para rematar a semana participei na I Carreira Pedestre Concello de Vimianzo. A idea era gozar da proba, non forzar para non rematar sufrindo. En Vimianzo atopeime con Julio Vázquez e cos seu fillos. Tamén tiven a oportunidade de saudar aos coñecidos da miña temporada de verán pola costa.

Saín cómodo, tratando de facelo non rápido. Paso o primeiro quilómetro só un pouco por baixo de catro minutos. Adiántame Julio e pouco despois ven desde atrás o rapaz de 16 anos co que xa coincidira en Ordes de Muros arqueolóxico. Tras trotar onda el uns metros, fálolle e tiraremos xuntos uns oito quilómetros. O percorrido non é moi duro pois só hai unha costa pronunciada duns douscentos metros. Cando falta algo máis dun quilómetro o rapaz váiseme uns metros. Non teño forzas para esprintar pero entro contento en 38.28´´, a 3.51´´ o quilómetro. Non está mal para o momento da temporada na que andamos. Na meta agradecéndolle o rapaz o seu traballo e teño a oportunidade de falar co seu pai, José Ramón Mayo (1º en M40)

Finalmente, entrei de 17 na xeral e 2º na categoría (RESULTADOS). Había xa moito tempo, en concreto desde a Vig-Bay de marzo 2012 que non gozaba dunha proba. Xa ía sendo hora de non sufrir. O premio é pequeno é fermoso.

Foto do podium: Un José Manuel entre dous José Antonio.