25/11/12

II Legua solidaria Hípica Malawi na Coruña


Desde o 11 de novembro, é dicir desde a Behobia-Sansabestián só 24 kms e algunhas sesións de ximnasio. Hai serias molestias nun isquio e a pubalxia case non remitiu nada. Pola contra, e a base de alongamentos, os piramidais vanse comportando mellor.

E a pesares diso… participei na “II Legua Solidaria Hípica Malawi” na Coruña cun percorrido de 7.300 metros polo Paseo Marítimo da Coruña.

Como ben sendo xa habitual, recolleume na casa Raúl, cada día máis Mariscal, e fumos ata a Hípica a recoller os dorsais. Tempo para saudar amigos e amigas e facermos unha foto co Club de Atletismo Sada que por certo, tiña un fin de semana moi activo: Maratón de San Sebastián, Media Maratón de Vilagarcia, Corre con nós de Lugo…

Tras ver algunha das probas dos cativos, co boa e triunfante representación do CAS, fixen o quecemento con Raúl, na busca de Teresa e Álvaro.

Na hora prevista deuse a saída verbalmente. Vou detrás de Roberto e Alberto. Alucino cun “principiante” que se marca un sprint brutal nos primeiros douscentos metros… pobriño. Á altura do Castelo paso a Roberto e tiro cara Adormideiras. Voume atopando ben e tirando. Recibo o cariñoso saúdo de Teresa e Álvaro así como de Jesús que hoxe decidíu deixarme a min a representación do club na categoría de anciáns (Ánimo campión, o asfalto agarda por ti) Tras chegar ao alto de Adormideiras trato de non ser adiantado por moita xente na baixada o consigo. Véxome cómodo e forte. Cando estamos de novo á altura do Castelo de san Antón e contando que queda pouco máis dun quilómetro, aumento o ritmo e collo a un grupo de seis atletas onde, creo, vai xente da miña categoría… mais a decepción é tremenda ao comprobar que só levo uns vintedous minutos e que polo tanto hai que volver subir a Adormideiras. Cachisss. Entón comprobo o que é non adestrar e querer participar en carreiras… Sufro e trato de que  só se me marchen algúns do grupiño que adiantara previamente. 

O último quilómetro e medio fáiseme moi longo e duro.

Tras os 7.300 entro na meta cun sorprendente tempo 27.05´´ a 3.42´´ o quilómetro. Non sei de onde saíu tal velocidade. Non o comprendo.

Agardo polos amigos e de súpeto a sorpresa: posto 23 sobre 461 e 1º na categoría.

Como xa tiña decido teño que parar de trotar e ir ao fisio. Hai que recuperarse para a fermosa e atlética primavera que nos agarda.
A seguinte reportaxe fotográfica procede das tiradas por Raul, Mónica e da organización.

12/11/12

Behobia-San Sebastián 2012

Case sen adestrar na semana (34 quilómetros e unha hora de ximnasio) o sábado pola mañá saíu un vehículo desde Montrove con destino Donostia. No automóbil van dous veteráns da Behobia-San Sebastián (Raúl e Antonio) e dous novatos (Paloma e o que escribe) Tras case 700 quilómetros e certos problemas para atopar aparcamento en Donostia, recollemos os dorsais no velódromo de Anoeta coa compaña de Luís Pardo. Houbo certos problemiñas co meu dorsal... “ah… pero es tu sales muy adelante...”. Na pequena feira do corredor fixemos provisión de camisetas para os amigos e a oficial para dona Teresa. O Mariscal fixo acopio de calcetíns. Tivemos ocasión s de saudar a Jorge Valdés e desexarlle sorte. Cando nos dirixiamos a tomar a primeira caña o ceo descargou sobre nós varias toneladas de auga como presaxio do que sería o día da carreira.


Achegámonos ata o hotel, preparamos a equipación para o día seguinte e baixamos ao centro a degustar os ben afamados pintxos donostiarras onde tamén saudamos a Manute (Manuel Hurtado)

O domingo levantámonos moi cedo e almorzamos no hotel mais non na habitación senón no comedor (xa sabedes como é o Mariscal…) Pillamos o topo e un bus que nos deixou en Hendaia (Oh, la France…). Foi chegar a Francia e principiar a chover, chover, chover… milleiros de toneladas de auga sobre nós…Tras deixar as mochilas nos camións, que fixemos? O quecemento? Protexernos da chuvia nunha gasolineira como todos os milleiros de corredores e corredoras.

Como a organización era moi previsora, separou a saída dos distintos grupos de atletas  case unha hora. Marchei para o meu caixón cos mellores desexos de Paloma, Antonio e Raúl. Metinme no meu grupo so 30 segundos antes da saída ben tapadiño baixo o chuvasqueiro e unha gran bolsa do lixo do xardín. Asumo que será a primeira vez que corra tan tapado… A intención é saír detrás do grupo, sen présa, probándome, tratando de ir cómodo e pensado que xa habería tempo para correr. Cruzo a liña de saída na posición 2.168.

Os primeiros metros son unha constante fuxida dos  charcos e tratando de nun ser tirado e de non tirar a ninguén.

Van pasando os minutos e comezo a ir pasando xente. No quilómetro dous tiro a bolsa de plástico. Atopo ao Rama, dos Taninos de Ponteareas. Saúdoo e mándolle recordos para Xosé e Edu. Desexámonos boa sorte. De súpeto vexo o bandeirola do quilómetro 4… xa van catro e non me decatara dos 20.12´´ transcorridos. Paso o km 5 en 20.14´´ (a 4.03´´ o km.) e na posición 1.371  . Vou tranquilo e paréceme un tempo de paso estupendo. 

Teño a sensación de que toda a carreira será un sube-baixa polo que paréceme estupendo ser moi prudente e ver como se comportan os piramidais e os abductores.. Cada vez que hai unha subida, e hai moitas, quedo abraiado coa cantidade de xente que vai diante… non lembro ningunha outra proba na que saía tan atrás… tamén é certo que é a proba con máis participantes (25.000 inscritos) da miña vida. Chego á subida máis longa da proba nun tramo de autoestrada… fáiseme difícil, vou lento pero… continuo pasando xente. Vou cambiando de carril, en zig-zag, constantemente na busca da liña máis recta posible.

Paso o 10 en  40.16´´ (a 4.00´´/km nos últimos 5000) é dicir en menos tempo que os cinco quilómetros anteriores. Vou na posición 1.078. Longa baixada na que aproveito para quitarme o chuvasqueiro, Chegamos ao porto de Pasaia. No quilómetro 15 o meu tempo é de 59.45´´… (a 3.56´´/km os últimos 5000, isto ten boa pinta) e na posición 999. Comprobo que vou aumentado o ritmo aínda que vou algo canso… Cada metro teño menos atletas diante… Agora toca esforzarse e correr, correr, correr.

Por fin chega o remate do 15 e o inicio da costa máis dura subida do traxecto, O Mariscal tenme avisado da súa dureza. Vou amodiño pero… sigo adiantando xente. Na parte máis dura, pásame un rapaz… Pobriño, quedeime coa súa matrícula… para que na baixada contemple el a miña.

Chegamos a Donostia, aumento o ritmo. Forzo. O espiquer anuncia o derradeiro quilómetro e… nese momento o ceo decide descargar outra tonelada de auga. Tanta descargou que o fotógrafo do Diario Vasco non fixo fotos deses minutos (cachisss) e o vento mesmo chegou tirar o arco de meta cun cronómetro. Márcome un esprit da casa: longo e progresivo. Mirade que pintas nos últimos metros:





















Entro na meta contento e empapado cun tempo de 1.18.55 ´´ a unha media 3.57´´/quilómetro, de 929 na clasificación absoluta e de 22 na categoría. (Ligazón a un vídeo coa entrada na meta no tempo de 1.21.30)

Como fago nas probas especiais, pídolle á rapaza que me da a medalla dous bicos. Recollo a mochila e os abundantes alimentos e marcho aos fisios. Danme unha masaxe de corenta minutos. Camiño ata o hotel onde temos previsto volver xuntar o grupo. Doume unha ducha longa, longa, longa e quente, quente, quente. Chega Raúl moi contento pois mellorou moitos minutos. Tamén Paloma (e Antonio) está moi contenta. Rematou o seu primeiro vintemil, nas peores condicións metereolóxicas posibles. Guiada por Antonio, foi moi prudente ata que no quilómetro 10, co corazón ben colocado, empezaron a recoller cadáveres… Entraron na meta en pouco máis de dúas horas. Parabéns, campiona.

Cando chegamos a Donostia, Luís preguntáranos que tiña de especial esta carreira Non o sabía. Non cría o que tiña contado Raúl. Que, que ten de especial…? Que por que é proba máis afamada? Pois pola xente, polo público. Milleiros de persoas, de nenos e nenas, de familias completas, de aitas… Foi impresionante. Xente e xente nas cunetas, nas rúas, baixo a a infatigable choiva, ofrecéndonos froita, auga, bebidas isotónicas. É realmente incrible. Por iso é a mellor proba.

Tras outros pintxos para o xantar, iniciamos o regreso na hora prevista (ordenada) polo Mariscal. Sete horiñas ata casa.

NOTA FINAL: Agora si toca descansar, recuperar os piramidais, isquios e curar o inicio de pubalxia.

Eskerrik asko

Gero arte

4/11/12

II Carreira Popular Novo Mesoiro

Outra semana ben rara. Inicieina con moitas molestias en piramidais, isquios, pube… Vamos, feito unha merdiña. En repouso as molestias eran permanentes e as gañas de facer deporte nulas. Teño que estirar moito toda esa zona do corpo.


O mércores fixen 12 km rematando moi canso e, outra vez, sen poder estirar. O xoves fixen outros 9 pero con peores sensacións: moi feble, pulsacións moi altas. Non comprendo o que pasa. O venres, moi cabreado, fixen 11 km cando tiña intención de ver se conseguía chegar ata os 13/14 km posto que a Behobia-San Sebastián está a tan só unha semana… Chego a casa fundido e absolutamente desmoralizado. Dígolle a Raúl que non vou á Behohia, que para ir de paseo, ou con medo a non rematala, prefiro non ir. Pola tarde fixen unha hora de ximnasio (GAP e abdominais) con Pili e Juan. Canto os botei en falta!!! Foron sesenta minutos moi divertidos que me levantaron o ánimo.

O domingo participei na II Carreira Popular Novo Mesoiro coa intención de probar as pernas. Fixen o quecemento cos amigos do Clube Atletismo Sada

Saín no medio do grupo e lento coa intención de irme probando. Sen présa. As pernas responden e vou, paseniño, adiantando xente. Primeiro paso a Alberto… Fago a primeira e longa subida sen agobios. Teño preto a Roberto e vexo ao lonxe a Jesús. O primeiro quilómetro pasou en 3.50´´. Sorpréndome porque teño a sensación de ir máis lento. O segundo, que pica para arriba vai en 4.00. Ben… doume ánimos posto que sigo ben. Rematando o 3 km collo a Roberto. Quédome con el para darlle ánimos e para que se me enganche. Agradezo os ánimos do mestre Bernardo.

 Tras acompañar uns centos de metros a Roberto, déixoo e trato de recuperar as posicións perdidas. Perdo a referencia de Jesús (está coma unha moto, parabéns, rapaz). Voume asombrado da barbaridade urbanística que supoñen estas novas edificacións. 

Nas baixadas non gaño ningún posto pero nas subidas e nas zonas planas si. Sorpréndome rematando con forza e adiantando xente na liña de meta.


Resultado 26.55´´ nos 7.075 metros a uns sorprendentes 3.48´´ o quilómetro (hai dous meses andaba a 3.44´´). Entrei de 35 na clasificación absoluta sobre un total de 461 atletas e de 2º na categoría, a minuto e medio dun fenomenal Emilio Martínez (1º da categoría) e  a 1.20´´ do impresionante, e bo fotógrafo, Jesús.

Agora toca adestrar esta semana algo e decidir se vou á Behobia. Total semanal: 40 míseros quilómetros...

O CAS, coma sempre fenomenal, acaparando o pódium.