28/4/13

IX Carreira de A Silva (Cerceda): regresando ao pódium



Tras unha semana moi pobre en adestramentos (unha sesión de natación e dúas de trote) e coa presenza da alexia primaveral, fun ata A Silva en Cerceda para darlle gustiño ao corpo no seu dez mil e tratar de aumentar o ritmo en carreira. Lembrade que o domingo pasado fixera a 4.24´´ o km con Inés.

Pois nunha mañá fría e con vento, no campo da feira das Nenas de A Silva e despois dunha boa cantidade de probas dos cativos e cativas, tocábanos ao adultos. Compartín liña de saída con Inés e con Mónica que xa fixera o sábado a de Oroso e o unas minutos antes a proba de Implicadas en Oleiros (esta rapaza non para)

Saín uns metros con Inés con desexos de aguantar con ela uns centos de metros pero… foime imposible. Na primeira e suave costa xa fun aumentando o ritmo. Trato de contar visualmente en que posición vou e calculo que na 25. Cando vexo o rótulo do primeiro quilómetro leveime unha boa sorpresa: ía por baixo de catro minutos. Vou pasado xente a o quilómetro 3 onde fico na posición 20.
O percorrido, como veredes na imaxe, é un autentico quebra-pernas. Como ata o quilómetro cinco pica máis para abaixo, o ritmo é bo, e paso por baixo do 20 minutos, mais xa me adiantaron un par de corredores. Coas posición moi estabilizadas chega a subida no quilómetro  sete e medio…cajo na cona, que subida!!!, parece a nosa de Liáns e pero aínda máis longa. Semella que vou coller a alguén… mais nada. De aí ata a meta gardo a posición. 

Entro en 41.30´´ a 4.09´´ o quilómetro (a Federación publica que a 4.22´´ nos resultados). Contento porque a proba é moi dura e aínda non estou para sufrir na subidas.

Axiña chegou Inés, e logo Mónica.

O ambiente foi estupendo e na meta tíñannos preparado chocolate, biscoito froita e bebida. Unha organización boa e feita con moito agarimo.

Tivemos que agardar polos trofeos xa que Inés quedou de 3ª na absoluta e eu de 18 e de 3º na categoría.

As pernas están cansas e a pubalxia case desaparecida. Isto comeza a ter boa pinta.

21/4/13

A Coruña 10 e A Coruña 42: grazas compañeiros/as do CAS


Hoxe vén de celebrarse a segunda edición do Coruña 42, maratón Atlántico, acompañado dun dez mil.

Hoxe regresei ao asfalto da competición e fíxeno rodeado do cariño e apoio de todo o Club de Atletismo de Sada. Que sorte e que pracer. Moitas grazas por compartir o voso cariño.

Vaiamos por partes.

A semana foi moi pobre en adestramentos por unas molestias nas costas que me impediron descansar polas noites. Unha sesión de ximnasio e 26 km ata hoxe domingo, onde fixen outros 21…. En total 47 km na semana.

O venres anterior achegámonos ata a Jamonería La Leonesa para compartir uns intres co mestre Bernardo. Ten por obxectivo as tres horas na maratón. Coma todas as persoas grandes é pura humildade. Todo un mestre.
A familia maratoniana do CAS... con algún engadido

Despraceime, ben cedo, á liña de saída do maratón para facer a foto cos maratonianos do CAS. Así tiven a oportunidade de saudar a xente coñecida que ven doutras partes, maioritariamente galegos mais tamén algunha amiga de Madrid coa que coincido nos veráns. Deséxolle sorte a todos pero especialmente a Montse, abandonada por Fernando, quen irá facer o MAPOMA a vindeira semana, e a Jesús. 
Algúns dos que fixemos o dez mil

Tras as fotos regreso ao coche para deixar todo o innecesario e colócome na saída do dez mil sen atopar a Inés. A idea era saber como me atopaba e cría que sería unha boa opción tratar de ir con Inés (hai alguén que a denomina “A gacela da Barcala”). Despois do minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do atentado de Boston, comeza a proba. Non sei onde vai Inés. Tardo uns trescentos metros en atopala.

Fago a carreira cómodo, sorprendentemente cómodo ao carón de Inés. Ela vai mirando os tempos de paso. O seu obxectivo era facer 45 minutos. A facemos o primeiro cinco mil en 22.30 aproximadamente (outra vez esquecín poñer o cronómetro en marcha na saída) Parece que a compañía váiseme cansando. Trato de falarlle e que non pense moito. No quilómetro seis vemos a Karina, outra nova fichaxe do club, moi preto. Dándolle ánimos Inés, e saudando a Blas, máis ou menos no quilómetro oito poñémonos á par de Karina. 

Trato de animar ás dúas pero Karina váisenos quedando. Quédome uns metros con ela para animala. Decido volver con Inés, e con algo de irresponsabilidade, máis gozando das sensacións, márcome un cambio de ritmo para collela. De aí a meta non paro de animala.

Na meta entramos en 43.58'', a súa mellor marca na distancia. Está moi contenta, eu tamén tanto por participar da súa marca como polas boas sensacións persoais.

Alongamentos, bebemos e comemos un pouquiño e… a seguir correndo na busca dos maratonianos.
Montse recibindo auga de alguén moi especial...

Funme cara a Oza para ir animando á nosa xente. Troto con Montse os tres quilómetros da súa segunda volta maratoniana por Oza. O seu obxectivo son as catro horas. Vai sola. Fálolle todo o que  podo. Paréceme que vai baixando algo o ritmo. Fernando dime que non, que vai moi ben, controlando os tempos. No seu quilómetro 28 deséxolle moita sorte. Finalmente entrou na meta en 3.59.54´´. Impresionante. Agardo por Jesús.

Aí ven o meu heroe. No paso anterior ía a ritmo de 2.50. Impresionante. Cólloo no 36. Trato de que non me fale moito. Vai canso e sufrindo. Anímoo todo o que sei e podo. Chega á meta na súa mellor marca: 2.51.31´´. Que tío. Coma son os vascos do CAS.

Persoalmente estou contento, moi canso pero contento. Canso porque no día faría uns 21 quilómetros (a miña tirada mási longa desde novembro) e contento porque as molestías da pubalxia son mínimas.

14/4/13

Saíndo do túnel



Pois si, semella que desta oportunidade vai...

Tras unha infiltración con bos resultados, o traumatólogo decidiu non poñer unha segunda (“sempre estamos a tempo”) Xa que logo tocaba continuar trotando e fortalecendo toda a zona pélvica. Un día ximnasio (abdominais, GAP ou traballo con pesas) e outro día trote. Así neste primeira quincena do mes xa levo uns 78 quilómetros.  Hai xa cinco meses que non facía tantos. As tiradas andaron entre os 7 km e os 15 km. A primeira ocasión en que superei os 10 km resentinme nos abdutores pero cun día de descanso foi suficiente para que desaparecerán as molestias.

Trotei sempre moi lento máis xa me vou atopando con forzas para, nalgún momento, baixar dos cinco minutos por quilómetro (meu ritmo de recuperación)

Para culminar a recuperación, tiven a sorte de que dúas boas amigas (Elisa e Inés) me permitirán que as acompañara polo paseo do río Mero… Ficoume demostrada a constancia e gañas de Elisa e a boa forma de Inés. Toda unha honra e un pracer.