29/12/13

IX Carreira Popular Fin de Ano Mugardos-Ares-Mugardos

Continúan as boas novas. Semella que as molestias dos abdutores están case desaparecidas. Resta una consulta co trauma o vindeiro luns e continuar co tratamento regular co osteópata.

Como as molestias son case inexistentes, esta semana trotei seis días. Non me coincidiu ningún para ir ao ximnasio. Nun deles saín con Pili (que grande) e neste domingo participei, por quinta oportunidade, na IX Carreira Popular Fin de Ano Mugados-Ares-Mugardos. En total foron 78 quilómetros. Había moito tempo que non facía tantos.

Despraceime ata Mugardos con Raúl. Con tempo, recollemos dorsais e puidemos charlar con outros atletas: sempre queixándonos das nosas dores. Como somos!. Fixemos pouco quecemento. A temperatura era ben fría. O Club de Atletismo Sada enviou una boa representación, como sempre.

Saímos en descenso en dirección ao porto. Sempre hai rapaces que se fan un sprint nos primeiros cincocentos metros. 

En canto comezamos a subir, achégaseme  Álvaro, quen tras saudarnos, vaise marchando ao igual que un colega de Boimorto, da miña categoría e con quen coincido nas probas do verán. Logo colleume Pedro Caro, do blog irmán Las zapatillas del 42. Tras presentarnos, tiramos xuntos. Cando principia a segunda subida, parece que se me marcha pero, como sei que ultimamente non se me da mal tirar para arriba, acabo colléndoo. Son quilómetros nos que charlamos sobre os blogs e especialmente sobre o amigo que temos en común, o gran Blas Pura Vida ademais da machada que se fixeron o día anterior, un espectacular trail polas terra de Aranga de tan só 29 km.

Tras rematar a gran subida xuntos, iniciamos o descenso cara a Ares. Cando rematamos a baixada un terceiro atleta ponse onda nós e mesmo considero que me estorba un pouquiño tendo que deixarme caer un metro por detrás deles. Mais xa polo paseo de Ares imos tirando de novo os dous. Collo auga e pásolla a Pedro. Saíndo de Ares vén xa a gran subida. Nos primeiros metros vaime collendo distancia, parece que leva un ritmo realmente mellor ca o meu. Cruzámonos coa xente que está chegando a Ares. Vexo realmente ben a Raúl. Saudámonos.

Tras os primeiros trescentos metros da subida, achégome de novo a Pedro. Póñome en paralelo e a subir. Mediada a costa vexo que xa non vai tan ben. Anímoo e mesmo cando xa está a rematar, trato, de novo de animalo aínda máis. Insísteme para que me marche pero na miña cabeciña xurde a idea de entrarmos xuntos.

Despois da subida, cóllolle uns metros pero trato de continuar animándoo. Cando fago o derradeiro xiro, colócome o gorro do Nadal e párome uns metros antes da meta para agardar por Pedro. Vexo que o colleron outros catro atletas. Entramos xuntos.

Resultados: entro de 16, cando en realidade ía de 13 detrás do grande José Leis. En Ares pasei de 17. O tempo foi de 40.04´´. Non había premios pero creo que entrei de segundo de categoría detrás de José Leis.

E con esta proba van xa 105 probas rematadas… quen o diría. Ben lembro a primeira, unha Pedreste de Santiago con Pili, Juan e Julio e, logo, a nosa primeira Vig-Bay... Grazas amigos.

22/12/13

I Carreira Popular de Sada-Gran Premio de Nadal

Esta foi una semana especial. Pois si xa que só trotei dous días e o domingo fixen una proba ben cortiña. En total 28 km. Ademais houbo tres boas novas: Pili retornou á competición en Lugo, aos meus adutores parece que lles senta ben o repouso xa que as molestias van a menos e o xoves recibimos un trofeo.

Efectivamente o pasado xoves recibín o trofeo correspondente ao terceiro posto de Veteráns 3 do I Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. Foi toda una honra compartir galardón con dous auténticos fenómenos, como son José Luís Bouza e Emilio Martínez. Ademais o Club de Atletismo Sada literalmente arrasou neste circuíto posto que recibiu 23 premios, o que supón  máis do 30% dos mesmos. Creo que a Federación quedoulle ben clara a importancia deste club, a pesar de ter tan só catro anos de antigüidade.

O domingo participei na I Carreira Popular de Sada-Gran Premio de Nadal organizada pola Federación e que contou coa axuda do CAS. Esta proba servíu como homenaxe ao atletismo popular feminino ademais de ser benéfica posto que todo o recadao foi para Cáritas. Sobre un circuíto de pouco máis de dous quilómetros polo paseo marítimo ao que había que dar dúas voltas ata acadar unha distancia de 5.600 metros.


Cheguei non con demasiado tempo a Sada. Comparto minutos coa xente do club e saúdo a corredores.Con pouco quecemento e con serios problemas nas costas debido a un mal movemento no sábado pola mañá, decido afrontar esta proba con calma posto que sei que o estado de forma vai xa a menos. Se non se fan quilómetros pola semana non se pode render nas carreiras, como ben sabemos.

Colocámonos diante: Roberto, Jesús e máis eu. Xa nos primeiros metros Roberto vaise marchando e tamén Jesús. Aos trescentos metros parece que as posicións xa se van consolidando. Jesús pouco a pouco vai collendo metros. Ao remate da primeira volta pásanme tres corredores. Máis non os deixo marchar, engánchome a eles e axiña collemos a Julián J. Gesto, compañeiro de categoría. Dos tres, un vaise quedando e dous marchando. Dígolle a Julián que se enganche. Respóndome que, coma sempre, vaino xa dando todo. O seu neto anímao ao velo pasar.

Facemos xuntos case toda a segunda volta. Nos derradeiros trescentos metros subimos un pouco o ritmo e xa na liña de meta pídolle que me dea a man para entrarmos xuntos. É a terceira vez que entro coa man dalgún compañeiro collida. Nas dúas ocasións anteriores colléronma (Ourense e Sada 2012) e nesta pedina eu.  Creo que é un xeito de gozar das probas, de esforzarse en correr todo o que se poda mais non se trata de derrotar a ningún rival senón de compartir quilómetros dándoo todo.

Creo que nunca esprintei para ganarlle a ninguén. Creo que sempre o fixen para mellorar marca ou para que non me adiantaran. Foi toda una satisfacción entrar así na meta.

Resultados: fixemos meta nas posicións 21 e 22 na clasificación xeral e de 7 e 8 na da categoría cun tempo de 20.15´´ polo que o ritmo foi de 3.37´´/km.

Tras pasar a meta, coincido con Jesús e Roberto no posto de fisioterapia. Vexo as feridas de Roberto pola caída que tivo o que explicaría o seu tempo.

15/12/13

III Cross dos Menhires. A Coruña 2013

Despois de tres semanas sen competir, vou actualizar datos:

Continúo con serias molestias en abdutores e abdominais inferiores (pube). Sigo con citas pendentes de osteópata e traumatólogo. Xa fixen una ecografía con resultados non especialmente malos (tampouco bos). Estou tratando de facer máis ximnasio e tratando de gañar flexibilidade na cadeira (posible orixe dos males).

Estou a facer menos quilómetros. Trato de saír pouco a trotar posto que despois de cada saída as molestias van a máis. Rematei novembro con 145 km e nesta primeira quince de decembro levo 103 en gran parte grazas ás saídas con Pili… sen non fora por ela… Recoñezo que tamén compartín quilómetros con Julio. Só trote e algo de T.C. nada de series.

Pois ben, o sábado 14 participei no III Cross dos Menhires ao carón da Torre de Hércules. A verdade que é una auténtica gozada correr en medio do parque escultórico (no meu blog de arte,INICIARTE, tedes máis información). Coma sempre o Club de Atletismo Sada presentou una notabilísima representación. É todo un pracer compartir eses minutos con tan boa xente.

Cando cheguei ao circuíto xa se disputaran as probas dos cativos e das cativas. Tiven a oportunidade de presenciar a das mulleres onde o CAS está a colleitar enormes éxitos Entre as 12 primeiras houbo 4 do club. Tratei de animalas e de tirarlles unas fotos. Cando estaban na segunda volta creo que non lle gustou especialmente os “ánimos” que dirixín a Montse: “Cando queiras podes empezar a correr”. Non lle gustarían pero deron resultados, avanzou algunha posición e acadou o terceiro posto na categoría.

Tras un breve quecemento acompañando a Jesús, e case sen querer, vinme colocado na segunda liña no caixón de saída (ben lembro que o ano pasado saíra no último lugar). Ao comprobar como se vai estreitando o percorrido, alegreime de estar tan diante. Nos primeiros trescentos metros vou cómodo pero ao carón de xente que corre máis ca min polo que decido conservar a calma e non tratar de seguilos. 

Ao chegar ás pedras-fitas (un terzo do percorrido ao que había que dar tres voltas) xa deixa de pasarme xente e as posicións vanse asentando. Vexo que os de diante vánseme marchando. Paso a primeira volta en 8.56´´. A segunda fáiseme longa, algún atleta adiántame na baixada pero nas subidas recupero posición. Nalgunha curva pechada miro para atrás.

Fago a segunda volta máis lenta en 9.17´´. Cando chegamos por terceira vez ás pedras-fitas e miro para atrás vexo a coñecidos que me foron collendo metros. Desde ese momento trato de subir o ritmo e forzar todo o que podo. Paso a varios compañeiros. O grupo infantil e feminino do CAS animan con paixón (ata case darme vergonza diante dos outros atletas que andan comigo).

No último quilómetro paso a outra atleta e anímoo a que se enganche e tirar xuntos pero váiseme ir quedando. Na penúltima curva miro para atrás e parece que o perigo desapareceu.

Forcei moitísimo meses últimos mil metros. Pensei que o corazón íame saír pola boca.

Resultados: Fago meta en 27.28´´, bastantes minutos menos ca o ano pasado pero… entro na mesma posición 42 na clasificación xeral e na da categoría (a partires de 45…) onde fago 4º.

Fiquei realmente contento posto que estou adestrando moi pouco apesares do cal, os ritmos non se resinten aínda moito.

Despois da meta, case sen tempo, charlo con amigos e co club de fans feminino. Que delicia.

NOTA: Supoño que o circuíto non pode ser de 8.032 metros. Non estou para facer ese tempo de 27.28´´ nesa distancia e nun cross.

As fotos en carreira son de José A. Rey e de  Alberto Reboredo.