27/4/14

Coruña-10: a falta da maratona...

Na semana do luns 14 fixen 72 km. Non está mal. Ademais con dúas sesión de ximnasio. Case sempre acompañado/acompañando con/a Pili. Un luxo. Foron cinco saídas. O domingo 20 tiña previsto facer os 16 km da II Viquinga de Carnota mais como non foi posible, fixen con Pili os 19 km ata o faro de Mera e, como sempre, tivemos algo de chuvia. 

Na semana do luns 21 fixen 57 km e dúas sesión de ximnasio. Fixen menos quilómetros porque o corpo semella estar canso e pediume algo de repouso. Participei no Coruña-10 coincidente coa Maratona Atlántica. 

A unha hora ben cedo os do CAS quedamos para facérmonos unha foto previa ás competicións do día: maratona e o dez mil. Un pracer (e moita envexa) ver a tantos amigos e AMIGAS dispostos para os 42 quilómetros. Son uns campións e uhnas campionas. 

O meu obxectivo no dez mil era ver o estado de forma. Considerando positivo baixar do 40 minutos é un éxito baixar dos 39 (nin soñar aínda con 37... 36...) Con Pili vin a saída da maratona e con ela fomos ata a nosa saída. Por fin con Pili… Tanto tempo sen ela…. 

Tocoume un caixón moi adiante e saín moi pero que moi rápido para o meu estado de forma. En canto pasan as primeiras centenas de metros busco o meu ritmo e deixo que me pasen moitos atletas. Cando pasamos o primeiro quilómetro comprobo que non puxen ben o cronómetro. Fágoo agora. Neste novo circuíto dirixíronnos ata a Casa do Mar. 
Na saída, charlando con Baltasar, por detrás de Jose A. e ao carón de Toni.

Teño preto de min a Toni Illobre. Sigo algo alto de pulsacións. Despois de Xoana de Vega e xa polo Paseo Marítimo voume atopando mellor. Paso xente. Cruzámonos coa xente da maratona. Saúdo aos meus. Despois da rotonda do Milenio collo a Toni. 


Comezamos pasar xente da maratona. Chegado aos Salesianos creo que empeza a carreira, as pernas por fin están quentes e a cabeza fría. 
Grazas pola foto, Blas

Unha vez que enfilamos os cantóns dígolle a Toni que hai que forzar. E tiramos e tiramos. Entramos xuntos da man na meta de María Pita. Saio escopetado a por Pili. Ven moi ben. Despois da meta imos aos coches, poñemos algo seco e comezamos a animar á xente e aos amigos da maratona. Son todos uns fenómenos. Todos os do CAS e o resto. Cando un maratoniano entra en meta é todo un fenómeno e cando o fai con dificultades todo un heroe ou heroína (ou non, irmás Papín?)

Resultados: 38.39´´ de 83  sobre 1474 e 6º na categoría, a 3.53´´.

Fotos da Maratona:

13/4/14

I Media Maratón MediaSan do Camiño

Semana con 56 km. Van aumentando… O mércores o fisio deume permiso para ir aumentando a intensidade dos adestramentos. Por fin… Agora toca ter forzas para facelo.
O domingo participei na primeira edición da:

MediaSan do Camiño

Entre as localidades  de Arca (O Pino) e Santiago (Estadio de san Lázaro) polo Camiño de Santiago. Anoteime a última hora, grazas ao aumento do prazo de inscricións. A idea era ir aumentando o ritmo da VIg-Bay (4.35´´) mais cando vin o perfil da proba fiquei asustado. Era un auténtico quebra-pernas. Pero que lle imos facer…

Na saída todo moi ben organizado. Buses ata Arca. Vou mirando a paisaxe (o que habería que subir e baixar…) ao tempo que outros corredores vanme informado do quilómetros coas maiores dificultades (5, 13, 19)
No pelotón de saída, alá polo fondo

Saída foi case puntual, dando unha volta por Arca, onde pasamos o primeiro quilómetro (3.45´´) e iniciamos a tirada por terra, xa no Camiño de Santiago. O segundo quilómetro vai en baixada (sigo a 3.50´´) Comeza pasarme xente. Hai xa algunha pequena subida pero aínda así o quilómtro 4 vai por baixo dos 16 minutos. Despois do 5 principia a primeira sesión de tortura, un quilómetro e medio duro, pero duro do carallo. Vexo que na subida xa non pasa xente. Ata o dez hai algunha baixada, pasando por ese punto quilométrico en 42.20´´. Dígome que é un paso fenomenal porque a dureza do percorrido é moi grande. Desde este quilómetro vexo que xa non me pasa ninguén. Se fora así ata a meta significaría que vou collendo forma…

O percorrido ten tramos realmente fermosos. Hai abondosos peregrinos aos que sempre animo.

Pregunto varias veces cando iniciaremos a subida ao Monte do Gozo… Ata que alá polo 13 ven unha costa tremenda. Ten repeitos durísimos e dígome que mentres vaia trotando e non camiñando sentireime contento. Noto a presenza dalgún corredor nas costas que non me da ningún relevo, tamén aparece unha rapaza (Nela Penas, 4ª absoluta e 1ª da categoría). Fan varios quilómetros detrás de min. Cando por fin entramos no Monte do Gozo, a subida está a piques de rematar e principiamos a baixada, Nela váiseme. Nestes últimos dez quilómetros vanme pasar oito corredores.

Manteño o tipo cando entramos, de novo, no asfalto. Vemos o estadio da meta ao longo da pronunciada baixada mais cando iniciamos os dous últimos quilómetros volve picar fortemente para arriba. Xa non teño forzas. Faltan adestramentos. Temos case dous quilómetros na contorna exterior do estadio.

Saúdo a Félix (1.31.57´´) e a Javi (1.32.14´´) e entro no estadio. Non esprinto. Ninguén a quen coller por diante e ninguén por atrás.
Tras cruzar a meta vou directamente ao fisio (grazas Rocío) e regreso ao estadio para compartir minutos cos amigos.

Foi unha boa e dura experiencia.

Tanto na saída como na meta saudei  aos do club (Javier e Félix) e aos amigos da categoría cos que comparto a temporada, como Emilio Martínez (2º da cat), José Leis (4º cat), Francisco Sanmarco (10 cat), José A. Bermúdez (13 cat) e José A. Tembras (16 cat) ademáis de Paula Mayobre (1º absoluta) O dez mil en 42.30´´


Resultados: 1.29.11´´ posto 66 (cat 9º) sobre 336 chegados, a ritmo de 4.13´´.

As últimas fotos son de Xesús Rodríguez. Grazas.
Trío do Clube de Atletismo Sada na meta. Foto de Félix Quintáns.

6/4/14

XV Medio Maratón Gran Bahía VIG-BAY 2014: lento pero seguro

Semana ben pobre en adestramentos (52 km): martes 15 km; xoves 10 km; o venres tiven que anular a sesión prevista con Pili e o sábado só fixen 6 km. O domingo de novo á Vig-Bay e xa van sete feitas, sendo a primeira hai xusto dez anos no 2004 nun fermoso día compartindo quilómetros con Pili, Julio e Juan. Que ben lembro aquela primeira vez (os problemas polo cambio de hora, o café en Samil, a compaña de Julio nos primeiros oito quilómetros, o xantar en Samil, as maniotas do día seguinte…)  Case non podo crer como pasou o tempo…

XV Medio Maratón Gran Bahía VIG-BAY 2014
Había moitos meses que non participaba nunha media (Xixón, maio 2014) e moitos máis desde que disputara a última (Vig-Bay 2012)

Tocaba, agora, comprobar se os adutores estaban listos para unha tirada de 21 kms. Distancia que non percorría desde a maratona de Porto no novembro pasado. Para non forzar e para colaborar co club, tiven a honra de ser acompañado por Inés quen tiña como obxectivo 1.37´e puntuar como segunda fémina do club.
Parte do 40 atletas do CAS

A viaxe foi perfecta: saímos con puntualidade de Sada no autobús. Compaña moi agradábel con parada. Jesús como compañeiro de viaxe. Que máis pedir. Chegada con tempo a Samil: tempo de preparación, fotos, aseos e algo (pouco) de quecemento. Faltando quince minutos, colocámonos nos caixóns de saída.

Comenteille á miña colega que os primeiros quilómetros iría detrás dela para non estorbar a ninguén (cinco mil inscritos) e para que ela atopara o seu ritmo. Nestes primeiros quilómetros acompañounos Juan Méndez. Desde o ano pasado cambiaron o percorrido polo que axiña deixamos Samil e iniciamos a primeira subida. Os dous primeiros quilómetros fixémolos algo rápido de máis pero Inés parece que vai cómoda. Son estes primeiros quilómetros onde o adutor dereito quere protestar como o ven facendo nas últimas semanas mais, sorprendentemente, enseguida desaparecen as molestias e non volverían aparecer. 

Tras rodar algo en plano, imos collendo o noso ritmo previsto (4.35´´ ao quilómetro). Cando chega a subida longa tratamos de mantelo coa idea de logo volver ir un pouco máis alegres. Levei unha tira de papel cos tempos de paso por quilometro. Ata o 6 aprox. imos por debaixo do obxectivo.

Non deixan de pasarnos corredores e mesmo varias rapazas. Nós imos ao noso. Non nos inquietan e mesmo Inés vainas saudando e animando.

Non lembro ben os quilómetros porque despois de moitos anos memorizando un percorrido… o actual xa non é o mesmo e cando iniciamos o descenso cara a Praia América (antes era case o dez e agora debe ser o 6) en vez de aumentar o ritmo tan só o mantemos. Cando se chega á Praia, facemos un xiro en dirección leste. Creo que son os peores momentos de Inés. Non aminora pero empeza a marchársenos a posibilidade de 1.37´.

Comézolle a falar. Transmitíndolle ánimos. En canto de saímos de Praia América (antes 15,5 agora 13 aprox.) descoñezo de novo a ruta. Vai máis pola costa por adoquinado. Cada metro que pica para arriba, Inés recupera posicións aumentando o ritmo. Empeza a súa mellora. Hai xente que nos pregunta ritmo e obxectivo ao escoitarme falar con Inés. Formamos grupo… pero un grupo grande de carallo.

Antes de chegar á Ramallosa xa pasamos algunha rapaza. En cada subida pasamos máis xente. No descenso á Ramallosa sigo tendo medo de non acadar o obxectivo. Faltan catro quilómetros e imos para 1.37´ longo. Mais… apareceron os adestramos de Inés. Nos últimos quilómetros subimos a velocidade. Pasamos xente. Adiantamos mulleres. Vai fenomenal. Meta en 1.36.46´´. Impresionante.

Resultados: entramos de 1.211e 1.212. Ela fixo 10 de categoría e eu 76. Por suposto acadaron pódium: segundo equipo feminino. Karina baixou do 1.35 e Bea fixo 1.42´por culpa de dúas paradas técnicas.

O resto do clube… pois un feras.

Se as molestias non regresan... feliz. Lento pero seguro.