13/7/14

II Carreira Popular do Ventorrillo

Semana con 67 km e sen series. Unha saída en bici de carretera e unha sesión de fitpower no ximnasio. O venres fixen con Pili unha tirada longa polas beiras do río Mero e o domingo participei na II Carreira Popular do Ventorrillo na Coruña.

Cheguei con tempo suficiente mais cun pequeno susto na recollida de dorsais pois o meu non estaba. Alí non tiven a oportunidade de falar un anaco cun atleta que le este blog polo agobio que me deu de atoparme sen dorsal. Menos mal que tiña un no coche posto que esta proba forma parte do Circuíto Coruña Corre no que, por certo, xa non puntúo pois non fixen (non farei) o mínimo das probas necesarias.

Tiña previsto facer o percorrido da proba para coñecer o circuíto pois sendo dunha distancia pequena (5.065 metros) pagaba a pena coñecer as súas subidas e baixadas. A proba constaba de dúas voltas a dous pequenos circuítos. No quecemento fixen unha volta a cada circuíto vendo que había dúas pronunciadas baixadas e outras tantas subidas. Un circuíto quebra-pernas nada rápido. Mágoa das baixadas…

Tras ese primeiro quecemento comparto minutos coas xente do CAS. Moitos deles e delas fixeran onte a nocturna de Santiago (como son…)

Coloqueime no caixón de saída con Toni. Imos costa abaixo en dirección ao Ágora.  Hai xente que sabe tirarse cara abaixo polo que me adiantan bastantes. A primeira subida é por Mosteiro de Caaveiro onde, sen presa, xa recupero algunha posición. Na segunda baixada en dirección ao Ágora só me pasa un corredor mais na subida recupero varias posicións. Toda a xentiña do CAS que non participaba na proba está tirando fotos (grazas Bea) ou animando.

O segundo circuíto era en parte en asfalto e parte en terra. Os primeiros cincocentos metros picando para arriba e onde melloro posicións. Logo unha dura e pronunciada baixada. Ao iniciar a segunda volta comezamos a adiantar a moita xente que está a facer a súa primeira volta. Ten un certo encanto adiantar tanta xente… mais tamén poderíamos organizarnos mellor indo os da primeira volta por un lado e os da segunda por outro. Animo ás persoas do CAS que adianto.


Levo volta e media detrás dun rapaz. Nas subidas póñome ao seu carón mais nas baixadas…. Váiseme. Na última baixada cólleme varios metros.

Resultado:  19.51´´ de 35 na clasificación xeral (sobre un total de 509 atletas entrados en meta) e de 2 na de Veteráns C detrás de Emilio a un ritmo de 3.56´´.

Creo que o resto do mes baixarei algo de quilómetros, farei outros deportes para en agosto... traballar cara ao novo reto.

3 comentarios:

Grazas por deixarme a túa opinión