25/8/14

XXIII Carreira das Areas de Carnota: semana entre amigos

Foron 59 km correndo e uns 29 camiñando.

Iniciei a semana camiñando con Montse e Antonio polas Fragas do Eume ata Caaveiro, xantando na Taberna do Río Covés. Despois houbo catro días de trote incluíndo, o sábado, a participación na XXIII Carreira das Areas de Carnota. Ese mesmo día e coma mesma compaña, subimos Monte Louro. O domingo fixemos una andaina circular desde Louro a Taxes.

 Participar na proba de Carnota ten sempre un aquel (como empregan na zona esta verba…) especial. Chea de amigos e amigas (onde estabas Inés?) nunha paraxe idílica. Por terceiro ano consecutivo o concello fai cambios na saída e na chegada…

O dorsal foi entregado por una alumna que pasa aquí o verán. Vou saudando coñecidos e mesmo xente do club (Mª Luísa, Adrián, Juan, Julio). Tiramos una foto con parte da representación.

Este ano deunos plantón Angel Carracedo. Non atopo a Paloma e a Antonio. No quecemento agardo por Carmen. Fago con ela o seu último quilómetro. Entra en meta como a primeira fémina na distancia de 5.000. Parabéns, campiona.

Colócome na terceira liña de saída detrás de José Manuel R. Tajes. Ao iniciarse a proba un “elemento” case nos tira a varios participantes ao adiantarnos nos primeiros metros. A pesares diso, semella que só un atleta forza o ritmo na saída. Faise un grupo de trinta corredores. Durante o primeiro quilómetro a proba descorre por asfalto, rematando o mesmo o grupo estírase e eu fico descolgado (moitas veces teño pensado que como atleta son dos primeiros dos malos…)

Na entrada na area, Tajes vaime collendo metros. Tirando en dirección Maceiras. Vou só. Ao pouco un atleta pásame moi rápido. Trato de ir con el. Non podo. Pero curiosamente tampouco se achega ao grupo de catro corredores nos que vai Tajes. Teño a uns dos amigos tirando fotos (grazas Arturo). En Maceiras damos a volta para facer a tirada longa ata Boca do río (uns cinco quilómetros). A marea está iniciando a subida polo que a área está en condicións estupendas para trotar.

Ao pouco de iniciar esta tirada, collo ao rapaz (sempre son rapaces) que me adiantara. Dígolle que se poña detrás para protexerse do nordés que nos da de fronte. Aguanta un quilómetro e, de novo, cambia o ritmo e vaise uns metros. O grupo de Tajes xa non aumenta a distancia. Chegando á metade da tirada volvo ver a Arturo tirando máis fotos. Tras pasar a metade da tirada collo ao rapaz e vexo que me vou achegando ao grupo de catro. Queda descolgado un, pásoo. Estes últimos cincocentos metros antes de Boca do Río están cheos de regatos. Hai que mollarse. Como me gusta esta proba... e sempre esquezo o dura que se fai.

Dando a volta en Boca do Río vexo que teño a Tajes moi preto. AO collelo a el e a  Ramón Canosa, este dime que vaimos xuntos tirando. Póñome diante e tiro, tiro, tiro. Son metros que inmortaliza a presidenta do meu club de Fans (grazas Marisa). Abandonando a área comprobamos que está moi seca e branda. É Tajes que vai diante na pasarela de madeira que nos leva ata o asfalto. Cando o pisamos, póñome de primeiro, dígolles que non teño sprint (xa estou cando de dicir isto) e comezo a forzar todo o que podo. Forzo, forzo. Sinto a respiración de Tajes detrás. Cando faltan uns cen metros pregúntanme cantos faltan. Ao responderlles, fan un cambio de ritmo, fico tirado e só.

Blas e Rakel son testemuñas da ausencia do meu cambio de ritmo (grazas, colegas). Na meta sácanme nove e sete segundos.

Resultados: 41.33´´ (é o peor tempo que teño na proba mais hai que ter en conta que nunca a distancia é a mesma) coa posición 26 sobre un total de 181. Na categoría fago 3º detrás de José S. Leis e de José M. Tajes, que grandes!!! Por fin vexo a Paloma e Antonio. Comparto con eles os momentos posteriores á carreira. É sempre un pracer.

A pesares da compaña da presidenta do club de fans e da súa familia, non teño paciencia para agardar polo trofeo. Regreso a Louro para ir xantar ata Caldebarcos (zamburiñas e polbo á grella, e parrillada de peixe.


Pola tarde tocou subir o Monte Louro. Había moitos anos que non o facía. Unhas vistas ben fermosas e una compaña moi agradábel. O domingo fixemos una andaina circular desde Louro ata Campo de Cortes, Taxes e regreso. Foi un pracer visita as capelas do Espírito Santo, San Marcos e A Magdalena en boa compaña así como amosarlles o camiño dos muíños aos meus acompañantes. Rematamos a mañá cunha tapa e unha caña:

Unha semana entre amigos.

18/8/14

III Carreira Solidaria de Muros

Semana pobre en quilómetros (so 60) pero moi social. Inicieina o martes (o luns houbo piscina) cunha tirada de quince máis outros seis con dona Laura (que luxo). Nesta tirada levei as novas zapas do 42, as Adidas Energy Boots, e remateina cunha boa ampolla que aínda segue a molestarme. Tamén tiven o pracer de facer dúas tiradas por Louro amosándolle a Héctor a fermosura das nosas pistas e das nosas paisaxes. Dou por rematada a tempada muradán e os seus rituais: saída ben cedo, alongamentos e baño nas frías e reparadoras augas da ría de Muros. Que pracer ter unha longa praia para min so. Será un pracer ou é de tolos bañarse contra as nove e media da mañá? 

O sábado participei, por segunda oportunidade na Solidaria de Muros. III Carreira solidaria de Muros Este ano cambiaron a saída con respecto ao ano pasado pois pasou da lonxa á Piscina de Serres. O percorrido é o mesmo pero con outro punto de saída e de chegada, Fixen o quecemento con calma e charlei cun colega adestrado por Pedro Nimo. Coincidimos en moitas cousas, case na idade, no tempo que levamos correndo, na pasada maratón de Porto e tamén trataremos de facer outra en novembro, el en Valencia e eu en Porto. Tamén charlo cos “Mestres” da categoría: José Luis Bouza e José S. Leis. Esta proba forma parte do Circuíto da Deputación. Tamén saudei a Miguel, muradán mais botei en falla a Montse e a Fernando. Houbo case douscentos inscritos. 

Na saída non me coloco moi adiante (se o Bernal estaba na segunda liña eu estaría na quinta). Coma sempre hai xente que sae moi rápida. Aos douscentos metros xa non me pasa ninguén e iniciamos a subida polo polígono. Comezo, paseniño paseniño, a mellorar posicións. Creo que foi das poucas probas nas que ninguén me adiantou en todo o percorrido. 

Na saída do polígono principia un quilómetro quebrapernas polo Alivía. Fermosísimas vistas e eu ao meu: manter o ritmo nas subidas e non perder posición nas baixadas. Baixando por Miraflores, despois do polideportivo vexo que levo unha zapatilla desatada. Sen pensalo, paro e fágolle un nó ben forte. Fiquei estrañado pois repasara as lazadas na liña de saída. Vexo que so me adiantaran tres corredores. A dous pasareinos axiña e ao outro despois da baixada da igrexa, xa polo paseo de Muros. Quedei sorprendido ao comprobar que os dous únicos quilómetros planos da proba íamos facelos pola estrada e non pola beirarrúa, como o ano pasado. Imaxino o gran follón de tráfico que se ía montar. 

Neses dous quilómetros, para a miña sorpresa, aínda teño forzas para pasar a uns catros corredores máis. Sempre que os adianto, anímoos tanto no senso de que queda pouco para rematar como para que se me enganchen. Os últimos catrocentos metros son en subida. Tiña diante a dous atletas, funme achegando onda eles pero non os collín. Entro en meta chocando a man con toda a rapazada presente. 

Resultado: 21.31´´, sobre 5.500 metros. Posto 23 sobre un total de 144 chegados á meta e de 3º na categoría. Fiquei contento porque gocei da proba. O tempo foi peor ca o ano pasado mais tamén é certo que aumentaron a distancia uns douscentos metros. Dúas horas e media tardaron en facernos entrega dos trofeos, co grande Andrés Díaz. É tempo para charlar con Bouza e con Leis (parabéns aos dous) e tamén con Carmen quen nos tirará as fotos do pódium. Grazas.

10/8/14

XXI Carreira a Pé de Lira

Xa toca actualizar o blog.


Rematei xullo con 292 km sendo o último día que trotei o 27. Logo viñeron uns días de viaxe polo que sendo 10 de agosto so levo 47 km feitos, incluíndo os máis de sete da proba de Lira.



XXI Carreira Pé de Lira

Debe ser esta unha das probas nas que máis veces teño participado xunto coa das Areas de Carnota. É, polo tanto, unha proba ben especial para min, cando, ademais, sempre fixera pódium.


Non cheguei con demasiado tempo a Lira pois estiven agardando por alguén en Louro… que me deixou prantado... 

Tras facer a inscrición, saúdar, xa, a algún amigos, púxenme o traxe de faena e, seguindo coas rutinas adquiridas en anos anteriores, iniciei o quecemento pola vila de Lira. A casualidade quixo que coincidira coa proba de rapaces e rapazas colléndoos na longa subida por asfalto que ten esta carreira. Mentres eu baixaba subían estes atletas. Fixen uns metros con cada rapaza que ía subindo e cando eu remataba a baixada (mentalmente gústame facer esa subida no quecemento para tela controlada) viña o último rapaz da proba. Como o vin nun estado penoso, decidín acompáñalo na subida para irlle dando ánimos. Despois encamiñeime ata a liña de saída para rematar o quecemento, facéndoo con Blas, outro membro do Club Atletismo Sada. Poñémonos ao día das nosas doenzas. Aparece o meu club de fans, encabezado pola presidenta, dona Marisa.

Na liña de saída, colócome no meu lado, á esquerda. Uns segundos antes de iniciarse a proba chega o muradán Baltasar. Ledicia de saúdalo. Comezamos subindo polo piñeiral con moita xente con présa. Ata que rematamos eses centos de metros de pinos e área non principio a adiantar xente. Un, dos, tres, catro, cinco… Tras deixar o porto de Lira e iniciar o camiño de terra cara a praia de Ximprón (punto cero do desastre do Prestige?) vou en paralelo a un rapaz de Negreira. Charlo un pouco mais como non é zona de ir en paralelo, adiántoo para ir máis cómodo. Levo a uns metro un grupo de cinco corredores. É a parte máis fermosa da proba. A carón do mar, coa inmensidade do Atlántico á nosa dereita, con algo de vento e ameza de chuvia. Que máis poderíamos pedir?

Na volta de Ximprón vexo como que ven detrás xa non é o de Negreira senón outro atleta. Nos metros de terra de inicio do regreso, case podemos adiviñar o cabo Fisterra. Chegando ao asfalto, adianto a un dos cinco que tiña diante (será o único), animándoo a seguirme. Iniciamos a longa subida con alguén por detrás preto de min. Tiro con forza, especialmente no remate da subida. Creo que o deixo. No difícil trazado de vila de Lira (rúas curtas en subidas e baixadas, curvas moi pechadas) trato de manter o ritmo para que na baixada final (uns trescentos metros) non me adiante a miña sombra. Forzo, tiro, pero como na proba do Ventorrillo, pásame o colega.

Sen non hai sprint é que non hai, non é que non se intente.

Fago meta en 29.55´´ aproximadamente e na posición 21. Creo que non me gañou ninguén cos meus anos. Non sabendo moi ben a que idade empezaba a categoría de Veteráns B, agardo polo resultado. Fixo primeiro posto, levando o único premio, José Suárez Leis.

Son momentos para comentar a carreira con Ángel Carracedo, José Suárez e outros amigos. A presidenta do club de fans tirou moitas fotos, tamén a A.C. Canle, organizadora do evento e Rakel.

Nesta proba de 7.351m sempre fixen uns tempos comprendidos entre 29.11´´ e 30.30´´ pero mirade como a miñas clasificacións absolutas foron empeorando debido ao imparable aumento de participantes: no ano 2007 fixen 4º; no 2008, 8º; no 2011, 9º; no 2012, 12º; no 2013, 19º e no 2014, 21º.