29/9/14

I Media Maratón de Ferrol: A Departamental

Na semana do 15 de setembro fixen 73 kms. Houbo un día con 14 x 300 entre  1.11´´ e 1.00´´, outro día tocou 5x2000 pero fixen 4 (chovía sen parar) entre 8.40´´ e 7.50´´ cando o planificado era entre 8.45´´ e 8.00´´. O domingo había que facer una tirada longa pero so saíron 18 km pois o corpo non deu máis de si.

Na semana do 22 fixen tamén 73 kms. Houbo un día con 14 series de 500 metros, as dez primeiras saíron entre 1.57´´ e 1.50´´ e as catro últimas entre 1.49´´ e 1.42´´ cando o planificado era entre 2.05 e 1.47´´. O venres con Pili e Julio fixemos o novo percorrido do Coruña-10. Domingo participei na:
I  Media Maratón Ferrol. A Departamental



Nesta ocasión Pili si se deixou convencer e fomos ata Ferrol para facer esta nova Media que parecía gafada no seu intento de posicionarse entre as medias de Galicia. Despois de recoller os dorsais (ata en iso tivo problemas na organización…) falamos e falamos cos amigos e compañeiros. O Club de Atletismo Sada sempre ten representantes en todas as probas. Os meus obxectivos estaban claros: que Pili gozara desta proba e eu baixar de 1.23´´. Se hai quince días en Porto era baixar de 1.25 agora tocaba forzar un pouco máis.

Pola noite choveu algo mais o día amañeceu ben fermoso. Pensamos que tal vez teñamos un pouco de calor de máis ao rematar.

Nunha saída moi puntual e case sen querer axiña me vexo colocado moi diante. Non levo présa. Vou buscando o meu ritmo, as miñas sensacións. Na primeira subida falo cun rapaz que está adestrando pensando na maratón de Amsterdam, quere ir a 4.05´´. Déixoo. Busco o meu ritmo. Os quilómetros só están pintados no asfalto polo que non vexo o primeiro. O segundo pásoo en 7.50´´. Vou coma un reloxo. Gústame. Como non somos moita xente deseguido véxome só. Ninguén a quen adiantar e ninguén por detrás.  Trato de convencer de que non me importa e que a maratón é un traballo individual. No tres, cólleme un atleta pero quédaseme moi pronto. Chegando ao remate do paseo marítimo de Caranza (onde tiñamos que dar volta para regresar ao porto de Ferrol) noto una respiración detrás de min. Durante case dous quilómetros váiseme pegando, cando por fin ponse ao meu par falamos. Trátase de Jorge Rodriguez do Castro de Lobariz. Corre na casa. Hai moita xente que o anima. Falamos dos que coñezo do seu club.

Cruzámonos cos amigos. Saúdo a Pili. Vai fresca coma unha rosa e sorrindo. Bo sinal. Vai acompañada por un atleta que só a abandonará nos derradeiros douscentos metros.


Vou por diante de Jorge ata a Praza de España, baixamos xuntos polo barrio da Magdalena (aínda está o chan mollado pola auga da noite e xa teño experiencia de caerme por aquí), subimos polo mercado modernista (como me gusta Ferrol). Rematamos a primeira volta en 40.27´´ (quilómetro 10,5.) Creo que vou rápido de máis pero síntome ben. A compañía é magnífica. Danos tempo para ir charlando. Durante algúns metros acompáñanos un ciclista do seu club. Ímonos achegando a algún de diante. Facemos as subidas xuntos.

Son quilómetros nos que gozo da distancia. Vou cómodo, con boa compaña, a bo ritmo. Que máis se podería pedir…

Para a miña sorpresa un rapaz pásanos forte no 15. Jorge cóllelle as costas. Eu acabo de comprobar que imos a ritmo de 1.20´. Creo que é demasiado rápido para min e que non chegarei a ese ritmo. Decido deixalos marchar (outra redacción alternativa): non lles podo seguir o ritmo e vánseme.  Tomo o xel que levaba para unha ocasión especial.

Na curva pechada para dar a volta en Caranza vexo que por detrás non hai problema a non ser un rapaz que ven lonxe pero a un ritmo moi forte. Sei que faltan poucos quilómetros. Vou moi cómodo nesta distancia. Creo que é a que menos mal se me da. Agora toca regular. Tratar de non perder ningunha posición e chegar á meta por debaixo de 1.23´.

Noutra curva pecha comprobo que o rapaz vaise achegando. Trato de forzar o ritmo e de que me colla o máis tarde posible. Vaino facer nas rúas previas  ao mercado. Non hai problema. Non hai sensación de derrota. Derradeira subida. Derradeira baixada. Vexo meta e saúdo coa man a canto cativo hai.


Resultados: 1.22.06´´  de 13 na xeral sobre un total de 245 chegados á meta e de 1º categoría, a 3.54´´ o quilómetro.
Tras cruzar a meta, saúdo e felicito aos compañeiros que me adiantaron. Como aínda ando con forzas inicio un trote en dirección contraria. Vou buscar a Pili. Animo a todos cos que me cruzo (recoñezo que me fixo moita ilusión que un destes atletas me dera as grazas na zona de aparcamento posto que os meus folgos entendeu que lle serviran de moito). No barrio da Magdalena vexo á Keniata de Montrove coa súa parella. Semella vir cansa pero tirando coma unha campiona. Vai entrar de segunda na clasificación de mulleres e de primeira na súa recentemente estreada categoría. Parabéns


A organización debe estar tranquila. Todo o que dependía do seu esforzo saíu estupendamente. Parabéns. Mauro afirma que este perfil ten unha subida acumulada de 190 metros.
Na meta están agardando por nós Pepe e Gonzalo. Recollida de trofeos. Ducha en Ferrol e xantar en Ares.


Unha boa marca e un bo resultado. Agora toca facer as tiradas longas, longas, longas…
As fotos da carreira son de José A. Paz Lobeiras.

15/9/14

VIII Meia Maratona de Porto: Tudo bem?

Na primeira semana de setembro fixen 71 km. A salientar que houbo un día con 6 series de 500 metros entre 2.05´´ e 1.46´´ e unha tirada de 21 km en 1.33.38´´. Na segunda semana caeron outros 72 kms e una sesión de GAP no ximnasio. Tocou outro día de series de 1.000 mais cando o planificado era facelas entre 4.05´´ e  3.50´´ a primeira saíu en 3.52´´ (a falta de costume…), polo que nas tres seguintes houbo que manter o ritmo e nas dúas últimas baixei a 3.49´´ e 3.45´´. O domingo participei na: 

VIII Meia Maratona de Porto



Unha ducia de persoas achegámonos ata Porto dos que tan so cinco  corremos a media. Cristina e Alex ían facer a súa primeira carreira e nada menos ca unha media maratona. O sábado foi día para o bo xantar e recoller os dorsais. O domingo pola mañá, tras o pequeno almorzo, fomos ata a meta para deixar os coches e coller un autobús ata a liña de saída a onde chegamos con hora e media de adianto. Como ameaza chuvia non nos separamos moitos da ponte de…. Para estar ben cubertos. Hai tanta xente e o espazo é tan limitado que non facemos quecemento.

A zona de saída está ateigada de cámaras de televisión e de helicópteros (por certo un deles pintado coas cores da bandeira republicana española…)

Cando falta media hora deixo os meus colegas para irme ata o meu caixón. Trato de trotar dentro del o mínimo imprescindible pero é case imposible. Agardo 25 minutos parado. A temperatura xa está nos 20 graos e a cercanía de tantas persoas fai o o ambiente aínda estea máis quente.

Hai varios anos que non fago unha media en asfalto con carácter individual (marzo de 2012 na Vig-Bay con 1.21.27´´) polo que lle teño un certo respecto á distancia. O meu obxectivo é sentirme cómodo na proba a ritmo de catro minutos o quilómetro e se as cousas foran ben, en quince días, na media de Ferrol facer o test pensando na maratona.

Cunha puntualidade británica dáse a saída ás 10.20 h. Tardo 20 segundos en cruzar a liña de saída. Teño tanta xente diante que non podo correr. Aos poucos vou collendo velocidade correndo polas beirarrúas. Fago o primeiro quilómetro en 4.20´´. Vexo diante a Fernando Rama dos Taninos de Ponteareas, apurando, segundo quilometro por baixo dos catro minutos, chégome ata el. Charlamos un rato. Primeiro paso pola Ponte de Dom Luis. Ao final vexo ao fotógrafo oficial da viaxe. Sepárome de Rama para saír máis guapo na foto. 

Tras a ponte e na baixada a Vila Nova de Gaia, Rama váiseme. Aparece o adoquín e todos subimos pola beirarrúa. Seguimos pasando xente. Fago o primeiro cinco mil por baixo dos 20 minutos.       
          
Pola beira sur do rio Douro imos facendo un grupo dunha ducia de corredores a ritmo de catro minutos ao quilómetro. Hai moita humidade. A equipación xa está toda empapada. Pasamos diante das adegas, logo do estaleiro da ribeira e, sorpréndome, cando seguimos correndo no lugar onde na maratona damos a volta. Paso o quilometro oito tamén por baixo dos 32 minutos. É un territorio descoñecido para min. A paisaxe vai gañando en beleza. Xurde unha pequena subida, logo outra para dar a volta.

Cando iniciamos o regreso decido parar a evacuar líquido. Perdo corenta segundos. Esta foi a peaxe por estar agardando tanto tempo na liña de saída. Error de novato. Reincorpórome á carreira. Vexo que o meu ritmo é superior á xente que vai onda min. Decido ir tirando collendo máis xente. Paso o quilometro 10 en 40.20´´. Antes de chegar a Porto saúdo ao grupo de Cristina, Alex, Álvaro e Chema. Véxoos moi ben. Tamén constato que o ritmo que levo é bo. Vou recuperando tempo ao grupo de Rama. Antes de rematar por Gaia xa collo xente descolgada dos grupo do Tanino. Vexo un rapaz de Ourense. Vou con el un quilómetro.


Ao cruzar a Ponte vexo a grupo de Oleiros, saudámonos. Collo a bandeira republicana, sepárame un pouco dos corredores para ser máis visible para o fotógrafo.

Tiramos río arriba. No asfalto vexo as pintadas dos quilómetros da maratona. Dáme medo escénico:  24…29…33… Na tirada cara á ponte sobre a A-20 o meu ritmo continúa sendo bo. Desde a "parada técnica" non me pasa ninguén. Vou adiantando… Xa imos todos moi concentrados… Todos? Non hai dous rapaces (30-40 anos) que van charlando. Son fondistas que van facendo un adestramento longo. Cando chego onda eles ao velos tan sobrados non me decido pasalos.

Escoito unha respiración moi ruidosa, mesmo con profundos asubíos ás miñas costas. É unha rapaza. Despois dun quilómetro, pásame pero non se me vai. Vou con ela ata que se me queda. Pasamos, de novo, ao carón da Ponte de Dom Luis I. O meu grupo non me tira ningunha foto (onde estabas Raúl?). Subimos polo túnel. Como me gustan estes metros na escuridade… A temperatura baixa algo. Hai música moi alta. Gústame. Por tradición nas subidas… manteño o ritmo. Paso xente. Na saída do túnel parece que o corpo quere darme un baixón. Son uns segundos de pánico… pero só uns segundos.

Imos moi estirados pero sigo pasando xente. Teño a Rama, vai con tres máis, a menos de 20 segundos.  Imos polo percurso da maratona. Está todo dominado… Corro en casa. Sorpréndome cando unha rapaza que adiantara, me pasa. Vai coa súa lebre. Nestes últimos quilómetros cada que vez que adianto a alguén, anímoo. No 19 un rapaz responde aos meus ánimos, engánchase. Tiramos xuntos. Forzamos desde o 20 mais sen esprintarnos.  Temos diante a Rama. O cronómetro oficial supera a hora e vintecinco minutos pero o meu non chega…

Seguindo coa tradición, a rapaza que me entrega a medalla ten que darme tamén dous bicos. Felicito ao meu compañeiro dos últimos metros e á rapaza. Tamén charlo uns intres con Rama (sorte en Amsterdam, campión)

Resultado: 1.24.54´´ (a 4.01 o quilómetro) na posición 208, sobre un total de 4.483 e de 17 na categoría.

Busco na liña de meta aos coñecidos. Non están. Recollo os agasallos (bebidas e plátanos) e diríxome ata o estand de Powerade. Masaxe suave e bebidas frías. Cando me calzo… un xemelgo protestou duramente. Unha unlla tamén protestou (e sigue facéndoo)

Vou ata a ponte da Rabida para facer os últimos metros co grupo de Montrove. Como non dan chegado regreso ata a meta. Por fin o fan. Son uns heroes e una auténtica heroína.

Despois veu a ducha nun edificio magnífico e un extraordinario xantar en Matosinhos.

Tudo bem? Tudo bem


Próximo obxectivo:

Sesión de fotos na Ponte de Luis I

1/9/14

XVIII Carreira pedestre Popular de Noia: tremendo calentón

Semana con 83 km (isto xa ten boa pinta) e o mes con 236 en 21 días. A verdade é que saíron máis do que me parecían pois se ben as molestias musculares son menores ca en días atrás, as sensacións non son boas (pesadez, rixidez, cansazo). A semana foi iniciala o luns con Pili e rematala pola Praia de Carnota. Teño que convencerme para iniciar as series e máis técnica de carreira, cousas que esta semana só as amaguei (unha tirada cun par de series e outro cuns minutos de TC). 

XVIII Popular de Noia

O sábado participei na carreira nocturna de Noia. Saín desde Louro (Muros) coa compaña da familia. Chegamos moi xustiños de tempo e, aínda por riba, aparquei ben lonxe. Primeiro calentón: ir buscar os dorsais xa trotando. Atópome con José L. Bouza e a súa dona Consuelo (nova fichaxe do CAS, benvida) xa cos seus dorsais. Regreso ao coche tamén trotando (segundo calentón). Poño a camiseta do club e a facer o quecemento (terceiro calentón). Doulle voltas á Alameda con José L. Bouzas. Tamén facemos algunha con Manute. O tema da conversa fica no segredo sumarial. Cando as pingas de suor empapan a camiseta deixo a compaña e busco á xente do club. Así, pouco a pouco, vou saudando á numerosa representación sadense: Bea, Alberto, Felipe, Fernando, Montse, Inés… Troto con varios deles (cuarto calentón). Parece que un xemelgo quere facer a proba algo cargado de máis. Vemos a entrada de Sara na meta. 

Cuns dez minutos de retraso, dáse a saída. É algo estreita para a xente que somos. Na espera comprobo que as zapas estean ben atadas. Están apretadas de máis. Motívame a presenza dalgunha atleta que entrou diante miña na primavera en dúas ocasións. Na saída o obxectivo é non caer. Saúdo á familia. Imos rápidos. Pásame xente. Aos trescentos metros as posición vanse consolidando. Adiántame dúas rapazas, un rapaz. Ao quilómetro saúdame Baltasar (este crack sempre saíndo desde atrás). Creo que vou rápido, decido ir forzando (cantos calentóns van?) Ás veces vexo que Bouza non está moi lonxe. Nalgunha curva algún rival noviño pretende pecharme para que non o pase (non me coñece…) Noutra curva mal iluminada hai un burato (o único perigo do percorrido).

Iniciamos o regreso cara á Alameda pois o circuíto consta de dúas voltas. Antes de rematar a primeira paso ás dúas rapazas e a aquel me adiantaran. Na volta da Alameda comprobo as posicións tanto por diante como por detrás. Síntome ben. 

Continúo pasando xente pouco a pouco e mesmo nos dous último quilómetros vexo que me estou achegando ao grupo de Bouza. Nas últimas subidas paso máis xente. Só me quedan dous atletas antes de Bouza. Na baixada forzo máis. Estando xa na Alameda, na recta de meta, faltando quince metros… o de sempre… pásanme dous corredores que adiantara no derradeiro quilómetro.  Que calentón... a noite máis quente do que levamos de verán... a camiseta chorrea auga.

Resultados: entro na posición 50, sobre un total de 353 e de 3º na categoría cun tempo de 28.23´´ polo que penso que o percorrido non pode ser dos 8000 metros anunciados xa que sei que non estou para facer un ritmo de 3.33´´. Parece ser que a distancia era de 7.600. Tras cruzar a meta charlo uns minutos con Bouza, collo una auga e directamente á ducha (outro calentón). É a primeira vez que teño un vestiario só para min. Cea en Noia tras comprobar a clasificación e non recoller o premio. Pídolle perdón aos amigos e amigas do club ao non agardar por eles na meta. 

Remato a semana recibindo os trofeos de Noia (o do Concello e o da Deputación) das mans da familia Míguez Fernández. Que pracer, que luxo e que sorte atoparme con esta familia tan atlética e tan premiada por Louro. Despois fun facer una tirada pola área entre a Praia de Mar de Lira e Boca do Río, é dicir, toda a Praia de Carnota (agás ata Caldebarcos)
A bahía de Carnota desde a praia de mar de Lira

Fotos da carreira de Eduardo Ventoso.