15/9/14

VIII Meia Maratona de Porto: Tudo bem?

Na primeira semana de setembro fixen 71 km. A salientar que houbo un día con 6 series de 500 metros entre 2.05´´ e 1.46´´ e unha tirada de 21 km en 1.33.38´´. Na segunda semana caeron outros 72 kms e una sesión de GAP no ximnasio. Tocou outro día de series de 1.000 mais cando o planificado era facelas entre 4.05´´ e  3.50´´ a primeira saíu en 3.52´´ (a falta de costume…), polo que nas tres seguintes houbo que manter o ritmo e nas dúas últimas baixei a 3.49´´ e 3.45´´. O domingo participei na: 

VIII Meia Maratona de Porto



Unha ducia de persoas achegámonos ata Porto dos que tan so cinco  corremos a media. Cristina e Alex ían facer a súa primeira carreira e nada menos ca unha media maratona. O sábado foi día para o bo xantar e recoller os dorsais. O domingo pola mañá, tras o pequeno almorzo, fomos ata a meta para deixar os coches e coller un autobús ata a liña de saída a onde chegamos con hora e media de adianto. Como ameaza chuvia non nos separamos moitos da ponte de…. Para estar ben cubertos. Hai tanta xente e o espazo é tan limitado que non facemos quecemento.

A zona de saída está ateigada de cámaras de televisión e de helicópteros (por certo un deles pintado coas cores da bandeira republicana española…)

Cando falta media hora deixo os meus colegas para irme ata o meu caixón. Trato de trotar dentro del o mínimo imprescindible pero é case imposible. Agardo 25 minutos parado. A temperatura xa está nos 20 graos e a cercanía de tantas persoas fai o o ambiente aínda estea máis quente.

Hai varios anos que non fago unha media en asfalto con carácter individual (marzo de 2012 na Vig-Bay con 1.21.27´´) polo que lle teño un certo respecto á distancia. O meu obxectivo é sentirme cómodo na proba a ritmo de catro minutos o quilómetro e se as cousas foran ben, en quince días, na media de Ferrol facer o test pensando na maratona.

Cunha puntualidade británica dáse a saída ás 10.20 h. Tardo 20 segundos en cruzar a liña de saída. Teño tanta xente diante que non podo correr. Aos poucos vou collendo velocidade correndo polas beirarrúas. Fago o primeiro quilómetro en 4.20´´. Vexo diante a Fernando Rama dos Taninos de Ponteareas, apurando, segundo quilometro por baixo dos catro minutos, chégome ata el. Charlamos un rato. Primeiro paso pola Ponte de Dom Luis. Ao final vexo ao fotógrafo oficial da viaxe. Sepárome de Rama para saír máis guapo na foto. 

Tras a ponte e na baixada a Vila Nova de Gaia, Rama váiseme. Aparece o adoquín e todos subimos pola beirarrúa. Seguimos pasando xente. Fago o primeiro cinco mil por baixo dos 20 minutos.       
          
Pola beira sur do rio Douro imos facendo un grupo dunha ducia de corredores a ritmo de catro minutos ao quilómetro. Hai moita humidade. A equipación xa está toda empapada. Pasamos diante das adegas, logo do estaleiro da ribeira e, sorpréndome, cando seguimos correndo no lugar onde na maratona damos a volta. Paso o quilometro oito tamén por baixo dos 32 minutos. É un territorio descoñecido para min. A paisaxe vai gañando en beleza. Xurde unha pequena subida, logo outra para dar a volta.

Cando iniciamos o regreso decido parar a evacuar líquido. Perdo corenta segundos. Esta foi a peaxe por estar agardando tanto tempo na liña de saída. Error de novato. Reincorpórome á carreira. Vexo que o meu ritmo é superior á xente que vai onda min. Decido ir tirando collendo máis xente. Paso o quilometro 10 en 40.20´´. Antes de chegar a Porto saúdo ao grupo de Cristina, Alex, Álvaro e Chema. Véxoos moi ben. Tamén constato que o ritmo que levo é bo. Vou recuperando tempo ao grupo de Rama. Antes de rematar por Gaia xa collo xente descolgada dos grupo do Tanino. Vexo un rapaz de Ourense. Vou con el un quilómetro.


Ao cruzar a Ponte vexo a grupo de Oleiros, saudámonos. Collo a bandeira republicana, sepárame un pouco dos corredores para ser máis visible para o fotógrafo.

Tiramos río arriba. No asfalto vexo as pintadas dos quilómetros da maratona. Dáme medo escénico:  24…29…33… Na tirada cara á ponte sobre a A-20 o meu ritmo continúa sendo bo. Desde a "parada técnica" non me pasa ninguén. Vou adiantando… Xa imos todos moi concentrados… Todos? Non hai dous rapaces (30-40 anos) que van charlando. Son fondistas que van facendo un adestramento longo. Cando chego onda eles ao velos tan sobrados non me decido pasalos.

Escoito unha respiración moi ruidosa, mesmo con profundos asubíos ás miñas costas. É unha rapaza. Despois dun quilómetro, pásame pero non se me vai. Vou con ela ata que se me queda. Pasamos, de novo, ao carón da Ponte de Dom Luis I. O meu grupo non me tira ningunha foto (onde estabas Raúl?). Subimos polo túnel. Como me gustan estes metros na escuridade… A temperatura baixa algo. Hai música moi alta. Gústame. Por tradición nas subidas… manteño o ritmo. Paso xente. Na saída do túnel parece que o corpo quere darme un baixón. Son uns segundos de pánico… pero só uns segundos.

Imos moi estirados pero sigo pasando xente. Teño a Rama, vai con tres máis, a menos de 20 segundos.  Imos polo percurso da maratona. Está todo dominado… Corro en casa. Sorpréndome cando unha rapaza que adiantara, me pasa. Vai coa súa lebre. Nestes últimos quilómetros cada que vez que adianto a alguén, anímoo. No 19 un rapaz responde aos meus ánimos, engánchase. Tiramos xuntos. Forzamos desde o 20 mais sen esprintarnos.  Temos diante a Rama. O cronómetro oficial supera a hora e vintecinco minutos pero o meu non chega…

Seguindo coa tradición, a rapaza que me entrega a medalla ten que darme tamén dous bicos. Felicito ao meu compañeiro dos últimos metros e á rapaza. Tamén charlo uns intres con Rama (sorte en Amsterdam, campión)

Resultado: 1.24.54´´ (a 4.01 o quilómetro) na posición 208, sobre un total de 4.483 e de 17 na categoría.

Busco na liña de meta aos coñecidos. Non están. Recollo os agasallos (bebidas e plátanos) e diríxome ata o estand de Powerade. Masaxe suave e bebidas frías. Cando me calzo… un xemelgo protestou duramente. Unha unlla tamén protestou (e sigue facéndoo)

Vou ata a ponte da Rabida para facer os últimos metros co grupo de Montrove. Como non dan chegado regreso ata a meta. Por fin o fan. Son uns heroes e una auténtica heroína.

Despois veu a ducha nun edificio magnífico e un extraordinario xantar en Matosinhos.

Tudo bem? Tudo bem


Próximo obxectivo:

Sesión de fotos na Ponte de Luis I

3 comentarios:

  1. Ola:
    Moi boa crónica da Meia Maratona de Porto!!!
    Noraboa polo teu gran rendemento e grazas polos teus comentarios e ánimos.
    Espero que teñas un gran resultado no teu obxectivo do 2 de novembro no Porto

    Saúdos de Fernando Rama e por extensión dos Taninos Runners de Ponteareas

    ResponderEliminar
  2. Impresionante primo, un campión!. Que preciosidade de crónica e fotos.
    Entendo que o 2 de novembro hai maratón enterita en Porto, estaría ben irte ver!

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión