1/9/14

XVIII Carreira pedestre Popular de Noia: tremendo calentón

Semana con 83 km (isto xa ten boa pinta) e o mes con 236 en 21 días. A verdade é que saíron máis do que me parecían pois se ben as molestias musculares son menores ca en días atrás, as sensacións non son boas (pesadez, rixidez, cansazo). A semana foi iniciala o luns con Pili e rematala pola Praia de Carnota. Teño que convencerme para iniciar as series e máis técnica de carreira, cousas que esta semana só as amaguei (unha tirada cun par de series e outro cuns minutos de TC). 

XVIII Popular de Noia

O sábado participei na carreira nocturna de Noia. Saín desde Louro (Muros) coa compaña da familia. Chegamos moi xustiños de tempo e, aínda por riba, aparquei ben lonxe. Primeiro calentón: ir buscar os dorsais xa trotando. Atópome con José L. Bouza e a súa dona Consuelo (nova fichaxe do CAS, benvida) xa cos seus dorsais. Regreso ao coche tamén trotando (segundo calentón). Poño a camiseta do club e a facer o quecemento (terceiro calentón). Doulle voltas á Alameda con José L. Bouzas. Tamén facemos algunha con Manute. O tema da conversa fica no segredo sumarial. Cando as pingas de suor empapan a camiseta deixo a compaña e busco á xente do club. Así, pouco a pouco, vou saudando á numerosa representación sadense: Bea, Alberto, Felipe, Fernando, Montse, Inés… Troto con varios deles (cuarto calentón). Parece que un xemelgo quere facer a proba algo cargado de máis. Vemos a entrada de Sara na meta. 

Cuns dez minutos de retraso, dáse a saída. É algo estreita para a xente que somos. Na espera comprobo que as zapas estean ben atadas. Están apretadas de máis. Motívame a presenza dalgunha atleta que entrou diante miña na primavera en dúas ocasións. Na saída o obxectivo é non caer. Saúdo á familia. Imos rápidos. Pásame xente. Aos trescentos metros as posición vanse consolidando. Adiántame dúas rapazas, un rapaz. Ao quilómetro saúdame Baltasar (este crack sempre saíndo desde atrás). Creo que vou rápido, decido ir forzando (cantos calentóns van?) Ás veces vexo que Bouza non está moi lonxe. Nalgunha curva algún rival noviño pretende pecharme para que non o pase (non me coñece…) Noutra curva mal iluminada hai un burato (o único perigo do percorrido).

Iniciamos o regreso cara á Alameda pois o circuíto consta de dúas voltas. Antes de rematar a primeira paso ás dúas rapazas e a aquel me adiantaran. Na volta da Alameda comprobo as posicións tanto por diante como por detrás. Síntome ben. 

Continúo pasando xente pouco a pouco e mesmo nos dous último quilómetros vexo que me estou achegando ao grupo de Bouza. Nas últimas subidas paso máis xente. Só me quedan dous atletas antes de Bouza. Na baixada forzo máis. Estando xa na Alameda, na recta de meta, faltando quince metros… o de sempre… pásanme dous corredores que adiantara no derradeiro quilómetro.  Que calentón... a noite máis quente do que levamos de verán... a camiseta chorrea auga.

Resultados: entro na posición 50, sobre un total de 353 e de 3º na categoría cun tempo de 28.23´´ polo que penso que o percorrido non pode ser dos 8000 metros anunciados xa que sei que non estou para facer un ritmo de 3.33´´. Parece ser que a distancia era de 7.600. Tras cruzar a meta charlo uns minutos con Bouza, collo una auga e directamente á ducha (outro calentón). É a primeira vez que teño un vestiario só para min. Cea en Noia tras comprobar a clasificación e non recoller o premio. Pídolle perdón aos amigos e amigas do club ao non agardar por eles na meta. 

Remato a semana recibindo os trofeos de Noia (o do Concello e o da Deputación) das mans da familia Míguez Fernández. Que pracer, que luxo e que sorte atoparme con esta familia tan atlética e tan premiada por Louro. Despois fun facer una tirada pola área entre a Praia de Mar de Lira e Boca do Río, é dicir, toda a Praia de Carnota (agás ata Caldebarcos)
A bahía de Carnota desde a praia de mar de Lira

Fotos da carreira de Eduardo Ventoso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión