23/11/14

III Media Maratón de Vilagarcía: Eskerrik asko, Josu.

Semana con 47 km en tres tiradas incluída a participación na III Media Maratón Solidaria de Vilagarcía.

Foi una proba onde dimos o cante baixo a chuvia, como lle gusta á Serea de Running inthe rain. As previsións climatolóxica a certaron de pleno. Auga durante toda o proba polo que case non fixemos quecemento.

Do CLlub de Atletismo Sada: Beni, Raúl, Jesús e o que escribe. Ademais tivemos a sorte de seren acompañados por Pili.

A miña idea era facer quilómetros xa que como aínda estou en fase de “descarga” que diría o ausente Julio… Pois tocaba trotar co obxectivo de baixar de 1.25´. Jesús modificou a súa idea orixinal de forzar para acompañarme xa o que día non lle ía ser propicio.

Mollándonos permanentemente saímos, sempre por baixo dos catro minutos. No sete paro a atar una zapatilla (a terceira vez en máis de cen carreiras), no oito recollo a gorra. Desde o nove  o xemelgo esquerdo vaise cargando. O mestre Jesús sempre agardando por min. 

Nos derradeiros tres quilómetros trata de provocarme para aumentar o ritmo pero non hai quilómetros nas pernas e si cansazo acumulado. É a primeira proba na que teño alguén que tire de min (xa ía sendo hora). Moitas grazas, compañeiro. A vindeira semana toca baixar o número de quilómetros.

Pili, ao seu: terceira fémina na absoluta e primeira na categoría. Que grande.

Resultados: Jesús fixo 1.22.25´´ (e eu con el) de 63 e 64 na xeral sobre un total de 537 e na categoríA (+45) de 10 e 11.

Eskerrik asko, Josu

16/11/14

XXXVIII Carreira Pedestre Popular do san Martiño (Ourense)

Semana de repouso e recuperación con 53 km en cinco saídas e dúas sesión de ximnasio.

Venres, asemblea do club con nova directiva:
Grazas pola vosa xenerosidade e por acadar a excelencia no traballo.


Domingo participación na san Martiño. Toda unha clásica. 







Sorpresa na meta ao atoparnos a Paloma e Antonio. Frío. Post carreira nas termas con tres copas de cava incluídas. Xantar en Casa Testa. Espectacular. Regreso con repaso a vellas cancións.



Resultados: 37.18´´, de 174 na meta e de 16 na categoría, a un ritmo de 3.44´´.

9/11/14

XXXI Carreira Popular "San Martiño" de Dorneda

Tras unha semana case de repouso: 5 km de trote o xoves, media sesión de ton no ximnasio e unha de pesas e 8 km o domingo, o sábado 8 participei por segunda ocasión na proba de Dorneda. Neste anos houbo moitos cambios pois modificaron completamente o percorrido, aumentándoo ata os 10 km ao facer tres voltas pola urbanización Rialta. O total semanal de kms é de 31. Já, já.

A idea era comprobar como estaban as pernas despois da Maratona de Porto pero o percorrido non era o ideal pois era todo un sube-baixa, especialmente unha costiña duns seiscentos metros. As pernas portáronse moi ben pero axiña os xemelgos fóronse cargando, constatación de que aínda non están recuperados.

Resultado: 9º en 38.11´´ e de 1º na categoría. Estes datos con cálculos persoais.


A foto é de Félix. Grazas.

3/11/14

XI Maratona de Porto: Coragem e luta. MMP

ANTECEDENTES
Rematei outubro con 352 km, un dos meses con máis quilómetros. En setembro foran 301, en agosto 236 e en xullo 292. Penso que deben ser suficientes para afrontar con certas garantías a maratona do Porto, pois desde que en marzo regresei ao asfalto en xuño xa caeran 240 quilómetros, a maratona de Porto estaba na miña cabeciña.

Adestrei ben, con calma, sen presión nin estrés. Tiven moita sorte co tempo pois case nunca adestrei baixo a chuvia, ademais outubro foi un mes especialmente seco e caluroso. Outro factor positivo foi que, desde hai anos, non tiven molestias nos adutores grazas ás mans de Angel de Alfa-fisio e de Paloma. Por motivos que non veñen ao caso practicamente cada quince días desde o verán recibín una sesión de masaxes, comprobando a súa importancia para evitar lesións. Ben é certo que nas tres semanas previas á maratona ningún fisio posou as súas mans nas miñas pernas e xurdiron os primeiros sinais inquietantes nos malditos adutores.

Teño que salientar que as únicas molestias, mesmo preocupantes, foron unha uña en cada pe. Había unha que non quedaran ben despois da Vig-Bay e na Media Maratona de Porto puxérase aínda peor e na Media Maratón de Ferrol outra do outro pe. Creo que en parte a culpa foi miña por mercar zapatillas (Adidas Boots Energy e Asics GT-2000) dun número menos do que estou afeito xa que, por consello de Angel, volvín correr sen plantillas.


Desde que fixen a Nocturna de Noia, as sensacións foron moi boas e os ritmos foron mellorando. Regresei á competición nunha media, na de Porto, e afinei ritmos na de Departamental de Ferrol (1.22.06´) Igualmente o ritmo de Coruña-10 (37.01´´´) foi magnífico. A conclusión é que debería estar preparado para afrontar o reto de baixar das tres horas en Porto. Os ánimos dos amigos e amigas van nesa liña. Pero como desde a proba de Sada non volvín competir, as sensacións que transmiten as pernas son de pesadez, non de cansazo. O cansazo é mental. Estou farto de adestrar. As sensacións das pernas fanme dubidar se estarei preparado para o ritmo que desexo e sobre cantos quilómetros poderei aguantalo.


VIAXE
Acompañado por Isa. O sábado xantamos mirando ao Atlántico en Vila Nova de Gaia. Despois de descansar no hotel, retiramos o dorsal na Alfándega e ceamos no Mercado do Bom Sucesso.

Noite sen durmir casa nada. Sempre me acontece o mesmo. De houber outra maratona terei que tomar algo para descansar. A banda sonora da viaxe foi unha prolongación do concerto de Xabier Díaz e Kepa Junkera, foi un agasallo,  non sei se de propio artista (grazas pola adicatoria) ou de Raúl. Música do CD de Kepa Junkera, Herria. Isa estivo inconmensurable. Pendente de min e dos meus desexos. Grazas.


PROBA
Tras o pequeno almorzo, dirixinme ata a saída para facer o meu ritual. Nada máis chegar, evacuar todo o posible nos baños que prepara a organización. Cando estaba na cola atopo a Manuel Ferreira e á súa familia. Primeiras impresións. Quedamos para máis tarde co obxectivo de tirar unha foto con Noelia, Arturo e outros (non apareceron).


O grupo do CAS coincidimos en que o día está magnífico, algo fresco, cuberto, con pouco vento e con previsións de chuvias ás catro horas do inicio da proba. Estamos nerviosos. Despois das fotos, fago algo de tempo con Manuel ata que desexámonos sorte e vamos cada un para o seu caixón. No meu (A) hai xente que está a trotar. Fágoo tamén uns minutos por aquelo de que se pase o tempo e os nervios. Despois de vinte minutos de agardar… Alá imos.



Poño o cronómetro en funcionamento (cousa rara). A subida á Rotunda de Boavista fágoa pola beirarrúa e na propia rotunda adianto ao globo das 3 horas (antes de previsto). 
Na Rotunda, concentrado e controlando



O primeiro quilómetro foi en 4.20 pero o segundo en 4.00. Na rotunda busco á familia de Manuel, non a vexo. Inicio a baixada con calma en torno aos 4.00-4.05. Un de Vigo vai comentando o resultado do Celta no Camp Nou. Non me queren dicir o resultado do Dépor. Polo estadio do Bessa coméntolle a un colega o percorrido. Ao incorporarnos de novo á avenida Boavista está a familia de Manuel. Os tres anímanme con forza (canto lles agradezo eses berros).

Chegamos ao mar. Xa vou só. Iniciamos a tirada a Matosinhos. Sigo só. Voulle collendo tempo ao globo das tres horas. A cabeza dille ás pernas que freen o ritmo pero comprobo quilómetro tras quilómetro que as pernas non obedecen. Elas continúas ao seu, sempre por baixo de 4.05´´.
Chegando a Matosinhos

O primeiro dez mil saíu en 40.09´´. Saúdame Álvaro. Vai algo por detrás do ritmo das 3 horas. Fará meta en 3.29 (Parabéns campión, non é doado facer ese tempo nas condicións físicas nas que ías.) Vai concentrado. A xente dos Sprinters de Ourense tamén me saúda. Por Matoshinos non vexo a ningún coñecido máis. Choco as palmas con canto cativo está animando. Un veterán local que está a facer un treino achégaseme para falar. Unha compaña agradabel durante uns trescentos metros. Obrigado. Deixando Matosinhos, imos ao carón do Atlántico. No 14 tomo o primeiro xel. Bebo no 15. Paso este quilómetro en 1.00.09´´. Vou a ritmo de 4´. Rápido de máis? Sei que o asfalto poñerame no meu sitio.

Despois de pasar o 17 paro a evacuar líquido no mesmo lugar ca hai un ano. Pero hai varias diferencias: só me adiantan dous corredores, o grupo das tres horas aínda non o vexo e fago MMP na cuestión 35´´. Ao reincorporarme teño por detrás a un grupo numeroso pero non me collen.

Tiro río arriba.  Na curva onde era a meta da Media Maratona está a familia de Manuel. Volven animarme. Que subidón. Canto agradecemento teño no corpo. GRAZAS. Un ciclista ponse ao meu carón. Pregúntame se non é mellor deixarme coller polo grupo que teño detrás. Dígolle que non, que estou afeito a ir só. Fala comigo uns centos de metros. Convénzome de que se podo ir atento á charla, que se podo ir falando, é que vou ben.

No km 20 xa vou co grupo que viña por detrás. Son uns oito atletas. Vai comandado por catro veteráns portugueses. Sempre alucino coa calidade do fondo luso. Tamén vai o Groba dos Taninos. Pasamos ese quilómetro en 1.20.54´´ (media de 4.01´´) Facemos a media maratona en 1.25.18´´. Sei que vou rápido de máis. A miña intención inicial era estar aquí sobre 1.28´ mais non importa. Vou ben. Cando chegue o cansazo… vaise enterar como corren os do C.A. Sada.

Na baixada aos Cais Ribeira, poñémonos en ringleira de a un. É unha rúa estreita e con adoquíns. Na saída e na Praça Ribeira, xorden outros ánimos, personalizados. Alí está Esther…Que dicir… agardando por min para verme tres segundos. Trato de tirarlle un bico pero teño que ir pendente do enlousado. Grazas, compañeira. 
Grazas pola foto, Lito, e polos ánimos, Esther

Polos Cais Ribeira é por onde hai máis público. A verba que máis se escoita é força, coma en anos anteriores. Na dura subida á ponte de Dom Luis o grupo ráchase. 


Rematando a subida para entrar na ponte de Dom Luis

Os portugueses collen uns metros. Detrás deles vaise Groba. Pola ponte vou cun de Zamora. No paso por Vila Nova de Gaia manteño a tradición de iren pola beirarrúa, fuxindo do adoquinado. O grupo vaime collendo metros. No km 24 tomo o segundo xel. Xa volvo ir so. A distancia co grupo non é grande e aumenta moi amodiño.

Paso o km 25 en 1.41.19´´ (moito mellor do previsto).  Os cinco últimos quilómetros saíron en 20.25´´. A cabeciña só pensa en positivo. Este ano o percurso faise máis longo por Vila Nova de Gaia. Lévannos case ata o esteiro do Douro. Cajo na cona. As curtas subidas da media maratona, agora parécenme portos de montaña. Cando damos volta de cara a Porto trato de controlar a distancia co grupo das tres horas e… sorpresa. Lévolle máis de seis minutos. A cabeza dinme que non me poderán coller, por moi canso que estea, por moi farto que estea de correr, non me poderán coller. Sempre pensando en positivo. Para reforzar eses pensamentos, desato a miña bandeira da sorte, a republicana. Póñoa no pantalón.

Ao cruzarme cos corredores que van ata o remate do Douro, estes fanme sentir una nova sensación. Van animado a un de Sada que vai por diante deles. Se para min compartir carreiras cos amigos e amigas do CAS é unha sorte, pertencer ao Club de Atletismo Sada é toda unha honra. Grazas.

Saúdo aos coñecidos, especialmente a Alvaro. Paso o 30 en 2.01.57´´. Nos cinco últimos quilómetros baixei algo o ritmo (20.38´´) pero aínda é fantástico. Vou máis rápido do que nunca pensei que podería ir. Vou so. Na parte final de Gaia regreso á beirrarúa para logo ir polo centro da estrada. Semella que vou de primeiro, non teño a ninguén por diante e cara á esteiro do río van centos de corredores. Xorden molestias nos glúteos. Nunca tivera ese tipo tan peculiar de molestias. Agardo que os piramidais aguanten. Pouco despois desaparecen. Na subida á ponte, volvo recibir fogos, nesta ocasión pola bandeira. 




Saíndo da ponte

Na saída da ponte xa non imos cara río arriba (esa parte mentalmente era unha faena pero era máis plana que o remate por Gaia). Máis ánimos.

Entramos no túnel. Gústanme estes metros. Dou un forte berro de motivación. Supoño que máis dun pensará que estou tolo.

De novo adoquín e de novo trato de buscar o canto da beirarrúa para escaparlle. Á altura da Alfándega saúdo a Noelia con Yulia e logo a Manuel, eles aínda van cara a Gaia. Farán meta acadando os seus obxectivos de gozar da proba e non subir moito das catro horas. Practicamente non me adianta ninguén e eu tampouco o fago. Vaia, tal vez a proporción é que se me pasa un, eu paso a dous. Vou moi motivado. Lembro ben como ía por aquí o ano pasado, como sofría. Vou canso pero moi esperanzado de baixar das tres horas. Vou  so, so, so. A loita non é contra ninguén, é contra as miñas pernas, contra os medos de que a planta dun pe molestara, contra o pánico de dores nas dedas, a loita é contra a sensación de derrota… e polo de agora… vou gañando.

No 34 preparo o derradeiro xel. Iste é con cafeína. Tómoo pero prodúceme moitas dificultades para seren tragado, necesito grolos de auga, respiro mal. Por fortuna foron so uns centos de metros Restan só sete quilómetros. Volvo ver, por terceira vez unha pancarta de ánimo:

32 quilómetros para as pernas
10 quilómetros para a cabeza
195 metros para o corazón.

Volvo emocionarme. Non teño control de paso polo 35 pero xa comezo a calcular que se fora a 5 minutos ao quilómetro podo baixar das tres horas. Agora ven a miña parte máis difícil, a subida polo Castelo da Foz e os quilómetros en paralelo ao Atlántico. 

Non noto o vento que si  fixérase notar na ida. Ben, logo teño que telo a favor. Vou sempre pensando en positivo. Cada quilómetro que pasa confírmame que podo facer un bo tempo. Mentalmente trato de animarme para mellorar o 2.58´ do 2011. Facer MMP paréceme imposible porque o ritmo é lento aínda que non debe ser tanto porque ninguén me adianta. Son eu o que adianta. Isto ten unha pinta bárbara.

Chegando ao 40 vexo ao lonxe a Groba. Párase no avituallamento, collo auga e anímoo a que veña comigo. Dime que non, que tire. Bérrolle para que se veña. Saca forzas de onde non as hai, e reemprede a marcha. Voulle berrando, animando. Aguántame uns centos de metros, e despídese ao quedarse (meta en 3.01´). Parabéns campión. Sorpréndome das forzas que me restan.

Xa non queda nada. Canto máis tarde en chegar a curva que da inicio á avenida Boavista, penso, que mellor, que máis curta faráseme a subida. Se no 40 fixera 2.46.06, nada poderá determe. É un paso mellor do nunca previsto. A subida non poderá comigo. Teño forzas. Tiro, subo, adianto e animo, coma sempre, aos adiantados. Como vou de sorprendido. Que ben. Paso o 41. Convénzome de que farei Mellor Marca Persoal. Non o podo crer… despois de tantos anos…MMP. Chegando ao 42 volve estar a familia de Manuel. Saúdos con rabia, con ledicia inmensa. Os seus rostros reflicten a miña emoción. Alégranse por min.

Curva e para meta. Dou un gran berro na meta. Bico o anagrama do club na camiseta.

Resultados: 2.55.39´´ (bruto 2.55.51´´) entro de 121 na absoluta sobre un total de 4.046 atletas chegados á meta. Alucino. Na categoría de +50 fago o 14.

A partir dese momento só confeso algunhas cousiñas: Recibo a medalla e pido os dous bicos da rapaza, bebo, por esta orde: unha cervexa, auga, powerade, coca-cola. Non espero pola masaxe. Con Isa imos no autobús para o hotel. Estou tan canso que para xantar tomo unha ensalada e outra coca-cola. 

Canso pero alucinado. Tremenda treboada a que descarga o ceo. Penso nos que aínda están a correr.

Sei que corro mal, que saio a un ritmo moi alto. Pero é que son coma son. Son así, con erros pero con ilusión polo asalto.

Mensaxes de parabéns e cariño. Collede un anaquiño da medalla, é vosa.


Obrigado