22/12/14

XII Lugo Monumental

Semana con poucos quilómetros (37 km en catro saídas). Parece que as molestias van a menos polo que axiña terei que empezar de novo a facer quilómetros e series. O domingo participei na XII Lugo Monumental. 

Había xa cinco anos que non participaba e con esta ocasión xa van cinco, tamén. A primeira vez que participamos foi xusto hai dez anos cunha marca de 39.46´´. 

Os cinco (outra vez este número) de Montrove chegamos con tempo de aparcar (grazas Fernando), de tomar un café, de recollerlle os nosos dorsais a Teresa Corrales (grazas campiona) e de facer algo (máis ben pouco) de quecemento. Supoño que pola friaxe que ía notei como a espalada contracturábase, ocasionándome un serio problema de rixidez. 

Coloqueime no caixón de saída con Pili e Julio (canto tempo había que non compartía ese minutos con eles..., que importante é esta parella na miña vida deportiva…) 

Na saída fun polo lado máis aberto do percorrido para tratar de non caer. Creo que nesta proba nunca saíra tan adiante nin fora polo lado máis longo das curvas (e toda a volta á murala é unha gran curva). 
Foto de Anxelxade

Non quero mirar o cronómetro nos dous primeiros quilómetros e cando o fago no terceiro recibo una boa nova. O ritmo é magnífico. Mais vexo que é cuestión de controlar e na primeira subida non forzo para logo, xa na recta seguinte volver a trotar con ledicia. Ao rematar a primeira volta á muralla, o club de fans de Montrove está listo para animarnos. 

Paso o quilómetro cinco cun tempo magnifico para o meu estado de forma, 18,30´´. Pero… pero, pero, de súpeto son consciente que non hai moitas máis forzas polo que tocará esforzarse coa idea de non perder nin moito tempo nin moitas posición. Na segunda volta saúdo ao club de fans. 
Grazas pola foto, Juan e pola man, Elena

Desde o quilómetro cinco perdo seis posicións. Na subida polo adarve da muralla atópome ben e, mesmo, fáiseme algo curta pois lembrábaa con máis dureza. Baixada, catedral e na liña de meta adiántame outro corredor.

Resultados: 38.21´´ de 86 (1281) e de 11 na categoría a 3.51´´.

Despois de facer meta, agardar polos compañeiros e falar cos amigos con especial ilusión por Iago (mellorando, mellorando, mellorando) e con Pablo Anllo (parabéns por esa MMP na maratón de Valencia, 2.55´). Logo ducha fría, fría, fría a pesar de estaren os vestiarios cheos de homes espidos. Non vou facer ningún outro comentario sobre o número cinco. Despois: magnífico cocido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión