30/3/14

IV Carreira Popular Torre de Hércules

Se na primeira quincena de marzo fixera 53 km nesta segunda xa foron 103 (58+45). Poderíamos pensar que as cousas van mellorando mais creo que non é así. Efectivamente o volume de quilómetros aumentou significativamente pero non así as boas sensaciónS. Se ben é certo que fixen tiradas que superaron os 10 kms (varias de 12 km e mesmo unha de 16) as molestias voltaron. De feito un día tiven que regresar a casa camiñando e coxeando ostensiblemente.

Mais vaiamos por partes. Na terceira semana de marzo saín cinco días e fixen 58 km case todos eles con Pili quen xa vai collendo un fondo. Un día fomos ata Mera. Na cuarta semana so saín 4 días cun total de 45 km.O xoves, despois de catro quilómetros de quecemento fixen outros seis por baixo de 4,30´´ pero xurdiron unhas molestias tremendas no adutor dereito que me levaron coxeando ata casa. O sábado polo serán regresei á competición.

IV Carreira Popular Torre de Hércules

Ben acollido polo club, participei na popular da Torre dento do circuíto Coruña Corre. Tras saudar aos amigos, fixen o quecemento con Jesús. Na liña de saída non me coloquei tan atrás como pensara porque había moitísimos participantes (entraron en meta 1.217). Deixo que grupo do club se me marche e axiña localizo a Inés. Sen telo pensado previamente, decido facer a carreira con ela.
Nos primeiros metros da proba, antes de coller a Inés.
Grazas pola foto, Lupe

Baixamos por Adormideiras e vemos o paso polo primeiro quilómetro en 3.40´´. Dígome que non pode ser, que non imos tan rápido (sería imposible para min a estas alturas de adestramentos). Cando vemos o letreiro do segundo km o ritmo é o mesmo polo que decidimos ir máis tranquilos. En estes dous primeiros quilómetros non deixan de pasarnos atletas pero case ningunha muller. No público está Blas e tamén Bernardo. Temos sempre á vista á Karina. Cando estamos no km 3 xa na volta preto do Castelo de san Antón, noto as molestias no adutor dereito. Malos pensamentos inundan o cerebro. Pero hai que seguir correndo…

Cando vexo a cara de Inés non sei que facer… semella que vai moi forzada de ritmo pero tampouco aminora. Iniciamos o regreso polo paseo marítimo. Cando estamos a subir, de novo, cara a rotonda de Adormideiras, comezo a falarlle máis para animala. Xa non perdemos postos. Na baixada polo barrio de Adormideiras recuperamos respiración e propóñolle comezar a forzar o ritmo. Só restan dous quilómetros. Recuperamos algunha posición. Na subida de saída da barriada continuamos recuperando pero cando nos diriximos, xa en plano, cara á Torre nos pasan dúas mulleres… Na durísima subida á Torre, anímoa sen parar, para, no último metro deixala pasar diante (non o consigo). Cólleme a man en entramos xuntos.

Os dous contentos ela coa súa MMP e eu de novo na competición.

Resultados: 225 e 226, na categoría ela de 4ª  na categoría e de 11 das mulleres;  eu de 13 na categoría, cun tempo de 29.38´´ sobre un total 6.515 metros (os GPS marcaron case os 6.900 m.) A mágoa foi que ata a 6ª muller (a nosa Karina) só houbo 30 segundos e ata a 2ª da categoría de Inés só 14´´. Pero se ela está contenta pois eu tamén.

15/3/14

Da tendinopatía crónica de adutores á punción seca

Hai que actualizar o blog… 

Como lembrades desde setembro teño molestias nos adutores e no pube a pesar diso fixen a Maratona de Porto e participei en moitas probas nos últimos meses do 2013, mais case sen adestrar. 

Desde a San Silvestre da Coruña decidín parar e pasar por todas as mans que se ofreceran para tratar de rematar coas molestias e poder voltar ao asfalto. Deste xeito fixen unha ecografía ("tendinopatía crónica de entidade moderada-severa a nivel de tendón proximal dos adutores...)", pasei polo traumatólogo (“pódeste operar cando queiras”), podólogo, quiropráctica, osteópata e fisioterapeuta. 

Despois desa viaxe polo mundo da bata braca cheguei/chegamos á seguinte conclusión: teño unha brutal contractura nos adutores que como di Nacho Muro:

"… Os adutores son o grupo de músculos funcionais que forman a parte interior da coxa. Estes cinco músculos, o adutor longo, o adutor curto, o adutor maior, o pectíneo e o recto interno, orixínanse nos ósos que forman o pube e insírense na morna (recto interno). Cando estes músculos contráense, aducen ou tiran da perna cara á liña media do corpo. En case todos os deportes, estes músculos traballan para estabilizar a perna e para desacelerar o movemento. Pénsase que as contracturas dos músculos adutores prodúcense cando estes músculos non son capaces de soportar as tensións excéntricas aplicadas durante os movementos de aceleración. Dentro deste grupo de músculos o que máis frecuentemente aféctase é o tendón do músculo adutor longo.

Cando é sometido a sobrecargas repetidas prodúcese unha inflamación na súa inserción (ancoraxe) no óso da pelves, máis concretamente na zona do pube. Adoita aparecer dor o pube ou na cara interna da coxa que se intensifica ao realizar exercicio que implique separación de ambas pernas ou ben ao pechar as pernas contra resistencia". 

Despois das masaxes da quiropráctica e das “posturiñas” do osteópata, rematei empregando, desde finais de febreiro, a chamada punción seca que é: 

"... unha técnica moi efectiva no tratamento da dor miofascial, especificamente no tratamento dos chamados puntos gatillo miofasciales (PGM). Os PGM son puntos de máximo acurtamento dun músculo e son os causantes dunha dor referida (a distancia).


A técnica consiste nunha punción do músculo (nunha banda tensasituada dentro do PGM) cunha agulla estéril de acupuntura co obxectivo de destruír a placa motora, estimular o receptor muscular (huso neuromuscular) diminuíndo de forma inmediata a dor que ten o paciente e producindo unha relaxación muscular reflexa con aumento da elasticidade muscular. A característica de ser unha técnica local coa que chegamos ata o PGM de forma directa, fai da mesma una das técnicas máis efectivas no tratamento das deficiencias (…) relacionadas con problemas musculares". 

Tras catro sesións (faltan dúas) desta punción seca (técnica se ben non é moi doorosa, si resulta un tanto desagradable) e exercicios para fortalecer abdominais a base de isométricos e de traballar cos glúteos medios (temos diso?), as molestias reducíronse moito: desaparecidas se fago trote a ritmo lento e regresan a ritmo “normal”. Afortunadamente teño compaña para estes trotes de regreso ao asfalto: Elisa, Raúl, Pili… Grazas a todos e todas.

Nesta primeira quincena de marzo fixen un total de 53 km coas novas Acsis Cumulus-15 e tamén estreando as novas plantillas.