22/6/14

II C.P. Ruta da Construción Naval, Ferrol

Outra semana cansado. Os cuadríceps semellan que non se dan recuperado do Trail do Mandeo. So fixen unha sesión de ximnasio e trotei cinco días cun total de 61 km. Sempre tiven a sensación de ir lento, de cansazo. O mércores fixen 6 series de 500 metros en 2.00 a primeira e 1.40´´ a última. O domingo participei na:

II CP Ruta da Construción Naval en Ferrol

Convencín a uns cantos de Montrove para írmonos o domingo ata Ferrol e correr por dentro do Arsenal, auténtica xoia da arquitectura militar neoclásica. Alí estábamos o Chema, Raúl, Paloma e Antonio.  Foi un auténtico pracer ver de novo no asfalto ao noso Farmacéutico Veloz. Non hai dores que podan coa súa forza mental. 


Contaba con que do Club de Atletismo Sada iríamos moi pouco posto que celebrábase o VI Triatlón Infantil Sada.

Tras recoller os dorsais (pequeno despiste no meu) saudar ao grande mestre de cerimonias Jabalí do Sacho, prepararámonos para a proba: vaselina por aquí, crema calentorra por alá.

No quecemento fun saudando aos amigos e amigas do CAS. Finalmente non fomos tan poucos, uns catorce.

A saído foi realmente novidosa. Saímos uns trescentos metros antes do control de chips, facendo unha saída neutralizada. Uns membros da organización impedían unha saída rápida porque diante ían un grupo de atletas duns dez anos. Tras cruzar o arco de saída empezamos correr.

Saio bastante adiante. Axiña escoito a Paula Mayobre quen parece que hoxe non vai disputar a proba posto que lle aguanto uns centos de metros (que tempos aqueles nos que lle aguantaba moito máis). Vai cun rapaz noviño. Pouco a pouco iranse marchando. 

Imos cara ao porto. Son dous quilómetros nos que me adiantan uns quince atletas. Corro só, cun grupo numeroso diante e outro aínda máis numeroso a unha ducia de metros por detrás. Damos volta no porto e entramos na zona militar. Vou cómodo co meu ritmo mais tratando de ir algo máis forzado que nas probas precedentes. Nunha viraxe de 180 grao visualizo a rivais e a amigos. Saímos do Arsenal, non se meterme con dous guapos oficiais da Armada, nunha costa duns douscentos metros e pasamos pola meta. Vexo que Jaime non lle da tempo a tirar unha foto. Tiramos cara a Caranza dando a volta e volvendo a situar mentalmente a miña posición. Iniciamos o regreso de novo cara a meta, Jaime tampouco tira a foto e iniciamos a segunda volta.


Paso o quilómetro cinco en 19.00. Paréceme un bo tempo e anímome para trata de manter o ritmo. Esta vez imos por riba do mercado. Pásame un atleta cun ritmo moito mellor co meu. Cando entramos de novo no Arsenal, vexo moi preto a Suso Blanco, con quen levo coincidido bastante nestes meses. Cando o collo, anímoo para que veña comigo. Dime que vai canso pero aínda así, pégase. Por detrás ven José Glez Bañobre. Tamén anima a Suso pero cóllenos uns metros. Suso vaise quedando.

Sorpréndome cando vexo o cartel do quilómetro 9. Xa pasou a carreira. Collo aos dous que van diante, o que me pasara pola zona do mercado e o rapaz que ía con Paula. Estamos moi preto de Bañobre. Na última subida paso ao rapaz mais dígolle que non teño sprint. Na saída do Arsenal os tres que tiña ao meu carón esprintan e déixanme realmente cravado.
No sprint, vánseme...

Foi unha auténtica faena ter un sprint despois dunha subida.

Tras cruzar meta, collemos a bolsa do corredor (pedinlla á filla de Pedro) e a agardar polos amigos.


Resultado: 37.31´´ no posto 29 dun total de 484 en meta e de 8º na categoría (+ 45) Houbo xente que dicía que eran 9.700 metros cousa que creo posto que non estou para facer ese tempo nun dez mil. Polo que debín facer a proba 3.52´´.

Tras cruzar a meta, máis fotos.
Parabéns pola organización e polo bo traballo.
Foto en carreira de Jmdobarro e de Ramón Rguez.

18/6/14

Agasallo da Rabudiña



Que que son estas fotos? Que que clase de medallas son? Que de que carreira?

Vaiamos por partes.

Hai un ano alguén agasallárame cunha empana tras rematar a carreira de Carballo. Este ano, facendo un grande esforzo coa familia e a estrada, volveu achegarse ata a meta da mesma proba para agasallarme con detalles traídos desde a propia cidade de Maratón. Si, si. A auténtica cidade de Maratón, esa que está a só corenta quilómetros da capital grega.

Teño a inmensa sorte de gozar entre as miñas amizades con Sandra R., a miña Rabudiña. Estando de traballo por Grecia tivo tempo para mercarme unha réplica da medalla entregada na primeira maratón da Idade Contemporánea, aquela que fora gañada, o 10 de abril de 1896, polo grego Spyridon Louis,  cun tempo de 2:58:50, tras percorrer a distancia entre a chaira de Maratón e o estadio olímpico de Atenas.

Que alguén se lembre de ti en Grecia, non está mal pero que alguén se lembre dos teus vicios a tantos quilómetros non ten prezo.

Moitísimas grazas, campiona.

15/6/14

IV Carreira Popular Concello de Carballo: que cansazo

Total de  quilómetros semanais: 64 e unha sesión de ximnasio (as de Toni tiña que valer por dúas) e competín en Carballo.

Esta semana tiña que ser de relax pero… Efectivamente, despois da malleira da fin de semana pasada (sábado o trail do Mandeo e o domingo a tirada longa con Pili) tiña os cuadríceps para deixalos en remollo por moitos días mais… o luns non me resistín a non ir ao ximnasio e comprobar como as pernas estaban realmente esgotadas. O martes, con Javier, adestrei en Sada ás ordes do ditador Fernando. Menos mal que so nos abrigou a facer 6x200 metros… Como sufro nas series curtas (todas en 35´´) Polo demais, un pracer compartir esa tarde con outros vinte compañeiros e compañeiras do CAS. O mércores tirada de 14 km para seguir comprobando que os cuadríceps aínda non estaban recuperados. Xoves sesión de recuperación nas mans de Paloma e para comprobar que todo vai ben. Venres tirada de 17 km con Pili mentres que o sábado, tamén con ela foron 11km O domingo… a Carballo. Toda a semana cunha gran sensancion de cansazo.


Nesta ocasión a viaxe foi con Javier P. onde entre outras cousas falamos dos nosos males atléticos. Tras aparcar fomos a polos dorsais saudando amigos. Regresamos ao coche con Luis C. (o pobre non durmira esa noite, jé, jé) Para facer o quecemento levei a Javier, pois non coñecía o percorrido mentres que para min xa era a terceira oportunidade, polo primeiro quilómetro para que vira a difícil saída e a costa dos primeiros centos de metros.

Cando regresábamos ata a liña de saída ficamos abraiados polo que vimos: unha marea azul. Varias ducias de corredores e corredoras do Club Atletismo Sada enchendo todo a estrada. Impresionante. Saudámonos e compartín uns minutos con Montse e Inés (que ledicia vela de novo no asfalto). Logo e xa ás ordes de Fernando, tocou facer unhas progresións por diante do cuartel da Garda Civil. Foi das pouca ocasións nas que antes da saída xa tiña a espalda empapada da suor. Foto de grupo feita por Lina (mágoa non vela no asfalto tamén a ela)

Sol e máis de 25 graos. Vai ser unha proba dura. Quen tivera só os meus benqueridos 15 graos…

Coloqueime moi adiante na liña de saída pois eses metros eran moi complicados. Ía ben escoltado por Toni e Roberto. Como ven sendo habitual tiven problemas para poñer o cronómetro en marcha e ademais había que estar moi atento para non caer entre tantos corredores.

Tras as dúas primeiras curvas, sinto a presenza de Toni e Rober. Fago a primeira subida con eles detrás e cando rematamos o primeiro quilómetro comeza a tirar Rober. Toni avísao de que controle máis o ritmo posto que parecía que se ía quentando… Baixada e xa recta pola estrada de Fisterra. Vou tratando de abrirme para que alguén do público poda localizarme doadamente. Ando a buscar á miña Rabudiña. Toda a proba andiven pendente dela case máis ca de correr… non a ía atopar ata o final… pero con sorpresa, vaia sorpresa…

Polo quilómetro tres é Toni quen se pon diante. Parece que facemos grupo pero a realidade é que hai moitos corredores buscado o seu ritmo (houbo máis de mil inscritos pero so 664 chegados á meta) Fago a pequena subida para regresar cara o centro detrás deles. Como teño medo de que se marchen forzo o ritmo para collelos. Non miro o cronómetro, sei que non vou moi rápido pero creo que mellorarei o resultado do pasado ano (38.50´´) Case ninguén nos pasa durante toda a proba. Nada máis iniciar a segunda volta parece que Rober  vaise quedando mentres que Toni vaime collendo uns metros.

Xa desde o quilómetro tres andamos facendo a goma cun atleta de Noia polo que decido á altura do seis falar con el (a escusa é a proba que teñen na súa vila a finais de agosto) coa idea de facer grupo. Na pequena baixada alguén nos adianta cun ritmo fantástico e cando imos pola estrada de Fisterra escoitamos unas zapatillas que nos veñen gañando terreo, son as de Luís P., tamén do CAS. Colleranos uns metros.
No inicio da segunda volta

Son uns centos de metros nos que vou animado ao meu compañeiro de Noia. Antes da curva que marca o regreso cara ao centro de Carballo (km 7) collo a Luís P., falo con el e anímoo a que se veña por Toni quen segue uns metros por diante. Dígolle a Toni que corra que vou por el. Axiña  o collo e vexo preto a Luís C., do Runaways. Animo a Toni para que se me pegue. Vai cun colega. Dígolles que hai que forzar, que non queda nada, que vou a tope para deixarlles a eles o sprint. Collemos a Luís. Tivo un mareo polo que parou uns minutos mais agora anímoo para que se veña con nós. Cando faltan cincocentos metros trato de todos suban o ritmo. Váiseme Luís e logo o colega de Toni.

Facemos meta cun sol do carallo, perdón, digo do Carballo.

Na liña de meta escoitei un berro “Ánimo, campión”. Tiña que ser da miña Rabudiña.

Resultado: De 56 (sobre un total de 664) con 39.49´´ e de 7º na categoría. Sorpréndeme o mal rexistro pois corrín ben, controlando as forzas e mesmo creo que fixen os dous últimos quilómetros a bo ritmo. Entraron na meta 27 atletas do CAS.


Tras cruzar a meta e saudar aos amigos xa chegados e aos que o están facendo (recibo algúns parabéns polo xeito de animalos durante a proba) falo coa Rabudiña. Poñémonos ao día e... sorpresa. Se o ano pasado fora unha empanada, neste... É tan boa que teño que facer outro post para agradecerllo como ela merece. Bicos mil, ma chère.

Fotos na proba de Roberto.

8/6/14

II Trail do Mandeo

Semana cunha tirada menos da prevista pero cun total de 77 kms (canto tempo había que non facía tantos quilómetros nunha semana!!!) . Isto xa parece outra cousa. Unha sesión de pesas no ximnasio acompañado polo mellorciño de Montrove: Juan, Raúl e Pili. O domingo fixen 17 con Pili (menuda caña me deu baixo a chuvia) e o sábado participei no meu primeiro trail, o do Mandeo. 


Pois imos probar isto dos trails. Tanta xente falando ben deles que tocaba facer un, e si é preto da casa con non moitos quilómetros (18 km. aprox.) sen atravesar ningún regato e tamén con pouco desnivel positivo (590 metros) mellor que mellor.

O día ameazaba chuvia… temperatura fresca (mellor para min). Facemos foto do CAS e o quecemento con Jesús e Roberto (parabéns por ese cumpre…).

A saída, desde a Praza García Irmáns, é ampla polo que non tocaba forzar. Os primeiros cincocentos metros son en baixada. Teño preto a Jesús e a Javier. Vou moi cómodo. Teño diante uns vinte corredores. É un percorrido que coñezo de camiñar e trotar por el. No segundo quilómetro comezamos a subir e subir. Vexo ao lonxe a Javier xa camiñando mentres que eu sigo trotando e case non lle recorto. A subida é longa e vaise facendo realmente dura. Despois dun descansiño outra subida dun quilómetro na que agora collo a Javier. Facemos xuntos a difícil baixada cara a Chelo. Hai un momento que paso medo pola dificultade técnica e pola velocidade. Decido non arriscar. 

Nesta primeira gran baixada xa vexo como hai auténticos expertos (para min case suicidas) nas baixadas. Alucino.

No avituallamento de Chelo non collo auga e Javier párase. Cruzamos o río e principia a parte máis técnica e fermosa. Un percorrido que grazas a Juan e Pili coñezo ben. Despois duns cincuenta metros vemos un ferido (gran corte na cabeza e abundante sangue). Avisamos a alguén da organización que estaba ben preto. Estes quilómetros polo  río son preciosos mais hai que ir con coidado.

Teño camiñado bastantes veces polo lado contrario do río, case sempre con Pili e Juan. É un lugar dunha beleza extraordinaria mais hoxe non tocaba admirala pois había que apurar e avanzar con moito ollo.

Vou detrás doutro corredor tendo moito coidado de facer outro percorrido para poder ver ben onde pisar. Creo que me vai ralentizando… Cando se ofrece a deixarme pasar, sorprendentemente, dígolle que non. Que vou ben así.

COMENTARIO: Quen me ía dicir a min que co paso dos anos e dos quilómetros volveríame tan educado nas carreiras…

Cando deixamos o río (km 8) iniciamos a que figuraba como a gran subida. Parece que vou manter a posición e mesmo adiantar algunha pero co paso dos metros, cóllenos un grupos de cinco persoas que ven por detrás, entre eles Javier.

Nesta subida, Javier sufre e faina camiñando mentres que eu trato de trotar aínda que tamén camiño algo. En canto non pica para arriba recupero posición. Mais cando no 10,5 volve a costa… outra vez para atrás.

No avituallamento do 12 bebo e iniciamos a baixada con Javier por diante.

Outra vez toca ver como hai xente que descende moitísimo mellor ca min. Que velocidade, que forma de saltar os troncos… Danme medo.

Cando no 13 remata a gran baixada volvo recuperar algunha posición. Mesmo trato de facer grupo. Tiro de dous colegas. Nunha pequena subida, tropezo e caio. Os dous colegas páranse para axudarme a levantar. Non foi nada pero lles quedo moi agradecido. Seguimos tirando e iranse quedando.

No quilómetro 15 hai outra baixada. Esta vez tamén é moi técnica e mesmo perigosa. Adiántame (deixo pasar) outros dous corredores. Calculo que nas baixadas e nas subidas teríanme adiantado unhas quince persoas. Confío que en canto chegue o asfalto poida recuperar as posición. Cruzamos un regato (había un, cachisss). Levarei o resto da proba molestias nunha zapatilla por non tela apretado moito.
Chegando a Betanzos

Os dous últimos quilómetros son en asfalto. Achégome ao último que me adiantara pero non podo con el. Vemos Betanzos. Entramos no casco histórico e, de novo, toca subir. Empezo a sorrir. Últimos metros. Ningún percance serio (una caída e unha rozadura cunhas silveiras). Póñome guapo para as fotos da meta.

Resultado:  na xeral de 36 (sobre 299 chegados á meta), na categoría de máis de 45, 6º cun tempo de 1.37.55´´. Boa e familiar organización. Parabéns agradecidos.

Na meta saúdos aos meus predecesores do club (Jose, Jesús e Javier) e sen agardar para coñecer os resultados nin para saudar aos amigos que aínda restaban por entrar, regreso a Montrove.

Cando chego a casa, chamada de Alberto (este home sempre pendente de min, sempre facéndome favores) para comunicarme que teño un premio por ser o primeiro con máis de 50 anos… Que lle imos facer… isto de cumprir anos é o que ten. Moitas grazas Bea e Alberto polo detalle de facermo chegar ata a porta da casa.


Outra experiencia. Outro xeito de correr.

Nota curiosa: O premio consiste nunhas berzas, unhas herbas de san Xoán e nunha botella de viño coa foto dunha escultura de Pepe Galán.

2/6/14

Campionato Galego de Veteráns en pista: 10.000 metros

Semana de tan só 38 km, unha de pilates e unha sesión no fisio. Rematei abril con 233 km. Son poucos pero as expectativas para xuño son boas. O domingo participei no Campionato Galego de Veteráns en pista no complexo da Malata de Ferrol.

A viaxe foi con Jesús (é xa unha tradición?). Cando chegamos á Malata informáronnos de que o club probablemente chegue á ducia de medallas. Como é e como está o CAS. So puidemos animar aos Javieres que, previamente a nós, fixeron o 5.000. Na nosa proba poucos, pero que moi poucos, corredores e moito vento.
Facendo o quecemento con Jesús e un compañeiro de Mera

Xa na saída vou deixando que Jesús e o compañeiro de Mera se me vaian. O meu obxectivo é que Jesús tan só acade dobrarme unha vez. Trato de ir cómodo. En cada paso por meta vannos cantando as voltas que nos falta a cada un. Eran un total de 25….

Polo terceira vexo que podo coller a un do Celta e xa na cuarta dóbrame o primeiro que é da miña categoría. Que espectáculo velo correr. Creo que finalmente pasaríame tres veces é dicir que sacoume máis dun quilómetro.


Vou ben coa cabeza, non penso nas voltas que faltan, non me agobio. Comprobo que paso o segundo quilómetro en 7.45´´. O cal quere dicir que realmente tiña que ir cómodo. Fago toda a proba só. Pasarei a tres corredores e dobraranme catro, incluído Jesús quen cando me pasa intenta quedarse comigo cousa que non tolero e ameázoo con pararme se o fai, mesmo tiven que abrirme para demostrarllo.

Durante toda a proba os colegas do CAS non deixaron animarnos en cada volta. Gras Felipe, Montse, Javieres, Fernando…
Na última volta trato de aumentar un pouco o ritmo.

Resultado: 39.41´´, 6º na xeral e 2º na categoría. Repito subcampionato galego de veteráns de +50 pero cun tempo peor en case tres minutos ca hai dous anos. Jesús tamén fixo segundo.