28/12/14

II Carreira pedestre do Anllóns

Semana de 78 kms. Xa non hai molestias (fican unas mínimas nun nocello) polo que decidín iniciar una nova temporada… o obxectivo aínda por decidir. Houbo xa seis saídas e unha sesión de ximnasio. O 24 atopeime con gran Noé, xa de regreso definitivo tras a súa estadía laboral no Estados Unidos de América. Como parecíame que ía "lento", xunteime a el. Claro que ía lento pois había dez días que participara no maratón de Honolulu, en Hawai. O 25 fixen un amago de series (4x500 entre 2.11´´ e 1.52´´). O domingo trotei con Pili ata o Faro de Mera.

O sábado participei na:

II Carreira pedestre do Anllóns

Foi una carreira ben especial. Dona Laura íase estrear nunha carreira. Para inmortalizar o evento pedímoslle a Angel Maceiras que fixera a seguinte foto:

 Fixemos algo de quecemento e mesmo comprobamos o estado do percorrido posto que a semana anterior José Leis avisárame de que podería haber moita lama. Pareceunos que o estado do camiño ao carón do Anllóns non era malo e que so deberíamos ter moito coido nas pasarelas de madeira.

Tras desexarlle moita sorte e aconsellarse que saía moi lenta para logo ir gozando da proba, despedinme de Laura e permanecín uns minutos con Manuel Ferreira agardando polo inicio do proba. Non saio moi rápido e mesmo quedo sorprendido pola cantidade de xente que me pasa, mesmo unas tres ou catro rapazas. Asfalto en baixada, e axiña una primeira ringleira de a un na que todos temos que ir máis amodo. Desde que entramos no paseo polo río vou adiantando xente (ao rematar a proba e comentala con Laura fun consciente que, despois da saída, non fora adiantado por ninguén). Hai que ir con coidado de pisar ben. Non me gusta ir moi próximo ao de diante polo que sempre que podo trato de ir pasando xente. No quilómetro dous non quero mirar o cronómetro, no tres tampouco. Cando damos unha volta e iniciamos o regreso, río arriba, vou case máis pende de ver e saudar a Laura que de correr. Non a vexo. A paraxe é moi fermosa.



Regreso, río abaixo. Continúo pendente de Laura. Por fin nos vemos e saúdamos, cada un por un lado distinto do río. Teño a sensación que agora podo concentrarme en correr. Quilómetro tres, creo lembrar que en 11.15´´. Aumento algo o ritmo e vou adiantando xente: un, dous, tres…Cando falta quilometro e medio teño diante a un grupo de tres atletas. O primeiro en ser adiantado é o máis novo. Logo outro que podería ser da miña categoría e xa, por fin, iniciamos os derradeiros metros por asfalto e en dura subida. Non collo ao que levo diante pero tampouco teño perigo por detrás.

Meta. Rapidamente ao coche a recoller as bolsa e agardar por Laura na meta. Sácolle un pequeno vídeo. Ben moi contenta e nada esixida.

Resultados: Laura 217 sobre un total de 270 cun tempo de 36.03 polo que o seu ritmo foi de 5.27´´. Xa se pode sentir coma unha bergantiñana máis.

Eu entrei na posición 23 cun tempo de 25.44´´ a 3.54´´. Na categoría entrei por detrás de José Leis e por diante de Juan Carlos Bergondo. O CAS fixo moitos pódiums. Dous chocolates quentes fixeron marabillas.

22/12/14

XII Lugo Monumental

Semana con poucos quilómetros (37 km en catro saídas). Parece que as molestias van a menos polo que axiña terei que empezar de novo a facer quilómetros e series. O domingo participei na XII Lugo Monumental. 

Había xa cinco anos que non participaba e con esta ocasión xa van cinco, tamén. A primeira vez que participamos foi xusto hai dez anos cunha marca de 39.46´´. 

Os cinco (outra vez este número) de Montrove chegamos con tempo de aparcar (grazas Fernando), de tomar un café, de recollerlle os nosos dorsais a Teresa Corrales (grazas campiona) e de facer algo (máis ben pouco) de quecemento. Supoño que pola friaxe que ía notei como a espalada contracturábase, ocasionándome un serio problema de rixidez. 

Coloqueime no caixón de saída con Pili e Julio (canto tempo había que non compartía ese minutos con eles..., que importante é esta parella na miña vida deportiva…) 

Na saída fun polo lado máis aberto do percorrido para tratar de non caer. Creo que nesta proba nunca saíra tan adiante nin fora polo lado máis longo das curvas (e toda a volta á murala é unha gran curva). 
Foto de Anxelxade

Non quero mirar o cronómetro nos dous primeiros quilómetros e cando o fago no terceiro recibo una boa nova. O ritmo é magnífico. Mais vexo que é cuestión de controlar e na primeira subida non forzo para logo, xa na recta seguinte volver a trotar con ledicia. Ao rematar a primeira volta á muralla, o club de fans de Montrove está listo para animarnos. 

Paso o quilómetro cinco cun tempo magnifico para o meu estado de forma, 18,30´´. Pero… pero, pero, de súpeto son consciente que non hai moitas máis forzas polo que tocará esforzarse coa idea de non perder nin moito tempo nin moitas posición. Na segunda volta saúdo ao club de fans. 
Grazas pola foto, Juan e pola man, Elena

Desde o quilómetro cinco perdo seis posicións. Na subida polo adarve da muralla atópome ben e, mesmo, fáiseme algo curta pois lembrábaa con máis dureza. Baixada, catedral e na liña de meta adiántame outro corredor.

Resultados: 38.21´´ de 86 (1281) e de 11 na categoría a 3.51´´.

Despois de facer meta, agardar polos compañeiros e falar cos amigos con especial ilusión por Iago (mellorando, mellorando, mellorando) e con Pablo Anllo (parabéns por esa MMP na maratón de Valencia, 2.55´). Logo ducha fría, fría, fría a pesar de estaren os vestiarios cheos de homes espidos. Non vou facer ningún outro comentario sobre o número cinco. Despois: magnífico cocido.

14/12/14

XXIX Volta á Ría. Memorial Adolfo Ros

Quince días sen competir e con moito descanso pois hai que cumprir as ordes dos fisios que para algo se lles paga. Desde a maratona de Porto e despois de tres sesións de masaxes os xemelgos parece que van recuperando pero aínda hai varios puntos con malas sensacións (xemelgos, nocello esquerdo, abdutor dereito). Non hai moitas gañas nin de adestrar nin de iren ao ximnasio.

Esta semana busquei compaña feminina para saír da casa. Grazas Pili, Elisa e Laura por compartir quilómetros con este ancián.


Coa idea de comprobar os xemelgos e para facer una tirada longa, participei na XXIX Volta á Ría, Memorial Adolfo Ros, coa idea de facer 1.25´. Este ano tocou a saída desde Ferrol. Compartín coche de ida con Mauro (que bo descubrimento, outro trotador e veciño; grazas). Chegamos xusto para coller os dorsais e, sen quecemento, saír.

Cada día é máis motivante compartir eses minutos iniciais cos coñecidos e amigos do asfalto. De toda a xente saudada teño que facer especial mención aos amigos do Castro de Lobariz. Creo que pedirei unha ficha especial para competir con eles en Ferrolterra…

Saída demasiado rápida (2 km en 7.30´´) por ir falando cos coñecidos e mesmo con algún compañeiro que tamén fixera a maratona de Porto (Diego Alvarez).
Polo segundo quilómetro, conversando con Diego, colega da Maratona de Porto (grazas pola foto Iria Díaz)


Un percurso ben fermoso

Desde o quilómetro tres decido baixar o ritmo, e, sen chegar facer grupo, andiven case sempre o coa mesma xente. Ata o seis vanme pasando atletas, e desde aí creo que vou recuperando algo. Despois de deixar a Estrada de Castela, iniciamos as subidas por Xubia. Paso o dez mil algo por baixo dos 40 minutos. Case ao rematar as subidas, adiántame o mestre-cabaleiro Bernardo. Que ben corre este home, sempre de menos a máis. Dime que me pegue a el pero rexeito o ofrecemento. Pouco a pouco iráseme marchando. Baixamos a Fene e iniciamos a Ponte das Pías con vento. Gústame un montón correr por lugares emblemáticos, é esta ponte é un desde sitios especiais. Na saída das Pías volve picar para arriba. Vou realmente canso pero coa idea de tratar de baixar do 1.25´. Nas primeiras rúas de Ferrol volvemos subir, mais en canto vexo os edificios da Praza de España, a falta de case dous quilómetros, trato de forzar e tirar, tirar, tirar. Cousa rara, neses dous mil metros finais non me adianta ninguén.
No derradeiro quilómetro. Foto de Lobeiras (grazas, campión)

Resultados: 1.24.39´´, de 68 (sobre un total de 920) na xeral e de 5º (detrás do gran José L. Bouza) na categoría, a un ritmo de 4.01´´. Os xemelgos portáronse moi ben e case non se cargaron. Creo que xa non teño escusa para voltar ao asfalto e as series.
Grazas pola foto Pazolesky