20/12/15

I Carreira Nocturna Sada 2015-Cruz Vermella


Despois da Media da Volta á Ría descansei uns días pois un xemelgo estivo protestando. O venres, despois dunha sesión dunha hora no ximnasio de fitpower,  participei na I Carreira Nocturna de Sada. Dous feitos a salientar: a capacidade do club de mobilizar a tantas familias (espectacular ver aos cativos e cativas facendo deporte) e a marabillosa visión de rúas ateigadas de mulleres facendo o quecemento previo a unha carreira. Sen dúbida froito do traballo e da motivación das fantásticas adestradoras María e Raquel. Por certo, ao rematar a proba o presi comentaba que probablemente sexa a primeira proba mixta na que a porcentaxe de mulleres participante moi semellante á dos homes. Todo (TODO) o recadado foi para á Cruz Vermella, case 2.000 euros.

A proba... como todas ultimamente. Saio ben, corro ben pero fago malos tempos. Vin correr diante miña a moitos amigos que habitualmente non o fan. Mesmo Julio deixoume a uns metros da meta acadando el o terceiro posto na categoría pero a miña “vinganza” foi a de recoller a medalla do segundo (grande Alfonso) e subirme ao caixón con Pili. A carreira fíxena moi regular soportando moi ben que me foran pasando outros corredores. A ventaxe de correr na casa é que foron permanentes os ánimos dos membros do club que non participaron na proba.


Resultados: fago meta de 33 (de 261) e 4º cat. con 18.33´´ a 3.42´´ o quilómetro.

Sábado: cea do club con outras 130 persoas. Como medrou a gran familia do CAS en tan so cinco anos. Xa somos máis de 1.200. Impresionante. Xa van máis de 30.000 entregados a ONGs para causas solidarias. Debe ser que alguén está a facer as cousas ben.


Domingo regresamos á normalidade, 22 km con Pili. Total de quilómetros semanais: 50.

13/12/15

XXX Volta á Ría. Ferrol: Como son as nosas compañeiras

Terceira semana consecutiva sen molestias con 50, 73 e 70 km respectivamente. Como os nosos gandeiros decidiron ocupar as rúas Lugo en defensa das súas xustas reivindicacións, Pili e máis eu decidímonos a participar na Media de Ferrol coa idea de comprobar o nosos penosos estados de forma e ter unha referencia sobre a que ir mellorando mes a mes. Para min correr en Ferrolterra é coma correr na casa posto que é facelo entre moitos amigos.


Acompañounos Jesús na viaxe. Chegamos con algo máis dunha hora de antelación pensando en ter tempo de retirar os dorsais, tomar un café e facer o quecemento. Mais non foi posible. Coma no ano anterior perdemos moito tempo na retirada de dorsais e case non tivemos tempo para o quecemento. Jesús tiña que atopar a Vanessa para tratar de acompañala e de poñerlle un bo ritmo. A nosa “fuguilla” non daba aparecido. Non tivemos tempo para entrar na foto do club.



Na liña de saída estou con Toni. Decide vir comigo (pobre rapaz… non sabe que o avó xa non está nin para facer de lebre)

O retraso na saída debeu ser de só uns cinco minutos. Fixemos un primeiro quilómetro moi por baixo dos 4 minutos pero xa a primeira costa obrigounos a baixar o ritmo. 

Pronto collemos ritmos sobre os 4.00´´-4.05´´, a non ser que as permanentes subidas nos obrigaran a baixalos. Díxenlle varias veces a Toni que se marchara que eu non tiña ritmo pero decidiu quedar comigo todo o tempo que o asfalto nos permitira. Imos cómodos pola Estrada de Castela, subindo e baixando.


Despois da gran subida na saída de Xubia e chegado o km 10, dígolle ao meu colega que vamos para entrar xa en 1.26´. A idea que manteño na cabeza é de tratar de forzar algo nas baixadas e mellorar as funestas previsións. Baixamos por Fene, cruzamos a ponte das Pías. Creo que paga a pena facer esta proba tan só por gozar destes dous quilómetros sobre a ría.


Na saída da ponte atópase o km 15 e a subida da que gardaba mala lembranza do ano pasado. Segundo o cruzamos ese punto quilométrico e a pesar dos ánimos de Toni, a quen continuei insistindo para que se fora…, empezo a quedarme. Non creo que Toni se fora senón que fun eu o que se quedou. Agora tocáballe traballar á cabeciña e fíxoo ben. Paso dous quilómetros malos (4.15´´) pero no derradeiro teño folgos para subir o ritmo (3.51´´) e forzar.



Tras cruzar a meta vexo á muller máis feliz do mundo, a superwoman Vanessa: na súa primeira media xa fixo 1.20.55´´, gañando a proba.

Resultados: Pili entra en 1.36.38´´, na súa zona de confort. Eu fago meta en 1.26.28´´, empeorando o tempo da pasada VIg-Bay. De 86 sobre 962 e de 11 na categoría. Entrei sen molestias, coas pernas cansas pero volvendo a esnaquizar o crono por baixo. Agardo que de aquí só se pode mellorar pois gañas e asfalto aínda non me faltan.


Parágrafo aparte merecen as donas do club. Son a “caña”. Entre as oito primeiras, catro do CAS e as catro pódiums nas súas categorías. É unha honra adestrar con todas elas.

Foto en carreira de JMDobarro e de Lobeiras.

21/11/15

IV edición das Tres Millas Solidarias Inditex: outra de callos

Semana con pouco adestramento. O venres na suave tirada con Pili volveron aparecer molestias na parte interna do xeonllo dereito. Logo houbo fitpower. Sábado tocou facer

III Millas Solidarias Inditex

Proba solidaria que o mestre Raúl encárgase de organizar. Tempo con auga, vento e frío. Pouco quecemento e pouca motivación. Todos os coñecidos queren/queremos gardar forzas paras as probas que temos ao día seguinte. Antes da saída é o intre de tirar fotos.

Comparto os minutos previos coa gran Vanessa, tamén do “grupo” e do CAS. Saímos cómodos cara arriba, logo baixada e curva cara o mar. Xa vou notando como empeza a cargarse a isquio dereito por culpa de “algo” no xeonllo. Xa non trato de forzar. Deixo ir (ou tamén podería dicir que) a Vanessa pois empeza a correr. Déixame tamén Alberto. Tiramos cara o mar. Pásame outro mozo ao tempo que se pega outro. Vento forte en contra.

Iniciamos a subida, Alberto vaime collendo máis metros. Tras rematala e xa na baixa o que levaba ás costas tamén me adianta. No derradeiro quilómetro o isquio vai realmente contracturado. Non quero forzar nin esprintar.

Resultados: 19.41´´ nos 5.000 metros a 3.59´´ entro na posición 10 e de seguro o de 1º nos anciáns pero como é unha proba solidaria non hai clasificacións por categorías. No 2012 fixera 18.30´´. Vamos que estou acabado.



Tras a carreira tempo para fotos e para estar co fisio Borja quen confirma a forte contractura no isquio e determina que hai que parar uns días. Cando Mateo chegou á meta tiramos para casa Germán en Sigrás para dar conta dunhas tazas e duns callos.

15/11/15

XXXIX San Martiño: Nous sommes tous Paris

Dúas semanas sen queixarme. Non me doe nada, adestrei ben e mesmo fixen unha tirada longa (20 km) con Pili. Que máis podo pedir?  Nesta primeira quincena de novembro xa levo 139 km case os mesmos que en todo outubro. Para comprobar o estado de forma e facer o test de inicio de temporada fun á:

XXXIX San Martiño

Coma nos vellos tempo, no coche íamos cinco persoas (que digo persoas, atletas) e como pensei que a circunstancia ben o merecía puxen música dos vellos roqueiros:

Chegamos con tempo para un café e ir dúas veces a baleirar líquido. Tempo de fotos para os cinco magníficos e para a xentiña do CAS.



Saudei a moitos amigos/as mais fíxome especial ilusión atoparme con Jorge Lamas, compañeiro de moitos quilómetros na Coruña-42 de abril deste ano. Laura leva instrucións dabondo para facer unha carreira con cabeciña.

Agardo no caixón con Juan Carlos Diéguez e Edgar (vou achegándome, meu) Foi emocionante o minuto de silenzo que se gardou en memoria das vítimas dos atentados do venres en París. Realmente emocionante. Non deixei de lembrarme da miña queridiña Rabuda que estaba no estadio de fútbol (quérote, campioa)

Saio con calma. Ponte sobre o Miño, subida, primeiro quilómetro en 4.00. Ben. Case desde o primeiro metro teño a sensación de que non para de pasarme xente (comprobarei logo que non foi así desde o km 5 polo menos). O segundo km vai en baixada e subo comodamente o ritmo. Non son quen de facer grupo con ninguén, todos se me van. 

Lembro ben que a proba non ten un perfil doado ata o km 5. Pásoo en 20.16´´ e  dígome que hai que apretar e tratar de subir o ritmo.


Recibo ánimos da gran Teresa Corrales desde a beirarrúa. A segunda metade da proba saíu algo máis rápida que a primeira, aínda así nos dous derradeiros quilómetros perdín 11 posicións.

Resultados: entro na posición 477 sobre un total de 4.538 atletas  e de 20 na categoría cun tempo de 39.52´´, é dicir 2.40´´ máis ca o pasado ano, mais entro ledo pois non me doeu nada, non hai molestias. So resta traballar para ir mellorado. Do lugar onde estou so podo mellorar e a iso nos adicaremos.

Segundo entro en meta fago o percurso á inversa para atoparme con Laura. Crúzome con Chema, vai fenomenal. Collo á campioa no seu derradeiro quilómetro. Atópoa ben, sube algo o ritmo, fálolle moito para animala. Fai unha marca magnífica pensando que ademais nos últimos quince días so adestrara unha vez. Vai aprendendo a correr, foi a ritmo de 4,57´´ de xeito moi constante polo non lle tocou sufrir. 

Alberto vai collendo a forma, Chema é todo un superheróe e Raúl correu sempre por diante do seu globo. Fantástico.

Mentres agardamos por Raúl, tiven tempo de saudar ao mestre Xosé Carrera. Sempre é unha alegría ver ao meu maratoniano do sur preferido.

Axiña iniciamos a segundo tempo da San Martiño nas termas de Outariz con pouco de Moët Chandon cortesía de Raúl e rematamos o día xantando na Casa Lolo as súas anguías. 

A música de regreso foi máis suave para non molestar á sesta dos grandes do asfalto, co mestre Roy Orbinso e o Bruce:

1/11/15

II Carreira Popular Centro "Ricardo Baró" Aspronaga

Rematei outubro con 159 km. En outubro de 2014 fixérao con 352, sinal de que algo está a pasar. Xa van dous meses consecutivos que fago menos da metade dos quilómetros realizados no ano anterior. Se en setembro foran os xemelgos, en outubro foi un problema na parte interna do xeonllo dereito que afectou ao isquitibial. A pesares de pasar polo fisio, cando toca facer series hai por aí un aviso de forte contractura que me obriga a baixar o ritmo. Mesmo o xoves non fun quen de rematar o adestramento de series. 

A boa nova do mes é a fichaxe polo CAS de Laura. Benvida.

II Carreira Popular Centro “Ricardo Baró” Aspronaga 

O domingo participei por vez primeira nesta proba que se desenvolve a tan só dous quilómetros da casa. A percorrido era de tan só 5.600 metros. A idea era comprobar como se comportan o xeonllo e o isquiotibial e saber se aguantan uns quilómetros a ritmos alegres. 

Foi un pracer, coma sempre, compartir os instantes previos á carreira con tantos amigos e amigas. Por suposto, houbo marea azul e branca do CAS que ademais colaborou na organización (estes tipos son marabillosos e cada día que pasa penso que o principal valor do club e a solidariedade) 

Saín cómodo ao carón de Inés e de Alvaro. O primeiro quilómetro foi en baixada polo que saíu rápido (3.36´´) Cando principiamos polo plano achégaseme Alvaro que axiña me deixa pero tereino sempre moi preto ata o último quilómetro. Outro que anda renqueante pero … vai fenomenal. Parabéns, meu.

A proba discorre por onde adestro cunha certa regularidade polo que a longa subida non é descoñecida para min aínda que é a primeira vez que a fago co corazón na boca. Vexo que non teño forzas na subida e sobre todo que non teño pulmóns pois cando remata a costa tampouco son quen de recuperar. 

O último quilómetro iníciase cunha dura subida de trescentos metros. Álvaro e o seu acompañante vanme gañando metros, especialmente Álvaro. Recupero unha posición é entramos en Aspronaga. Miro para atrás vexo que alguén se me acerca pero decido non forzar na recta de meta pois cada metro que pasa o isquio cárgase máis. Son adiantado. 

A salientar, coma sempre, os folgos que reparte a xente do CAS que non participa ou que corre nas probas doutras categorías. Grazas. Ademais fiquei abraiado polo cariño que había no aire. Que xente tan boa hai en Aspronaga.

Resultados: Fago meta en 21.54´´ a 3.54´´na posición 24 na xeral e de 3º na de categoría. Creo que foi un bo ritmo.

Fotos na proba de Inés, de Running Plus e do Grinch do CAS. Grazas.
A medalla, ben fermosa.

11/10/15

A Coruña-10 e... o comandante mandou parar

Semana de ilusións. O martes adestramento suave de 10 km, mércores tirada algo máis longa, 16 km, e o xoves, case por sorpresa, integreime no grupo do CAS que adestra no INEF. O traballo específico consistiu en cinco series rápidas de cinco minutos con tres minutos de recuperación e logo outras tres rápidas con outras tres lentas.  Despois da segunda de cinco minutos tiven que estirar posto que a parte posterior do xeonllo dereito parecía querer contracturarse. Tras os estiramentos incorporeime sen máis molestias. Rematei canso pero contento por ter con quen compartir adestramentos. O venres, trote suave (realmente suave pola miña culpa pois estaba esgotado) con Pili e logo sesión de pesas (fitpower) no ximnasio. Sábado de repouso e o domingo tocou actuar en

Coruña-10

O chofer recolleume con puntualidade. Laura tamén estivo lista cando tocaba. As dúas últimas carreiras nas que participara a cabeciña dixéralle ao corpo que non debía sufrir, de xeito tal que non forcei nin sofrín. Mais agora tocaba cambiar o chip e tratar ir mellorando  polo que trataría de esforzarme. Sei que non estou para repetir a marca do ano pasado, eses 37.01´´ pero habería que forzar.

Quecemento compartido con moitos amigos e amigas. Tempo de comentar problemas e ilusións. Que se facer menos de 40´, de 43´ ou de 53 no caso de Laura.



Saímos costa arriba, polo novo circuíto, sen forzar, paso a Paula Mayobre, pero sobre todo vaime pasando moita xente. Logo baixada ata facer o primeiro km en 3.39´´. Rápido pero non me sinto mal ata que… no quilómetro e medio xorden as mesmas molestias ca o xoves pasado pero nesta ocasión non remiten se non que van a máis. Baixo ritmo. Adiántanme moitos coñecidos, entre eles don Julio, o subcampión galego de triatlón da súa categoría. Laura saúdame. E non podo facelo.

Ao chegar á Praza de Portugal retírome a estirar. Agardo por Pili. Reincorpórome para ir con ela pero só o podo facer uns cincocentos metros. Vou coxeando. 
Inútil intento de reintegrarme na carreira. Forte dor

Volvo retirarme e póñome, de novo, a estirar. Agardo por Laura. Vén moi rápida, por baixo de 5´/km. Acompáñoa algo máis dun quilómetro e a gardo por ela enfronte á Domus para collela no km 8. Os amigos e amigas que vexo pasar interésanse pola miña saúde. Trato de dar folgos a corredores e corredoras. Inés vai soa. Saúdo con ilusión a Pablo Anllo que anda a rodar pensado na maratona de Frankfurt (que grande é este home e que pelo tan ben cortado) Pili semella que vai a menos.

Por fin aparece Laura. Estamos no km 8. Trae mala cara. Non quere falar. Foi perdendo moitas posicións. Ten que ir aprendendo. Saíu cun ritmo descontrolado e pagouno na subida á Torre. Trato de animala mais é moita xente a que nos pasa. Só no último quilómetro recupera algo para tratar de entrar por baixo dos 50´.

Ten estilo ou non, a rapaza?




Resultados: Laura 49.32 neto, por fin baixou de 5´/km nun dez mil. As rapazas do club, coma sempre, excelentes con varios pódiums.

Agora toca, coma dicía a canción de Carlos Puebla, “y el comandante mando parar”. Hai que ver que pasa na perna e recuperarse. Ademais, pensando en positivo, por fin estreeime nun abandono nun dez mil. Xa tiña abandonado nunha maratona (como doe aínda esa retirada na primeira edición de Coruña-42) e nunha media (León). Por fin chegou a retirada nun dez mil.

4/10/15

V Carreira da Auga de Sada

Rematei setembro con 161 km. Menos da metades cos realizados nos cinco últimos anos. A parte negativa é que hai que modificar os obxectivos desta tempada. A parte positiva é que parece que os problemas físicos van remitindo. Agora toca resetear o corpo e a mente e iniciar de novo a tempada modificando os obxectivos. 

 V Carreira a Agua de Sada 

 Este ano no me puiden comprometer nin na colaboración previa ao día do evento nin a ser unha lebre. Por unha banda o sábado estivemos degustando as delicias de Mercedes e Fernando, co gallo do san Froilán, e pola outra non tiña pernas que garantisen un ritmo. 

Tratei de chegar ben cedo a Sada pero, o sorpresa, xa habería máis de 50 persoas traballando pero como onde colaborar había de abondo pasei case dúas horas facendo o quecemento colocando vallas.

Creo que a saída foi puntual. Fágoa co grupo dos 40 minutos á beira de Jesús, lebre oficial, e de Inés, que intentaría saír forte para mellor marca. 



Aguanto con Jesús ata o km 3, na primeira e longa subida. Quédome con Borja outros tres quilómetros pero despois do avituallamento, decido agardar por Inés que non ben moi lonxe. Aninor moito o ritmo ata que chega onda min. 

Rematamos de subir. Medio quilómetro para recuperar e axiña a pronunciada baixada. Creo que vai mantendo un ritmo forte polo que case non ten capacidade de aumentalo nos dous quilómetros finais. Tan só ao avisala que se achega outra muller por detrás fai o derradeiro esforzo. O penúltimo quilómetro sae a 4.03´´ e o seguinte a 4.06. 

Déixoa marchar nos derradeiros metros para que entre soa na meta mais ela non quere, fréase, agarda por min e entramos de man. Que grande é. 

Resultados: 42.10´´ Inés de 99, 2ª absoluta e 1ª categoría. Eu fago o 100 de 666 a 4.13´´ e de 10 na categoría.

Moitas grazas polas fotos, Suka de Running Plus, José Manuela e pola da meta a de Juan Ramos.

O mellor resultado foi que se recadaron máis de 9.000 euros para UNICEF.

31/8/15

XXIV Carreira das Areas de Carnota

Ata o 20 de agosto levaba acumulados 214 km. Ese día, no medio dunha tirada de 18 km con Pili o tren inferior da perna esquerda dixo basta. Descanso dun día, proba ao día seguinte (só 7 km) e decisión de parar e ir a un fisio. Malleira brutal nunhas novas mans (a miña Paloma está de vacacións) e nas dúas pernas. Os xemelgos e sóleos está feitos un desastre. Hai que parar e recuperalos. Remato o mes con 251 km.

XXIV Carreira das Areas de Carnota

Aproveitando a invitación para sardiñada o sábado (foi churrasco) e callos o Domingo, un grupiño de corredores veteráns foi ata Muros e desprazouse ata Carnota para participar na proba máis fermosa de Galicia, a Carreira das Areas. Xa son moitos anos participando nela pero, nesta ocasión, foi realmente novidosa para min.



Despois de tirar algunha foto cos máis puntuais (nos que saíron nesta) chegaron tarde, inicie o quecemento con Julio para amosarlle o inicio, e sobre todo, o duro remate da proba. O día amecera sen chuvia pero con moito bochorno. Saúdamos aos a amigos e iniciamos a proba. Saio cómodo e sorprendentemente rápido, menos de 3.40´´ no primeiro quilómetro pero non me preocupo pois foi costa abaixo. Antes de chegar á praia xa me pasa algún corredor.

A praia está mellor ca nunca: baixamar, pouca auga pola area, moita area dura, case non hai pozas... ideal. Ademais non hai nada de vento e o sol ainda estase pelexando coa néboa para saír.

Na área aguanto ben o segundo quilómetro pero vexo que o ritmo vai a menos. Non hai pernas. Pásame Alberto. A marea, moi viva, esta en plena baixamar. Creo que tocará sufrir… Cando damos a volta en Maceiras comprobo as posicións. Emilio Martínez (1º cat. vai moi diante, coma sempre) e José Rio (2º da miña categoría) vai xa con 20 segundos de vantaxe. Julio ven moi preto e non moi lonxe Pili seguindo a outra corredora. Mais… decido que hoxe non toca sufrir e, apartándome da ringleira, deixo de correr. Os coñecidos que me adiantan fican sorprendidos e interésanse pola miña saúde. Digo que todo ben. Decidín que non había pernas e que ía agardar por Pili. Dez días parado e sen pernas…


Fago o resto da carreira con Pili. Non foi cómoda en toda a proba pero inda así fixo 1ª na categoría e 7ª absoluta, entramos de 77 e 78 con 47.48´´ . Alberto de 18 con 40.33´´, Julio de 28 con 42.13´´, Chema de 119 con  51.21, Antonio A. 165 con 58.23 e Raul 70 con 59.02´´ sobre un total de 193 corredores e corredoras. Resultados.  Creo que todos estes resultados están mal pois psegundo os nosos cronos engadin máis de dous minutos. O CAS estaba concentrándose para a nocturna de Noia.

9/8/15

XXII Carreira a pé de Lira

Rematei xullo con 274 km e xa sen as molestias estomacais. Son moitos quilómetros pois estiven unha semana facendo a dura vida do turista sen zapatillas para trotar. Comecei agosto en moi boa compaña, facendo tiradas por Louro. Como tirada longa so houbo unha de 15 km, mais polo monte. Tocará axiña iniciar as sesións de series polo Burgo. Nesta semana saíron un total de 79 km.

O sábado pola tarde participei na tradicional

 

Esta é unha desas probas realmente popular: sen chip, dáse a saída a viva voz e cando se pode (non cando estaba previsto), hai sardiñada ao rematar… Vamos todo un luxo. Hai que recoñecer o bo traballo da A.C. A Canle de Lira.

No período de quecemento é tempo de saudar aos amigos, especialmente aos que vexo só no verán. Tamén é o momento de “recuperar” a medalla acreditativa do 3º posto da carreira das Areas de Carnota de agosto de 2014. Todo un ano no coche do gran Quique (o meu heroe pois este ano fixo a Transvulcania). Uns minutos co club de fans (a familia ao completo) e xa listos para iniciar a subida. Igualmente hai que tirar fotos coa xentiña de Louro: Ángel, David, Guille, José Luis, Mar…

A proba ten un percorrido moi peculiar pois sáese nun piñeiral costa arriba sobre un chan de área e arume, logo veñen uns metros en asfalto con curvas perigosas e escaleiras que case non son visibles e despois uns quilómetros moi fermosos en paralelo á costa. Mais este ano a visión foi triste… alá, sobre o horizonte víase lume sobre o faro de Corrubedo. O percorrido remata regresando polo asfalto a Lira e un quebra-pernas absoluto pola aldea ata baixar á Praia de Mar de Lira, punto de saída.

Na liña de saída coloqueime diante posto que había moitos fotógrafos da familia. Tamén fixen os primeiros metros ben rápidos para darlles traballo. Unha vez que deixamos de subir, toda a rapazada da proba empeñouse en adiantarme. Paso o primeiro quilómetro a 4.02´´ (imaxinade a dureza dos primeiros metros). A mediados do segundo quilómetro aínda me pasan dous corredores. Cando imos polo camiño de terra, á beira do mar, vou detrás dun grupo numeroso. Estou uns centos de metros collendo ben o ritmo e pensando se me deixo caer para ir máis segundo sabendo ben onde pisar ou ben forzar e pasalos. Que credes que fixen? Pois claro, nun calentón pasei a cinco de golpe.

No momento de dar a volta, collín auga (creo que nunca o fixera) e comprobo a situación da carreira. Teño detrás a un grupo numeroso e, fíxome, especialmente, en Baltasar. Cólleme as costas nestes metros de terra. Probablemente sexan os metros máis fermosos polos que se poida correr: o mar á esquerda, o monte á dereita e, alá no horizonte o sol deixándose caer sobre Fisterra…

No asfalto Baltasar vai pegado, especialmente cando comeza a subida duns cincocentos metros. Baixamos o ritmo pero ninguén nos pasa. Ao rematar a subida, o muradán ponse diante e anímame a tirar. Aguanto detrás del malamente pero insiste en irmos xuntos. Por fin, e ante a miña insistencia, márchase coma un foguete.

É case un quilómetro por Lira, subindo, baixando, con curvas moi pechadas. Unha tolemia. Entrando no derradeiro quilómetro, cólleme a primeira rapaza (Rocío) Cóntolle como son os metros que faltan e no momento que se inicia a dura baixada, dígolle que force. Por detrás teño a un rapaz moi novo que é moi animado polo veciños. Sorprendentemente na baixada non é quen de adiantarme.


Resultado (provisionais): 29.37´´ a 4.02´´ nos 7.360 metros, facendo meta na posición 21 (coma o ano pasado pero con vinte segundos menos) e na categoría, creo, de 2º detrás de José Suárez.