18/1/15

XVII Meia Maratona Manuela Machado

Na semana do 5 de xaneiro non trotei nada por mor dun catarro contundente. Na seguinte fixen cinco saídas das que catro foron de 10-11 km porque non había forzas para máis. O domingo participei na Meia Maratona Manuela Machado deViana do Castelo.


Había tres anos que participara nesta proba e ficara namorado da mesma, do ambiente e da cidade. Pois acompañado por Pepe, Eva e Isa decidimos regresar. Ademais do  club tamén ía o meu colega Jesús.

Que contar? Pois unha experiencia curiosa, chea de dúbidas constantemente. A primeira foi sobre o estado de forma. Hai tres anos tamén viña dunha gripe e decidirá saír con calma, como no km 10 atopárame ben, forzara a marcha para rematar en 1.25´. Como estaría hoxe?. Aguantaría o ritmo de 4´/km?

O sábado chegamos ao xantar á Fortaleza. Logo en Viana recollemos o dorsal, tiramos unha foto con Jesús Bernal, degustamos a pastelería de Viana e camiñamos, entrando en moitas tendas, de regreso ao hotel posto que como non paraba de chover decidíramos facer uso do SPA.

Boa sesión de relaxación. A auga continúa a caer polo que xa ceamos no hotel. Pola tarde chegou Jesús, recolleu o seu dorsal, tomou una piza e, tamén para o hotel. Pequeno almorzo contundente. Ledicia por atoparme cos amigos do Praia de Carnota Runners (tes que darme algo Quique) Tirada ata a liña de saída para atoparme con Jesús. Foto. 

Pouco quecemento posto que non hai caixóns de saída e hai moitísima xente xa detrás da liña de saída.

Cun mínimo retraso iniciamos a proba. Estamos moi atrás. É difícil pasar xente. Vexo como Jesús vai pola beirarrúa, axiña tamén fago o mesmo e incluso cambio de carril. A pesar de todo o meu primeiro quilómetro non saíu demasiado mal: 4.15´´.

No segundo quilómetro, con moita auga na estrada, fun saudando aos amigos que ía adiantando (o pelotón dos Taninos con Edu e Rama, entre outros, a Félix…) Estes mil metros xa saíron por baixo dos catro minutos. Noto que unha zapatilla vai frouxa de máis. Sería posible que se volvera desatar? Outra vez? Pasarei varios quilómetros moi pendente dela mais como o pé foise hinchando esqueceríame de posible problema. 

Sigo pasando xente pero co convencemento que íame custar moito manter o ritmo. Cando iniciamos a/s subida/a, xurde outra dúbida: terei demasiado gastadas as solas das zapatillas? Noto falta de agarre no asfalto. Sei que estas zapas están no remate da súa vida (850 km) pero hoxe non era día de estrear as novas.
Polo quilómetro 4

Son quilómetros en subida nos que me defendo ben pero xa me van adiantando bastantes colegas. Non consigo facer grupo pero case nunca vou so. Tras pasar o km 9 crúzome con Jesús. Creo que non vai moi ben pois calculo que so me leva dous minutos. Paso o km 10 con poucos segundos por riba dos 40´. Non está mal posto que foran uns quilómetros con moita subida.

Iniciamos o regreso. Desde que chegara a Viana, e polo frío, tiña a vexiga sensible de máis. Hai algunha molestias. Terei que parar a evacuar líquido? Trato de manter a cabeza ocupada para que o cansazo non a derrote. Creo que baixo algo o ritmo. No km 12, dous colegas de Vigo adiántame cada un por un lado. Falo con eles. Trato de aumentar o ritmo e tirar con eles. Fago medio quilómetro por baixo do ritmo desexado mais axiña iranme collendo uns metros. Intento que non se me vaian moito e que me sirvan coma referencia. No km 15, chégame o cansazo e noto como un xemelgo ameaza con cargarse. Danme gañas de afrouxar pero sorpréndome a min mesmo porque non o fago. E tiro, tiro, tiro.

Imos baixando cara a Viana. Posicións moi estabilizadas. Agora creo que paso a máis xente da que me adianta. Vou canso pero contento. Non me creo que o corpo me aguante o ritmo que quere marcar a cabeza. Jesús avisárame de que os tres derradeiros quilómetros faríanse moi longo (é un novo percorrido para min; hai tres anos era outro). Cabeciña ben amoblada. Toca sufrir. 

No km 19 o xemelgo esquerdo comeza a molestar seriamente. Outra dúbida: terei que parar?



Iniciando o derradeiro quilómetro

Cando collo a alguén anímoo para que tire. Fágoo especialmente no último quilómetro. Tanto animei aos que adiantaba que acabarán pasándome nos últimos metros.

Resultados: Jesús fai meta con 1.20.34´´ de 131 na absoluta e de 21 na categoría. Eu entro en 1.24.34´´ de 241 de 26 na categoría. Fixeron meta 2.365 atletas. Saúdo e aperta con Jesús. Que grande. Como son os vascos, carallo.

Busco á familia e a roupa seca. Non deixou de chover en toda a tirada. Estamos empapados. Outra media máis no peto. Toca recuperar e iniciar, agardo que esta vez si, a preparación dunha nova temporada.

Viana fica no coraçao.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión