31/5/15

Carreira P.P. A Silva 2015

Remato o mes con 237 e xa traballando en dúas sesións semanais no ximnasio. Na última semana de maio so fixen 37 km. O domingo participei na

XI Carreira  Popular Pedestre A Silva

Chegada con tempo para café compartido con Pili, Karina e Jose. Tempo para tirar unha foto coa xente do Club.

Quecemento polos últimos metros da proba pois queríamos lembrar a dureza do asfalto. O obxectivo era tratar de mellorar o resultado de anos pasados (2013: 41.30´´; 2014: 40.11´´) Saída puntual e a correr. Rematando o primeiro quilómetro xa me pasa un rapaz. No segundo outros dous. No terceiro un máis e polo cuarto, a primeira rapaza (Raquel Suárez). Logo outro máis e nos últimos trescentos outro.

A proba consiste, basicamente en baixar e logo subir, como podedes comprobar neste perfil.
Desde o quilómetro cinco noto molestias no isquiotibial dereito. Desde que regresei ao ximnasio non paro de queixarme destes músculos pois o traballo co cabrón de Toni fainos fortalecer pero, polo de agora, están cargados de máis. Nas duras subidas non me pasa ninguén pero fánseme moi duras. Teño o corazón con gañas de saír pola boca.

Na meta agardo por Pili e saúdos a algúns membros do CAS pois as obrigas familiares fanme regresar inmediatamente.


Resultados: Pili entra de 67, de 3ª muller na absoluta e 1ª na categoría. Eu entre de 31 con 40.45´´ a 4.04´´ ao quilómetro (ritmo patético) e de 3º de categoría detrás dos grandes José Suárez e Emilio Martínez. Non podemos agardar polos trofeos.
Fotos en carreira de Xesús Rodríguez.

17/5/15

I Carreira Pedestre Terra de Iria


O sábado pola parte, compartindo vehículo coa familia Papín,fomos ata Rois para participar na “I Carreira pedestre Terra de Iria” entre Dodro e Rois. O argumento para a participación eran uns excelentes callos que poderíamos degustar no postcarreira cun percorrido algo superior aos 14 km e cun perfil interesante:


Estas probas populares na súa primeira edición teñen o encanto do agarimo que pon a organización así como as peculiaridades típicas dun estreo: ausencias de baños na saída, atraso no inicio, cruces sen cortar, coches polo circuíto e entrega de trofeos na porta dunha igrexa… Nada que non se poda solucionar nas vindeiras edicións. Pero, insisto, o cariño da organización fai que estas “peculiaridades” sexan meras anécdotas.

Chegamos a Rois con tempo (outros non pois adiantaron uns minutos as probas dos cativos), retirada de dorsais e traslado en autobús ata Dodro onde ficamos abandonados nunhas brañas. Sería aquí a saída? Fago pouco quecemento. Mentres evacúo líquido observo preocupado o animal dun 15 centímetros e alongado que teño baixo os pes. Temos que agardar pola chegada dun segundo autobús así como, uns vinte minutos, pola ambulancia preceptiva. Son minutos de trote lixeiro e de estar sentado, cousa que nunca fixera antes dunha proba.

Xa tiña decido saír amodo pois noto as pernas moi cansas. Efectivamente saio atrás coas nosas rapazas, pouco a pouco vou collendo ritmo. Fago o primeiro km en 4.04 o cal debe ser unha das miñas saídas máis lentas. Ben. Collo un grupo numeroso coa primeira muller. Teño a sensación que se me pegan por detrás. Antes do quilómetro dous póllome á par de Paco Sanmarco (que grande e en proceso de recuperación). Facemos xuntos outro quilómetro.

Hai moito sol e tamén moito vento. Comezo a ir so. Alguén ben por detrás e me pasa pero nunha das subidas se me queda. Tiramos cara Padrón. Máis vento e sol. Continúo so a ritmo de 4.05´´ Desde o primeiro quilometro xa non son adiantado por ninguén , vaia alguén me pasa pero adiantareino logo. Son as vantaxes de saír lento.

Tras deixar Padrón, síntome algo mellor, parece que vou collendo ritmo e baixando pulsacións. Os que teño diante cada metro semellan estar máis preto. Irei pasando a uns catro atestas aos que, seguindo co meu costume, animo para que se me enganchen. Despois de pasar o km 10  tiñamos que subir ata meta. Pero as duras subidas non aparecen. É unha pendente suave pero constante. Sorpréndome a min mesmo adiantando xente pois creo que vou canso e a ritmos superiores a 4.15´´.

Resultados: Distancia 14.210 metros, tempo 59.24´´, de 25 na xeral de 3º na categoría, a un ritmo de 4.11´´

Ducha con auga quente e entrega de trofeos. Debe ser a cerimonia no que mellor o pasei (non a máis emocionante pero si a máis divertida) O Club Atletismo Sada, literalmente, arrasou. Creo que subimos unha ducia de veces aos podio. E subimos todas e todos e en moitas categorías (algunha para esquecer, non si Montse). A salientar que fomos o club con máis participantes e que acadamos o segundo posto por club.


Non houbo callos. Directiva dimisión.

Fotos en carreira: Moses.

10/5/15

IX Carreira Pedestre Concello da Laracha


Semana con 57 km semanas e dúas sesión de ximnasio. Continúo nese chamado “período de descarga”, reducindo o volume e intensidade dos adestramentos en asfalto e aumento o tempo de ximnasio.

Cando algunha persoa benquerida te invita a correr no seu concello, facéndote a pelota para coñecer previamente un misterio (Soandres) con orixe no século IX e igrexa de feitura románica e cabeceira gótica, indo ademais acompañado por Pili… que facer? Pois cumprir.

Efectivamente, e con tempo suficiente para tirar unhas fotos en Soandres, partimos desde Montrove o vello trío. Non sen discusión para decidir onde aparcar, retiramos dorsais, toma un café (invitados polo lugareño) e fixemos algo de quecemento. Intres para compartir coa ducia de membros do CAS presentes na proba. Oportunidade para tirar unha foto do grupo (non estamos todos pero si somos todos os que estabamos) e para lembrar por onde anda-andivo a xentiña do club: no Trail do Río Lor (valentes, abofé) e no campionato da Estrada.

Na liña de saída comparto uns minutos con Jorge, do Castro de Lobariz, para poñérmonos ao día (esquezo activar o GPS). O percorrido son dúas voltas para facer 9,5 km.Trato de non saír moi rápido. Saúdo a Mario e fillos de Manuel Ferreira (menudo club de fans temos) e axiña cólleme Luis Hermida, do club, que cando pasamos o quilómetro dous dime que imos a 3.40´´ polo que decido baixar o ritmo. 



Sei que se non se adestra non se pode correr e que se mantivera ese ritmo o final seríame realmente duro. Pequena subida e na longa e pronunciada baixada, quédome so.


Desde o quilómetro tres, máis o menos, non me adiante ninguén e paso a un par de corredores. Vexo ao lonxe á xente da miña quinta (José Manuel e Julián). Vánse marchado. Falo da “quinta” posto que a categoría confeccionárona a partir de 40 anos… Subida en dirección ao núcleo da poboación. Fotos dos Mestre.

Iniciamos a segunda volta. Sempre so. Baixada, subida, baixada e subida final. Antes de iniciar a recta de meta comprobo como o club de fans encheu o asfalto cos nomes da xente de club. Estes rapaces son tremendos. Grazas.

Vexo cada vez máis preto a José Manuel e a Julián pero non son quen de collelos… sei que para facelo teño que estar “realmente fino”.



Resultados: Pili 40.45´´ de 104 e 1º na categoría a 4.18´´. Eu 36.49´´ (3.53´´) 38 de 391, 10 na categoría de m+40.

Fotos de Juan  e de Suka.

3/5/15

XII Carreira P.P. concello de O Pino


E para rematar este fin de semana, terceira proba en tres días “XII Carreira Pedestre Popular concello de O Pino”. Ben lembro como foi a do ano pasado e con que re-gusto amargo quedárame. Levamos tres días con previsións meteorolóxicas de moita auga mais venres e sábado non nos molláramos nada durante as probas atléticas. Hoxe semellaba imposible. Toda a noite chovendo mesmo ata que cheguei a Pedrouzo (O Pino) non deixou caer auga. So cando restaban uns quince minutos para o inicio da proba o ceo decidiu pechar as billas.

Fago pouco quecemento pois notaba as pernas realmente cansas. Saímos con algo de retraso e en dirección contraria ao ano pasado. Son uns centenares de metros costa abaixo onde moita xente me pasa. Cando iniciamos a primeira subida recupero algunhas posicións e axiña nos metemos polo Camiño de Santiago: fermoso traxecto pero… cheo de lama. Os corredores aínda imos moi agrupados polo que faise difícil escoller o mellor lugar onde pousar as zapas. Saímos todos realmente enlamados. Baixamos, subimos, asfalto e lama. O percorrido gústame un montón. 

Iniciando a segunda volta. Grazas pola foto, Florentino

Cambio moi pouco de posicións. Ao inicio da segunda volta dous rapaces (xa todos parécenme rapaces) pásanme pero na baixada enlamada os adianto. Pásame algún outro corredor pero tamén adianto algunhas posicións. A segunda volta fáiseme longa e dura.

Resultados:  31.51´´ e de 46 na xeral (280 en meta) e de 5º na categoría. O ano pasado fixera 31.35´´. A parte positiva é que tanto venres como o domingo entrei diante dalgunha persoa coa que tiña malas experiencias. Debo recoñecer que competir tres días seguidos non é bo: o venres o ritmo foi de 3.44´´, o sábado de 3.49´´ e o domingo de 3.56´´. Pero había que aproveitar a oportunidade.

Agora toca descansar e facer poucos quilómetros no mes de maio.

2/5/15

IV Carreira Solidaria: corre con Implicadas


Creo que é a primeira vez que compito dous días consecutivos pero as circunstancias son as que son e, neste caso, era, ademais unha acción solidaria pois A recadación resultante de cada inscrición irá destinada a apoiar e dar continuidade aos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas No Desenvolvemento ten na India: “ERRADICACIÓN DO INFANTICIDIO FEMININO” en Salem e “EMPODERAMENTO DE MULLERES II” en Tiruchy. Máis información: www.implicadas.net

Foi tamén a ocasión de compartir sensacións con grupo de mulleres de María e Raquel, moitas delas estrenándose unha carreira. É impresionante ese grupo de mulleres. Parabéns a todas.

O percorrido é por onde adestro moitas veces. Saída rápida e subindo ata As Galeras. Nos primeiros metros pásame moita xente pero xa á altura do INEF (500 metros) recupero posición. No primeiro quilómetro creo que debe ir de 15 aprox. Posición que case non modifico ata o remate (creo que so fago un adiantamento. Na primeira volta fago unha baixada ata Bastiagueiro rápida e cómoda con quilómetros por baixo de 3.50´´.
Rematando a primeira volta

Na segunda volta teño a sensación de que non fago a subida tan cómodo nin tampouco tan rápida a baixada… mais o datos contradinme.
Rematando a segunda volta

Resultados: 19,34´´, de 12 na xeral e de 2º na categoría (volveume gañar Fernando Pérez –oito anos máis novo ca min- que xa o fixera no Trail da Coruña).

O CAS volveu facer varios pódiums.

Grazas polas fotos Raquel e Alberto.

II Carreira P.P. Concello de Frades

Rematei abril con 314 km. Despois da marabillosa experiencia de Coruña-42, iniciei a recuperación das pernas con catro saídas na semana seguinte (43 km a ritmos moi suaves coa panda de Montrove e Pili). Na última semana de abril regresei ao ximnasio (tarefa para o mes de maio) e fixen un trote de 9 km (con 8x500 entre 1.47´´ e 1.42´´)

Debino a circunstancias familiares que non son para comentar públicamente, o venres pola tarde participei na

II Carreira Pedestre Popular Concello de Frades

Tiven que aparcar realmente lonxe da saída e comprobei a dureza dos dous primeiros quilómetros. A participación do CAS, coma sempre, numerosa. Quecemento suficiente e saída con retraso. Saio con Luís Pinedo. As douscentos primeiros metros son case plano e a partir de aí, tres quilómetros picando para arriba. Luís váiseme xa no primeiro quilómetro, que paso en 3.50´´. O segundo foi a 4.00´´. Desde o quilómetro 1 xa non me pasa ninguén e eu pasaría a uns cinco atletas ata o quilómetro 4.

Despois da longa subida, uns quilómetros mais o menos planos para logo facer outra subidiña na que collo a Luís. Tiramos xuntos  uns dous quilómetros e cando comeza a longa baixada vaime collendo metros. Vexo que non temos ninguén por diante a quen poidamos coller e que por detrás tampouco ninguén se nos achega. Son quilómetros nos que me sorprendo o rápido que tiramos, costa a baixo, iso si: 3.40´´, 3.30´´.



Resultados: 32.11´´ a un ritmo de 3.44´´ (que o diría), de 29º sobre 164 chegados á meta. De 2º na categoría. Sorprendido polo ritmo. O CAS acaparou premios: tres masculinos e catro femininos (tres individuais e outro polo mellor equipo). O equipo de homes é tan malo que non pasamos, supoñemos, do 4º posto.


Teño que recoñecer que foi un pracer ir ata Frades pola ilusión, cariño e esforzo que a organización puxo para o desenvolvemento da proba. Da gusto correr así.