17/5/15

I Carreira Pedestre Terra de Iria


O sábado pola parte, compartindo vehículo coa familia Papín,fomos ata Rois para participar na “I Carreira pedestre Terra de Iria” entre Dodro e Rois. O argumento para a participación eran uns excelentes callos que poderíamos degustar no postcarreira cun percorrido algo superior aos 14 km e cun perfil interesante:


Estas probas populares na súa primeira edición teñen o encanto do agarimo que pon a organización así como as peculiaridades típicas dun estreo: ausencias de baños na saída, atraso no inicio, cruces sen cortar, coches polo circuíto e entrega de trofeos na porta dunha igrexa… Nada que non se poda solucionar nas vindeiras edicións. Pero, insisto, o cariño da organización fai que estas “peculiaridades” sexan meras anécdotas.

Chegamos a Rois con tempo (outros non pois adiantaron uns minutos as probas dos cativos), retirada de dorsais e traslado en autobús ata Dodro onde ficamos abandonados nunhas brañas. Sería aquí a saída? Fago pouco quecemento. Mentres evacúo líquido observo preocupado o animal dun 15 centímetros e alongado que teño baixo os pes. Temos que agardar pola chegada dun segundo autobús así como, uns vinte minutos, pola ambulancia preceptiva. Son minutos de trote lixeiro e de estar sentado, cousa que nunca fixera antes dunha proba.

Xa tiña decido saír amodo pois noto as pernas moi cansas. Efectivamente saio atrás coas nosas rapazas, pouco a pouco vou collendo ritmo. Fago o primeiro km en 4.04 o cal debe ser unha das miñas saídas máis lentas. Ben. Collo un grupo numeroso coa primeira muller. Teño a sensación que se me pegan por detrás. Antes do quilómetro dous póllome á par de Paco Sanmarco (que grande e en proceso de recuperación). Facemos xuntos outro quilómetro.

Hai moito sol e tamén moito vento. Comezo a ir so. Alguén ben por detrás e me pasa pero nunha das subidas se me queda. Tiramos cara Padrón. Máis vento e sol. Continúo so a ritmo de 4.05´´ Desde o primeiro quilometro xa non son adiantado por ninguén , vaia alguén me pasa pero adiantareino logo. Son as vantaxes de saír lento.

Tras deixar Padrón, síntome algo mellor, parece que vou collendo ritmo e baixando pulsacións. Os que teño diante cada metro semellan estar máis preto. Irei pasando a uns catro atestas aos que, seguindo co meu costume, animo para que se me enganchen. Despois de pasar o km 10  tiñamos que subir ata meta. Pero as duras subidas non aparecen. É unha pendente suave pero constante. Sorpréndome a min mesmo adiantando xente pois creo que vou canso e a ritmos superiores a 4.15´´.

Resultados: Distancia 14.210 metros, tempo 59.24´´, de 25 na xeral de 3º na categoría, a un ritmo de 4.11´´

Ducha con auga quente e entrega de trofeos. Debe ser a cerimonia no que mellor o pasei (non a máis emocionante pero si a máis divertida) O Club Atletismo Sada, literalmente, arrasou. Creo que subimos unha ducia de veces aos podio. E subimos todas e todos e en moitas categorías (algunha para esquecer, non si Montse). A salientar que fomos o club con máis participantes e que acadamos o segundo posto por club.


Non houbo callos. Directiva dimisión.

Fotos en carreira: Moses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión