9/8/15

XXII Carreira a pé de Lira

Rematei xullo con 274 km e xa sen as molestias estomacais. Son moitos quilómetros pois estiven unha semana facendo a dura vida do turista sen zapatillas para trotar. Comecei agosto en moi boa compaña, facendo tiradas por Louro. Como tirada longa so houbo unha de 15 km, mais polo monte. Tocará axiña iniciar as sesións de series polo Burgo. Nesta semana saíron un total de 79 km.

O sábado pola tarde participei na tradicional

 

Esta é unha desas probas realmente popular: sen chip, dáse a saída a viva voz e cando se pode (non cando estaba previsto), hai sardiñada ao rematar… Vamos todo un luxo. Hai que recoñecer o bo traballo da A.C. A Canle de Lira.

No período de quecemento é tempo de saudar aos amigos, especialmente aos que vexo só no verán. Tamén é o momento de “recuperar” a medalla acreditativa do 3º posto da carreira das Areas de Carnota de agosto de 2014. Todo un ano no coche do gran Quique (o meu heroe pois este ano fixo a Transvulcania). Uns minutos co club de fans (a familia ao completo) e xa listos para iniciar a subida. Igualmente hai que tirar fotos coa xentiña de Louro: Ángel, David, Guille, José Luis, Mar…

A proba ten un percorrido moi peculiar pois sáese nun piñeiral costa arriba sobre un chan de área e arume, logo veñen uns metros en asfalto con curvas perigosas e escaleiras que case non son visibles e despois uns quilómetros moi fermosos en paralelo á costa. Mais este ano a visión foi triste… alá, sobre o horizonte víase lume sobre o faro de Corrubedo. O percorrido remata regresando polo asfalto a Lira e un quebra-pernas absoluto pola aldea ata baixar á Praia de Mar de Lira, punto de saída.

Na liña de saída coloqueime diante posto que había moitos fotógrafos da familia. Tamén fixen os primeiros metros ben rápidos para darlles traballo. Unha vez que deixamos de subir, toda a rapazada da proba empeñouse en adiantarme. Paso o primeiro quilómetro a 4.02´´ (imaxinade a dureza dos primeiros metros). A mediados do segundo quilómetro aínda me pasan dous corredores. Cando imos polo camiño de terra, á beira do mar, vou detrás dun grupo numeroso. Estou uns centos de metros collendo ben o ritmo e pensando se me deixo caer para ir máis segundo sabendo ben onde pisar ou ben forzar e pasalos. Que credes que fixen? Pois claro, nun calentón pasei a cinco de golpe.

No momento de dar a volta, collín auga (creo que nunca o fixera) e comprobo a situación da carreira. Teño detrás a un grupo numeroso e, fíxome, especialmente, en Baltasar. Cólleme as costas nestes metros de terra. Probablemente sexan os metros máis fermosos polos que se poida correr: o mar á esquerda, o monte á dereita e, alá no horizonte o sol deixándose caer sobre Fisterra…

No asfalto Baltasar vai pegado, especialmente cando comeza a subida duns cincocentos metros. Baixamos o ritmo pero ninguén nos pasa. Ao rematar a subida, o muradán ponse diante e anímame a tirar. Aguanto detrás del malamente pero insiste en irmos xuntos. Por fin, e ante a miña insistencia, márchase coma un foguete.

É case un quilómetro por Lira, subindo, baixando, con curvas moi pechadas. Unha tolemia. Entrando no derradeiro quilómetro, cólleme a primeira rapaza (Rocío) Cóntolle como son os metros que faltan e no momento que se inicia a dura baixada, dígolle que force. Por detrás teño a un rapaz moi novo que é moi animado polo veciños. Sorprendentemente na baixada non é quen de adiantarme.


Resultado (provisionais): 29.37´´ a 4.02´´ nos 7.360 metros, facendo meta na posición 21 (coma o ano pasado pero con vinte segundos menos) e na categoría, creo, de 2º detrás de José Suárez.

1 comentario:

  1. É Ben bonita esta carreira, e ben contada, case que da gana de facela, un ano destes :)

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión