20/12/15

I Carreira Nocturna Sada 2015-Cruz Vermella


Despois da Media da Volta á Ría descansei uns días pois un xemelgo estivo protestando. O venres, despois dunha sesión dunha hora no ximnasio de fitpower,  participei na I Carreira Nocturna de Sada. Dous feitos a salientar: a capacidade do club de mobilizar a tantas familias (espectacular ver aos cativos e cativas facendo deporte) e a marabillosa visión de rúas ateigadas de mulleres facendo o quecemento previo a unha carreira. Sen dúbida froito do traballo e da motivación das fantásticas adestradoras María e Raquel. Por certo, ao rematar a proba o presi comentaba que probablemente sexa a primeira proba mixta na que a porcentaxe de mulleres participante moi semellante á dos homes. Todo (TODO) o recadado foi para á Cruz Vermella, case 2.000 euros.

A proba... como todas ultimamente. Saio ben, corro ben pero fago malos tempos. Vin correr diante miña a moitos amigos que habitualmente non o fan. Mesmo Julio deixoume a uns metros da meta acadando el o terceiro posto na categoría pero a miña “vinganza” foi a de recoller a medalla do segundo (grande Alfonso) e subirme ao caixón con Pili. A carreira fíxena moi regular soportando moi ben que me foran pasando outros corredores. A ventaxe de correr na casa é que foron permanentes os ánimos dos membros do club que non participaron na proba.


Resultados: fago meta de 33 (de 261) e 4º cat. con 18.33´´ a 3.42´´ o quilómetro.

Sábado: cea do club con outras 130 persoas. Como medrou a gran familia do CAS en tan so cinco anos. Xa somos máis de 1.200. Impresionante. Xa van máis de 30.000 entregados a ONGs para causas solidarias. Debe ser que alguén está a facer as cousas ben.


Domingo regresamos á normalidade, 22 km con Pili. Total de quilómetros semanais: 50.

13/12/15

XXX Volta á Ría. Ferrol: Como son as nosas compañeiras

Terceira semana consecutiva sen molestias con 50, 73 e 70 km respectivamente. Como os nosos gandeiros decidiron ocupar as rúas Lugo en defensa das súas xustas reivindicacións, Pili e máis eu decidímonos a participar na Media de Ferrol coa idea de comprobar o nosos penosos estados de forma e ter unha referencia sobre a que ir mellorando mes a mes. Para min correr en Ferrolterra é coma correr na casa posto que é facelo entre moitos amigos.


Acompañounos Jesús na viaxe. Chegamos con algo máis dunha hora de antelación pensando en ter tempo de retirar os dorsais, tomar un café e facer o quecemento. Mais non foi posible. Coma no ano anterior perdemos moito tempo na retirada de dorsais e case non tivemos tempo para o quecemento. Jesús tiña que atopar a Vanessa para tratar de acompañala e de poñerlle un bo ritmo. A nosa “fuguilla” non daba aparecido. Non tivemos tempo para entrar na foto do club.



Na liña de saída estou con Toni. Decide vir comigo (pobre rapaz… non sabe que o avó xa non está nin para facer de lebre)

O retraso na saída debeu ser de só uns cinco minutos. Fixemos un primeiro quilómetro moi por baixo dos 4 minutos pero xa a primeira costa obrigounos a baixar o ritmo. 

Pronto collemos ritmos sobre os 4.00´´-4.05´´, a non ser que as permanentes subidas nos obrigaran a baixalos. Díxenlle varias veces a Toni que se marchara que eu non tiña ritmo pero decidiu quedar comigo todo o tempo que o asfalto nos permitira. Imos cómodos pola Estrada de Castela, subindo e baixando.


Despois da gran subida na saída de Xubia e chegado o km 10, dígolle ao meu colega que vamos para entrar xa en 1.26´. A idea que manteño na cabeza é de tratar de forzar algo nas baixadas e mellorar as funestas previsións. Baixamos por Fene, cruzamos a ponte das Pías. Creo que paga a pena facer esta proba tan só por gozar destes dous quilómetros sobre a ría.


Na saída da ponte atópase o km 15 e a subida da que gardaba mala lembranza do ano pasado. Segundo o cruzamos ese punto quilométrico e a pesar dos ánimos de Toni, a quen continuei insistindo para que se fora…, empezo a quedarme. Non creo que Toni se fora senón que fun eu o que se quedou. Agora tocáballe traballar á cabeciña e fíxoo ben. Paso dous quilómetros malos (4.15´´) pero no derradeiro teño folgos para subir o ritmo (3.51´´) e forzar.



Tras cruzar a meta vexo á muller máis feliz do mundo, a superwoman Vanessa: na súa primeira media xa fixo 1.20.55´´, gañando a proba.

Resultados: Pili entra en 1.36.38´´, na súa zona de confort. Eu fago meta en 1.26.28´´, empeorando o tempo da pasada VIg-Bay. De 86 sobre 962 e de 11 na categoría. Entrei sen molestias, coas pernas cansas pero volvendo a esnaquizar o crono por baixo. Agardo que de aquí só se pode mellorar pois gañas e asfalto aínda non me faltan.


Parágrafo aparte merecen as donas do club. Son a “caña”. Entre as oito primeiras, catro do CAS e as catro pódiums nas súas categorías. É unha honra adestrar con todas elas.

Foto en carreira de JMDobarro e de Lobeiras.