7/10/18

XII Coruña-10: mellorando o ritmo


A Coruña-10 é sen dúbida unha proba especial para min. Nunca foi o obxectivo da tempada, nunca foi a máis importante, sempre estivo ben ao inicio ou ben no medio de algo. Pero ten un aquel especial. Nesta ocasión, volver pisar o asfalto coruñés sen preocupacións polas lesións. 

En abril do 2016 foi a última vez que fixen esta distancia na Coruña (39.12´´) xa en fase de abandono, en outubro do 2015 tivera que abandonala (do máis de centenar de probas nas que participei só abandonei en tres e dúas foron na Coru, neno) e no 2014 (que ano!!!) fixera 37.01.

Pois ben no 2018, con so sete semanas de adestramentos, sen molestias, sen medo á lesión, volvina facer. Dez mil metros pola Coruña. LUME.

NOTA: Hai cousas que non cambiaron desde a miña anterior época de “atleta”: a entrega de dorsais no Corte Inglés continúa a ser a peor das que coñezo, e mirade que coñecín. Hai probas con máis de dez mil participantes (maratonas de Madrid ou Barcelona) ou incluso de vinte mil (Behobia-San Sebastián) nas que os dorsais son entregados con máis prontitude. Pois na Coruña10 tiven que agardar 40 minutos. Alucinante.

Semana con poucos quilómetros ao igual que tamén serán poucos na vindeira. Como temos un club moi “apurao” hai que madrugar para tirar a foto conxunta ás 9.10.  Os e as que se retrasaron uns segundos, non saíron.

Quecemento escaso con Lina, Adri, Félix.. Agardo no caixón de saída con Lina e Rober. Non vemos nin a Jesús nin a Nati.

A idea inicial é saír cómodo buscando sensacións e logo forzar o que se poda. Saímos bordeando o estadio de Riazor, vou polo lado máis lento sen molestar aos que nos adiantan. A sorpresa é ver que o primeiro km saíu a 3.48´´. De verdade que ía cómodo pero decidín baixar algo o ritmo. Perdo a Rober. No segundo km toca subir ata o Milenium: 3.57´´. Xa me van pasando menos corredores. Desde que imos pola contra-meta creo que practicamente non me adiantou ninguén máis ata a liña de meta. Collo a Javier do club, quen anda a pensar máis en Porto que na Coruña, e facemos tres kms xuntos.


Ánimo de toda a xentiña do CAS (Montse, María Luisa, Mario…). Pero que grande son. Fotos de Fran (está en todas e sempre sacándonos o lado bo). No avituallamento do km 5 acelero algo para non molestar e non ser molestado collendo auga e perdo a Javier. Xa imos en dirección á rotonda da Torre. Vexo na beirarrúa ao mestre Bernando, atraveso toda a estrada para chocar a man. Canto tempo sen velo en competición! Que ledicia!. Sae o km máis lento 4.06 pero remata con ánimos personalizado de Iago que andaba a facer a súa tirada longa pensando en Valencia.

Vou pasando xente con kms a 3.55´´, 3.53´´, 3.57´´. Sorpréndome as forzas que aínda teño. Cando so faltan dous mil metros decido que hai que baleirarse, que hai que dalo todo, que hai que coñecer o estado de forma despois de sete semanas de adestramentos. Van ser os dous kms máis rápidos, 3.47´´ e faltando uns 1.500 metros vexo diante a Inés. 


Grazas, de novo, Fran polas fotos.

De novo ánimos personalizados desde a beirarrúa e novo cambio de ritmo. Esprint de mil metros a 3.37´´, a subida a meta faise dura. Vexo unha sombra que se achega por detrás. Alguén adiántame na liña de meta.

Falo con Inés. Afrouxou algo no final. Está preocupada por unha posible lesión. Eu entro feliz.

Resultados: 39.45´´ (neto 39.37´´) de 260 sobre 3.081 chegados a meta e de 19 na categoría.

Non hai restos da lesión da cadeira.