25/11/18

VII Media Maratón de Vilagarcía: correndo en pelotón



Hai xa tres meses que adestro, e sen molestias. Tempo dabondo para probar como o corpiño vai asimilando os quilómetros nunha media maratona. Ademais desde había demasiados meses que non gozaba no asfalto desta marabillosa distancia. As lembranzas das últimas participación están asociadas á lesión (media de Porto en setembro 2016, ou a dos 21 do Camiño de xuño do 2016, as dúas cunha marca de 1.32´). A cabeciña e o corpo estaban rabeando por regresar a esta distancia.


Levando de taxista a Luís e con Nati e Jesús tamén en Vilagarcía, tomamos un café e fixemos algo, pouco, quecemento. Atopeime con Jose, un veciño recén atrapado polo asfalto que ía estrearse na media. Tempo húmido e frío (6 graos). 
Pequeno quecementos para matar a friaxe

O obxectivo era coñecer o estado de forma e buscar, de novo, sensacións, tratando de baixar de 1.27´ aínda que buscaría de saída o ritmo de 4´/km, é dicir por baixo de 1.25´. Tempo para saudar a amigos do asfalto, Bernardo, Moncho de Pelegrino, Baltasar... Que ledicia volver velos.

Luís, que leva unhas semanas sen atoparse moi ben, decide que tamén tratará de aproveitar a lebre que dispón a organización para 1.24´. Pequeno incidente antes de saír: un compañeiro ten un mareo e foi retirado en ambulancia (parece que todo está ben). Saímos lonxe do globo que nos marcaría o ritmo, imos por el, facendo o primeiro quilómetro en 3.51´´. 
A douscentos metros da saída

Fórmase un pelotón realmente numeroso, en torno a trinta atletas. Faremos case todos os quilómetros entre 3.51 e 3.58´´. No quilómetro cinco, nun cambio de sentido en Vilaxoán, vemos a Nati e Jesús moi diante, mesmo por baixo do globo de 1.30. Son quilómetros pegados á costa. Imos cara a Carril, regresando por Vilagarcía onde hai bastante xente animando. 

Rodamos en pelotón, eu bastante atrás pensando que hai anos iría sempre diante, dando a cara e agora, vou conservando, tapándome do escaso vento, aproveitándome do ritmo moi constante da lebre. Comprobando constantemente o ritmo de cada quilómetro. Cousas da idade.

Ata este primeiro paso  por Vilagarcía teño a sensación que vou alto de pulsacións de máis pero vou cómodo tratando de prepararen a cabeciña para cando teña que sufrir pois sei que haberá que sufrir. 
Primeiro paso por Vilagarcia. Á cola do numeroso pelotón


Luís que xa me adiantara que non ía cómodo, a partir do dez quere quedarse. Descólgome do pelotón e ofrézolle compartir o xel que levaba. Pídeme que regrese con grupo e déixoo detrás.

O pelotón vai minguando en número de unidades. Pero aínda vou cómodo con eles. Sempre detrás. Cando damos a segunda volta en Vilaxoán vou convencido de entrar con ese globo. Vou dando ordes á cabeciña de que hai que aguantar. Vexo aínda moi preto a Luís. Berro de ánimo. Vou pensando en positivo. Pensando nos meses parado e que hoxe estou de novo gozando dos quilómetros.

A medida que nos imos achegando a Vilagarcía vou caendo ata a cola do grupo. Téñoo a man pero xa vou a dous metros de quen pecha o reducido grupo (seis-oito). Na tirada ata Carril non deixo que o grupo se me marche e engánchome a outro descolgado. A pesar de todo o quilómetro 15 sae en 3.53´´, o 16 en 4.02´´ pero de novo o 17 e o 18 por baixo dos catro minutos. O xemelgo dereito vaise cargando e noto estrana a pisada dese pé. O 19 fáiseme logo de máis e vou en solitario (4.02´´). En solitario pero moi contento porque vou facendo uns ritmos que cría non poder ter. Os metros ata chegar ao km 20 fánseme realmente longos (4.02´´) e desde entón trato de subir ritmo, coller de novo ao compañeiro co que fixera os últimos quilómetros e achegarme case ata o globo. Último quilómetro en 3.54´´.

Entro en meta cunha tremenda cara de felicidade ou de estupidez.



Quédome na barreira de meta para animar a Bernardo e sobre todo a Luís. Vou trotando en sentido contrario á carreira para animar desde lonxe a Nati. Foi perdendo postos na clasificación de mulleres, para entrar en meta de 5ª pero subindo ao caixón por categoría.

Resultado: 102 de 407, 3º de categoría 1.24.11 a 3.59´´. Cando chegamos á meta a organización publicou uns resultados sendo 5º de categoría. Championchip publica 3º. Pero non hai trofeo que substitúa a felicidade por regresar a esta distancia.

Regreso con outro taxista. Jose (estrea fantástica na distancia, parabéns)

2 comentarios:

  1. Un placer estrenarme en una media maratón compartiendo kms contigo e intentando seguirte, aunque espero invertir esta situación algún día compañero.jajaja

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión