14/12/19

V Carreira Nocturna de Sada: actualizando


Desde A Coruña-10 as cousas non foron ben. As novas zapatillas causaron tres graves problemas nas unllas das dedas dos pes.  Un músculo pequeno e ben raro (o plantar) na parte traseira do xeonllo esquerdo inflámase con moita facilidade. Un catarro dunha semana. Unha lumbalxia doutra. Vamos que teño a sensación de que cada quince días volvo comezar a temporada.

En agosto, tratando de comprobar que os músculos estaban ben, rodei 235 km, en setembro 160, en outubro 220 pero en novembro só 134.

Case por compromiso participei na V Nocturna de Sada (participara no 2015 na súa primeira edición a un ritmo de 3.42´´/km) As previsións climatolóxica era bastante negativas: moito vento e alta probalidades de chuvia. Como xa non estou afeio a isto de ir ás carreiras, saín da casa cunha bolsa chea de roupa de todo tipo: camisetas térmica, sen mangas, con mangas, chuvasqueiro, polar…

Fixen o quecemento todo vestido e abrigado cos compañeiros de adestramentos (Noe, Inés, Antonio, Fernando...) no INEF. Pasei calor polo que decidín correr só coa camiseta de competición.

Na liña de saída charla coa panda de veteranos cheos de doenzas e recuperacións (Segis… Toni…)

Saída con prudencia pois o chan estaba mollado e ligamos varias curvas seguidas. Deixo que me pasen por todos lados. En progresión, paso a Nati e a Lina. Rematando o primeiro quilómetro comezo a pasar xente, tamén a Inés. O primeiro km saíu a 3.49´´. Penso que non está mal despois de tanta prudencia en todas as curvas (a única caída que tiven en competición fora nunha nocturna de Ferrol, tamén co chan mollado).

Despois collo a Noelia. De cando en vez paso a alguén. O segundo km sae a 3.51´´ igual que o terceiro. Vou contento. Manteño o ritmo. Non lembraba que tiñamos que facer outra pequena volta cara a atrás pero trato de non desmotivarme. Coma sempre, animo aos coñecidos e coñecidas así como a os voluntarios e voluntarias que coidan de nós. Desde o segundo quilómetro noto unhas respiracións pegadas ás miñas costas. Adiantaranme no inicio do último quilómetro, onde o ritmo baixa a 3.59´´. Non forzo demasiado nos últimos metros porque non vexo a ninguén por detrás aínda que Juan Carlos case me colle.

Resultados: 20.38´´ nos 5.250 metros a 3.55´´, de 43 sobre 244 chegados á meta e de 8º na categoría (+45), Remato contento. Sei que é cuestión de constancia, de traballo con series. Mentres o corpo aguante a cabeciña ordea non parar.

E ao rematar a foto (sen posado, segundo Noe):

Sobre a organización: non serei parcial. O Club Atletismo Sada é moito máis ca un club. É unha familia cun altísimo grado de conciencia social, solidariedade e voluntariado. Todo un exemplo. Grazas.