19/8/19

XXVIII Carreira das Areas en Carnota: grazas

No que levamos de mes levo uns 120 km trotatados a pesares de que os seis primeiros días estiveron gardados para a marcha ciclo-turista a Ferrol-terra.

Sen dúbida o mellor de facer deporte ao aire libre é poder compartir tempo, quilómetros, espectativas e ilusións con amigos e amigas e diso teño poucos pero ben bos. Os primeiros quilómetros de mes foron con dona Pilar (admiración pura) e o últimos, xa en Louro, con Iago (agradecemento eterno). Tamén moi agradecido á xentiña do Club de Atletismo Sada que con sorprendente interese preguntaron pola miña progresión. E aínda máis, como non agradecer o agasallo de Fer (dous maillots do Gran Fondo Andorra)? Grazas.

Visto o estado de forma e de quilómetros, decidín, tras nove meses, poñer un dorsal e participar na XXVIII edición da Carreira das Areas de Carnota. A miña preferida, por ser unha das miñas primeiras carreiras  e que máis veces fixen.

Iago decidiu facela comigo e eu comentei que a idea era facela de menos a máis saíndo case de último para gozar da proba. Correr con Iago é coma correr cun irmán pequeno que día a día faite ser consciente de que ti es o maior mentres que el día a día vai sendo mellor deportista.
O trío de Louro


Tras ver a saía e a chegada da carreira dos tres quilómetros onde dona Laura corre o que non adestra, preparámonos, cun quecemento comedido, xuntos, para a miña primeira competición en nove meses.

Saímos atrás e costa arriba pasando xente sen présa. 

Ao iniciar a baixada cara á praia, aumentamos algo o ritmo (4.26´´ o primeiro km) e case sen decatarnos facemos o segundo aínda máis rápido (4.13´´). Dígolle ao colega que podemos ir máis lento, gardando, gardando. Xa á altura da pasarela á praia aparece un dron (de quen será?) que vainos acompañar en bastantes momentos.





Desde a saída imos adiantando xente. Na praia, en dirección Maceiras, imos pendente tanto da liña a seguir (área máis dura ou camiño máis curto?) como das persoas que adiantamos que, loxicamente, cada vez son menos. Imos con vento a favor a 4.20´´-4.22´´. No xiro para cambiar o sentido da marcha comprobo a ollo en que posición vou na categoría (+50). Calculo que irei de 5 para miña, agradábel, sorpresa.

Ao dar a volta, danos o vento na cara cunha forza que non sospeitábamos cando o levábamos a favor. Pídolle a Iago que me adiante, que para algo lle pago, e póñome ao seu rebufo. 



Continuamos adiantando xente (tan so dúas persoas nos pasaron en toda a proba e foron dos adiantados na segunda metade) e dicíndolles que se pegaran ás nosas costas. Iago vai facendo de líder do reducido pelotón. Creo que pasamos a dous compañeiros da miña categoría.

O dron perséguenos. Na metade da volta o club de fans anima e tira algunhas fotos.
Iago marcando o ritmo do noso pelotón


Na segunda parte da tirada cara Boca do Río teño que dicirlle a Iago que baixe o ritmo nun par de ocasións ademais. Ista rapaz vai coma unha moto. É a parte onde hai máis pozas, auga e a área está en peores condicións. 4.29´´ e 4.52´´.


Ao dar a volta en Boca do Río notamos, de novo, o vento a favor. O ritmo sobe a 4.37´´ e 4.35´´. 

Saímos da praia e continuamos pasando xente. 

No asfalto tratamos de forzar un pouco máis a pesares de que imos subindo. 





Saudando á xente importante


Adiantamos e defendemos as nosas posicións. Toca sofrir, subir pulsacións, levar ao corpo ata a agonía. O ritmo do derradeiro km está moi preto do 4.10´´.

Facemos meta tratando de que Iago pase diante. Entramos da man.











Resultado: 44.26´´ a 4.28 km. De 45 e de 46 na clasificación absoluta sobre un total de 266 chegados. Moi contento e moi agradecido a Iago. Sorprendentemente 3º da categoría. É o meu peor ritmo nesta proba pero feliz de poder participar e máis detrás de todo un maratoniano como é Iago.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión