Hai algún tempo escribín algo sobre Vanessa. Hoxe, lémbrome
especialmente dela de novo. No final deste texto está o motivo.
Introdución médico-deportiva
Tras varias visitas ao fisio, Hugo insísteme que todo vai
moi ben e que non debo facerlle caso ás miñas molestias. Teima na idea de que
debo trotar varios días á semana. As miñas molestias dinme que non, pero como
lle fago caso á quen lle pago, fun trotar. Corrín sempre con molestias e
especialmente polas noites. Mentres, sigo dándolle á bici.
Nunha das saídas na bici, Álvaro comentoume que xa estaba
anotado no Gran Fondo Ézaro cos seus fillos e algún achegado. Van facer a curta 78 kms, a longa, de 140 quedará para outra ocasión. Axiña inscribinme eu tamén
como xeito de obrigarme a faceren quilómetros coa bici, a saíren da casa, a
esquecer a operación da cadeira.
Foron dous meses de gozar dos quilómetros e de padecer a subida a Santa Leocadia en
Arteixo. Mesmo un día fun facer parte do percorrido da proba para coñecer a
subida ao porto de terceira, así como a súa perigosa baixada, e tratar de subir
ata o miradoiro de Ézaro onde estaría situada a meta.
Na semana anterior, revisión co traumatólogo. Confirma que
fixo un traballo marabilloso na miña desfeita cadeira, que as molestias son
normais e que poden durar aínda meses. Mais insiste na idea de que está ben
saír a trotar en días alternos. Saio da súa consulta cabreado (nin me tocou, só
falamos) e aliviado pois semella que todo vai ben e que non falta moito para o
regreso ao asfalto.
Haberá xa dous anos desde a última vez que participara nunha
proba deportiva. Sensacións estrañas, case de novato. Será a miña primeira
marcha ciclo-turista. Como se roda en pelotón? Como se evitan os "latigazos"? Como se controla o ritmo na proba? Como se coloca un dorsal na bici? E no maillot?
As expectativas eran, hai meses, rodar a 22 km/hora para non
seren eliminado da proba. Rodar con calma ata Muxía e sempre gardando forzas
para tratar de subir os 1.800 metros que levan ata o Miradoiro de Ézaro. Toda a
semana anterior a gorxa foi poñéndose peor, mesmo o sábado pasei por unha
farmacia. Vou perdendo a voz. A alerxia está gozando no meu corpo.
Agardábase un día de sol e calor así como de moito vento
pero chegando a Ézaro as nubes están baixando e, mesmo nalgún momento, ameazarán
con chuvia. Do vento prefiro non dicir nada.
O día da proba, cheguei con tempo (hai costumes que non
cambian) e puiden compartir uns minutos con don Ángel Nieto.
Apuntamento persoal: os verán téñoos unidos a dúas persoas e a dous deportes, unha é Angel
Carracedo e o seu trote pola nosa praia e a outra é Angel Nieto coa súa
bicicleta.
Logo xa aparece Álvaro e familia.
En canto o pelotón se move
un chisco xa me poño ao carón do grupiño de Montrove. A miña intención é de
aprender e gozar. O primeiro quilómetro é para iren con moito coidado e
evitaren as caídas. E xa comezamos a subir os tres quilómetros de Gures.
Segundo a organización, iremos en pelotón controlado a 22
km/hora ata Muxía pero vexo como na subida a xente tira e tira. Por atrás
cólleme Gus, o meu monitor preferido do bike no ximnasio (case podería chamarte
míster resistencia 4, pois de 5 é a súa preferida para machacarnos). Non miro
para atrás e voume con Gus e o seu grupo do Triatlón Coruña. Cando chegamos á
cume tampouco se para e iniciamos unha curta e rápida baixada. Vou cos músculos
algo cargados por subir rápido de máis pero, xa sabedes como son. Non vou lento
nin para o baño.
Confeso que quero aprenden a ir en pelotón e teño certos
reparos nas baixada en grupo. Gus gáñame uns metros. Na entrada en Cee vou con Pablo (tamén do
Triatlón Coruña e compañeiro do ximnasio e de moitas carreiras) Na saída de Cee
non damos collido ao grupo de Gus e pouco tempo despois perdo tamén a Pablo.
En dirección Muxía o tempo vai empeorando e case vai frío.
Vemos o primeiro compañeiro caído. Xa están as asistencias onda el. A cabeciña
dinme que vai con sentidiño. Trato de ir sempre por onde teña visión máis alá
de dous metros. Aínda que o pelotón vai estiradísimo non quero ir moi pegado a
ninguén. O percorrido é un quebra-pernas
total. Segundo compañeiro caído e tamén coas asistencias. En ningún caso
semellaba grave. Como a primeira barriña. Vou bebendo con regularidade.
Vemos as obras do novo parador de Muxía e xente que está a facer a
andaina da Ruta dos Faros. Antes de entrar en Muxía comprobo que a media é de 27
km/hora. Non sei se serei un suicida, se as pernas aguantarán. Pero que lle
imos facer, un é coma é.
Chegada a Muxía:
Chegada a Muxía:
Na entrada de Muxía, todos evacuamos líquido. Hai un parón
xeralizado no avituallamento. Non collo líquido tan só un anaco de plátano.Tiro
unha foto con Gus.
Saio co grupo de Gus e do Trialtlón Coruña. Anímame para
tratar de ir con eles e así o fago. Tomo o primeiro xel. Nada máis saír de Muxía comezamos subir
(hai que gañar uns 400 metros de altitude nuns 25 kms) Na primeira subida
longa, o grupiño báixeme pero vou a carón doutro que tamén vai facer a Curta.
Na baixada quedo incorporado ao grupo para bastantes kms. Son minutos de
aprendizaxe, de observar cando cambian, o seu desarrollo, de ver cando beben e
cando comen.
Cando cruzamos a estrada de Coruña-Cee, ía eu comendo, o
grupo váiseme de novo pero como as pernas xa van quentiñas, achégome de novo
onda el. Por fin, iniciamos a subida ata Ferro Atlántica. Sorpresas te da la
vida!!! Durante os quilómetros de subida a este porto de terceira funme
concentrando en contar a canta xente adiantamos, a uns trinta compañeiros e
compañeiras. Que mo ía dicir a min. Eu
adiantando na subida!!!
Tras coroar, iniciamos o perigoso descenso e todos e todas
aqueles que adiantara, pásanme. Por que non darei baixado mellor? Medo? Prudencia?
Falta de técnica? Ben certo é que adiantoume xente con máis quilos pero tamén
xente con menos ca min. Tomo nota. Hai que mellorar nas baixada. O prato de 50 dentes será insuficiente ou haberá que poñer un de 52?
Cruce en Cee para
iren en dirección a Ézaro. Tiña a intención de facer estes quilómetros que faltaban con calma
para tomar outro xel, comer, beber e relaxar os músculos antes da subida final.
Pero… como saberes xa, na subida a Gures, de novo, vou pasando xente e na
baixada a Ézaro xa non me adiantan tantos. A media volve estar nos 27 km/hora.
Debido ao forte vento, moita xente que estaba inscrita na
proba longa, abandona a idea e fai a curta. As rachas do nordés son realmente
perigosas.
Cando facemos o cruce para o Ézaro e deixamos aos que van
facer a longa, hai un cambio de ritmo tremendo. Todo o mundo vai amodiño,
relaxando pernas, gardando forzas. Na miña idea estaba chegar a pé de porto ás
12.00 e resulta que son as 11.44 cando ademais saíramos con uns cinco minutos
de retraso.
A subida final
Inícioa gardando dous piñóns. Nos primeiros cen metros xa me
adiantan uns catro ciclistas. Mal comezamos penso… e deixei de pensar. So hai
que dar pedais. Axiña comezo ir dun lado a outro da estreita estrada aínda
que pendente de non molestar a alguén que
veña por detrás máis rápido ca min. Non vou contando as curvas. Non vou
pendente dos metros realizados. Tan so de dar outra pedalada máis, e outra, e
outra ata que por fin chega o formigón.
Inicialmente pensara que sería boa idea facer o tramiño de
formigón a pé para logo volver subirme á bici pero, como a cabezón gáñanme
poucos, decidín que o meu 34x28 ben podería co formigón.
Levanto a cabeza, vexo a curva do 30% de desnivel. Sen
pensar e para arriba.
Da miña gorxa saen ruídos onomatopeicos para traspasar
todo o esforzo a sons. Son coma unha especie de bufidos para descargar a
adrenalina e darme ánimo. Continuo de lado a lado e case atropelo a Teresa, esa
heroína que pasou tempo e tempo para tirar unhas fotos. Dame un berro de ánimo
personalizado. Non llo podo responder con cariño. Gravoume este pequeno vídeo
onde, efectivamente o de azul e branco son eu:
Continúo bufando e berrando LUME. Levanto un intre a mirada
para saber o que ven. Unha tolemia de desnivel, sen pensar continuo dando
pedais. A agonía en estado puro. Un mareo dun segundo. O corazón na boca.
A roda dianteira separouse varias veces do asfalto.
Conciénciome de que teño que ter coidado.
Sabía que tras o formigón aínda quedaba un treito realmente
duro. De lado a lado. Cando faltan 550 metros os isquios e o xemelgo da perna
dereita ameazan con contracturarse. Doulles un respiro e pedaleo case so coa
esquerda. Practicamente non me adiantara ninguén desde os primeiros metros da
subida pero agora noto que levo un bo grupiño pegado. Xa sei que non baixarei da bici ata cruzar a meta. Mágoa de non poder forzar máis. Non fago ademán de
defender a posición, chégame con seguir subindo. Pásanme varios e paso a algún.
Vamos sendo moi animados. Póñome guapo para as fotos (as gafas quiteinas antes
de iniciar a subida). Cada vez que vexo un fotógrafo, peitéome e busco un
sorriso na faciana.
Na liña de meta deixo pasar a don Marino Lejarreta.
Sensación de orgullo pola proba realizada e pola última
subida. As pernas sempre trataron ben á cabeciña.
Medalla. Foto con don Mariño.
Un Powerarde de penalti. Un
plátano. Un saúdo moi agarimoso con Baltasar (colega muradán das carreiras de
asfalto).
Inicio a baixada dando ánimos aos que veñen subido. Vou ata
onde está Teresa para agardar pola súa familia. Foise poñer no lugar máis duro.
Dámonos un gran bico. Moitísimas grazas Teresa polos ánimos. Vemos como veñen
subindo moitos pero cada vez hai máis xente que fai camiñando o tramo de formigón.
Non podo agardar máis e tiro para Louro, deixando a Teresa en espera.
Resultados: 87 de 342, en 3.10,39´´. A subida ao Miradoiro
foi en en 17.00´´, posto da subida 109.
Como ves, Vanessiña, Nunca choveu que non escapara!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas por deixarme a túa opinión