Rematei
xullo con 274 km e xa sen as molestias estomacais. Son moitos quilómetros pois
estiven unha semana facendo a dura vida do turista sen zapatillas para trotar.
Comecei agosto en moi boa compaña, facendo tiradas por Louro. Como tirada longa
so houbo unha de 15 km, mais polo monte. Tocará axiña iniciar as sesións de
series polo Burgo. Nesta semana saíron un total de 79 km.
O
sábado pola tarde participei na tradicional
Esta é
unha desas probas realmente popular: sen chip, dáse a saída a viva voz e cando
se pode (non cando estaba previsto), hai sardiñada ao rematar… Vamos todo un
luxo. Hai que recoñecer o bo traballo da A.C. A Canle de Lira.
No
período de quecemento é tempo de saudar aos amigos, especialmente aos que vexo
só no verán. Tamén é o momento de “recuperar” a medalla acreditativa do 3º
posto da carreira das Areas de Carnota de agosto de 2014. Todo un ano no coche
do gran Quique (o meu heroe pois este ano fixo a Transvulcania). Uns minutos co
club de fans (a familia ao completo) e xa listos para iniciar a subida.
Igualmente hai que tirar fotos coa xentiña de Louro: Ángel, David, Guille, José Luis, Mar…
A proba
ten un percorrido moi peculiar pois sáese nun piñeiral costa arriba sobre un
chan de área e arume, logo veñen uns metros en asfalto con curvas perigosas e
escaleiras que case non son visibles e despois uns quilómetros moi fermosos en
paralelo á costa. Mais este ano a visión foi triste… alá, sobre o horizonte
víase lume sobre o faro de Corrubedo. O percorrido remata regresando polo
asfalto a Lira e un quebra-pernas absoluto pola aldea ata baixar á Praia de Mar
de Lira, punto de saída.
Na liña
de saída coloqueime diante posto que había moitos fotógrafos da familia. Tamén
fixen os primeiros metros ben rápidos para darlles traballo. Unha vez que
deixamos de subir, toda a rapazada da proba empeñouse en adiantarme. Paso o
primeiro quilómetro a 4.02´´ (imaxinade a dureza dos primeiros metros). A
mediados do segundo quilómetro aínda me pasan dous corredores. Cando imos polo
camiño de terra, á beira do mar, vou detrás dun grupo numeroso. Estou uns
centos de metros collendo ben o ritmo e pensando se me deixo caer para ir máis
segundo sabendo ben onde pisar ou ben forzar e pasalos. Que credes que fixen?
Pois claro, nun calentón pasei a cinco de golpe.
No
momento de dar a volta, collín auga (creo que nunca o fixera) e comprobo a
situación da carreira. Teño detrás a un grupo numeroso e, fíxome,
especialmente, en Baltasar. Cólleme as costas nestes metros de terra.
Probablemente sexan os metros máis fermosos polos que se poida correr: o mar á
esquerda, o monte á dereita e, alá no horizonte o sol deixándose caer sobre
Fisterra…
No
asfalto Baltasar vai pegado, especialmente cando comeza a subida duns
cincocentos metros. Baixamos o ritmo pero ninguén nos pasa. Ao rematar a
subida, o muradán ponse diante e anímame a tirar. Aguanto detrás del malamente
pero insiste en irmos xuntos. Por fin, e ante a miña insistencia, márchase coma
un foguete.
É case
un quilómetro por Lira, subindo, baixando, con curvas moi pechadas. Unha
tolemia. Entrando no derradeiro quilómetro, cólleme a primeira rapaza (Rocío)
Cóntolle como son os metros que faltan e no momento que se inicia a dura
baixada, dígolle que force. Por detrás teño a un rapaz moi novo que é moi
animado polo veciños. Sorprendentemente na baixada non é quen de adiantarme.
Resultado
(provisionais): 29.37´´ a 4.02´´ nos 7.360 metros, facendo meta na posición 21
(coma o ano pasado pero con vinte segundos menos) e na categoría, creo, de 2º
detrás de José Suárez.