Mostrando entradas con la etiqueta Media Maratón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Media Maratón. Mostrar todas las entradas

25/11/18

VII Media Maratón de Vilagarcía: correndo en pelotón



Hai xa tres meses que adestro, e sen molestias. Tempo dabondo para probar como o corpiño vai asimilando os quilómetros nunha media maratona. Ademais desde había demasiados meses que non gozaba no asfalto desta marabillosa distancia. As lembranzas das últimas participación están asociadas á lesión (media de Porto en setembro 2016, ou a dos 21 do Camiño de xuño do 2016, as dúas cunha marca de 1.32´). A cabeciña e o corpo estaban rabeando por regresar a esta distancia.


Levando de taxista a Luís e con Nati e Jesús tamén en Vilagarcía, tomamos un café e fixemos algo, pouco, quecemento. Atopeime con Jose, un veciño recén atrapado polo asfalto que ía estrearse na media. Tempo húmido e frío (6 graos). 
Pequeno quecementos para matar a friaxe

O obxectivo era coñecer o estado de forma e buscar, de novo, sensacións, tratando de baixar de 1.27´ aínda que buscaría de saída o ritmo de 4´/km, é dicir por baixo de 1.25´. Tempo para saudar a amigos do asfalto, Bernardo, Moncho de Pelegrino, Baltasar... Que ledicia volver velos.

Luís, que leva unhas semanas sen atoparse moi ben, decide que tamén tratará de aproveitar a lebre que dispón a organización para 1.24´. Pequeno incidente antes de saír: un compañeiro ten un mareo e foi retirado en ambulancia (parece que todo está ben). Saímos lonxe do globo que nos marcaría o ritmo, imos por el, facendo o primeiro quilómetro en 3.51´´. 
A douscentos metros da saída

Fórmase un pelotón realmente numeroso, en torno a trinta atletas. Faremos case todos os quilómetros entre 3.51 e 3.58´´. No quilómetro cinco, nun cambio de sentido en Vilaxoán, vemos a Nati e Jesús moi diante, mesmo por baixo do globo de 1.30. Son quilómetros pegados á costa. Imos cara a Carril, regresando por Vilagarcía onde hai bastante xente animando. 

Rodamos en pelotón, eu bastante atrás pensando que hai anos iría sempre diante, dando a cara e agora, vou conservando, tapándome do escaso vento, aproveitándome do ritmo moi constante da lebre. Comprobando constantemente o ritmo de cada quilómetro. Cousas da idade.

Ata este primeiro paso  por Vilagarcía teño a sensación que vou alto de pulsacións de máis pero vou cómodo tratando de prepararen a cabeciña para cando teña que sufrir pois sei que haberá que sufrir. 
Primeiro paso por Vilagarcia. Á cola do numeroso pelotón


Luís que xa me adiantara que non ía cómodo, a partir do dez quere quedarse. Descólgome do pelotón e ofrézolle compartir o xel que levaba. Pídeme que regrese con grupo e déixoo detrás.

O pelotón vai minguando en número de unidades. Pero aínda vou cómodo con eles. Sempre detrás. Cando damos a segunda volta en Vilaxoán vou convencido de entrar con ese globo. Vou dando ordes á cabeciña de que hai que aguantar. Vexo aínda moi preto a Luís. Berro de ánimo. Vou pensando en positivo. Pensando nos meses parado e que hoxe estou de novo gozando dos quilómetros.

A medida que nos imos achegando a Vilagarcía vou caendo ata a cola do grupo. Téñoo a man pero xa vou a dous metros de quen pecha o reducido grupo (seis-oito). Na tirada ata Carril non deixo que o grupo se me marche e engánchome a outro descolgado. A pesar de todo o quilómetro 15 sae en 3.53´´, o 16 en 4.02´´ pero de novo o 17 e o 18 por baixo dos catro minutos. O xemelgo dereito vaise cargando e noto estrana a pisada dese pé. O 19 fáiseme logo de máis e vou en solitario (4.02´´). En solitario pero moi contento porque vou facendo uns ritmos que cría non poder ter. Os metros ata chegar ao km 20 fánseme realmente longos (4.02´´) e desde entón trato de subir ritmo, coller de novo ao compañeiro co que fixera os últimos quilómetros e achegarme case ata o globo. Último quilómetro en 3.54´´.

Entro en meta cunha tremenda cara de felicidade ou de estupidez.



Quédome na barreira de meta para animar a Bernardo e sobre todo a Luís. Vou trotando en sentido contrario á carreira para animar desde lonxe a Nati. Foi perdendo postos na clasificación de mulleres, para entrar en meta de 5ª pero subindo ao caixón por categoría.

Resultado: 102 de 407, 3º de categoría 1.24.11 a 3.59´´. Cando chegamos á meta a organización publicou uns resultados sendo 5º de categoría. Championchip publica 3º. Pero non hai trofeo que substitúa a felicidade por regresar a esta distancia.

Regreso con outro taxista. Jose (estrea fantástica na distancia, parabéns)

19/9/16

X Meia Maratona do Porto: coma na casa


As molestias continúan. De acordo con Angel, de AlfaFisio, trotei menos na primeira quincena de setembro co obxectivo de poder rematar a media de Porto. Aumentei o traballo específico para fortalecer glúteos e en consecuencia protexer abdutores. Tras a media de Porto toca continuar co traballo de fortalecemento de glúteos e de gañar mobilidade na cadeira.

Correr en Porto xa é coma correr na casa. Van tres maratonas rematadas e dúas medias.

Esta cidade xa forma parte da miña vida atlética e pronto tamén o será dunha persoa admirable, Manu Mariño, (superador de calquera importunio físico e gozador de cada quilómetro coas zapatillas)

Non tiña moi claro o obxectivo da proba. Acompañar a Iago e Borja… se apareceran… Saír con calma, comprobar o estado físico e logo tirar… Desde logo o que si desexaba era gozar da proba, se as pernas non están para sufrir hai que saber gozar.

Na saída atópome con Diego Álvarez con quen teño compartido moitos km de asfalto en Porto. Vai facer esta media para en sete semanas facer a maratona: sorte, meu. Tamén saúdo a Félix e tiramos unha foto con Paula e Alex. Non coincidín con Javier, mágoa.


No caixón de saída Alex está convencido de querer facer 1.30 e eu disposto a axudalo para un ritmo de 4.15´´/km. Vai ser a súa estrea na distancia e este avó xa tiña a quen contar batalliñas durante a proba.

Saída con calma a 4.42´´ desde a parte traseira do noso caixón. Facémola pola beirarrúa pois os dous carrís non dan para avanzar. Temos coidado de non tirar a ninguén e de non ser tirados. Vou tratando de marcar ritmo e de tranquilizar ao meu acompañante quen fica emocionado ao atravesar a Ponte de dom Luis ao ver a grande cantidade xente que está a animar. Voulle contando o percorrido e os pequenos trucos (por V.N. de Gaia hai que ir pola beirarrúa todo o que se poida). Fálolle moito coa intención que se despreocupe dos ritmos e do paso dos quilómetros.

Por Gaia teño a oportunidade de saudar por vez primeira a Angel, forista maratoniano de Correr en Galicia.


Facemos quilómetros entre 4.16´´ e 4.20´´. Cruzámonos con Paula quen vai tan concentrada coma sempre (verémola algún día coa faciana relaxada?). Damos a volta na foz de Gaia, un lugar realmente fermoso. Álex da algún síntoma de cansazo a partir do Km 10. Trato de axudalo psicoloxicamente para que non sexa derrotado polo asfalto: fálolle, cóntolle batalliñas, explícolle algunha cousa, coa idea de que se lle pasen os quilómetros.

Novo paso pola Ponte de dom Luis. Os dous aplaudimos á xente que anima. Márcolle unha nova etapa: hai que subir río arriba. A seguinte etapa será a baixada ata a Ponte.  Son cinco quilómetros que comezan ser unha tortura para Alex. Baixamos ritmos a 4.22´´, a 4.42´´… Somos adiantados por bastantes corredores e corredoras. No Km 15,5 tras o avituallamento, dime que está en crise e pídeme que o deixe, que tire só. Con tristura e con algo de remordemento (foi culpa miña o ritmo de saída?), cambio a velocidade e vou recuperado os ritmos dos primeiros quilómetros.

Son metros nos que gozo (que malo son) de ir adiantando colegas. Volvo ir sobre 4.17´´. Gozo da distancia. Como me gustan os 21.000 metros. Desato a miña bandeiriña republicana. Vou notando as molestias no abdutor dereito e consecuentemente no pube. Sabía que as pernas non estaban ben pero cría que estaban algo mellor. O derradeiro km sae a 4.05´´. Levanto a bandeira para entrar con ela na meta.



Resultados: 1.33.10´´ (bruto) e 1.32.23´´ (neto) de 436 e de 16 na categoría.


Despois da proba continuamos coa maratona turística iniciada o sábado. Un traballo realmente duro incluíndo o xantar no Valentím de Matosinhos, regado co Casal García de turno.

Tan só un apuntamento final: creo que Porto corre o risco de converterse nunha atracción turística en si mesma, nun parque temático coma Barcelona.

Agora hai que parar e recuperar. Semanas de ximnasio. Aínda queda moito asfalto por correr pero para facer sen molestias.


26/6/16

IV Media Maratón "Os 21 do Camiño"

Debo estar un pouco tolo. Se o estado de forma non é o axeitado para que me inscribir nunha media dura? Non me chegaría coa dureza da media O Grove-Sanxenxo?  Para que me inscribiría na media maratón máis dura á que nunca me teño enfrontado? Diagnostico tolemia absoluta.

Toda a xente falaba marabillas da media “Os 21 do Camiño”, entre Palas e Melide polo camiño de Santiago e tras comprobar que o tempo non sería malo (nubes, sol e 18-17 graos con algo de nordés) inscribirme para constatar que, efectivamente, é unha proba preciosa. Pero… preciosa se se toma con calma, non é para facer marca nin para sufrir (non estou para iso).

Fixen a viaxe ata Melide con Segis (grazas meu por unha viaxe tan agradábel). Tiramos fotos cos do Cas en Palas. 


No escaso quecemento comprobo que non teño pulmóns para as costas polo certifico que será mellor ser prudente e tirar con calma. Mirade con é o perfil:



A saída cólleme charlando con Jorge Rodríguez polo que inicio a proba case sen decatarme. Saída e xa iniciamos unha subida que practicamente dura tres quilómetros. Non entra aire nos pulmóns. A respiración é moi esaxerada. Noto axiña que unha zapatilla está atada, e ben atada, moi frouxa polo que notareime inseguro en toda a proba. Collo a dúas rapazas (as dúas deixaranme definitivamente na grande subida do km 11 para quitarme entre 1 minuto e minuto e medio na meta) Parece que as posicións xa están moi estabilizadas aínda que neste primeiro tramo en baixada son adiantado por varios corredores.

Tras eses primeiros quilómetros entramos, por fin no camiño de Santiago en dirección, de novo, a Palas. Tras cruzar a vila e uns metros por unha estrada, iniciamos o tramo máis fermoso do camiño. Son uns quilómetros dunha grande fermosura. 



Imos ao carón dun regato por un sendeiro no medio dunha espectacular fraga. Para correr non é precisamente o lugar máis idóneo pois o sendeiro é estreito e con curvas pechadas polo que non é doado deixar de molestar aos corredores que van ao meu carón.


Son uns quilómetros en baixada suave pero con algún tramo en forte pendente nos que unha deda comeza a sufrir, coma sempre que hai baixadas. Nas baixadas non freo senón que forzo.

Atoparémonos dous grupos de gaiteiros na proba así coma bastante xente animado nos cruces e nas pequenas aldeas que atravesamos. É unha delicia correr así, con tan animación. Grazas. Fago case todo o camiño cun grupo de seis persoas que nos imos adiantando. Fago o primeiro dez mil en 42.30´´.

Subindo, subindo


No km 11, na posición 75, iníciase a famosa e temida costa na que este ano fixeron unha cronoescalada. Inícioa paseniño, con calma, mesmo case camiñando pero constante polo que adianto algunha posición. Aínda que soe case a arrogancia, tanto medo lle tiña que ata se me fixo curta e suave.  Ao coroar, na posición 73, hai un avituallamento con auga e vasiño de isotónica. Párome para coller o vaso e xa bebo correndo. É o intre no que un colega de "Corredores Acea de Amá”, Carlos, fálame e imos tirar xuntos outros cinco quilómetros máis. El toma un xel pero eu agardarei ata ver o seguinte punto con auga. Cando o vexo, tómoo e volve sentar mal (coma en Porto 2014). Non podo case respirar. É un minuto moi incómodo, case angurioso.


Cruzando pontes

Tras un grolo de auga, xa no 18, Óscar e outro colega vanme collendo metros, pois eu u comezo notar a falta de forza. Trato de gardar algo para o derradeiro quilómetro pois sei que pica para arriba. Neses últimos metros, adianto a outro colega, a quen animo. Xa en Melide fago o marcarra todo o que podo na liña de meta chocando a man con canto cativo vin.

Resultados: 1.32.20´´ e de 69 na xeral sobre un total de 507 chegados á meta e de 4º na categoría a un ritmo de 4.23´´.

Tras cruzar a meta e recoller outra bolsa con agasallos, tomar unha caña, unha isotónica e algo para comer fun ata os fisios pois na segunda metade da proba notei molestias no isquio dereito e, cachis, de novo e como había ano, no pube (haberá con pedir cita en alfafisio). Regreso moi agradábel con Segis.

Unha proba tan fermosa coma dura e cunha excelente organización. Parabéns.

As fotos procenden dos álbums colgados en Correr en Galicia.

22/5/16

Maralbatur. Media Maratón do Salnés: trotando tamén é xerundio

Se hai unhas semanas titulei unha crónica “empeorando é xerundio”, hoxe modifiquei o verbo pois estou nunha xeira de rodar e rodar.

Na primeira semana de maio caeron 46 km, na segunda 54 e na terceira 68. Foron semanas de trote e de continuar facendo exercicios de fortalecemento e tonificación no ximnasio. Non teño molestias pero tampouco estou facendo series que, entendo, son as que me dan o ritmo. Non hai obxectivos atléticos importantes á vista.

Para comprobar a evolución do estado de forma, participei na

Media Maratón do Salnés, entre O Grove e Sanxenxo, a MarAlbaTur


Tocou madrugar e tirar para Sanxenxo a deixar o coche, onde tamén deixei o que tiña preparado para os minutos previos á proba: algo para xantar, para beber, un cortavento e a bandeira da sorte, a republicana. Tiven a fortuna de ser orientado por outro atleta e axiña collemos o autobús con dirección á saída, a O Grove. Senteime con outro corredor e fixemos a viaxe contándonos as nosas batalliñas.

Chegada a O Grove, retirar o dorsal e saudar ao mestre Xosé Carrera. Son uns minutos para poñérmonos ao día. Despois atopeime con Miguel do CAS-Montaña.


Non vimos con tempo a Inés para a foto.

Fixemos pouco quecemento. Notei as pernas cansas e cargadas e mesmo  tiven preocupacións por un xemelgo. Puntualidade na saída e tiramos cara á illa da Toxa. Fico sorprendido pola velocidade do globo do ritmo de 4´/km. Xa no quilómetro 3 levaríame un minuto e ía a 4´/km. Como veredes o perfil non era para saír moi rápido:

Trato de ir a un ritmo cómodo pero axiña pásanme bastantes corredores. Rematamos o primeiro quilómetro por baixo dos catro minutos (3.52´´), o segundo en 3.58´´ e sigo sendo adiantado, terceiro en 3.54´´ e aínda me pasa xente. Fomos ata Illa da Toxa e logo collemos a estrada para a Praia da Lanzada, subindo, subindo, subindo. 
Saíndo da Illa da Toxa

As sensacións non son boas a pesares de seren quilómetros entre 4.02 e 4.07´´ Ademais ségueme pasando xente. Saúdo a Pedro Nimo pois xa deixou de forzar e vai en dirección contraria.

Hai algo de vento, menos de previsto e case nunca en contra. Pola Lanzada son adiantado por un de Bueu que podería ser da miña categoría. Non consigo gozar da paisaxe. As sensacións son malas pero trato de manter o ritmo. Paso o km 10 en 41´. Sei que a segunda parte é realmente a difícil. Vexo o castro e a igrexa da Lanzada para logo comezar as subidas e as baixadas. Son quilómetros que xa fago entre 4.12´´ e 4.25´´. Hai algunha baixada na que melloro substancialmente o ritmo.



Fíxome moita graza adiantar en carreira a Yolanda Gutierrez (estaba a facer un relevo solidario) 
Momento de adiantar e saúdar a Yolanda

Pásame a terceira muller na proba. A partir do km 17 creo que baixo moito o ritmo pero, sorprendentemente, o Garmin non indica iso pois se ben hai algún quilómetro en 4.25´ tamén hai algún en 3.55´´. Vou realmente sen forzas mesmo penso que na derradeira subida, curta pero intensa, se continuo trotando xa é un éxito.

Non teño forzas para aumentar a velocidade nin polo paseo de Portonovo nin polo de Sanxenxo e, para colmo (ou para darlle personalidade á proba, como podería dicir a organización) os derradeiros 300-400 metros son pola área da Praia de Silgar. A pesar de todo fico contento coa marca 1.26.49 a 4.08´´, practicamente a mesma da pasada Vig-Bay pero cun perfil moito máis duro.

Resultado: de 71 sobre 581 chegados á meta e 1º de categoría, cun tempo de 1.26.50.

Nota para a organización. Facer unha proba desta distancia é realmente difícil. O percorrido estivo moi ben sinalizado e o tráfico cortado. Hai moitos pequenos detalles para mellorar:
 -A entrega da roupa na meta foi caótica (as bolsas sen ordenar, cada quen buscando a súa…)
-Cando chegamos ninguén sabía nada das duchas; tivemos que andalas buscando e abríndoas.
-As clasificación tardaron unha hora e media en publicarse cando hai outras empresas nas que podemos ver o resultado na máis chegar á meta.
- E, finalmente, foi moi triste (por non dicir outra cousa) que de cada tres atletas chamados a recoller trofeo só subíriamos, de media, un. Por que sería?


Ánimo e a continuar traballando para mellorar.

Fotos da proba da organización.

11/4/16

XVII Vig-Bay: empeorando é xerundio

Nesta semana  adestrei catro días (e a competición do domingo) pero sen atoparme ben, con poucas gañas e con molestias estomacais. A parte positiva e que as pernas están aguantando e non protestan. O domingo participei na..


XVII Vig Bay



Inicialmente estaba previsto que acompañaría a Laura para acadar o 1.45´pero ao ter doenzas na semana previa imposibilitaron a súa presenza na proba o que me obrigou a facela en solitario a un ritmo aceptable. Ben lembro que o sufrín o ano pasado a pesar de facer 1.26´ e que era naquel momento a miña peor marca en moitos anos. Esta temporada, tras tres semanas sen molestias nas pernas, trataría de non empeorar a marca.

Ademais da compaña obrigada de Raúl, e como dona Laura non puido vir, tivemos a sorte da compaña das nosas donas, as que para non aburrirse moito en Baiona, fixeron un percorrido completísimo polas súas tendas, pois todas estaban abertas. Esa si que foi unha maratona, tanto para os seus pes coma para as súas tarxetas.

As previsións climáticas eran desastrosas pero como íamos estreando coche, case nin nos decatamos da viaxe ata Samil (sen deixar de chover). Non fixemos quecemento pois agardamos á hora da saída nunha marquesiña pois chovía, chovía, chovía. Cinco minutos da hora de saída, varios miles de atletas apareceron repentinamente para colocarse na estrada de Samil. Dous minutos antes das 10.30 deixou de chover pero o vento... iso si que foi ventar.

Saín tranquilo, buscando facer o quecemento e tratando de coller temperatura. O primeiro km en 4.00´´. Teño a sensación de que son adiantado por varios centos de corredores. Visualmente trato de situar a outros corredores para testar o meu ritmo. Nas subidas quédome algo. No quilómetro nove a cabeciña envía mensaxes negativas (non hai velocidade no corpo, non fondo... vai ser un desastre). Tomo o xel (que vicio) logo a auga do km 10 que paso en 41.21´´ e na posición 232. Sei que pasei o peor en canto ao perfil agora toca aguantar. Empezo ir mellor, mesmo atopándome, de novo, cómodo. Teño varios atletas de referencia.
Foto de Sanmikel 

Baixada a Praia América e, coma todos os anos, son adiantado por un bo feixe de atletas, e, mesmo, por dúas rapazas (non sabía que eran as dúas primeiras). Tras marchar en dirección Vigo e logo de volver coller a dirección cara a Baiona e antes de entrar en Praia América, digo en voz alta que debemos formar un pelotón para protexernos do vento. Durante case dous quilómetros imos moi agrupados. Saíndo de praia América quédase unha rapaza e no 15 non son quen de coller auga pero levaba ao meu carón a Eladio dos Taninos quen, amablemente, pásame a súa botella. A outra rapaza, e a súa lebre, cóllenme uns metros. Manteño o ritmo a 4.08´´ e vou na posición 244.

Iniciamos o percurso por Monte Lourido (non me gusta o novo  percorrido da proba). Posicións moi estabilizadas. Volvo falar en alto para tratar de facer grupo con outros tres corredores. Anímoos que se me enganchen pois parece que ían peor ca min. Algún confésame que leva toda a proba detrás de min. Enganchando a estrada que nos leva á Ramallosa teño diante a Edu, tamén dos Taninos e con quen teño coincidido nas maratonas de Madrid e Barcelona. Dígolle que se me pegue pois parece que perde ritmo. Mesmo reduzo a miña marcha para que se enganche pero non pode. Pois a tirar.


Fotos de Pe pe, con Edu e Juan detrás.

Na Ramallosa desato a bandeira republicana. Póñoa no pantalón. É un xeito irracional de buscar forzas para  tramo máis feo, a entrada en Baiona. Uns dous quilómetros despois comprobo que non a levo. Penso que cando vaia a por Raúl terei que estar atento para atopala.


Nos tres últimos quilómetros teño enganchado a Juan Legaspi. Falo con el para motivarnos. Levo eu o ritmo. Faltando quilómetro e medio deixo que tire el para afrontar xuntos o derradeiro quilómetro. Foi o máis rápido a 3.50´´ e ninguén nos pasou. Dígolle que non vou esprintar e que entremos xuntos da man. Así o fixemos.

Meta cruzada

Tras cruzar a meta dime que fixo a súa mellor marca e móstrase sinceramente moi agradecido. Dígolle que é a miña peor marca...

Uns intres despois, Edu entrégame a bandeira que vira como me caera. Grazas, campión. 
A bandeira entrando en meta. Grazas Edu

Como un plátano. Collo a bolsa que deixo onde as nosas rapazas e... troto en dirección contraria a ritmo de 5.30´´. Vou animado moito os corredores e mesmo interesándome pola situación de Pablo, Félix, Lucía, Ana... Moitos fican alucinados ou abraiados ao verme trotar en sentido contrario.

No km 18 vexo a Raúl. Póñome diante del e empezo a marcarlle o ritmo. Protesta axiña. Debo ir máis lento. Dende aí ata meta adiantou a 125 corredores con tan só unha pequena axuda motivadora que, por suposto, tamén fun repartindo entre os adiantados.


Fotos con Raúl de R R Running

Resultado: 1.26.53´´ a 4.08´´ na posición 233 dun total de 4.037 e de 5º na categoría.

Tras a ducha, unha cervexa reparadora, tamén con Pepe e Eva e logo xantar no Paco Durán con vistas ás Cíes.

Outra Vig-Bay no peto e xa van... nove.


18/1/16

XVIII Meia Maratona Manuela Machado. Viana do Castelo

Rematei 2015 cunha contratura nun isquio. Un día de repouso e progresivamente trote ata facer 157 km na primeira quincena de 2016.  Os primeiros dez días adestramos (inclúo a Pilar) moito e ben (a ela as series saíronlle fenomenal). O domingo dez, o isquio volveu protestar. Nestas dúas semanas fun a un fisio novo que, coma non podía ser doutro xeito, fixo un diagnóstico novidoso, aínda que nalgunhas causas coincide con cousas xa sabidas. Basicamente os meus problemas musculares dos últimos cinco meses son causados por empregar zapatillas pronadoras (recomendadas por outro fisio). Teño que regresar ás neutras pero sen plantillas (que tamén as tivera recomendadas por dous podólogos distintos). Ademais o diagnóstico foi feito xusto despois de estrear unhas pronadoras novas… Que lle imos facer. Pola súa recomendación merquei as Adidas Boost Boston. Lixeiras, rápidas pero, polo de agora, ocasiónanme molestias na parte dianteira do pé… Imos seguir unhas cantas sesións máis con novo fisio…


O domingo 17, oitos membros do Club Atletismo Sada participamos na Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo. A motivación dos adestramentos desde a media de Ferrol era acadar unha mínima melloría nesta proba. Os veteranos que xa a temos corrido, témoslle un especial cariño…

Con puntualidade británica a expedición do CAS partiu do Burgo ás 7.30 horas dunha tirada ata Viana. Tempo para aparcar moi  preto da saída/meta, a retirada de dorsais e un café. Fixemos un breve quecemento a pesar do tempo frío e a ameaza de chuvia. Pilar e máis eu puidemos saudar ao noso colega de Coruña-42, Jorge Lamas. A megafonía anuncia a participación de 3.500 atletas polo que colocámonos ben cedo no lugar da saída. 

Como case sempre, saímos moi atrás, agás Vanessa. Tardamos case trinta segundos en cruzar a liña de partida. Saio con Jesús, temos que subir pola beirarrúa pois é imposible ir pola estrada. Aos cincocentos metros deixo que se marche e non trato de forzar pois el vai facer unha tirada de 1.20´. O primeiro quilómetro saíu en 3.59´´ pero no segundo xa foi a 3.52´´.

Vou cómodo, pasando xente. Teño a sensación ata o quilómetro 4 de ir mellorando posicións. Tras subir pola autovía, iniciamos a parte máis lenta da proba pois serán case catro quilómetros picando en subida. Continuo cómodo. A ritmos por baixo de 4´/km. Vou contento pois ese era o ritmo que non atopaba dende había catorce meses. A partir do quilómetro oito noto que volvo mellorar posicións. No nove tomo o xel (un vicio collido nos meses de baixón) Xa comezaba ver aos primeiros que deran a volta. Vou contando cantas mulleres pasan para saber que tal vai a nosa Vanessa. Vai de 7ª, doulle un berro de ánimo con verbas non reproducibles por indecentes. Non vexo a Jesús.

Paso o km 10 por baixo de 39´. Que ben, penso porque ademais queda a parte máis rápida por seren en baixada.  Agora toca ver a xente que ven por detrás. Saúdo a Inés que vai fenomenal, logo a Juan, a Pili, non vexo a Eliseo  pero si a dona Marisa (tremenda atleta é esta muller, o seu si que ten mérito) Os primeiros quilómetros do regreso teñen algunha subida, non me importa. Vou ben e sigo mellorando posicións.

Non km 13, no inicio da zona de baixadas o isquio esquerdo volve protestar (parece que dúas sesións de fisio non lle chegaron) Non queda outra que estudar a que ritmo me deixa correr. Baixo a velocidade un pouco e uns centos de metros para volver aumentala pero o isquio ameza seriamente con darme un desgusto. Hai que reducir a marchar e minimizar os danos.

O ceo deixar caer, de cando en vez, pingas ben frías de auga.

Calculo que sería adiantado por uns cincuenta compañeiros e unha galeguiña do Bueu, perdendo máis de dous minutos. Fixen un par de intentos de volver recuperar o ritmo pero as ameazas de problema serio reproducíanse polo que tocou aguantar ata meta.

O resultado foi mellor do esperado 1.24.40. Creo que o ritmo para baixar de 1.23´ xa está nas pernas.

Resultados: Tempo oficial 1.25.01´´, na posición 300 sobre 2.776 chegados a meta, de 23 na categoría, de 67º galego e de 3º na categoría dos galegos. Todos e todas do CAS ficamos contentos: Vanessa 7ª absoluta e 2ª galega (cos cartos do premio pagou o xantar), Jesús fixo unha proba cómoda pensado na maratona de Sevilla, Inés continúa na súa progresión ao igual que Pili. Juan gozando da distancia coma Eliseo e dona Marisa baixando das dúas horas.

Duchas (que lavaría Vanessa?), recollida de premios en metálico, fotos e coche ata Valença para darnos a merecida homenaxe co xantar. Dende logo Viana fica no noso coraçao.

Foto en carreira de Erik.