31/12/10

I San Silvestre da Coruña

Por fin tivemos unha san Silvestre na Coruña. E non podíamos faltar.

Mentres algúns traballaban para que outros puideramos cear, catro membros do club quixemos deixar constancia do noso quefacer atlético participando na I San Silvestre da Coruña. Mesmo houbo quen se levantara ás catro da mañá no centro de Europa e presentouse na liña de saída sen desfacer as malestas (habería que engadir que tampouco as fixera el) Saímos da praza de María Pita, cheganmos ata o Breogán da Torre para logo regresar e facer meta na praza da heroína coruñesa (lembrade que esa viúva negra que foi María Pita non naceu na Coruña nin está enterrada neste concello) En total uns 7.700 metros.

A organización foi estupenda, con moi bo recibimento na para meta: líquidos en abundancia e sólidos (roscón de reis) tamén con posibilidade de repetir (e de case non cear) Dos cincocentos inscritos fixeron meta 469 (segundo A Voz de Galicia correron máis de oitocentos atletas). Non obstante houbo moita xente que correu sen dorsal.

O ano que ven, volveremos, non si?


Os resultados foron
Antonio: 28,10, posición 24 categoría 6, a 3,40
Alberto: 32,40
Blas: 34,58
Raúl: 37,22, posición 327 categoría 20, a 4,53.


13/12/10

XXV Volta á Ría: unha carreira de 12 horas


Nós non participamos na Media maratón, Volta á ría, Memoria Adolfo Ros en Ferrol. Nós non. En realidade tivemos unha maratón dividida en dúas partes. A primeira comezou ás 8,30 da mañá e a segunda rematou ás 8,30 da tarde.

Efectivamente, ás 8,30 sonou o despertador de case todos os membros do Club que íamos a Ferrol. E digo de case todos porque houbo alguén que quixo madrugar un pouquiño máis…

Ás 9,30 iniciamos a viaxe a Ferrol, para logo retirar os dorsais e facer algo quecemento, algúns correndo e outros tomando o sol na Praza de España. Ás 11 tomamos a saída. Cada quen facendo a súa carreira:

-Os tres tenores, dando o cante: dous a pasalo ben e outro a amosar o seu poderío na busca de partes corporais atractivas entre os e as participantes. Causaron fortes depresións entre os asistentes. Comentaron reiteradamente o suave perfil da proba pola ausencia de costas.
-Os dous triatletas, iniciando a súa posta a punto. Os dous sufrindo pero achegándose, perigosamente, aos noventa minutos. Nun mes poderán baixar comodamente da hora e media na distancia (1,30,17´´ e 1,31,54´´).
-Os dous maratonianos, facendo un test para marcarse os retos na Maratón de Barcelona. Os dous melloraron os seus cronos (1,30,46´´ e 1,20,56´´).

Por suposto que a “estrela e capitana” (President dixit) acadou premio, fermoso por certo, ao quedar segunda da súa categoría. Ás 14,15 horas regreso a Oleiros.

Resultados.




Ás 15 horas iniciouse a segunda parte do noso maratón dominical.

Cervexas. De seguido, empanadas por agasallo do señor Presidente (bonito e bacallau), cogolllos con atún e pementos. Despois un abundante cocido: patacas, repolo, garavanzos, botelo, lacón, acompañado dun excelente viño do Alentejo. E para rematar sorbete de mandarina, flan de queixo, tellas de améndoa, torta de améndoa e torta de mazá, regados con fino viño de Porto.

Rematou a sesión con café e degustanción de gins-tónics.

Esgotados, e con dúbidas sobre o noso peso (a báscula dos anfitrións era de dubidosa calidade) e lamentando as ausencias…, rematamos o noso particular maratón ás 20,30 horas. Retornamos ás nosas vivendas realmente feitos po. Foi un domingo duro, duro, duro. 12 horas de carreira.




Outras crónicas en Khenesfera, Afilados runner, A carreira dun kan.
As fotos da carreira están tirads de Correr en Galicia.

6/12/10

Adestramento: Montrove-Santa Cristina

Como os profesionais non facemos "ponte" deportiva, saimos hoxe ás 9,15 desde a Urbanización Montrove ata a rotonda de Santa Cristina, baixo unha constante chuvia. Foron 44,40 minutos para 9,2 qm. a un ritmo de 4,51´´. A idea era facelo lento, lento. Ao regreso, Pili confesa problemas estomacais e nos cuádriceps. A pesar do cal e de que regresamos subindo (200 metros de ascenso acumulado no regreso), facemos 44,11´´ a un ritmo por quilómetro de 4,48´´. A seguinte tiranda longa será na media maratón de Ferrol.

As ilustracións teñen un quilómetro máis que o adestramento comentado.
Podedes ver a ruta polo miudo e en varios tipos de mapas en Strands.