Esta
crónica e esta proba dedicámola ao noso Presi, a don Francisco Martínez.
Os
amigos sempre están onde deben estar, onde teñen que estar.Os amigos están nos
corazóns. Tamén poden estar noutros lugares pero só os mellores están
no corazón.
En
febreiro asumín definitivamente que non podería adestrar ao meu gusto para a
maratona da Coruña. Pero, coa axuda dunha pantasma, xurdiu unha idea: proporlle
a Pili facela xuntos. Esta distancia debíanos unha a Pili e a min.
Desde
setembro de 2010 esta parelliña de veteráns acordáramos preparar a maratona de Barcelona que se desenvolvería no marzo seguinte. Moitos quilómetros xuntos coa
ilusión dela de baixar de 3.20´e a miña das 3 horas. Pero non puido ser: da case a desesparación á ilusión por poder estar no asfalto de novo. Esta distancia
debíanos unha… e a maratona Atlántica foi o intre de saldar a débeda.
Non
adestramos moito. Ela só tres días por semana. Eu en xaneiro fixen 190 km, en
febreiro 128 para subir ata os 344 en marzo. Ata o 14 de abril levaba 156 km. Desde
finais de febreiro tratamos de facer varios adestramentos xuntos, especialmente
as tiradas longas para practicar, sobre todo, o beber correndo e a inxesta de
xeles (canto nos deu de si este tema) entre a Torre e o Milenium. A
contrapartida ao escaso adestramento foi a ausencia de presión. Adestramos
tranquilos e confiados en facer todo o que puideramos.
Por
obxectivo a acadar, ademais de chegar á meta, pensamos en baixar das 3.30´ pero
saíndo a ritmo de 3.25´. E iso por varias razóns, en primeiro lugar as
obxectivas: Pili estaba capacitada para conseguilo (Coruña-10: 43.44´´
Coruña-21: 1.34.27´´), en segundo lugar polas afectivas: na súa primeira
maratón (Mapoma 2008) xa fixera 3.30´ e na súa segunda (Mapoma 2009) fixera
3.26.12´´… E, ademais, o pantasma andaba
a lembrar que neste temporada ela acadara o primeiro posto da categoría tanto en
Coruña-10 como en Coruña-21, faltando Coruña-42.
NOTA DE
RESPONSABILIDADE: o sábado anterior á proba, esta parelliña saíu trotar uns
escasos quilómetros. Foi unha media hora na que aproveitamos para poñernos de
acordo en toda a intendencia da maratón (horarios de recollidas, aparcamentos,
duchas…) Mais xurdiu unha dúbida á hora de falar do ritmo de saída e durante a
proba: déixame toda a responsabilidade, que tire ao ritmo que considere… Que
farei? Tirarei para ir pola súa MMP ou deberei ser prudente e marcar un ritmo
de 5´/km?
Chegamos
con tempo para tirar a fotos cos maratonianos e maratonianas do CAS e de pasar
polo control de chamada. Non facemos quecemento. Con puntualidade deuse a
saída. O tempo foi estupendo: fresco e cuberto. Saimos xuntos pero aparentemente demasiado rápido, mesmo adiantamos ao
globo de 3.15´ porque era moi numeroso e incordiábanos para correr. Cando
vemos o paso polo km 1 (4.25´´) decidimos irnos deixando caer detrás globo.
Axiña cruzámonos por vez primeira con Juan á altura da Fábrica de Tabacos.
Creo
que é de xustiza facer xa un apuntamento sobre a xente que animaba. En primeiro
lugar, agradecer a Juan o seu cariño e perseveranza en seguirnos durante toda a
proba. Foi un apoio constante. Ben sabe el canto Pili e eu o botamos de menos nas
tiradas dos venres. Non son iguais.
En
segundo lugar, os membros do Club de Atletismo Sada que non participaron na
proba e que foron A CAÑA. Sempre, sempre, sempre, constantemente berrando os nosos
nomes, con tanta ilusión por nós… GRAZAS DESDE O CORAZÓN, COMPAS.
Non sei
en que momento un compañeiro do Car Marisqueiro sumóusenos. Foi unha compaña
moi agradábel. Unha mágoa que alá polo km 30 os isquios non o respectaran
porque tíñase merecido entrar con nós na meta. Grazas pola compaña Jorge Lamas.
Xa
desde o km 2 voulle comentando a Pili que imos rápidos de máis pois son
quilómetros 4.41´´, 4.42´´, 4.37´´. Díxenlle unha e mil veces que debíamos ir
máis lento. Pero ela atopábase moi ben polo que decidimos tirar tratando de
manternos entre 4.40´´ e 4.50´´ e a agardar que pasaran os quilómetros.
Pasamos
polo túnel, pola rotonda de Lonzas (en todas as pequenas subidas díxenlle que
non había que forzar), por Ministerios. No km 9 tomamos o primeiro xel, segundo
o previsto. No km 10 bebemos, ou iso intentamos. Imos cara a Oza. Imos na
posición 372. Cómodos, cómodos, charlando, non moito pero relaxados.
Continúamos coa compaña de Jesús do CAR Marisqueiro. En cada cruce cos coñecidos
animámonos mutuamente. Así da gusto correr. Imos a ata a Praza de Mina para
rematar a primeira volta. Na segunda mantemos o ritmo fenomenal. Vou convencido
de que Pili non vai fallar. Non vai aparecer o muro porque… para iso vou eu.
Desde o
primeiro momento temos a sensación de que non deixan de pasarnos corredores.
Dígolle que se somos constantes, desde a media, seremos nós os que adiantemos
xente.
Acompañados por Jorge, iniciando a segunda volta.
Na
segunda volta, e despois de tomar o segundo xel (km 19) destacar que no
avituallamento de Oza estaba a miña alumna Noa. Foi moi graciosa a súa
reacción. Pasamos a Media Maratón en 1.38.57, na posición 385, cando o previsto era en 1.42´ e a un ritmo inferior a 4.42´´. Seríamos uns inconscientes?
Cando
chegamos a Riazor xorden os berros da pantasma dando ánimos. Que bozarrón. No km
25 xa imos de 368. Mantemos moi ben o ritmo e pasamos xente. É o territorio por
onde temos adestrado moito e esa é a nosa forza. Coñecemos cada subida, cada
baixada, onde hai que forzar e onde non. Temos as cabeciñas preparadas para o cansanzo e o sufrimento.
Imos
acumulando quilómetros pero a cabeza non envía sinais de esgotamento. No km 29
tomamos o terceiro xel, no meu caso é o primeiro con cafeína. Seguimos
fenomenal. Esta muller non deixa de sorprenderme. Subimos ata a rotonda da
Torre, facémolo con forza. Subimos ritmo na baixada. Tiramos ata Riazor. Sabemos que cada vez falta menos. Estamos lembrando sensacións dos adestramentos. Nada pode fallar. Imos convencidos de que a meta xa está agardando por nós.
É o meu
momento. Para algo me paga. Comezo a falarlle moito. Ata ese intre non o fixera excesivamente. Trato de que non pense.
Unha perna tras outra. Unha perna tras outra. Na subida ata a Casa da Auga non
forzamos pero recuperamos moito na baixada. Juan continúa ao seu, grabando. Comezamos pasar corredores que
van pola primeira volta. Pasamos a Natalia e a Marisa (son unas auténticas
heroínas estas ironwomen). Dígolle a Pili que na subida ata san Roque que non force.
Pasamos o km 33,1 na posición 348. Sabemos que a cada quilómetro que pase, menos xente temos diante. Sempre en positivo.
Coñecémonos
moi ben. Ela sabe que sinais debe transmitirme e eu, creo, seille responder.
Déixolle que faga a subida a ata a rotonda da Torre como queira, sen presión. É o momento no
que somos adiantados por Juan e Fernando. Dobramos a rotonda e baixamos. Tarda en
recuperar. Son os únicos tres quilómetros que superamos o ritmo de 5´ (de
5.10´´ a 5.02´´) Á altura do Surfistas recupera. Hai moita xente na beirarrúas.
Os ánimos do público danlle novas forzas. Melloramos ritmos. Estamos rematando.
Vou convencido de que vai facer Mellor Marca Persoal. É tempo de insultala e tirarlle
gabanzas (agardo que máis o segundo co primeiro). Cámbialle a cara. Volve
sorrir.
Praza
de Pontevedra, km 41. Fenomenal. Tiramos. Tramos de forzar aínda máis. Cantóns:
todos os berros de ánimo son para ela. Pásannos dous asturianos no Obelisco e…
oh marabilla: Rúa Real ateigada de xente. Berros, de ánimo por doquier. Trato
de que force pero non creo que me poida escoitar con tanta xente. Baixada para
Rego da Auga e… María Pita.
Que
grande.
Resultados:
3.22.16´´, de 340 e 341 sobre un total de 1073. Ela fai 5ª muller na absoluta e
1ª na súa categoría. Eu de 22. Media de 4.48”/km.
Ficamos
abraiados polos premios acadados: 2ª absoluta no Campionato Galego de Maratón. 3ª
muller galega, 1ª na categoría e 1ª na categoría do Campionato Galego. E, como
colofón, as mulleres do CAS, primeiras.