Case dous anos sen poñer un dorsal no peito pois as bicis o levan no manillar.
Dous anos cheos de problemas físicos que só coa paciencia e
bo saber de Álvaro e Iago Vázquez conseguimos superar. Desde xuño xa non hai molestias
pero ata mediados de xullo non comecei a trotar, alternado coas saídas en
bicicleta (a miña salvación).
En agosto o trote é prudente con tiradas curtas e en
progresión. En setembro collo un plan para facer Coruña 10 (xa van 12 ou 13 participacións?). Plan ao que tamén
se suma a miña compañeira de desgrazas, adestramentos e alegrías, Pilar. É un
plan prudente, con poucos quilómetros á semana (en torno a 50) que tratamos de
seguir en canto a distancias e series e empregar os ritmos sinalados como
referencia.
En xuño fixen 33 kms, en xullo 93, en agosto 181 e en setembro 223 quilómetros.
Uns días antes da proba recibimos a nova de que teríamos que
facer un test de antíxenos. Foi unha chapuza espectacular, un malgaste de
cartos públicos vergoñento pois antes de facelo xa tiñas un certificado na man
sen nome; sen control de identidade; se deras positivo ninguén sabería o teu
nome e poderías ter o certificado cun resultado negativo… En fin, boas
intencións pesimamente xestionadas.
Tamén somos informados que imos saír en grupos de cen
atletas cada dez minutos. Isto supón que imos correr, na práctica, sós, cando
ademais tanto Pilar coma eu non estamos nas marcas coas que nos inscribimos.
Para colmo, as previsións climatolóxicas eran de abundantes
choivas pola noite e posibilidades durante a proba.
Pois a pesares de todo iso, o trío de Montrove (Julio, Pilar e máis eu) alá nos presentamos na saída, cheos de ilusión e coa sorpresa dun sol de outono espléndido. Julio para baixar de 40.00, Pili para facer menos de 45.00 e eu coa idea de facer 42.30 a 4.15´´ por quilómetro (a miña peor marca na distancia e nesta proba).
Gañas de probar o novo percorrido (moi plano pero sen público):
Na saída tiña claro que non debería ir rápido pero a pesares
diso o primeiro km saíu a 3.58´´ polo que decido baixar o ritmo. Seguro que a
culpable foi Laura, a miña sobriña veloz, que estaba agardando por nós para
tirar algunhas fotos (grazas) e dar uns berros de ánimo (“que se note que es un
Martínez”). O segundo km xa foi a 4.11 e adiántame a única persoa que o fará en
todo o percorrido.
Por vez primeira entramos e corremos polo porto. Seguen
sendo quilómetros en solitario. Saúdos aos coñecidos cos que me cruzo pois xa
deron a volta á altura da Praza de Ourense. Son quilómetros máis lentos, entre
4.14´´ e 4.22´´. Creo que non teño forzas ou xa non sei sufrir coma hai anos.
As pulsacións nun soben.
Mentres, a xentiña do CAS non falla. Son o mellor club
animadoras/es que pode existir. Ademais doutra xente que me animaba polo nome e
da que xa non me lembraba. Grazas.
Fico na meta agardando por Nati e por Pilar.
Resultados: Tempo oficial 42.11", tempo neto 42.06" polo meu
Garmin a 4.09´´ os 10.140 metros. Na xeral de 256 (de 1054 chegados á meta) e
na categoría de 5º.
Pilar e máis acadamos os obxectivos (baixar de 4.30” e de
4.15”) e Julio quedou a segundos de baixar dos 4.00”. Polo tanto contentos. Ademais Pilar fai 1ª da categoría. Esta muller nunca nos falla. Pero...
O mellor estaba por vir.
Tras agardar por Pilar na meta e ao saír do recinto pechado, alguén me
chama. Non o podo crer. É Vanessa (a miña Vanessa). Dámonos unha aperta que me pareceu
longuísima. Tanto tempo, tanta dor, tanto traballo. E dime que vai correr, que
vai participar. Esta muller non sabe o que é a derrota. Non hai fracturas que
podan con ela nin malos augurios de profesionais da medicina.
O mellor sempre está por vir.