30/6/13

VI Baixada Popular san Pedro de Visma 2013

Tras a noite de san Xoán, decidín comezar a nova semana modificando os hábitos, é dicir, descansando os luns. Busquei unha parella de trote coa idea de facer unha tirada algo máis longa do normal nestas últimas semanas e a un ritmo moi cómodo. Elisa aceptou a proposta: resultado 19 km en 1.43´a un ritmo por quilómetro de 5.25. O percorrido foi desde Montrove ata A Barcala e logo polo paseo da beira do Mero. Tivemos a honra de cruzarnos co mestre Bernardo (que porte, que xeito de trotar, que ritmo) Grazas á compaña mantiven un ritmo cómodo e a cabeza ocupada.

O martes busquei un percorrido novo (12 km) e o mércores fixen outros 14 con 3x1000: 4.22; 4.03; 3.58´´. O Venres ampliei un pouco o percorrido do martes, chegando case ata Osedo (grande panadería, por certo)

Finalmente o domingo, con varias días durmindo menos do necesario con máis  cervexas das necesarias participei por vez primeira na VI Baixada do Monte san Pedro na Coruña facendo un total semanal de 68 km e sen pisar o ximnasio.

O domingo, tras un fin de semana moi activo socialmente, achegueime ata Visma para participar na súa proba. Os comentarios dos veteráns nesta carreira eran ben sinxelos: consiste en subir, subir e subir para logo logo baixar.

Despois de tomar un café e compartir unha boa charla con Jesús (había tempo que non coincidiramos), Roberto e Antonio, iniciamos o quecemento coa intención de coñecer parte da subida. Uns minutos antes da saída fixemos unha foto con case todos os do CAS presentes (esta Mónica sempre chegando xustiña)

O platexamento da carreira esta ben claro: ser moi prudente. E así o fixen. Saín moi amodiño sen preocuparme pola xente que me ía pasando na longa subida inicial (case oito minutos). Estabilizadas as posición e como me ía atopando mellor trato, inconscientemente, de acelerar o ritmo. Vexo xa ao lonxe a catro do CAS… renuncio a achegarme a algún deles. 
Con Toni detrás. No último quilómetro fun pendente del por se podíamos entrar xuntos...

Tras a primeira gran subida, un pequeno descenso e outra subida ben fermosa: semellaba un porto de alta montaña: curva e contracurva en subida e unha ringleira interminable de corredores por diante e por detrás. Fermosa estampa. Mágoa de foto.

Paso a algún atleta nas subidas e na parte máis plana manteño a posición. No inicio da gran baixada fágome o propósito de forzar e de que ninguén me adiante.


Resultados: 7.100 metros en 28.09´´ a 3.58´´ (non está mal para o perfil da proba) sendo o 35º na clasificación xeral (entraron en meta 320 atletas) e 4º na categoría. Inés e Jesús fixeron podium. Parabéns.

Fotos de Oscar Fresnedo e Victor Alvarez.

NOTA FINAL: Aínda que non estou nun pico de forma, estou contento porque semella que a pubalxia está superada. En marzo fixen 50 km, en abril 164, en maio 216 e en xuño 251.

23/6/13

I Carreira da Construción Naval. Ferrol 2013

Semana ben pobre: 47 km en catro saídas e só unha sesión de abdominais no ximnasio. Ningunha tirada con series. Escusas… moi variadas, que se chove, que se ir de tendas, que se non me apetece. 

Mais a pesar diso o domingo participei na I carreira da ruta da construción naval en Ferrol co aliciente de facer case todos os quilómetros (era un dez mil) por dentro do Arsenal Naval (conxunto neoclásico de primeirísima orde e dos que algún terei que poñer as miñas fotos en INICIARTE) e tamén pola Navantia de Ferrol. 

Participamos catros membros do CAS. Case un último instante colocámonos no caixón de saída. Estando nada concentrado deuse a saída. Cólleme moi distraído, tardei en poñer o cronómetro en marcha, tratando de non caer e de non tirar a ninguén. Con toda présa fago os primeiros cincocentos metros mais non deixo de apurar. Cando fago o primeiro quilómetro xa son consciente da rapidez da miña saída (parece mentira en erro de principiante co ben que o estaba a facer nesta probas de retorno á competición saíndo tranquiliño…) 

Por dentro do Arsenal, e para a miña sorpresa, no quilómetro dous pásame un bo grupo de atletas o que ben a confirmarme a rapidez da miña saída. Trato de recuperar a tranquilidade e de buscar o meu ritmo. Nos quilómetros catro e cinco (xa no segundo paso polo Arsenal) vou algo máis cómodo e voume achegando a atletas dos meus tempo. Vou detrás deles ata o oito e medio e case sen queres, nun curva, póñome diante deles. Intento apurar algo e de que se enganches. Así o fan pero na saída de Navantia, nunha pequena subida, vánseme (outra vez nunha subida). Trato de que non se me marchen demasiado pero será imposible. 

No último quilómetro outros tres atletas adiántame. Nos cincocentos metros últimos manteño a posición facendo un esprint tendido. Na chegada a meta está Pepe tratando de tirarme unha foto (que malo é iso de non levar as gafas…) 

Resultados: entro en meta en 38.55 a 3.54´´ o quilometro. Peor ca hai unha semana (se non se adestra non se corre). Nesta ocasión Roberto e Félix sacáronme 40 segundos (38.12´´ e 38.14´´), mentres que Alberto fixo a súa MMP con 39.43 e Javier rematou en 40.25´´. Entrei no posto 44 dun total de 466 atletas e 10º na categoría de maiores de 45.

As fotos (os berros de ánimo non se aprecian pero si se agradecen) son de BEA.

16/6/13

III Carreira Popular 10 km Concello de Carballo: que empanada!!!


Outra semana e outra competición. 

A semana foi coma as anteriores, un total de 59 km en cinco días (deberei pensar en só saír catro por aquilo da prudencia) a unha media de 12 km diarios. Xa van case tres semanas sen facer unha tirada longa. So un día fixen tres series de mil entre 4.07 e 3.53´´. A destacar que o martes acompañei a Elisa (ata onde se deixou) e a Inés (perdón polo forte ritmo). Fixen un só día de ximnasio con abdominais e pesas. 

Coma estaba previsto (xa que o sábado non puiden acomparñar a Raul á noctuna de Valencia), o domingo participei na III Carreira Popular 10 km Concello de Carballo. Ao igual que na de Ordes da semana pasada, tamén a fixera hai un ano mentres estaba saíndo da lesión padecida no nocello esquerdo. Tamén hoxe a idea era non sufrir na proba e ir na procura de boas sensación e se melloraba o tempo de hai doce meses (39.11´´) mellor ca mellor. 

Na praza de Galicia xuntámonos medio Club de Atletismo de Sada (a outra metade está xa en repouso ou estaba na competición de Riveira) Na hora sinalada iniciamos a proba. Saio con Roberto e aos douscentos metros xa se me vai separando. Non me importa, non teño présa. Os dous primeiros quilómetros son de buscar a posición natural da proba entre os case setecentos participantes. Unha vez estabilizadas as posicións comprobo que o meu ritmo é bo (tal vez a 3.49´´ o quilómetro. Trato de non forzar e reservar algo de forzas. 

Nos catro primeiros quilómetros Roberto sácame uns cen metros, mais chegando ao remate da primeira volta noto como me vou achegando ata telo case a uns vinte. No inicio da segunda volta, na subida, curta, que me fixera sufrir tanto o ano pasado, vexo como o grupo de Roberto váiseme e especialmente el (logo confirmaríame isto). Para a miña sorpresa teño preto a J.M. Rguez Tajes, un fenomenal atleta da miña categoría. Oa chegar ao oito xa vou detrás del e ao pasar o nove e medio adiántoo dicíndolle que non se preocupe que eu non teño esprín. Efectivamente a douscentos metros da meta hai unha subida e váiseme de novo (tres segundo na meta) e a pesares dos berros da miña rabudiña ("corre, corre") outro atleta pásame na liña de meta. 

Resultados: entro na meta en 38.50´´ (mellor ca hai un ano) na posición 44 sobre un total de 620 e de 7º na categoría. Como na edición anterior, os atletas confirman que a distancia é case uns trescentos metros maior ca sinalada polo que o meu ritmo por quilómetro sería: 3.47´´ o que significa que vou mellorando. 

Outros membros do CAS entraron cos seguintes tempos: José A.: 36.10; Roberto: 38.39; Alberto 40.20; Manuel: 44.06; Juan 44.15; Raul 45.23; Karina 45.49; Inés 46.27; Montse 47.17; Bea 50.54; Juan Carlos 51.16; Carmen 53.00; Begoña 54.44; Lina 54.57 e Bea 1.06.20. Parabén a todos e todas. 

Ao rematar a proba e ao verse tanta concentración do noso club o programa da TVG e da Federación Galega, Citius, altius, fortius, entrevistaron ás nosas rapazas e tiraron algunhas fotos. 

Mais agora debo facer un parágrafo especial. Veredes. Todos temos amigos e amigas. Mais eu teño a fortuna de coñecer a unha Rabudiña, a dona Mademoiselle Sandrillana que tivo a ben acelerar o seu regreso a Carballo para saudarme e tirarme as fotos que vedes a continuación; darme ánimos durante a proba e acompañarme na meta. E non só iso… agasallarme cunha extraordinaria empanada de bacallau con pasas, a miña preferida. Non sei que fixen para que me trate tan ben.
Entrada na meta no minuto 9.30´´

9/6/13

XVIII Carreira Popular do Concello de Ordes 2013

Outra semana na que as pernas nótanse cansas, a cabeza no traballa ben nas subidas, poucos quilómetros feitos (só 51) mais fixen un día de seis series de 1.000 entre 4.08 e 3.52´´. Son poucas e non rápidas. Sei que debo continuar coas series pero a cabeciña non é quen darlle ordes de esforzo ás pernas. Que lle imos facer.



Por fin regresei á competición. Participei na XVIII Carreira Popular do Concello de Ordes 2013. Estábamos alí só medio CAS porque o outro medio estivo metido noutras probas.

Con pouco quecemento, saín ao carón de Roberto e aguantei con el uns 1500 metros, notábame cómodo mais en canto chegou a primeira e curta subidiña xa se me foi e adiantáronme varios atletas. Como lembraredes a proba de Ordes caracterízase polas constantes subidas e eu aínda non teño nin as pernas nin a cabeza para elas, así que en canto apareceu a subida máis longa (case un quilómetro) decidín cambiar o “chip”, non sufrir e dedicarme a gozar da proba. Así se os dous primeiros quilómetros foron moi por baixo do catro minutos por cada un deles, os seguinte fun máis a modo.

Ao chegar ao quilómetro seis ía en case os 24 minutos. No remate dunha das últimas subidas pasoume ao velocidade impresionante un rapaz coa camiseta da Marató de Barcelona. Deume ata medo velo.
Os tres últimos quilómetros paso a catro compañeiros, na penúltima e curta subida manteño a posición mais na penúltima e breve recta fun adiantado. Son quilómetros sen sufrimento.

Entro en meta moi contento polo xeito de facer a proba. Resultados: fixen en 36.39´´ para os 9.500 metros é dicir a 3.52´´ o quilómetro. Vendo os resultados do ano pasado (36.30´´) continuo contento porque non sufrín na proba.

Todos os amigos do CAS melloraron as súas marcas nesta fermosa proba. Parabéns.
 
Vídeo da proba a mña entrada, facendo o macarra, está no minuto 10.40´´:

3/6/13

Galicia non é unha mina

A idea da semana era ir preparando a proba da Ría do Burgo, lugar onde fago a metade dos meus quilómetros anuais. Eran case 14 km, dando dúas voltas ao percorrido. Pero non puido ser. Despois de liar a Raul para que se inscribira, a última hora decidiuse ir á manifestación en Santiago contra as novas concesións mineiras que fixo a Xunta de Galicia, e, en especial, contra a mina de Corcoesto


Foto da axencia EFE
 
Fixen 69 km na semana, dúas sesión de abdominais no ximnasio e outra de pesas (fitpower) ademais de mil metros na piscina. Auténtica variedade deportiva. Mais a sensacións non foron boas. As pernas están descansadas pero resulta que tamén moi pesadas, cústanlles facer quilómetros, nas series non teñen velocidade, os tempos das tiradas son peores cos das semanas pasadas, e, para colmo, remato moi canso… parece que en vez de ir collendo a forma imos retrocedendo. A parte positiva foi que superei os 200 quilómetros mensuais, cousa que non acontecida desde o outubro pasado...

 Como o domingo había que ir á manifestación de Santiago fixen moi cedo una tirada de 15 e polo serán outra de 11 pola beira do río Mero, nesta ocasión moi ben acompañado por Elisa. Ademais tivemos a oportunidade de saudar a Paloma e Antonio. Había anos que facía unha tirada dobre.