27/1/14
19/1/14
Sanitas Marca Running Series A Coruña
Semana ben pobre, so 33 km. A decisión está
tomada. Hai que parar. As molestias persisten despois de cada saída polo que
hai que facer a cura: repouso, pilates, ximnasio, agardar uns días para ir ao
osteópata e para estrenar as novas plantillas e as novas zapas. Neses 33 km
meto os dez da carreira de Sanitas Marca Running Series na Coruña.
Sen moita ilusión, con pouco adestramento e
coa idea de non sufrir, participei na I edición da Sanitas Marca Running Series na Coruña. Fixen o quecemento con CAS
e uns metros coa gran Paula Mayobre (1ª absoluta) Saúdo a Rilo e a outros
amigos. Tiramos a foto de rigor con algún do Club de Atletismo Sada (que mágoa
non estar hoxe en Viana con Jesús, Manuel, Félix…)
A ameaza de chuvia era constante e agardo a
comezar a que estivéramos no caixón de saída. Van ser uns tres quilómetros pasado
por auga así como os últimos metros. Canto me alegrei de levar unha camiseta
técnica por debaixo da do club… porque xa me chegara a molladura da semana
pasada na san Xiao.
Saio demasiado preto dos primeiros, esa non
era a idea, e axiña van pasando moitos atletas e os compañeiros, primeiro
Alvaro, logo un colega da Escola de Idiomas, despois Rilo… Pero teño a cabeza
tranquila. Sei que non ten que ser hoxe o meu día e que hai que ir amodo.
Durante os dous primeiros quilómetros son
moitos os atletas que me van pasando. Incluso na subida cara a Adormideiras non
recupero posicións. Teño sempre a Rilo e a Alvaro a uns metros. Saio de
Adormideiras achégome un pouco aos amigos pero ao pe da Torre de Hércules
vólvense a marchar. Ía gardando forzas pensando que teríamos que subir ata o pe
do faro mais a organización meteunos polo Paseo Marítimo uns cincocentos metros. Case mellor así.
No regreso vou con un tal Marcelo. Semella
ser da miña categoría (45-54) Tiraremos xuntos un par de quilómetros. Ímonos
cruzando con outros corredores e recibimos os seus saúdos e tamén nós facemos o
mesmo.
O mestre Bernardo anda facendo o seu
adestramento e saudámonos en dúas ocasións. Que grande.
Na subida de Adormideiras, saíndo do
polígono, Marcelo parece que ten dificultades. Mais na baixada recupérase e
tiramos. Á altura da Hípica, (km 8) vaise quedando. Trato de aumentar o ritmo.
O cambio é case ridículo. Non hai forzas, non hai quilómetros de adestramento.
Volve chover.
A entrada na Praza de María Pita continúa
tendo algo de emocionante. O recinto é ben espectacular.
Como non puxen en funcionamento o cronómetro
(hoxe non tocaba facer bo tempo), sorpréndome na meta: 37.59´´. Din os colegas
que o percorrido en realidade non chegaba aos dez mil metros. Xa me parecía que
eu non estou para facer esa marca e menos con este día día de auga e vento e con este perfil.
Resultado (provisorio): meta en 37.59´´, de 48 na
clasificación xeral e de 5º na de categoría (que sorpresa) e so por detrás de
Emilio Martínez (case recuperado da súa lesión da Sin-Son) de José Luis Bouza
(hoxe debeu ir tranquilo), de Fco. Javier Correo, e de José Rilo.
12/1/14
XXXI Carreira Popular de san Xiao. Ferrol 2014
Despois
da visita ao traumatólogo, esta semana tocou coñecer ao podólogo co que traballa
o Club de Atletismo Sada: estou feito unha merdiña (prono dun xeito peculiar, arco
elevado, unha perna máis longa ca outra, as plantillas vellas non serven).
Agardo que a finais de mes ter xa as novas plantillas nas novas Cumulus 15. Mentres:
iniciarme en pilates, aumentar alongamentos e a flexibilidade na zona da
cadeira.
Nos
últimos oito días fixen 58 km. Non podo facer máis de 10-12 km por sesión. En
caso contrario, como o intentei hai oito días, os abdutores protestan moito.
Neses quilómetros conto a participación nunha proba en Ferrol.
XXXI
Carreira Popular san Xiao de Ferrol
Outra
vez voltei correr en Ferrol. Que ben coñezo ese asfalto, ese adoquinado e
ese enlousado do barrio da Magdalena… Inicialmente ía ir con Chema mais a súa cabeciña non o deixou…
As
previsións meteorolóxicas daban chuvia a partir das 12.30 horas mais esa xa
empezou caer media hora antes da proba pero como o CAS ía preparado… sen
problemas. Que carpa máis chula temos.
Tras
coller o dorsal, un café, a foto co club (non estaban os 37 participantes do club), cambieime, e fixen o quecemento con
varios amigos, especialmente con Luís (segue mellorando) e con Blas (benvido).
Agardo
a saída con Luís (meta en 37.19¨¨) e con Baltasar (meta en 36.34´´). Saio cos
primeiros mais como sei que non teño que estar ben, non me preocupo ao ver como
a xente vaime pasando. Charlo con Javier (meta en 38.56´´) quen por fin curou a
rotura de fibras, tamén con Pedro (meta en 39.16´´) quen me propón tirar
xuntos como en Mugardos (dígolle que non podo e que tire el). Rematando o
primeiro quilometro xa non me pasa case ninguén.
Desde o
terceiro quilómetro o ceo abriu as portas e decidiu baleirar sobre nós todas as
súas reservas de auga. Creo que empezo a sentirme mellor pois voume achegando a
xente que teño diante, como José (meta en 39.52´´) con quen sempre
coincidido en Ferrol e tamén en Porto. Así desde o catro, polo barrio da
Magdalena, vou cómodo e tirando. Levo ao meu carón a dous rapaces.
Tirando polo Arsenal
Paso o 5 en 18.42´´. Bo tempo, dígome. É para baixar de 38 minutos. Son quilómetros baixo toneladas de auga e vento así como nadando sobre os regatos que se van formando.
Ao saír do barrio, pásame Alvaro (meta en 39.09) e quedo preocupado
porque vaime metendo distancia con moita facilidade. A pesares de que por
detrás non ven ninguén empezo notar que baixo o ritmo.
O derradeiro
quilómetro fáiseme eterno: non para de chover, hai moitísima auga na estrada.
Na subida pola avenida de Esteiro collo a un compañeiro e anímoo a ir polo que temos diante. Non pode e tiro.
Subindo pola avenida de Esteiro
Vexo o
crono na meta. Decepción pero hai que ir asumindo o estado de forma. Se non se
adestra non se corre. O primeiro ten que ser mellorar o estado físico e logo xa
farei os adestramentos.
Tras
cruzar a meta, saudar a compañeiros, recoller algo sólido (non podo comer nada)
e líquido (so tomo o caldo quente) e marchar para o coche, secarme, cambiarme
e para a casa.
Resultados:
sobre un percorrido de 10 km (sería algo máis?) fixen 39.32´´ entrando de 60
sobre un total de 701 persoas e de 7 na categoría (maiores de 45) a un ritmo
(que pobre) de 3.58´´.
Fotos en carreira de Adrián R. e de José Antonio Paz
1/1/14
IV San Silvestre Rialto A Coruña 2013
Por fin
remata outro ano. Outro período con moito tempo lesionado pero tamén con moitas
carreiras realizadas. Foron 2.238 quilómetros. Non son moitos mais se lembrades
que o primeiro terzo do ano estiven parado… pois non están tan mal. Ademais
participei nun total de 24 probas.
Tras a
malleira recibida o luns no ximnasio (dúas horas con Toni son terroríficas), o
martes rematei o ano na san Silvestre da Coruña, proba que vai x apola cuarta
edición e que realmente está consolidada no magnífico circuíto de carreiras
populares da cidade.
Despois
de tirar una fotos con Raúl e familia, buscamos ao completísimo equipo
presentado polo Club de Atletismo Sada: case 50 participantes. Sen facer
practicamente quecemento, coloqueime ben diante na liña de saída ao carón do
Roberto e de Jesús. Saídos desde a avenida da Mariña e non desde a Praza de
María Pita. Busquei saír diante posto que a participación ía ser moi alta
(2000) e coa intención de tirar rápido nos primeiros metros para logo buscar o
meu ritmo.
Axiña
facemos case una única liña de corredores. O mestre Bernardo está no seu lugar
de sempre para animar aos participantes (chocamos as mans) e a tirar. Durante o
primeiro quilómtro o xeonllo dereito non para de estalar. Faime correr dun
xeito raro e preocupante. Despois de chegar ata o Náutico, iníciase a primeira
subida. Ata aí fóronme pasado corredores, mais sabía que desde aí iniciábase a
miña carreira. Vexo preto a José Rilo (compañeiro de categoría e de anos de
estudo). Téñoo preto mais non son quen de chegar onda el. Pásanme Roberto e
Jesús. Vexo ao lonxe a Jose A. Pouco a pouco vanme collendo metros.
Cando
rematamos a subida do Club do Mar teño a
Rilo realmente cerca pero aínda non o collo. Na baixa por Adormideiras non me
pasa ninguén e iso si que é unha noticia. Cando imos subindo cara a Torre e
abandonado Adormideiras, póñome detrás de Rilo e case cruzamos xuntos o control
de tempos.
Cando
iniciamos a baixada de volta xa teño a oportunidade de saudalo e falar algo con
el. Tiramos xuntos. Cruzámonos cos participantes que van cara á Torre e
animámonos mutuamente. Á altura da Hípica para que o meu colega vaise quedar.
Trato de animalo para que manteña o ritmo nas miñas costas pero non é quen de
facelo polo que me toca tirar para diante en solitario. Os cambios de posición
son mínimos aínda que vou pasando a algún que outro atleta. Volvo saudar a
Bernardo e fágolle o último quilómetro a un rapaciño que me esprita e gáñame. Antes de entrar en María Pita póñome o gorro de Nadal e sorrío para a foto.
Grazas pola foto, Ana
Na meta
vexo que entro xusto detrás Alvaro e xa axiña Rilo. Saúdamos. Xa teño sentados
a Roberto (sacoume 14´´) e a Jesús (sacoume 38´´) a Jose A. nin o vexo (sacoume
1.25´´).
Foto de Ciudad de Cristal, (Grazas, Carlos)
Despois
de entrar na meta, medei a camiseta, collín a cámara de fotos e iniciei de novo
o percorrido na busca dos amigos. Vou tirando fotos polo camiño ata chegar onde
Raúl e familia. Fago con eles outro quilómetro, animando ás súas fillas e
tirando fotos. Despois de ir ata María Pita, regreso para ver ao grupo mellor
disfrazado, os Picapedra co seu troncomóbil, por suposto do CAS.
Resultados:
fixen meta en 27.59´´ (30 segundos peor ca hai dous anos), de 33 na xeral e coa
sorpresa de seren o primeiro da categoría, a un ritmo de 3.38´´ o quilómetro. O
trofeo é dos poucos que me gusta: unha reprodución do cartel da proba feito por
Cabezas, un dos artistas coruñeses que máis aprecio e do que teño na casa algún
óleo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)