Mostrando entradas con la etiqueta Cros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cros. Mostrar todas las entradas

28/12/14

II Carreira pedestre do Anllóns

Semana de 78 kms. Xa non hai molestias (fican unas mínimas nun nocello) polo que decidín iniciar una nova temporada… o obxectivo aínda por decidir. Houbo xa seis saídas e unha sesión de ximnasio. O 24 atopeime con gran Noé, xa de regreso definitivo tras a súa estadía laboral no Estados Unidos de América. Como parecíame que ía "lento", xunteime a el. Claro que ía lento pois había dez días que participara no maratón de Honolulu, en Hawai. O 25 fixen un amago de series (4x500 entre 2.11´´ e 1.52´´). O domingo trotei con Pili ata o Faro de Mera.

O sábado participei na:

II Carreira pedestre do Anllóns

Foi una carreira ben especial. Dona Laura íase estrear nunha carreira. Para inmortalizar o evento pedímoslle a Angel Maceiras que fixera a seguinte foto:

 Fixemos algo de quecemento e mesmo comprobamos o estado do percorrido posto que a semana anterior José Leis avisárame de que podería haber moita lama. Pareceunos que o estado do camiño ao carón do Anllóns non era malo e que so deberíamos ter moito coido nas pasarelas de madeira.

Tras desexarlle moita sorte e aconsellarse que saía moi lenta para logo ir gozando da proba, despedinme de Laura e permanecín uns minutos con Manuel Ferreira agardando polo inicio do proba. Non saio moi rápido e mesmo quedo sorprendido pola cantidade de xente que me pasa, mesmo unas tres ou catro rapazas. Asfalto en baixada, e axiña una primeira ringleira de a un na que todos temos que ir máis amodo. Desde que entramos no paseo polo río vou adiantando xente (ao rematar a proba e comentala con Laura fun consciente que, despois da saída, non fora adiantado por ninguén). Hai que ir con coidado de pisar ben. Non me gusta ir moi próximo ao de diante polo que sempre que podo trato de ir pasando xente. No quilómetro dous non quero mirar o cronómetro, no tres tampouco. Cando damos unha volta e iniciamos o regreso, río arriba, vou case máis pende de ver e saudar a Laura que de correr. Non a vexo. A paraxe é moi fermosa.



Regreso, río abaixo. Continúo pendente de Laura. Por fin nos vemos e saúdamos, cada un por un lado distinto do río. Teño a sensación que agora podo concentrarme en correr. Quilómetro tres, creo lembrar que en 11.15´´. Aumento algo o ritmo e vou adiantando xente: un, dous, tres…Cando falta quilometro e medio teño diante a un grupo de tres atletas. O primeiro en ser adiantado é o máis novo. Logo outro que podería ser da miña categoría e xa, por fin, iniciamos os derradeiros metros por asfalto e en dura subida. Non collo ao que levo diante pero tampouco teño perigo por detrás.

Meta. Rapidamente ao coche a recoller as bolsa e agardar por Laura na meta. Sácolle un pequeno vídeo. Ben moi contenta e nada esixida.

Resultados: Laura 217 sobre un total de 270 cun tempo de 36.03 polo que o seu ritmo foi de 5.27´´. Xa se pode sentir coma unha bergantiñana máis.

Eu entrei na posición 23 cun tempo de 25.44´´ a 3.54´´. Na categoría entrei por detrás de José Leis e por diante de Juan Carlos Bergondo. O CAS fixo moitos pódiums. Dous chocolates quentes fixeron marabillas.

15/12/13

III Cross dos Menhires. A Coruña 2013

Despois de tres semanas sen competir, vou actualizar datos:

Continúo con serias molestias en abdutores e abdominais inferiores (pube). Sigo con citas pendentes de osteópata e traumatólogo. Xa fixen una ecografía con resultados non especialmente malos (tampouco bos). Estou tratando de facer máis ximnasio e tratando de gañar flexibilidade na cadeira (posible orixe dos males).

Estou a facer menos quilómetros. Trato de saír pouco a trotar posto que despois de cada saída as molestias van a máis. Rematei novembro con 145 km e nesta primeira quince de decembro levo 103 en gran parte grazas ás saídas con Pili… sen non fora por ela… Recoñezo que tamén compartín quilómetros con Julio. Só trote e algo de T.C. nada de series.

Pois ben, o sábado 14 participei no III Cross dos Menhires ao carón da Torre de Hércules. A verdade que é una auténtica gozada correr en medio do parque escultórico (no meu blog de arte,INICIARTE, tedes máis información). Coma sempre o Club de Atletismo Sada presentou una notabilísima representación. É todo un pracer compartir eses minutos con tan boa xente.

Cando cheguei ao circuíto xa se disputaran as probas dos cativos e das cativas. Tiven a oportunidade de presenciar a das mulleres onde o CAS está a colleitar enormes éxitos Entre as 12 primeiras houbo 4 do club. Tratei de animalas e de tirarlles unas fotos. Cando estaban na segunda volta creo que non lle gustou especialmente os “ánimos” que dirixín a Montse: “Cando queiras podes empezar a correr”. Non lle gustarían pero deron resultados, avanzou algunha posición e acadou o terceiro posto na categoría.

Tras un breve quecemento acompañando a Jesús, e case sen querer, vinme colocado na segunda liña no caixón de saída (ben lembro que o ano pasado saíra no último lugar). Ao comprobar como se vai estreitando o percorrido, alegreime de estar tan diante. Nos primeiros trescentos metros vou cómodo pero ao carón de xente que corre máis ca min polo que decido conservar a calma e non tratar de seguilos. 

Ao chegar ás pedras-fitas (un terzo do percorrido ao que había que dar tres voltas) xa deixa de pasarme xente e as posicións vanse asentando. Vexo que os de diante vánseme marchando. Paso a primeira volta en 8.56´´. A segunda fáiseme longa, algún atleta adiántame na baixada pero nas subidas recupero posición. Nalgunha curva pechada miro para atrás.

Fago a segunda volta máis lenta en 9.17´´. Cando chegamos por terceira vez ás pedras-fitas e miro para atrás vexo a coñecidos que me foron collendo metros. Desde ese momento trato de subir o ritmo e forzar todo o que podo. Paso a varios compañeiros. O grupo infantil e feminino do CAS animan con paixón (ata case darme vergonza diante dos outros atletas que andan comigo).

No último quilómetro paso a outra atleta e anímoo a que se enganche e tirar xuntos pero váiseme ir quedando. Na penúltima curva miro para atrás e parece que o perigo desapareceu.

Forcei moitísimo meses últimos mil metros. Pensei que o corazón íame saír pola boca.

Resultados: Fago meta en 27.28´´, bastantes minutos menos ca o ano pasado pero… entro na mesma posición 42 na clasificación xeral e na da categoría (a partires de 45…) onde fago 4º.

Fiquei realmente contento posto que estou adestrando moi pouco apesares do cal, os ritmos non se resinten aínda moito.

Despois da meta, case sen tempo, charlo con amigos e co club de fans feminino. Que delicia.

NOTA: Supoño que o circuíto non pode ser de 8.032 metros. Non estou para facer ese tempo de 27.28´´ nesa distancia e nun cross.

As fotos en carreira son de José A. Rey e de  Alberto Reboredo.

1/9/13

IX Cross de Broña

O luns tocou repouso absoluto. Martes  foron 14 km e o mércores outros tantos pero con 2x3000 a 12.20´´ e 12.08´´. Xoves só 10 km con técnica de carreira e o venres 21 km. Modifiquei a tirada longa dos domingos porque ese día ía participar no fermoso e duro Cross de Broña. Sábado 1.200 metros de piscina e domingo … ata a praia de Broña. En total 69 km na semana.



O IX Cross de Broña (creo que xa é a cuarta ocasión na que participo) foi toda unha ledicia, tanto pola organización (erros sobradamente corrixidos polo esforzo e cariños postos) como pola xente coa compartín os sete quilómetros da proba:

-Nada máis chegar vin a Julio Vázquez e estiven con el uns minutos. Contoume que o día anterior fixera a de Noia e tamén xa levaba moitos quilómetros acumulados na semana.

-Logo vin a Karina e a José cos que fixen unha boa parte do quecemento. Percorremos algo da proba para lembrar como era o final da mesma.

-Despois con Javier, tamén do CAS, e José Suárez, quen para a miña esperanza competitiva, fixera o sábado a proba de Noia con duras condicións climatolóxicas.

-Tamén compartín o remate da proba uns minutos con Baltasar con quen ademais doutras historietas, comentámonos os nosos males deportivos.

-E, finalmente, a sorpresiña da Rabuda. Como me gusta vela de corto de novo. Tremenda ilusión vela e estar un bo anaco de tempo con ela, e, para ser malo, sen a súa parella.

Saín cómodo e rápido mais vexo que non vou diante. Mesmo ao rematar o primeiro quilómetro (3.45´´) aínda me pasa xente. Cando vou no segundo continúame pasando algún atleta. Nese segundo quilómetro (7.35´´), nunha das incontables subidas da proba, vexo que me vou achegado a José Suárez e a Javier, pero na baixada vánseme moito. Vou collendo un ritmo cómodo e vivo e no terceiro quilómetro para miña sorpresa adianto, por vez primeira neste verán, a José Suárez e a Javier.

Principiando as subidas de verdade, continuo mellorando posicións. Como outras probas… por atrás chégame Baltasar, falamos un ratiño e quedamos para cando remate a proba. Imos xuntos uns centos de metros pero na parte máis dura da durísima costa, váiseme. Lembro canto sufrín o ano pasado nesta subida e sen embargo, nesta ocasión ía tan mentalizado que case se me fixo curta (que barbaridade veño de escribir…) Na baixada non collo a ninguén e mesmo un rapaz que pasara na subida ponse ao meu carón ata os últimos metros nos que se me vai.

Entro na meta contento polas boas sensacións na proba. Creo que fago un tempo de 28.10´´, é dicir, algo peor que os outros anos pero sen tanto sufrimento. Remato, outra vez, de terceiro na categoría de máis de 45 anos. Creo, de novo, que ninguén de máis da miña idade entrou diante  de min. Aínda non temos as clasificacións oficiais...


Teño que facer un parágrafo especial á actuación do Club de Atletismo Sada. Fumos catro persoas e levamos catro premios. Karina por partida dobre (2ª na clasificación absoluta e tamén 2ª na da categoría), José A. (3º na categoría) e máis eu (3º na categoría). Javier non o puido facer mellor por diversos problemas estomacais padecidos na semana e que non é pertinente detallar.


23/12/12

II Cross dos Menhires na Torre de Hércules


NOTA PREVIA: Que a galego fobia do concello da Coruña pasara tamén á federación… isto ben a conto polo nome da proba: Cross do Menhires cando en galego temos unha verba tan fermosa como é pedra-fita… Que lle imos facer.

Continúo lesionado. A pubalxia está diagnosticada por un traumatólogo e, ademais, unha  ciruxá confirmou que non hai nada máis afectado. Repouso absoluto… ou case. O pasado xoves, farto de non facer nada trotei cinco quilómetros. Ao día seguinte os abdominais non soportaban o esforzo de levantarme da cama.

Farto de estar farto, o pasado sábado 22 participei (que non competín) no II Cross dos Menhires da Coruña, aproveitando que se retarsara a proba por mor da treboada do 15 de decembro. O ambiente foi estupendo e ao ter que dar varias volta a un circuíto podíase animar repetidamente a todos os e as participantes. Previa á proba absoluta masculina foi a feminina onde o Clube de Atletismo Sada contou cunha exitosa participación. O circuito pareceume ben fermoso e non moi duro.

Tras facer un pouco de quecemento, decidín saír case de último. O primeiros centenares de metros mantiven a posición e no primeiro descenso comecei a pasar xente. Aumentei prudentemente o ritmo e ao remate da primeira das catro voltas das que constaba a proba, xa estaba ao par de xente do CAS (de Juan, en concreto). Cando se estaba na zona máis lonxe da Torre, é dicir, na zona das pedras-fitas, tiña a Alberto a uns 12 segundos. O obxectivo era chegar onda el e tratarlle de aguantar o ritmo. Ao rematar a segunda volta vexo que mantemos as distancias. Cando iniciamos a última volta Alberto váiseme distanciando (na meta sacoume todo un minuto, parabéns, campión) e trato de manter a posición, cousa que non consigo con dous atletas que me adiantan nos derradeiros douscentos metros. Iso si, foron os únicos que me pasaron en todo o cross.

Con pouco tempo de saudar os amigos, tras cruzar a meta tiven que marchar rápido para o xantar familiar.

A pubalxia…? Pois peor. Era sabido. Sen non podo adestrar polas molestias constantes… despois dun esfrozo de oito quilómetros, teño máis molestias e mesmo dificultades para camiñar. Día a día vai a menos pero sen chegar a desaparecen as molestias. Continuo agardando polo fisio.

Resultados: a distancia era de 7.973 e a fixen un tempo de 34.12´´ a un ritmo de 4.17´´. Entrei na meta na posición 42 e de 4º na categoría de veteráns B.

Fotos son de Lihto e miñas.

18/8/07

III Cros de Broña


O sábado 18 de agosto, o Club Panadería D´Osedo enviou ao Xefe do Gabinete de Prensa a coñecer o Cross de Broña na Serra de Outes. Os catro quilómetros desenvólvense nun percorrido fermoso e duriño. A familiar organización merece o noso apoio polo cariño e entusiasmo que pon no seu traballo. Parabéns.
Resultado: 15.00'', sexto en veteráns (maiores de 35 anos) e 15 apro. na xeral (sobre un total de 55/65 participantes)
¡Quen non adestra non corre!