20/10/14

Adestrando polo Gerês?

Semana con 85 km. 

A cabeciña comeza estar cansa de tantos días de adestramentos. Só falta pouco máis dunha semana e media para a Maratona de Porto... como me tarda.

O luns, día de repouso despois da proba de Sada, tocoume una tirada suave aínda que coincidín 2 quilómetros co gran Manute (xa non foron tan suaves). 

O martes tocaron 14x400 entre 1,33´´ e 1.22´´ (algo mellor co planificado). 

O xoves fixen 16 km con 4x3000 entre 12.45 e 11.30´´. Tiven a sorte de atopar a Luís quen me axudou a facer a terceira serie. 

Venres rodaxe suave con Pili e sábado tirada longa (29 km) desde Montrove e polo río Mero. Atopeime con amigos (Víctor), incluída a Noelia con quen coincidirei na Maratona de Porto. A ida foi en 1.08.40´´ e o regreso en 1.04.15´´. Curiosamente foron case os mesmos tempos ca hai tres anos.

O domingo, para descansar, fun con Juan ata o Géres a deseñar andainas… Que pracer.

12/10/14

IV Carreira da Auga-Unicef en Sada

Que é un club de atletismo?

Pois menuda pregunta. Pode ser un grupo de persoas que comparten uns intereses deportivos. 

Que é o Club de Atletismo Sada? Un grupo de persoas que comparten uns intereses deportivos? Pois non. Moito máis ca iso. Un grupo marabilloso de persoas adicadas en corpo e alma para que a súa contorna emocional poda gozar do deporte. A que vén isto? Pois a salientar a adicación, esforzo, profesionalidade, xenerosidade, cariño, ilusión, traballo que este feixe de atletas puxeron sobre o asfalto de Sada para que se puidera celebrar a IV Carreira da Auga. Horas de xuntanzas, horas de planificación, horas de risas, horas de quilómetros, horas de suor, horas de ledicia, horas de responsabilidade.

Moitas grazas amigos e amigas. Que grande sodes.

Semana con 96 km cunha tirada de 25 e dúas de 20. Ademais participei na: 

IV Carreira da Auga-Unicef

Sábado pola tarde botando unha man na organización da proba. Canso pero contento ao comprobar o magnífico ambiente na organización. Domingo ás 7.30 colaborando na posta a punto da carreira: vallas, pancartas… Un feixe inmenso de voluntarios traballando para que a carreira fora un éxito. Antes de traballar, unhas fotos co club:
Canta boa xente!!!

Nova equipación para os trails

O servizo de "liebres" preparado

Algo quente con Jesús e quecemento curto con el. Ás 10 en punto a traballar. A facer de “liebre” ou de pacemakers. As ordes recibidas eran entrar por baixo dos 40 minutos. Facemos o primeiro quilómetro tranquilos, o segundo demasiado rápido. Danos tempo a ir falando cos atletas, coñecendo as súas expectativas. 
Iniciando o segundo quilómetro

Na saída de Sada Jesús e eu imos explicando o percorrido. Procuramos animar constantemente aos nosos acompañantes. Jesús leva a bandeira co tempo e eu trato de facer grupo. Na primeira subida déixome caer para animar aos que se van quedando.  Reintegro a algún no grupo. Volvo deixarme caer, explico de novo o percorrido. Con Jesús imos berrando como é cada subida, cada quilómetro.

Ao deixar a estrada de Meirás volvo deixarme caer. Falo con xente, anímoos. Tardo en poñerme á par de Jesús. Vai como un tiro. No avituallamento, Josu ofrece auga e saúda ao seu pai. Rematamos as subidas. 

Inicio a longa baixada a cola do grupo. Na cuneta está Luis co seu fillo no colo (iso é ir facendo afección). Vou diante de Jesús e acompañando a tres atletas que están forzando o ritmo. Collemos a Toni. Entrando en Sada agardo por Jesús. Déixoo ir e quédome para “recoller” máis atletas. Fago os derradeiros cincocentos metros animado ao máis novo do grupo. 
 Grazas pola foto Braulio. A recuperarse

Mesmo nos derradeiros metros párome a tirar dalgún máis. Obxectivo conseguido. Entramos en meta en 39.16´´ e moitos dos que querían baixar do 40 minutos tamén o acadaron uns segundos despois.
Grazas pola foto, Bea

Tras cruzar a meta saúdamos e felicitamos aos campións. Parabéns.

Resultados: nesta ocasión anecdóticos, 39.16´´ de 46 na absoluta e de 9 na categoría.

5/10/14

VIII Coruña-10: ben, ben, ben.

Semana con 71 km. Un día con 20 por Sada primeiro so e logo coas “liebres” do club para a carreira da Auga. Fixen esa tirada con Alberto, Javier e Raul a 4.30´´. Divertido. O sábado estaba tan canso que non trotei. O domingo participei na

VIII Coruña-10 

O obxectivo era facer un resultado semellante ao ano pasado (3.41´´) é dicir, trotar a un ritmo de 3.45´´-3.47´´. Semellaba factible despois do resultado da semana pasada na media de Ferrol. Ademais era un día especial, Don Julio estreaba os seus 50 anos acompañando a Pili nesta proba. Todos os augurios eran positivos agás pola camiseta (tíñaa reservada en galego con moitísima antelación e... recibín unha no idioma da corporación municipal da Coruña). Non choverá, non haberá case vento. Un circuíto rápido. Moitísimos amigos e coñecidos… Que máis se podería pedir. 

Non fixemos moito quecemento. Case non tiramos ningunha foto (cheguei tarde á do club pero andaba por alí Félix) pero si saúdamos e charlamos con moitísima xente. Todo o mundo está tolo. Todo o mundo corre. 

No caixón de saída coincidimos con medio club de Sada. Preto de nós Inés e Noelia e a uns metros, Tony, Alberto, Roberto… Ademais puiden saudar a Bernardo e a Jorge, o meu colega da semana pasada en Ferrol. Fago os últimos minutos de espera cun rapaz co que tirara os últimos quilómetros nesta mesma proba hai un ano. Casualidade. Sabíamos que a saída era moi estreita e complicada polo que cumpría estar moi atentos e saír ben rápidos e adiante. 

Cando soa o pistoletazo de saída non son quen de poñer o cronometro en marcha. Vou preocupado por non molestar e non caer. Tardo uns vinte segundos en poñelo en funcionamento e inicio a tolemia. Correr por calquera lugar onde fora posible, indo dun lado para outro na busca duns metros libres. Neste primeiro quilómetro xa coincido con Jesús (que grande). Iniciando o dous tamén ven con nós Roberto e Javier. Tremendo club. Blas, o fareiro, está na beira para tirar fotos. 
Foto de Blas. Rodeado de amigos antes do km 2.

Chegando á rotonda do porto, deixo que Jesús marche. Detrás del vanse Roberto e Javier. No quilómetro dous decido baixar o ritmo posto que saíra demasiado forte. Pásame Pablo Anllo,do Runaways. Tirando por Xoana de Vega volvo coller ritmo. Detrás de Pablo iniciamos a pasar corredores. No catro xa pasara a Javier. Por Riazor collo a Jesús e a Abu, compartimos uns metros e auga. Sigo tirando. Despois da rotonda dos surfistas paso a José R. Tajes.
Grazas pola foto, Bea

Iniciamos a subida cara á Torre. Xurde o vento. Continuamos mellorando posicións. Adianto, por primeira vez na miña vida a José L. Bouza. Anímoo. Na rotonda da Torre noto a subida de verdade. Sei que desde o Orzán imos subindo mais vou tan concentrado que nin me entero. Nesa rotonda parece que non teño folgos pero na baixada collo forzas e tiro de novo con Pablo. Collemos a Luis, do seu club que vai acompañado por Noé (un dos grandes). Luis non pode máis pero nós animámolo moito. 
Foto de Blas no km 8 tirando de Pablo tras pasar a Luis.

Dígolle a Pablo que hai que tirar que estamos no derradeiro quilómetro e que podemos entrar por baixo de 37. Váiseme e, como non, pásame un atleta nos trescentos metros finais. Trato de non baixar o ritmo e tiro con forzas. 

Resultado: De 117 na absoluta (sobre 3.557) e 6º na categoría. 37.01´´ a 3.42´´ o quilómetro. Foi o dez mil máis rápido en asfalto. Incrible. Pili: 1ª de categoría. Esta muller nunca nos falla. Despois… xantar festivo. A vindeira semana tocará “participar” como “liebre” na Carreira da Auga de Sada e tratarei de facer unha tirada longa.