19/9/16

X Meia Maratona do Porto: coma na casa


As molestias continúan. De acordo con Angel, de AlfaFisio, trotei menos na primeira quincena de setembro co obxectivo de poder rematar a media de Porto. Aumentei o traballo específico para fortalecer glúteos e en consecuencia protexer abdutores. Tras a media de Porto toca continuar co traballo de fortalecemento de glúteos e de gañar mobilidade na cadeira.

Correr en Porto xa é coma correr na casa. Van tres maratonas rematadas e dúas medias.

Esta cidade xa forma parte da miña vida atlética e pronto tamén o será dunha persoa admirable, Manu Mariño, (superador de calquera importunio físico e gozador de cada quilómetro coas zapatillas)

Non tiña moi claro o obxectivo da proba. Acompañar a Iago e Borja… se apareceran… Saír con calma, comprobar o estado físico e logo tirar… Desde logo o que si desexaba era gozar da proba, se as pernas non están para sufrir hai que saber gozar.

Na saída atópome con Diego Álvarez con quen teño compartido moitos km de asfalto en Porto. Vai facer esta media para en sete semanas facer a maratona: sorte, meu. Tamén saúdo a Félix e tiramos unha foto con Paula e Alex. Non coincidín con Javier, mágoa.


No caixón de saída Alex está convencido de querer facer 1.30 e eu disposto a axudalo para un ritmo de 4.15´´/km. Vai ser a súa estrea na distancia e este avó xa tiña a quen contar batalliñas durante a proba.

Saída con calma a 4.42´´ desde a parte traseira do noso caixón. Facémola pola beirarrúa pois os dous carrís non dan para avanzar. Temos coidado de non tirar a ninguén e de non ser tirados. Vou tratando de marcar ritmo e de tranquilizar ao meu acompañante quen fica emocionado ao atravesar a Ponte de dom Luis ao ver a grande cantidade xente que está a animar. Voulle contando o percorrido e os pequenos trucos (por V.N. de Gaia hai que ir pola beirarrúa todo o que se poida). Fálolle moito coa intención que se despreocupe dos ritmos e do paso dos quilómetros.

Por Gaia teño a oportunidade de saudar por vez primeira a Angel, forista maratoniano de Correr en Galicia.


Facemos quilómetros entre 4.16´´ e 4.20´´. Cruzámonos con Paula quen vai tan concentrada coma sempre (verémola algún día coa faciana relaxada?). Damos a volta na foz de Gaia, un lugar realmente fermoso. Álex da algún síntoma de cansazo a partir do Km 10. Trato de axudalo psicoloxicamente para que non sexa derrotado polo asfalto: fálolle, cóntolle batalliñas, explícolle algunha cousa, coa idea de que se lle pasen os quilómetros.

Novo paso pola Ponte de dom Luis. Os dous aplaudimos á xente que anima. Márcolle unha nova etapa: hai que subir río arriba. A seguinte etapa será a baixada ata a Ponte.  Son cinco quilómetros que comezan ser unha tortura para Alex. Baixamos ritmos a 4.22´´, a 4.42´´… Somos adiantados por bastantes corredores e corredoras. No Km 15,5 tras o avituallamento, dime que está en crise e pídeme que o deixe, que tire só. Con tristura e con algo de remordemento (foi culpa miña o ritmo de saída?), cambio a velocidade e vou recuperado os ritmos dos primeiros quilómetros.

Son metros nos que gozo (que malo son) de ir adiantando colegas. Volvo ir sobre 4.17´´. Gozo da distancia. Como me gustan os 21.000 metros. Desato a miña bandeiriña republicana. Vou notando as molestias no abdutor dereito e consecuentemente no pube. Sabía que as pernas non estaban ben pero cría que estaban algo mellor. O derradeiro km sae a 4.05´´. Levanto a bandeira para entrar con ela na meta.



Resultados: 1.33.10´´ (bruto) e 1.32.23´´ (neto) de 436 e de 16 na categoría.


Despois da proba continuamos coa maratona turística iniciada o sábado. Un traballo realmente duro incluíndo o xantar no Valentím de Matosinhos, regado co Casal García de turno.

Tan só un apuntamento final: creo que Porto corre o risco de converterse nunha atracción turística en si mesma, nun parque temático coma Barcelona.

Agora hai que parar e recuperar. Semanas de ximnasio. Aínda queda moito asfalto por correr pero para facer sen molestias.