Tanto tempo tivemos que mesmo cheguei, case sen querer, a colocarme na primeira liña de saída. Prudentemente din un paso atrás e quedei na segunda. Tras o pistoletazo, saín amodiño (a experiencia comeza a ser un grado) pero ninguén quixo tirar forte, en consecuencia, durante os primeiros mil metros estiven co grupiño que comandaba a proba. E canto ía comezar a subida deixei que xente máis nova collera a responsabilidade de estirar o pelotón, permitindo que uns vinteún atletas pasaran diante e me foran abrindo camiño. Tras culminar o porto, non permitín que ninguén máis vira o nome do meu querido club na parte dianteira da camiseta.
Desde alí ata meta, tranquilamente, gardando a posición e procurando facer un entreno de calidade (xa sabedes que os domingos toca tirada longa e non estas caralladas de 10 quilómetros) cun resultado de 37 minutos e 11 segundos.
Como empeza a ser unha tradición, durante o percorrido a nosa fotógrafa (case) oficial (pertence xa ao club, señor presidente?) tivo a ben obter algunhas instantáneas dos corpos amarelos.
Fantástica organización, parabéns.
Na liña de saída e da meta podemos comprobar, unha vez máis, o prestixio que xa ten o noso club e o seu sitio web. Moitas grazas a cantos visitades esta humilde bitácora.
Xa publicaron os resultados: alguén máis idade que o cronista quedaría por diante del?





