28/4/09

Maratón de Madrid 2009

SACANDO PEITO
Meses de entreno cun obxectivo: MAPOMA 2.59.59´´. A Vig-Bay como un test: perfecto, asumo posibilidades reais de acadar o obxectivo. A semana seguinte parado por unha lumbalxia. Nos vinte días previos a Madrid non me saen moitos quilómetros nin bos tempos nas series. Na cabeza: coller axiña ao grupo sub tres horas e aguantar con el todo o posible. O día anterior mensaxes e chamadas telefónicas de ánimo. Grazas.


Desde uns dez días previos á carreira andivemos moi preocupados polo tempo. As previsións eran pésimas: frío, vento e chuvia. Non podían ser peores. Logo as previsións foron mudando: que se aumento das temperaturas, que se escasa probabilidade de auga, mais finalmente, dous minutos antes da carreira comezou chover e fíxoo durante media hora.

Na liña de saída a nosa Keniata que tiña reservado un espazo supervip (dorsal 47) preferiu compartir os últimos instantes cos seus dous compañeiros, xesto que agradecemos profundamente. Bicos desexándonos sorte (o triatleta e o cronista tamén nos bicamos porque o cortés non quita o valente) e pistoletazo. A polas tres horas.

Axiña, no quilómetro un, engancheime co globo das tres horas. Chegamos á Praza de Castilla e comezamos o descenso. No quilómetro dez os comentarios no nutrido grupo son que o ritmo é moi rápido (quilómetros de 4.00, de 4.04) porque se saíra moi lento e había que gañar tempo para compensar os sete últimos quilómetros en subida. Aguantei con eles comodamente ata que descenderon un pouco o ritmo, ala polo 17 e deixándome ir, os adiantei. Un xemelgo comeza a cargarse, aguanto. Pasamos a media maratón en 1,27,08´´ (que loucura). Aparecen as gañas de evacuar líquido e tras pasar Ferraz e nunha pronunciada costa achégome a unha árbore. Perdo 40 segundos. Ao evacuar asústome un poco ao ver o gran número de atletas que corremos no grupo das tres horas, facilmente seríamos uns 50.

Reintégrome na carreira e volvo a engancharme ao grupo das tres horas no quilómetro seguinte co que recorro, case sempre na cola, doce quilómetros máis. E a gran alegría, alá polo 27 e de entre o escaso público da Casa de Campo, xurde unha marabillosa figura protexida por un plástico azul, xurde Chema, o Farmacéutico Veloz, o Meu Heroe. Inmensa alegría. Quero abrazalo, quero bicalo (case o consigo). Dáme ánimo, dime que vou cojonudo, co moi bo ritmo. Agradecinlle toda a carreira os seus ánimos. Tiña que chegar, non lle podía fallar.


Voume quedando descolgado do grupo. Téñoo á vista pero xa a vinte, trinta metros. Na saída da Casa de Campo xurde (non o lembraba) o Angliru: unha costa tremenda, corta e pero moi dura. Non debo ir moi mal, dígome, cando adianto a xente mentres a subo. Pero o grupo vaiseme marchando. Tras coroar, acelero o paso e na baixada seguinte, engánchome de novo ao grupo. Corro un quilómetro no medio do xa pequeno grupo (unhas 15 unidades). Pouco a pouco empezo, de novo, a distanciarme uns metros.

Xa no quilómetro 30 estou convencido que acadarei o obxectivo, baixar un segundo das tres horas. O tempo de paso é fantástico, 2,05,00´´, máis de dous minutos por baixo do previsto e soñado. Hai marxe de sobra. Tras pasar polo Vicente Calderón chegamos ao 35. Vou no medio do cada vez máis reducido grupo. Sabía que a carreira comezaba alí. Sete quilómetros de subida. Pero había marxe (mantiña os algo máis de dous minutos). O xefe do grupo das tres horas achegóuseme un par de veces nestes quilómetros finais, comenteille cal era o meu obxectivo, deume ánimos e díxome que non me preocupara que podía baixar o ritmo ata 5 minutos por quilómetro (na meta agardoume para felicitarme; grazas, tío).

Era consciente que a partir de Atocha viña o peor (quilómetro 39). Concentración, baixar ritmo, unha perna detrás da outra. Unha perna detrás da outra. Unha perna detrás da outra. Chegamos á parte de abaixo do Retiro (Avenida Afonso XII). Sufro. Última subida. Último quilómetro. De súpeto os berros de Bea (Antonio!, Antonio!). Nunca saberá Bea que inmensa alegría produciume escoitar a súa voz, unha voz de ánimo só para min. Grazas Bea. Logo os berros de Isabel, Eva e Pepe (grazas compas). Vexo a meta...2.59...27´´. A clasificación non me importaba pero... 327 sobre 8.945; na categoría 37 de 1.139.

OBXECTIVO CUMPRIDO: non hai cansazo só alegría e emoción.
CHEMAUnha maratón é unha carreira para a cabeza. As pernas deben estar entrenadas pero sen cabeza nin se remata nin se goza. Os obxectivos debe ser realistas, a cabeza debe marcarnos os ritmos, proporcionarnos estímulos positivos, non permitir que o cansazo nos derrote. Pero e o corazón? Onde queda o corazón? Para os tres maratonianos do club o corazón foi Chemaman. Unha persoa capaz de realizar 1.200 quilómetros para dar simplemente un abrazo nunha carreira ten que ser todo corazón. Unha persoa que xurde de entre o público na segunda parte da carreira, nunha zona sen público (Casa de Campo) para dar un abrazo e unhas palabras de ánimo ten que ser todo corazón. Só por non defraudalo puidemos rematar a carreira, se el esforzouse tanto para animarnos, non lle podíamos fallar. Fálase da soidade do corredor de fondo… con Chemaman nunca estivemos sós. Correu con nós. Grazas Chema, O noso Heroe.

27/4/09

Un heroe e tres maratonianos


Hoxe participamos e corrimos no Maratón Popular de Madrid. Nuns días poderedes ler as crónicas, mais, urxentemente, os tres atletas queremos darlle as grazas ao FARMACÉUTICO VELOZ, quen desde hoxe, e polo menos para mín cambiou de nome, agora será:

O N O S O H E R O E


Xa están os resultados provisionais: da Keniata de Montrove, do Triatleta e do Cronista.


G R A Z A S C H E M A

23/4/09

Deporte e literatura: Murakami


Unha amiga moi especial vén de agasallarme con este libro dun famoso escritor xaponés: Haruki Murakami. Do que estou a falar cando falo de correr. 2009, Galaxia.

Como o o título é dabondo expresivo sobre cal é o seu contido, vou citar tres parágrafos do mesmo

Non é que non teña espírito de competición. Mais, non sei por que nunca me importou o feito de gañar ou perder contra alguén. Esa tendencia miña non mudou case nada cando me tornei adulto. Non me importa moito gañar ou perder fronte a alguén, en calquera asunto. Non entanto, o meu interese céntrase máis en se podo superar ou non os obxectivos que establezo para min mesmo. Visto deste xeito, as carreiras de fondo son un deporte que se axusta perfectamente á miña mentalidade.

Lembras querida amiga algún comentario teu na Estación de Cambre?
Eu non son competitivo. Non somos competitivos. Só queremos mellorar.


Se corredes un maratón enteiro, decatarédesvos de que para correr non é tan importante gañar ou perder contra alguén na carreira. Evidentemente, superar o rival que está diante tórnase nun asunto primordial para os corredores que van en cabeza e que aspiran a conseguir a vitoria, mais para os corredores comúns da cidadanía o feito persoal de gañar ou perder non é unha cuestión importante. Talvez haxa alguén que teña unha motivación especial, como “non quero perder contra ese”, que pode servir de estímulo para o adestramento. Mais no caso de que ese rival determinado non poida participar na carreira por algunha razón, a motivación desaparece (ou redúcese á metade) como resultado, e daquela non se poderá continuar moito tempo como corredor.

A maioría dos corredores medios afronta a carreira establecendo unha meta persoal de antemán; por exemplo: “hoxe fareino neste tempo”. Se conseguen correr nese tempo, el/ela lograrán algo, e no caso de non o superar, non lograrán ese algo. Aínda que non poidan cumprir co tempo, haberá unha satisfacción porque fixeron todo o que puideron, e o logro talvez non sexa chegar a sentir unha resposta positiva que se conservará para a próxima carreira, ou calquera especie de gran descuberta. Dito doutra maneira, o criterio máis importante para un corredor de fondo é se sente ou non orgulloso de si mesmo ao rematar a carreira (ou tal vez algo semellante ao orgullo)

Quen isto escribe leva case trinta maratóns rematados (a un tempo medio de 3,30, moitos triatlóns e algunha proba de cen quilómetros en pouco menos de 11 horas)

Por certo aínda non está traducido ao castelán, pero podedes ler a versión orixinal Hasbiru koto ni tsuite kataru toki ni boku no kataru koto ou ben a inglesa “What i talk about when i talk about running”. Un bo libro para ler na viaxe ao Maratón de Madrid.


GRAZAS LOLY

16/4/09

Preparándonos para o MAPOMA

Un amigo que din as crónicas históricas que foi deportista, envíanos o seguinte vídeo, seguramente con tanta envexa como mala host...


Como os "expertos" sabemos que non é para tanto, vexamos outros vídeos:





8/4/09

Arquivo fotográfico Life: maratón

Como algúns andamos na fase final da preparación, apesar da lumbalxia, da Maratón de Madrid, imos hoxe a recrearnos a vista empregando as posibilidades que nos ofrece o arquivo fotográfico da revista LIFE. Supoño que nas fotos recoñeceredes a un dos históricos da distancia e mesmo a un español.

23/3/09

Vig-Bay 2009: baixando tempos (1.22.03´´)


O pasado domingo 20 de marzo e coas ausencias xustificadas por varios motivos (que se “teño que traballar”, que se “estou lesionado”, que se “estou perdido en Lugo”, ou que “non vou porque non teño ánimos”) nove espectaculares atletas do club desprazáronse a Vigo a pesar dos enormes problemas materiais que case impiden a nosa participación na décima edición da Vig-Bay.
Problemas ocasionados polo cambio horario (houbo un que se ergueu ás 4.40 da madrugada), pola dura competencia da Fórmula 1 e, sobre todo, polos problemas ocasionados debido ao estado técnico do transporte: unha furgoneta de aluguer que tiña máis sede que Fran no Támesis. Moito piloto para tan pouca máquina. Os atletas pensando que a furgoneta estreaba o novo sistema para aumentar a potencia dos coches de Fórmula 1, o kerst, e en realidade a furgoneta perdía máis auga que o Nilo no seu esteiro.
A X Vig-Bay, Vigo-Baiona a toda costa, sería a posta de longo a nova equitación do club. O señor Presidente tivo a ben dotar de novas camisetas e dun cortavento a todos os seus esforzados atletas, amosando unha vez máis o seu cariño polo atletismo popular, o seu cariño polos seus sufridos atletas e a súa xenerosidade case sen límites.

Tras os consellos madrugadores do atleta coñecido ata o pasado domingo como “O comensal austero”, o xefe da expedición ordenou a saída ás 07.30 horas. Horario escrupulosamente cumprido por todos os membros da expedición, incluído Roberto.
Chegamos a Samil con tempo dabondo para recoller dorsais, facer augas menores e maiores e quentar o mínimo imprescindible. Cunha temperatura fresca e cun vento de 10 nus do norte, emprendiamos a carreira segundo as indicacións do novo estratega atlético do club, do gran catalizador do xogo: o coñecido ata entón como “O comensal austero” destapouse como un auténtico distribuidor do xogo, como un Xabi (peza fundamental no Barça) das carreiras populares (din as crónicas históricas que nos seus tempos mozos, alá polo Lugo romano, inventara o fútbol de calidade) enviando a:

-Teresa (a nosa heroína da xornada) e a Álvaro a cubrir as costas a todos os membros do equipo, impedindo ataques a traizón. A pesar do catarro da atleta, fixeron o seu labor dun xeito sobresaliente.
-As novas fichaxes recibiron o consello de que o tomaran con calma e que fixeran o que poideran que isto non échegar e encher (ou que carallo se pensaban)
-José Antonio e Raúl foron enviados a dominar o segundo bloque de corredores amosando un ritmo de diésel que xa lles é característico.
- Chema recibias ordes de “sangue, suor e bagoas” para intentar mellorar os seus tempos: a orde foi cumprida con auténtica submisión pois mellorou seis minutos a pesar das súas crónicas dores.
-Roberto recibiu a seguinte indicación . “Fai o que poidas” pois tras as duras xornadas de cata etílica á que foi sometido polas súas amizades era a única orde que podía cumprir.
-Pili, correu como nunca e gañou como sempre, mellorando o seu rexistro na distancia e na carreira, cun resultado de primeira na súa categoría e novena muller na clasificación absoluta.
-Julio tivo como indicacións as de protexer a Pili de atletas femininas inesperadas e gardarlle as costas a Antonio. Estivo inconmensurable.
-AntonioFai test para o Maratón de Madrid”. Comprobación do seu bo estado de forma ao mellorar en case tres minutos, o seu mellor resultado.
Do xantar, que dicir? Figurará como un novo éxito gastronómico do club. O xantar máis que aceptable, os postres inmellorables, as vistas insuperables e o menta-poleo con pingas de anís, magnífico. A factura foi graciosamente cargada na visa do señor Presidente, quen tivo a ben aceptar o cargo na súa conta bancaria tras un intercambio de sms. Moitas grazas, señor Presidente.

23/2/09

Marató de Barcelona 2009



O vindeiro domingo 1 de marzo celébrase o Marató de Barcelona. Os comentarios dos atletas participantes alaban tanto a organización como o recorrido. Moitos prefiren irse á capital catalana en vez de a Madrid.



Din que os seus desniveis son inferiores aos de Madrid:
Algún día ou ano destes teremos que probalo. Xa está ben de tanto medio maratón. Haberá que dar o salto definitivo, non? Cando empezamos a planificación de entrenos? Ofrécennos uns plans de entrenos máis realistas e asequibles (menos de tres horas, menos de tres horas e media) que os da Big-Vay.

12/2/09

Madrugadores


Un día me levanté temprano, me vestí lentamente, hice café, agarré mis palos de golf, me fui silenciosamente al garaje, puse los palos en el coche, y procedí a sacar el coche del garaje bajo una lluvia torrencial.

Estaba toda la calle inundada y el viento gélido soplaba a 100 km/h. Volví a entrar el coche en el garaje, puse la radio y me enteré de que el mal tiempo iba a durar todo el día.

Entré de nuevo en mi casa, me desvestí silenciosamente y me deslicé dentro de la cama.

Despacito me acurruqué contra la espalda de mi mujer, y le susurré al oído: “¡El tiempo afuera está horrible!” Ella me contestó medio dormida, “Ya lo sé. ¿Te puedes creer que el gilipollas de mi marido se fue a jugar al golf?”


Nota: También se aplica para los que salen a correr temprano o ciclistas.

1/2/09

Vig-Bay 2009



Xa falta menos. A X edición da media maratón Vigo-Baiona xa está aquí, a escasamente dos meses. Recordade que na súa páxina web podedes atopar unha completa información sobre o evento, ademáis duns plans de adestramento para "esforzados" do asalfato.


Alá estaremos.

31/12/08

Ares-Mugardos-Ares


Menuda inocentada verme durante os primeiros mil metros no pelotón de cabeza!!!.
É que veredes, como fun ata Ares con persoas serias e responsables (O Mestre e O Triatleta, logo veríamos a outros membros do club e achegad@s) chegamos con tempo dabondo para recoller os dorsais, facer o quecemento, estiramentos, visita turística á igrexa románica de santa Eulalia de Lubre (veredes a reportaxe no blog de arte INICIARTE), saudar aos amigos e amigas (Fernando, acompañado por Teresa, estivo insistindo no cambio de club).



Tanto tempo tivemos que mesmo cheguei, case sen querer, a colocarme na primeira liña de saída. Prudentemente din un paso atrás e quedei na segunda. Tras o pistoletazo, saín amodiño (a experiencia comeza a ser un grado) pero ninguén quixo tirar forte, en consecuencia, durante os primeiros mil metros estiven co grupiño que comandaba a proba. E canto ía comezar a subida deixei que xente máis nova collera a responsabilidade de estirar o pelotón, permitindo que uns vinteún atletas pasaran diante e me foran abrindo camiño. Tras culminar o porto, non permitín que ninguén máis vira o nome do meu querido club na parte dianteira da camiseta.


Desde alí ata meta, tranquilamente, gardando a posición e procurando facer un entreno de calidade (xa sabedes que os domingos toca tirada longa e non estas caralladas de 10 quilómetros) cun resultado de 37 minutos e 11 segundos.


Como empeza a ser unha tradición, durante o percorrido a nosa fotógrafa (case) oficial (pertence xa ao club, señor presidente?) tivo a ben obter algunhas instantáneas dos corpos amarelos.

Os outros membros do club na súa habitual liña: O Triatleta collendo a forma, o Mestre ligando, o Camiñante Montañeiro achegándose aos catro minutos por quilómetro. Pero sen dúbida o mellor foi o ambiente, a confraternidade no pavillón, o sorteo de cestas de Nadal, a auga quente das duchas e os xa tradicionais pinchos.

Fantástica organización, parabéns.

Na liña de saída e da meta podemos comprobar, unha vez máis, o prestixio que xa ten o noso club e o seu sitio web. Moitas grazas a cantos visitades esta humilde bitácora.


Máis fotos no álbum de Blas.

Xa publicaron os resultados: alguén máis idade que o cronista quedaría por diante del?