11/1/11

Eses tolos que corren

En agosto do 2009 puxéramos un vídeo de Nike. Agora veño de velo no blog dos correlegas dos Afilados Runners. Non ten desperdicio. Escoitádeo ata o seu remate. É fantástico porque estamos, de verdade, tolos e tolas.

8/1/11

Tirada longa: 25 quilómetros

Abandonado por Pili (segundo domingo consecutivo) fixen a tirada máis longa das programadas nos adestramentos para a Maratón de Barcelona: 25 quilómetros. A idea é saír lento e moi cómodo, en descenso, ata a rotonda do dolmen en Santa Cristina, e regresar algo máis alegre (segundo o noso querido Comensal Austero dando as zancadas un pouco máis grandes e con algo máis de velocidade), especialmente nos cinco últimos quilómetros. Teño que recoñecer que no final da tirada non acado os ritmos marcados no plan de adestramento.

O domingo pasado fixen 58,47´´ (ida) e 54,58´´ (regreso) a 4,33/qm.
Hoxe, os tempos foron 56,08´´ (ida) e 53,20´´ (regreso) a 4,21/qm.






31/12/10

I San Silvestre da Coruña

Por fin tivemos unha san Silvestre na Coruña. E non podíamos faltar.

Mentres algúns traballaban para que outros puideramos cear, catro membros do club quixemos deixar constancia do noso quefacer atlético participando na I San Silvestre da Coruña. Mesmo houbo quen se levantara ás catro da mañá no centro de Europa e presentouse na liña de saída sen desfacer as malestas (habería que engadir que tampouco as fixera el) Saímos da praza de María Pita, cheganmos ata o Breogán da Torre para logo regresar e facer meta na praza da heroína coruñesa (lembrade que esa viúva negra que foi María Pita non naceu na Coruña nin está enterrada neste concello) En total uns 7.700 metros.

A organización foi estupenda, con moi bo recibimento na para meta: líquidos en abundancia e sólidos (roscón de reis) tamén con posibilidade de repetir (e de case non cear) Dos cincocentos inscritos fixeron meta 469 (segundo A Voz de Galicia correron máis de oitocentos atletas). Non obstante houbo moita xente que correu sen dorsal.

O ano que ven, volveremos, non si?


Os resultados foron
Antonio: 28,10, posición 24 categoría 6, a 3,40
Alberto: 32,40
Blas: 34,58
Raúl: 37,22, posición 327 categoría 20, a 4,53.


13/12/10

XXV Volta á Ría: unha carreira de 12 horas


Nós non participamos na Media maratón, Volta á ría, Memoria Adolfo Ros en Ferrol. Nós non. En realidade tivemos unha maratón dividida en dúas partes. A primeira comezou ás 8,30 da mañá e a segunda rematou ás 8,30 da tarde.

Efectivamente, ás 8,30 sonou o despertador de case todos os membros do Club que íamos a Ferrol. E digo de case todos porque houbo alguén que quixo madrugar un pouquiño máis…

Ás 9,30 iniciamos a viaxe a Ferrol, para logo retirar os dorsais e facer algo quecemento, algúns correndo e outros tomando o sol na Praza de España. Ás 11 tomamos a saída. Cada quen facendo a súa carreira:

-Os tres tenores, dando o cante: dous a pasalo ben e outro a amosar o seu poderío na busca de partes corporais atractivas entre os e as participantes. Causaron fortes depresións entre os asistentes. Comentaron reiteradamente o suave perfil da proba pola ausencia de costas.
-Os dous triatletas, iniciando a súa posta a punto. Os dous sufrindo pero achegándose, perigosamente, aos noventa minutos. Nun mes poderán baixar comodamente da hora e media na distancia (1,30,17´´ e 1,31,54´´).
-Os dous maratonianos, facendo un test para marcarse os retos na Maratón de Barcelona. Os dous melloraron os seus cronos (1,30,46´´ e 1,20,56´´).

Por suposto que a “estrela e capitana” (President dixit) acadou premio, fermoso por certo, ao quedar segunda da súa categoría. Ás 14,15 horas regreso a Oleiros.

Resultados.




Ás 15 horas iniciouse a segunda parte do noso maratón dominical.

Cervexas. De seguido, empanadas por agasallo do señor Presidente (bonito e bacallau), cogolllos con atún e pementos. Despois un abundante cocido: patacas, repolo, garavanzos, botelo, lacón, acompañado dun excelente viño do Alentejo. E para rematar sorbete de mandarina, flan de queixo, tellas de améndoa, torta de améndoa e torta de mazá, regados con fino viño de Porto.

Rematou a sesión con café e degustanción de gins-tónics.

Esgotados, e con dúbidas sobre o noso peso (a báscula dos anfitrións era de dubidosa calidade) e lamentando as ausencias…, rematamos o noso particular maratón ás 20,30 horas. Retornamos ás nosas vivendas realmente feitos po. Foi un domingo duro, duro, duro. 12 horas de carreira.




Outras crónicas en Khenesfera, Afilados runner, A carreira dun kan.
As fotos da carreira están tirads de Correr en Galicia.

6/12/10

Adestramento: Montrove-Santa Cristina

Como os profesionais non facemos "ponte" deportiva, saimos hoxe ás 9,15 desde a Urbanización Montrove ata a rotonda de Santa Cristina, baixo unha constante chuvia. Foron 44,40 minutos para 9,2 qm. a un ritmo de 4,51´´. A idea era facelo lento, lento. Ao regreso, Pili confesa problemas estomacais e nos cuádriceps. A pesar do cal e de que regresamos subindo (200 metros de ascenso acumulado no regreso), facemos 44,11´´ a un ritmo por quilómetro de 4,48´´. A seguinte tiranda longa será na media maratón de Ferrol.

As ilustracións teñen un quilómetro máis que o adestramento comentado.
Podedes ver a ruta polo miudo e en varios tipos de mapas en Strands.

28/11/10

Adestramento: Montrove-faro de Mera

Mentras algúns membros do clubs curaban as feridas da noite anterior na cama, os maratonianos do club (a Keniata e o Cronista) decidimos pasar algo de frío indo ata o faro de Mera en 45 minutos xustos. O regreso foi baixo unha intensa e fría chuvia, nun tempo de 42,16´´.




Como poderedes observar, son 9,2 quilómetros de ida e outros tantos de volta. O desnivel acumulado tampouco está nada mal: 431 metros de ascenso e outros tantos en descenso. A ruta está feita e publicada en Strands.

10/11/10

Maratón de Nova York 2010

Este ano non nos coincidiu nada ben (cachissss…) ir á Maratón de Nova York mais non por iso temos que privarnos de contemplar o alucinante espectáculo que se produciu o pasado domingo, 7 de novembro, cando os miles de maratonianos e maratonianas cruzaron a ponte de Verrazano-Narrows.




Noticia dos resultados.

1/11/10

XXXIII Pedestre de Santiago

Tras unha noite de vento e chuvia, case todo o equipo desprazouse ata Santiago para participar na XXXIII edición da Pedestre (seguimos notando moito a ausencia do Mestre). Se o tempo invitaba a ficar na casa, a nova equipación do club, financiada coa contabilidade B manexada polo Presidente e polo seu asesor fiscal, o señor Tesoureiro, era un enorme aliciente para lucila na carreira máis populosa de Galicia: camisetas brancas con tiras azuis e forro polar tamén en tons azuis. Como se pode comprobar na seguinte fotografía parecíamos os papás e as mamás dos pitufos.

A proba foi pasada por auga. A organización agasallounos coa costa de san Francisco (e que Vite é pouca cousa…) e algún centos de metros máis que en edicións anteriores. Corremos como sempre e quedamos como nunca. RESULTADOS.


O xantar foi en Casa Ana (excelente elección Álvaro) e compartímolo co señor Presidente (gran oportunidade para pasear o Osedo Force One ata Santiago) e as súas dúas, espléndidas e fermosas, damas acompañantes. Durante o xantar, o señor Tesoureiro (tamén coñecido como o Comensal Austero) informounos dos avances técnicos, mediante dispositivos de almacenaxe de memoria conectados a un porto USB dun ordenador, e que van incorporados a próteses (pernas, ollos…) Ficamos abraiados polos seus coñecementos científicos e desexando adquirir, e programar en modo carreira, ese tipo de próteses para as nosas extremidades inferiores. Hai quen chegou dicir que ten un cerebro tan grande que dificilmente lle colle no cráneo.

11/10/10

A Coruña 10: fermosa mañá de outono


Como decidimos non asistir á Maratón de Chicago para non molestar a Wanjiru (2,06,24´´) e queríamos gozar dunha magnífica mañanciña na Coruña, Roberto e o Cronista participamos (corremos?) na Coruña-10. Moitos corredores (chegaron á meta máis de 1800), moito público, agasallos coma sempre (o que lle queda sen vender a La Voz), boa organización na entrega de dorsais e na chegada...

A maior parte do Club fórase a Barcelona a ver chover (máis de cen litros por metro cadrado en 24 horas) pero o que tiñan que facer de verdade (mercar a equipación para a nova temporada) non o fixeron e mesmo houbo un tremendo enfado de/co señor Presidente. Incluso o Cronista estivo tentado a participar na carreira sen a vella e única camiseta de tiras oficial do club (se non hai acordo, non hai publicidade para a panadería máis atlética de Galicia) Tamén poideron comprobar a escasa idade media das discotecas que visitaron.

Os resultados, sen comentarios. Carreira sen forzar e sen molestias (tan só un rapaciño que me quixo esprintar nos derradeiros trescentos metros e ao que deixei que pisara a alfombra antes ca min por aquilo da educación) 39,09¨ a 3,55¨ (queda moito por mellorar). Roberto fixo 44,48¨ a 4,29¨ (e iso que non corría Blas)



As fotos proceden dos álbums colgados en Correr en Galicia.

13/9/10

Correndo pola Torre de Hércules




Con vento forte, seis esforzados atletas do club (recoñecidos na carreira por pertencer ao grupo con máis miga e con propostas de integración na liga de Correr en Galicia) participamos na II Carreira da Torre-Ibercaja. Houbo algunhas has modificacións do trazado con respecto ao ano pasado. Que fixemos?:

-O Comensal Austero saíu a adestrar a Behobia-San Sebastián, ao seu ritmo pero sen os seus compañeiros de costas (Teresa e Álvaro)

-O farmacéutico veloz quixo lucirse no primeiro quilómetro cunha saída meteórica para rematar fenomenalmente ben.

-Albertoman quixo lucir a súa nova camiseta: pequena para tanto corpo e dunha cor un pouco especial.

-A Keniata de Montrove, ao marcar a posibles rivais, saíu rapidísima acompañada polo noso Triatleta, mentres que o Cronista os acompañaría despois dos primeiros mil metros. A Keniata, foi, pois, de máis a menos, pero coa tranquilidade de non ter rivais desde o segundo quilómetro. Así acadou o primeiro posto absoluto entre as mulleres. Xa nos ten acostumados pero continua sendo IMPRESIONANTE.




Resultados e información do Club de atletismo Coruña Comarca.

10/9/10

Maratón de Chicago: 10-X-10

ORIGINAL CAMPAÑA DE MARKETING EN CHICAGO
Lleva el nombre de '10-10-10: La fecha para motivar’ y tiene objetivos benéficos.

'10-10-10: La fecha para motivar’ es el nombre de la original campaña de marketing que el Maratón de Chicago, junto con el Bank of America, ha lanzado de cara a su próxima edición, que este 2010 se celebrará el día 10 de octubre con 45.000 participantes en la salida. Aprovechando la curiosa fecha, 10-10-10 expresada en números, los organizadores han seleccionado 10 atletas residentes en el área de Chicago entre los cerca de 10.000 inscritos del maratón que correrán la carrera para recaudar fondos para más de 150 proyectos benéficos. Los 10 corredores tienen 10 historias que contar y 10 motivos diferentes para correr el Maratón de Chicago, en la que se espera que se recauden unos 10 millones de dólares en total para proyectos benéficos.


Texto y foto vía Marató de Barcelona.

21/8/10

Carreira das Areas: correndo pola praia de Carnota

Non sei se dicir “Que pracer participar nunha carreira sen ánimo competitivo” ou ben “Non competín pero tiven premio”. Explícome.


Desde febreiro co piramidal dereito cabreado pola caña que lle din. Tras visitar ao trauma, 20 sesións de fisio, 2 sesións de masaxe quiropráctico e unha sesión de físio-osteópata. Hai mes e medio que comecei, de novo, a trotar: nada de series, todas as costas parécenme portos de primeira categoría e as tiradas longas dos domingos son utopías case inimaxinables. Pois nesas estou cando saín, hoxe sábado ás 9,30 horas (cuestión de mareas), a participar na fermosa carreira das Areas de Carnota (cita obrigada dos meus veráns e oportunidade fantástica para saudar aos mesmos corredores da zona de todos os anos) Partín desde a cola do grupo para probar un novo xoguete (mini cámara de vídeo) con resultado negativo. Polo tanto amodiño, amodiño. A finais do primeiro quilómetro vou collendo ritmo e adiantando participantes. Na primeira baliza chego de 28, na segunda de 23. Vou moi cómodo, case ao trote. Gozo da carreira, da praia e das vistas. Adiántanme só dous atletas. No último quilómetro subo algo o ritmo, por aquelo de ver como responde a cadeira (non se queixou)


A sorpresa final foi que, sen esforzarme, quedei de 3º da categoría (1955-1965) e pensar que o pasado ano corrín todo o que puiden e non pillei premio…