22/5/16

Maralbatur. Media Maratón do Salnés: trotando tamén é xerundio

Se hai unhas semanas titulei unha crónica “empeorando é xerundio”, hoxe modifiquei o verbo pois estou nunha xeira de rodar e rodar.

Na primeira semana de maio caeron 46 km, na segunda 54 e na terceira 68. Foron semanas de trote e de continuar facendo exercicios de fortalecemento e tonificación no ximnasio. Non teño molestias pero tampouco estou facendo series que, entendo, son as que me dan o ritmo. Non hai obxectivos atléticos importantes á vista.

Para comprobar a evolución do estado de forma, participei na

Media Maratón do Salnés, entre O Grove e Sanxenxo, a MarAlbaTur


Tocou madrugar e tirar para Sanxenxo a deixar o coche, onde tamén deixei o que tiña preparado para os minutos previos á proba: algo para xantar, para beber, un cortavento e a bandeira da sorte, a republicana. Tiven a fortuna de ser orientado por outro atleta e axiña collemos o autobús con dirección á saída, a O Grove. Senteime con outro corredor e fixemos a viaxe contándonos as nosas batalliñas.

Chegada a O Grove, retirar o dorsal e saudar ao mestre Xosé Carrera. Son uns minutos para poñérmonos ao día. Despois atopeime con Miguel do CAS-Montaña.


Non vimos con tempo a Inés para a foto.

Fixemos pouco quecemento. Notei as pernas cansas e cargadas e mesmo  tiven preocupacións por un xemelgo. Puntualidade na saída e tiramos cara á illa da Toxa. Fico sorprendido pola velocidade do globo do ritmo de 4´/km. Xa no quilómetro 3 levaríame un minuto e ía a 4´/km. Como veredes o perfil non era para saír moi rápido:

Trato de ir a un ritmo cómodo pero axiña pásanme bastantes corredores. Rematamos o primeiro quilómetro por baixo dos catro minutos (3.52´´), o segundo en 3.58´´ e sigo sendo adiantado, terceiro en 3.54´´ e aínda me pasa xente. Fomos ata Illa da Toxa e logo collemos a estrada para a Praia da Lanzada, subindo, subindo, subindo. 
Saíndo da Illa da Toxa

As sensacións non son boas a pesares de seren quilómetros entre 4.02 e 4.07´´ Ademais ségueme pasando xente. Saúdo a Pedro Nimo pois xa deixou de forzar e vai en dirección contraria.

Hai algo de vento, menos de previsto e case nunca en contra. Pola Lanzada son adiantado por un de Bueu que podería ser da miña categoría. Non consigo gozar da paisaxe. As sensacións son malas pero trato de manter o ritmo. Paso o km 10 en 41´. Sei que a segunda parte é realmente a difícil. Vexo o castro e a igrexa da Lanzada para logo comezar as subidas e as baixadas. Son quilómetros que xa fago entre 4.12´´ e 4.25´´. Hai algunha baixada na que melloro substancialmente o ritmo.



Fíxome moita graza adiantar en carreira a Yolanda Gutierrez (estaba a facer un relevo solidario) 
Momento de adiantar e saúdar a Yolanda

Pásame a terceira muller na proba. A partir do km 17 creo que baixo moito o ritmo pero, sorprendentemente, o Garmin non indica iso pois se ben hai algún quilómetro en 4.25´ tamén hai algún en 3.55´´. Vou realmente sen forzas mesmo penso que na derradeira subida, curta pero intensa, se continuo trotando xa é un éxito.

Non teño forzas para aumentar a velocidade nin polo paseo de Portonovo nin polo de Sanxenxo e, para colmo (ou para darlle personalidade á proba, como podería dicir a organización) os derradeiros 300-400 metros son pola área da Praia de Silgar. A pesar de todo fico contento coa marca 1.26.49 a 4.08´´, practicamente a mesma da pasada Vig-Bay pero cun perfil moito máis duro.

Resultado: de 71 sobre 581 chegados á meta e 1º de categoría, cun tempo de 1.26.50.

Nota para a organización. Facer unha proba desta distancia é realmente difícil. O percorrido estivo moi ben sinalizado e o tráfico cortado. Hai moitos pequenos detalles para mellorar:
 -A entrega da roupa na meta foi caótica (as bolsas sen ordenar, cada quen buscando a súa…)
-Cando chegamos ninguén sabía nada das duchas; tivemos que andalas buscando e abríndoas.
-As clasificación tardaron unha hora e media en publicarse cando hai outras empresas nas que podemos ver o resultado na máis chegar á meta.
- E, finalmente, foi moi triste (por non dicir outra cousa) que de cada tres atletas chamados a recoller trofeo só subíriamos, de media, un. Por que sería?


Ánimo e a continuar traballando para mellorar.

Fotos da proba da organización.

8/5/16

V Carreira Solidaria Corre con Implicadas

Rematei abril con algo máis de 280 km sen molestias. Nesta semana de maio só fixen 46 pero a ter en conta que fixen a miña tradicional doazón de sangue e vou incrementando a carga no ximnasio.  A salientar que no último momento no puiden participar na prevista media maratón de Xixón (cachis). Este domingo corrín no patio da casa, é dicir, participei na V Carreira Solidaria Corre con Implicadas.

O percorrido era por Bastiagueiro e, aínda que curto, tan só un 5000 metros, sentíame na obriga de participar polo que a mini tirada longa fixenna o día anterior, o sábado. Outro elemento a salientar foi a enorme presenza do CAS... se ben é certo que os "pros" participaran onte na carreira de Frades e temos a moitos pola montaña...

Un pracer compartir os instantes previos cos coñecidos, nesta ocasión, especialmente con Julián Gesto.

Na liña de saída vímonos colocados en primeira fila mais os dous tratamos de seren prudentes e non saír especialmente rápidos pois era en ascenso. Axiña, Julián cólleme uns metros e tamén outro corredor do seu club (o novo Running Oleiros), Saúl. Nos primeiros cincocentos metros son adiantado por un bo feixe de corredores mesmo por uns cantos rapaces. A partir de entón as posicións van ficar moi estabilizadas. Son case setecentos metros en subida, logo baixada por Bastiagueiro Pequeno para regresar ao punto de saída, no INEF. Collo a Saúl na baixada por Bastiagueiro Pequeno (eu adiantando xente en baixada!!!) pero fará a goma comigo pois volve adiantarme en dúas ocasións máis.
Rematando a primeira volta. Foto de Running Oleiros

Rematamos a primeira volta en algo máis de nove minutos (creo que levo un ritmo lento) No inicio da segunda volta cóllolle uns metros a Saúl. Subimos cara ás Galeras e son adiantado por un corredor. Forzo o que podo na baixada pero gardando forzas para os derradeiros metros pois son nunha dura subida. 
Rematando a segunda volta. Foto de Running Oleiros

Na penúltima curva comprobo as posición e certifico que non teño nada que disputar, nin por diante nin por detrás.
Foto na meta de Kurai sports

Resultados:19.42´´ (nove segundos por detrás de Julián) a 3.55´´/km e de 17 na meta (2º na categoría) sobre un total de 296 chegados á meta. O ritmo non foi especialmente bo pois foi o mesmo ca no último dez mil da Coruña.

Tras cruzar a meta, un mínimo descanso, unha verbas cos amigos, cambio a camiseta e volvo trotar para relaxar as pernas. Son minutos baixo a auga pois chove con gañas. Trato de tirar cunha compañeira do club nos seus últimos metros. Algo de estiramento e poñerme guapo para o pódium. 


 Grazas pola organización Implicadas e FORZA VANE!!!

17/4/16

Quen dixo medo? Coruña-10

Tras a Vig-Bay esta semana foi de recuperación. Sesión, imprevista, de masaxe relaxante. Intento de rodar o martes (só 8 km), intentos de series o xoves (das catorce de 500 previstas so fixen sete). Houbo dúas sesión de ximnasio e trote o venres con Pili. En total saíron 42 quilómetros, incluíndo a participación no dez mil da Coruña que se fixo en paralelo á Maratón Atlántica.


A salientar que esta semana, Iago e Borja invitáronnos a xantar a Pili e a min a cambio de aguantarlles todo o seu rollo da primeira maratón, a de París. Canta ilusión vimos nos seus ollos. Aínda tiñan o sorriso na cara. Que grandes. Benvidos, maratonianos.


Dous homes felices: dous maratonianos

Nos días previos falara con Julio de facela xuntos tratando de acadar o 39´. Chego a tempo para a foto co club e charlar cos que van participar na maratón. Que emoción… despois de tantos anos aínda me emociono nas maratóns. Bea super-ilusionada. Jesús super-responsable como lebre. Que club: tres das lebres son do CAS.
25 chegados á meta na maratón e 63 no 10.000. Un gran club

O tempo, coma a semana pasada, volveu darnos unha alegría: sería unha proba en seco. Tras un quecemento suave, coloqueime con Julio, Alberto e o seu grupo de triatletas. Vemos preto de nós a Abel Antón ao carón do “meu” Pedro. 

Julio sae moi rápido e tardo en collelo. Vou pola zona máis aberta para non molestar e/ou poder avanzar para tratar de collera o meu grupo. Aos cincocentos metros xa estou onda eles. Pero case sen decatarme voume colocando por diante, tanto que ao rematar o primeiro quilómetro comprobo as posicións e decido frearme para agardar polo grupo.


Tiramos polos Cantóns, pola Mariña, Montoto. É un pracer correr polo centro da cidade sen coches. Pode haber un lugar mellor?

Imos cara ao Paseo Marítimo, os tres ben xuntos. Temos moita xente por detrás e collemos a alguén do CAS. Imos ao ritmo esperado 3.52´´/km. Tras deixar o Castelo de san Antón, temos a primeira subida, a do Oceanográfico. Julio vai primeiro, logo Alberto e eu máis aberto. Baixamos o ritmo. Tiramos polo Paseo e eu, como sempre, tratando de facer o percorrido o máis curto posible. Cando subimos cara a Adormideiras parece que os tres nos custa moito pero na rotonda onde habitualmente facemos un xiro, nesta proba tocaba aba continuar subindo. É o intre no que Alberto se nos queda e irá perdendo tempo (en meta un minuto é medio). Pasamos o km 5 en 19.33´´, moi ben pois xa non quedan practicamente subidas. Despois de deixar de subir, recupero ben e atópome cómodo no ritmo.

Agora comezamos a cruzarnos cos que levamos diante e cos que veñen por detrás. Vexo especialmente ben  ao Edgar (baixou de 37´, moi ben crack), Toni non vai moi lonxe (38.35´´) Pero sobre todo faime moita ilusión ver ás damas do club. Inés vai diante, con dúas máis, e pegadiña a elas Karina (esta dúas donas farían 1ª e 2ª, entrando da man e Karina mellorando a súa MMP) Continúo animando a canto amigo/a vexo.

Toca xa iniciar o regreso cunha pequena subida cara á rotonda da Torre. Julio quédaseme un chisco.

Por diante levo a Juan Carlos Brandón. Cando iniciamos a baixada desde Adormideiras, cólloo e dígolle que se pegue pois vou ir con el. Por suposto, el dime que non o espere e que tire. Tirar? Forzas as xustas. Falo con el para animalo (animarme). Temos a outro corredor con nós sen dar relevo. Tiramos, tiramos, tiramos.

Dígolle que quero entrar con el na meta. Faltando cincocentos metros tratamos de subir o ritmo, a pesar do cal, somos adiantados por dous corredores.
Grazas pola foto, Félix



Entramos na meta collidos da man. Non é fantástico ir facendo amigos? Nas probas non teño competidores, teño amigos e futuros amigos.
Da man e ao fondo... Abel Antón

Resultado: 39.12 de 70 (sobre un total de1555 chegados á meta) e 3º na categoría a un ritmo de 3.55´´ Juan Carlos Brandón. E 7 segundos por diante de Abel Antón, Julio entrou a dez segundos, Alberto en minuto e medio despois.
Saudando ao  dúas veces campión do mundo de maratón na súa chegada a meta

Charlo un pouco con Brandón, Lucía e especialmente coas primeiras mulleres na meta: Inés e Karina. Saúdo ao maratoniano Iago e Pedro tíranos unha foto con Abel Antón.

Despois tocou animar un pouco aos/ás maratonianos/as. Danme, aínda, tanta envexa, que tan só me quedo unha media hora para animalos. Pasei a mañá pendente do seus resultados.

Non hai molestias. Ben


Na casa comprobo que quedei 3º na categoría. Outro premio sen foto no pódium!!!

11/4/16

XVII Vig-Bay: empeorando é xerundio

Nesta semana  adestrei catro días (e a competición do domingo) pero sen atoparme ben, con poucas gañas e con molestias estomacais. A parte positiva e que as pernas están aguantando e non protestan. O domingo participei na..


XVII Vig Bay



Inicialmente estaba previsto que acompañaría a Laura para acadar o 1.45´pero ao ter doenzas na semana previa imposibilitaron a súa presenza na proba o que me obrigou a facela en solitario a un ritmo aceptable. Ben lembro que o sufrín o ano pasado a pesar de facer 1.26´ e que era naquel momento a miña peor marca en moitos anos. Esta temporada, tras tres semanas sen molestias nas pernas, trataría de non empeorar a marca.

Ademais da compaña obrigada de Raúl, e como dona Laura non puido vir, tivemos a sorte da compaña das nosas donas, as que para non aburrirse moito en Baiona, fixeron un percorrido completísimo polas súas tendas, pois todas estaban abertas. Esa si que foi unha maratona, tanto para os seus pes coma para as súas tarxetas.

As previsións climáticas eran desastrosas pero como íamos estreando coche, case nin nos decatamos da viaxe ata Samil (sen deixar de chover). Non fixemos quecemento pois agardamos á hora da saída nunha marquesiña pois chovía, chovía, chovía. Cinco minutos da hora de saída, varios miles de atletas apareceron repentinamente para colocarse na estrada de Samil. Dous minutos antes das 10.30 deixou de chover pero o vento... iso si que foi ventar.

Saín tranquilo, buscando facer o quecemento e tratando de coller temperatura. O primeiro km en 4.00´´. Teño a sensación de que son adiantado por varios centos de corredores. Visualmente trato de situar a outros corredores para testar o meu ritmo. Nas subidas quédome algo. No quilómetro nove a cabeciña envía mensaxes negativas (non hai velocidade no corpo, non fondo... vai ser un desastre). Tomo o xel (que vicio) logo a auga do km 10 que paso en 41.21´´ e na posición 232. Sei que pasei o peor en canto ao perfil agora toca aguantar. Empezo ir mellor, mesmo atopándome, de novo, cómodo. Teño varios atletas de referencia.
Foto de Sanmikel 

Baixada a Praia América e, coma todos os anos, son adiantado por un bo feixe de atletas, e, mesmo, por dúas rapazas (non sabía que eran as dúas primeiras). Tras marchar en dirección Vigo e logo de volver coller a dirección cara a Baiona e antes de entrar en Praia América, digo en voz alta que debemos formar un pelotón para protexernos do vento. Durante case dous quilómetros imos moi agrupados. Saíndo de praia América quédase unha rapaza e no 15 non son quen de coller auga pero levaba ao meu carón a Eladio dos Taninos quen, amablemente, pásame a súa botella. A outra rapaza, e a súa lebre, cóllenme uns metros. Manteño o ritmo a 4.08´´ e vou na posición 244.

Iniciamos o percurso por Monte Lourido (non me gusta o novo  percorrido da proba). Posicións moi estabilizadas. Volvo falar en alto para tratar de facer grupo con outros tres corredores. Anímoos que se me enganchen pois parece que ían peor ca min. Algún confésame que leva toda a proba detrás de min. Enganchando a estrada que nos leva á Ramallosa teño diante a Edu, tamén dos Taninos e con quen teño coincidido nas maratonas de Madrid e Barcelona. Dígolle que se me pegue pois parece que perde ritmo. Mesmo reduzo a miña marcha para que se enganche pero non pode. Pois a tirar.


Fotos de Pe pe, con Edu e Juan detrás.

Na Ramallosa desato a bandeira republicana. Póñoa no pantalón. É un xeito irracional de buscar forzas para  tramo máis feo, a entrada en Baiona. Uns dous quilómetros despois comprobo que non a levo. Penso que cando vaia a por Raúl terei que estar atento para atopala.


Nos tres últimos quilómetros teño enganchado a Juan Legaspi. Falo con el para motivarnos. Levo eu o ritmo. Faltando quilómetro e medio deixo que tire el para afrontar xuntos o derradeiro quilómetro. Foi o máis rápido a 3.50´´ e ninguén nos pasou. Dígolle que non vou esprintar e que entremos xuntos da man. Así o fixemos.

Meta cruzada

Tras cruzar a meta dime que fixo a súa mellor marca e móstrase sinceramente moi agradecido. Dígolle que é a miña peor marca...

Uns intres despois, Edu entrégame a bandeira que vira como me caera. Grazas, campión. 
A bandeira entrando en meta. Grazas Edu

Como un plátano. Collo a bolsa que deixo onde as nosas rapazas e... troto en dirección contraria a ritmo de 5.30´´. Vou animado moito os corredores e mesmo interesándome pola situación de Pablo, Félix, Lucía, Ana... Moitos fican alucinados ou abraiados ao verme trotar en sentido contrario.

No km 18 vexo a Raúl. Póñome diante del e empezo a marcarlle o ritmo. Protesta axiña. Debo ir máis lento. Dende aí ata meta adiantou a 125 corredores con tan só unha pequena axuda motivadora que, por suposto, tamén fun repartindo entre os adiantados.


Fotos con Raúl de R R Running

Resultado: 1.26.53´´ a 4.08´´ na posición 233 dun total de 4.037 e de 5º na categoría.

Tras a ducha, unha cervexa reparadora, tamén con Pepe e Eva e logo xantar no Paco Durán con vistas ás Cíes.

Outra Vig-Bay no peto e xa van... nove.


3/4/16

VI Carreira da Torre de Hércules: "Canción triste de Montrove"

Os que xa temos algún anos, lembramos unha mítica serie de televisión que a TVE chamou “Canción triste de Hill Street”, pois ocórreseme para frasear o título para resumir os tres últimos meses e para actualizar o blog.

Cambiando algunha cousa esta crónica tamén podería servir para a miña compaña habitual (ou non? Pili)

Pasei por varías mans que diagnosticaron que:
-os músculos da perna esquerda están febles e teño que fortalecelos antes de trotar con intensidade;
 -as fascias que protexen os músculos están contraídas de máis e de debo acadar que se estiren e fortalezan;
-os puntos de amortiguación están contraídos e debo fortalecelos.

En resume, algo de trote, estiramentos e exercicios na casa e fortalecemento muscular no ximnasio.

Rematei xaneiro con 209 kms, febreiro con 118 e marzo con 225. Houbo poucas sesións de series pois sempre acababa resentíndome.

Para comprobar o estado das pernas e sobre todo para saber se aguantaban un ritmo “alegre” participei, no seu, xa, habitual horario nocturno, na VI Carreira Popular da Torre de Hércules.


Acompañado  pola nova estrela deportiva da familia, Laura, que ía facer unha serie longa pensando na súa segunda Vig-Bay. Terei a honra de acompañala para axudarlle en acadar unha nova MMP na distancia dentro dunha semana (será a miña peor MM)

Foi un pracer compartir o tempo previo á carreira entre amigos e amigas que se interesaban polo meu estado ao tempo que eu facía un inquérito polos seu próximos obxectivos, en especial por Coruña-42.  Saudei a moita xente pero son sempre especiais, para min, as donas do CAS. Un pracer velas de novo. Como tamén foi especial saudar a Paula Mayobre despois do seu regreso á competición internacional.
Foto de: La Opinión 

Sorprendentemente vinme situado demasiado adiante na liña de saída polo que cando comezamos correr abrinme todo o posible para non estorbar e deixar pasar á xente máis rápida. O primeiro quilómetro era en baixada e saíu 3.27´´. Rápido de máis pero penso que a velocidade foi acadada pola baixada e non polo meu esforzo. No segundo xa tivemos a dura subida de Adormideiras a pesar do cal saíu en 3.52´´. Creo que non debo forzar. Vou ao carón de Edu, do meu club. Alégrome velo tan ben. E digo en voz alta que nunca entrara diante de min nunha carreira para animalo. Levo diante a Juan Carlos, quen anda a afinar para C-42. Non debe forzar e véxoo cun ritmo moi regular.

Aproveitando o percorrido con tendencia a baixar fixen o terceiro quilómetro en 3.54´´, con pulsacións xa non tan altas. Cando imos rematando a volta, vemos os que xan van cara á meta. Animo especialmente á nosa Vanessa. Damos a volta no Instituto Oceanográfico. Iniciamos a subida. Trato de animar a todos os coñecidos e coñecidas que van cara ao Castelo ao tempo que vou pendente de ver a Laura. Cando a vexo paréceme que vai moi cómoda pero lenta de máis. Dígolle que “pode correr cando queira”. Non obstante vou comprobando que vai en moi boa posición pois leva detrás a uns dous terzos dos participantes.

O seguinte quilómetro, xa en subida, foi a 3.58´´. Tras os primeiros cincocentos metros de subida voume atopando mellor e creo que terei forzas para non baixar o ritmo. Rematando a subida collo a Edu e a Juan Carlos. Trato de animalos e que se enganchen. Juan Carlos faino pero a Edu cóstalle máis. Juan Carlos dime que me vaia pero faltando menos de dous quilómetros prefiro compartilos e non comprobar ata onde aguantarían os xemelgos.  Vou algo freado. Juan Carlos aguántame, pero Edu vaise quedando. Juan Carlos insiste en que me marche. Non aumento o ritmo nin forzo na subida á Torre. Vou pendente da chegada para entrar da man de Juan Carlos pero a meta nin está sinalizada nin está iluminada.

A salientar os constantes ánimos da xente do CAS, tanto da rapazada coma dos adultos que non participaron na proba


Resultado: 68 dun total de 1.147 cun tempo de 26.44´´ a un ritmo (polo Garmin) de 3.55´´, 5º na categoría. Laura entrou na meta de 441 baixando dos 5´por quilómetro.


Remato a semana trotando 20 km con Pili. Un domingo sen eses quilómetros con ela non é domingo. Toda a semana os nosos pensamento van para Iago e Borja e a súa estra nunha maratón, a de París.

31/1/16

XIII Lugo Monumental: Crónica dun parón anunciado

Remato xaneiro con 209 km. Pero na segunda quincena tan so saíron 30 km. Os problemas non deixan de xurdir nos isquios e xemelgos. Nin cambio de zapas (a Adidas Boston) nin os tratamentos con fisio e quiropráctica semellan dar resultado. Houbo un día que tan so puiden trotar setecentos metros, varios tan so 3 ou 5 quilómetros sen molestias. Vamos que todo vai fenomenal. 

Como o grupo de Montrove ia xantar nas terras luguesas participei na XIII Lugo Monumental, unha das probas que máis me gustan (tempos aqueles de baixar dos 37´). A idea era rodar e comprobar se o isquio esquerdo aguantaría ata a meta e senón … abandonar pois esta é unha proba realmente cómoda para facelo. 

Saín practicamente de último ao carón de Raúl. De feito tardamos case un minuto e medio en cruzar o arco de saída (nunca tal cousa me acontecera). Paseniño, paseniño fun collendo algo de ritmo e adiantando xente. Fíxoseme realmente raro ter que ir pola corda máis ampla do percorrido cando habitualmente fágoo pola máis curta pero non queda outra se desexaba mellorar o ritmo. Fago os dous primeiros quilómetros en case 10 minutos. 
Na primeira volta

A medida que ía pasando xente fun charlando cos amigos e amigas que adiantaba, con Chema, con Teresa Corrales e con toda a xentiña do CAS (que grande familia) No km 2 paso de 642 no 5,700 de 398. O quilómetro 5 pasárao en 22´. Continuo mellorando pero o isquio vaise cargando. Trato de non forzalo pois non quero coñecer o seu límite antes de que se bloque. 
Na segunda volta

Vou vendo diante a Óscar Souto, tamén do club. Cando o alcanzo decido falar con el para saber se quere compañía pois deste xeito obrigaríame a baixar o ritmo e chegar tranquilo á meta. Serán tres quilómetros nos que non deixo de animalo, de motivalo para tratar de mellorar algo o seu ritmo e de pasar xente. De feito pasaríamos a máis de medio cento de atletas. Motívoo nas subidas da muralla, nas zonas planas e nas baixadas. Facemos meta xuntos. 
Foto de Anxel Xade

Na meta
Fotos de Tino Méndez

Resultado. Nesta ocasión non nada significativo pois o importante foi que non rachei nin abandonei. Fago meta de 307 sobre un total de 1.240. Na categoría de 61, cun tempo neto de 42.43´´ a 4.17´´. 

Xantar xeneroso e paseo polo fermoso rio Loio. 

NOTA FINAL: como estou farto de case todo menos do asfalto, esta semana toca fisio e logo vou deixar as zapas (durante cantos días? Boa pregunta). Tratarei de ir ao ximnasio e buscar a comodidade das pernas. 

Esta claro que sen Pili non son ná de ná.

18/1/16

XVIII Meia Maratona Manuela Machado. Viana do Castelo

Rematei 2015 cunha contratura nun isquio. Un día de repouso e progresivamente trote ata facer 157 km na primeira quincena de 2016.  Os primeiros dez días adestramos (inclúo a Pilar) moito e ben (a ela as series saíronlle fenomenal). O domingo dez, o isquio volveu protestar. Nestas dúas semanas fun a un fisio novo que, coma non podía ser doutro xeito, fixo un diagnóstico novidoso, aínda que nalgunhas causas coincide con cousas xa sabidas. Basicamente os meus problemas musculares dos últimos cinco meses son causados por empregar zapatillas pronadoras (recomendadas por outro fisio). Teño que regresar ás neutras pero sen plantillas (que tamén as tivera recomendadas por dous podólogos distintos). Ademais o diagnóstico foi feito xusto despois de estrear unhas pronadoras novas… Que lle imos facer. Pola súa recomendación merquei as Adidas Boost Boston. Lixeiras, rápidas pero, polo de agora, ocasiónanme molestias na parte dianteira do pé… Imos seguir unhas cantas sesións máis con novo fisio…


O domingo 17, oitos membros do Club Atletismo Sada participamos na Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo. A motivación dos adestramentos desde a media de Ferrol era acadar unha mínima melloría nesta proba. Os veteranos que xa a temos corrido, témoslle un especial cariño…

Con puntualidade británica a expedición do CAS partiu do Burgo ás 7.30 horas dunha tirada ata Viana. Tempo para aparcar moi  preto da saída/meta, a retirada de dorsais e un café. Fixemos un breve quecemento a pesar do tempo frío e a ameaza de chuvia. Pilar e máis eu puidemos saudar ao noso colega de Coruña-42, Jorge Lamas. A megafonía anuncia a participación de 3.500 atletas polo que colocámonos ben cedo no lugar da saída. 

Como case sempre, saímos moi atrás, agás Vanessa. Tardamos case trinta segundos en cruzar a liña de partida. Saio con Jesús, temos que subir pola beirarrúa pois é imposible ir pola estrada. Aos cincocentos metros deixo que se marche e non trato de forzar pois el vai facer unha tirada de 1.20´. O primeiro quilómetro saíu en 3.59´´ pero no segundo xa foi a 3.52´´.

Vou cómodo, pasando xente. Teño a sensación ata o quilómetro 4 de ir mellorando posicións. Tras subir pola autovía, iniciamos a parte máis lenta da proba pois serán case catro quilómetros picando en subida. Continuo cómodo. A ritmos por baixo de 4´/km. Vou contento pois ese era o ritmo que non atopaba dende había catorce meses. A partir do quilómetro oito noto que volvo mellorar posicións. No nove tomo o xel (un vicio collido nos meses de baixón) Xa comezaba ver aos primeiros que deran a volta. Vou contando cantas mulleres pasan para saber que tal vai a nosa Vanessa. Vai de 7ª, doulle un berro de ánimo con verbas non reproducibles por indecentes. Non vexo a Jesús.

Paso o km 10 por baixo de 39´. Que ben, penso porque ademais queda a parte máis rápida por seren en baixada.  Agora toca ver a xente que ven por detrás. Saúdo a Inés que vai fenomenal, logo a Juan, a Pili, non vexo a Eliseo  pero si a dona Marisa (tremenda atleta é esta muller, o seu si que ten mérito) Os primeiros quilómetros do regreso teñen algunha subida, non me importa. Vou ben e sigo mellorando posicións.

Non km 13, no inicio da zona de baixadas o isquio esquerdo volve protestar (parece que dúas sesións de fisio non lle chegaron) Non queda outra que estudar a que ritmo me deixa correr. Baixo a velocidade un pouco e uns centos de metros para volver aumentala pero o isquio ameza seriamente con darme un desgusto. Hai que reducir a marchar e minimizar os danos.

O ceo deixar caer, de cando en vez, pingas ben frías de auga.

Calculo que sería adiantado por uns cincuenta compañeiros e unha galeguiña do Bueu, perdendo máis de dous minutos. Fixen un par de intentos de volver recuperar o ritmo pero as ameazas de problema serio reproducíanse polo que tocou aguantar ata meta.

O resultado foi mellor do esperado 1.24.40. Creo que o ritmo para baixar de 1.23´ xa está nas pernas.

Resultados: Tempo oficial 1.25.01´´, na posición 300 sobre 2.776 chegados a meta, de 23 na categoría, de 67º galego e de 3º na categoría dos galegos. Todos e todas do CAS ficamos contentos: Vanessa 7ª absoluta e 2ª galega (cos cartos do premio pagou o xantar), Jesús fixo unha proba cómoda pensado na maratona de Sevilla, Inés continúa na súa progresión ao igual que Pili. Juan gozando da distancia coma Eliseo e dona Marisa baixando das dúas horas.

Duchas (que lavaría Vanessa?), recollida de premios en metálico, fotos e coche ata Valença para darnos a merecida homenaxe co xantar. Dende logo Viana fica no noso coraçao.

Foto en carreira de Erik.

1/1/16

VI San Silvestre da Coruña

Adestrei todo o mes sen molestias e saíron un total de 328 km. É unha boa colleita de quilómetros pero non de ritmos. Remato o ano con 2.870 km. Tampouco está mal. Igualmente é moito máis ca aceptable o número total de probas nas que participei pois foron un total de 26 carreiras con 12 podiums. Gardo con especial cariño a primeira Vig-Bay de Laura e o Coruña-42 ao carón de Pili (grande honra). Pero en conxunto, non considero que este fora un bo ano atlético. Mestres o último trimestre o 2014 fora  magnífico neste 2015 nunca corrín co bos ritmos e tiven reiteradas pequenas molestias. E como  non podía ser menos, despois deste semestre desastroso, remato o ano cunha forte contractura. Para rematar o ano participei na 

San Silvestre da Coruña


O quecemento no foi moi profesional e mesmo tivemos tempo para que Juan Carlos fixera algunhas fotos. 




Coloquei diante na saída con Edgar, Toni e Julio. Deixamos a Jesús uns centímetros por diante nosa. O spearker estivo inconmensurable… tomaríase algo?

Decido tratar de facer a carreira con este rapaces (canto anos lle levarei a Edgar?) Aos douscentos metros da saída, na curva de Xoana de Vega vimos a Manute no chan. Mala curva. Saímos rápidos (3.35´´) no primeiro quilómetro pero é o que toca nas probas curtas, forzar desde o principio.

Hai moita xente no asfalto, imos rápido pero hai atletas que nos adiantan. Nalgún momento por Riazor, Borja adiantounos. No Paseo Marítimo vou ben, cómodo a pesares de que é imposible facer o percorrido máis curto xa que constantemente hai movementos nas posicións. Tras pasar a Casa do Home, iniciamos a subida cara á Torre de Hércules. O meu grupiño váiseme uns metros polo que decido abrirme e coller un carril libre e tiro por eles. Cando chego ao seu carón, quilómetro 3, noto unha forte molestia no isquio esquerdo. Agardo uns segundos e comprobo que vai a máis. Como teño a nefasta experiencia do Coruña-10, aviso a Julio de que me vou apartar e paro.

Trato de estirarlo algo. Vexo que son centos de atletas os que me adiantan. As ideas que pasan pola miña cabeciña non son reproducibles nin por educación nin para que ninguén entre en profunda depresión.Tras un minuto apartado, reincorporeime para ver o estado da perna. Vou con molestias pero inicio de novo a carreira. Pouco a pouco vou tratando de coller o ritmo e vou pasando corredores. Á altura do Breogán póñome ao carón da primeira rapaza da proba, a nosa atleta Raquel Sánchez con quen comparto adestramentos dous días por semana.

Con ela inicio unha nova proba. Nunca corrín con ela. Pero tratarei de axudala a manter o seu fantástico ritmo. Baixamos por Adormideiras, subimos. Iniciamos a baixada cara á Hípica. Vou tratando de animala, de motivala (sería necesario?) Decátome que aínda non é moi constante no seu ritmo pero ten unha fortaleza interior que tira dela cuns folgos incríbles. Entramos na Cidade Vella. Tempo para que Alberto nos tire unha foto e de saudar ao mestre Bernardo (o que tivo que loitar este home para que a proba pasara diante do seu traballo… como es benquerido). Antes de entrar en María Pita, a presidenta do meu club de fans, tíranos unha ducia de fotos (grazas Marisa). 


Na chegada á meta, quédome un pouco e sepárome de Raquel para que poda cruzar a meta como triunfadora. Bravo.

Son momentos de compartir cos amigos e amigas, de buscar a Pili e a Laura, de abrigarnos e desexar a canto coñecido vemos un feliz aninovo. Pili fixo primeira de categoría e Julio, segundo. Despedímonos e con Laura colle o coche pero… tras pagar e saír do parquin, Laura dime que temos que regresar pois entrei de terceiro na categoría. Menuda sorpresa. Lesionado e terceiro, já, já. Pois nada, regresamos e agardamos pola entregar de trofeos onde o speaker (eres un fenómeno, Andrés Prieto) por segundo ano consecutivo tivo a ben loubar este blog, ademais de lembrar os trunfos de Pili.


Como sempre as mulleres do CAS arrasaron. Parabéns Raquel, Noelia, Inés, Pili e María. Javier e Eduardo tamén subiron ao podium.




Resultados: 29.27´´ (un minuto máis ca Julio) entro de 96 sobre un total de 2.699 e de 3º na categoría a un ritmo de 3.53´´.