18/8/14

III Carreira Solidaria de Muros

Semana pobre en quilómetros (so 60) pero moi social. Inicieina o martes (o luns houbo piscina) cunha tirada de quince máis outros seis con dona Laura (que luxo). Nesta tirada levei as novas zapas do 42, as Adidas Energy Boots, e remateina cunha boa ampolla que aínda segue a molestarme. Tamén tiven o pracer de facer dúas tiradas por Louro amosándolle a Héctor a fermosura das nosas pistas e das nosas paisaxes. Dou por rematada a tempada muradán e os seus rituais: saída ben cedo, alongamentos e baño nas frías e reparadoras augas da ría de Muros. Que pracer ter unha longa praia para min so. Será un pracer ou é de tolos bañarse contra as nove e media da mañá? 

O sábado participei, por segunda oportunidade na Solidaria de Muros. III Carreira solidaria de Muros Este ano cambiaron a saída con respecto ao ano pasado pois pasou da lonxa á Piscina de Serres. O percorrido é o mesmo pero con outro punto de saída e de chegada, Fixen o quecemento con calma e charlei cun colega adestrado por Pedro Nimo. Coincidimos en moitas cousas, case na idade, no tempo que levamos correndo, na pasada maratón de Porto e tamén trataremos de facer outra en novembro, el en Valencia e eu en Porto. Tamén charlo cos “Mestres” da categoría: José Luis Bouza e José S. Leis. Esta proba forma parte do Circuíto da Deputación. Tamén saudei a Miguel, muradán mais botei en falla a Montse e a Fernando. Houbo case douscentos inscritos. 

Na saída non me coloco moi adiante (se o Bernal estaba na segunda liña eu estaría na quinta). Coma sempre hai xente que sae moi rápida. Aos douscentos metros xa non me pasa ninguén e iniciamos a subida polo polígono. Comezo, paseniño paseniño, a mellorar posicións. Creo que foi das poucas probas nas que ninguén me adiantou en todo o percorrido. 

Na saída do polígono principia un quilómetro quebrapernas polo Alivía. Fermosísimas vistas e eu ao meu: manter o ritmo nas subidas e non perder posición nas baixadas. Baixando por Miraflores, despois do polideportivo vexo que levo unha zapatilla desatada. Sen pensalo, paro e fágolle un nó ben forte. Fiquei estrañado pois repasara as lazadas na liña de saída. Vexo que so me adiantaran tres corredores. A dous pasareinos axiña e ao outro despois da baixada da igrexa, xa polo paseo de Muros. Quedei sorprendido ao comprobar que os dous únicos quilómetros planos da proba íamos facelos pola estrada e non pola beirarrúa, como o ano pasado. Imaxino o gran follón de tráfico que se ía montar. 

Neses dous quilómetros, para a miña sorpresa, aínda teño forzas para pasar a uns catros corredores máis. Sempre que os adianto, anímoos tanto no senso de que queda pouco para rematar como para que se me enganchen. Os últimos catrocentos metros son en subida. Tiña diante a dous atletas, funme achegando onda eles pero non os collín. Entro en meta chocando a man con toda a rapazada presente. 

Resultado: 21.31´´, sobre 5.500 metros. Posto 23 sobre un total de 144 chegados á meta e de 3º na categoría. Fiquei contento porque gocei da proba. O tempo foi peor ca o ano pasado mais tamén é certo que aumentaron a distancia uns douscentos metros. Dúas horas e media tardaron en facernos entrega dos trofeos, co grande Andrés Díaz. É tempo para charlar con Bouza e con Leis (parabéns aos dous) e tamén con Carmen quen nos tirará as fotos do pódium. Grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión