5/10/14

VIII Coruña-10: ben, ben, ben.

Semana con 71 km. Un día con 20 por Sada primeiro so e logo coas “liebres” do club para a carreira da Auga. Fixen esa tirada con Alberto, Javier e Raul a 4.30´´. Divertido. O sábado estaba tan canso que non trotei. O domingo participei na

VIII Coruña-10 

O obxectivo era facer un resultado semellante ao ano pasado (3.41´´) é dicir, trotar a un ritmo de 3.45´´-3.47´´. Semellaba factible despois do resultado da semana pasada na media de Ferrol. Ademais era un día especial, Don Julio estreaba os seus 50 anos acompañando a Pili nesta proba. Todos os augurios eran positivos agás pola camiseta (tíñaa reservada en galego con moitísima antelación e... recibín unha no idioma da corporación municipal da Coruña). Non choverá, non haberá case vento. Un circuíto rápido. Moitísimos amigos e coñecidos… Que máis se podería pedir. 

Non fixemos moito quecemento. Case non tiramos ningunha foto (cheguei tarde á do club pero andaba por alí Félix) pero si saúdamos e charlamos con moitísima xente. Todo o mundo está tolo. Todo o mundo corre. 

No caixón de saída coincidimos con medio club de Sada. Preto de nós Inés e Noelia e a uns metros, Tony, Alberto, Roberto… Ademais puiden saudar a Bernardo e a Jorge, o meu colega da semana pasada en Ferrol. Fago os últimos minutos de espera cun rapaz co que tirara os últimos quilómetros nesta mesma proba hai un ano. Casualidade. Sabíamos que a saída era moi estreita e complicada polo que cumpría estar moi atentos e saír ben rápidos e adiante. 

Cando soa o pistoletazo de saída non son quen de poñer o cronometro en marcha. Vou preocupado por non molestar e non caer. Tardo uns vinte segundos en poñelo en funcionamento e inicio a tolemia. Correr por calquera lugar onde fora posible, indo dun lado para outro na busca duns metros libres. Neste primeiro quilómetro xa coincido con Jesús (que grande). Iniciando o dous tamén ven con nós Roberto e Javier. Tremendo club. Blas, o fareiro, está na beira para tirar fotos. 
Foto de Blas. Rodeado de amigos antes do km 2.

Chegando á rotonda do porto, deixo que Jesús marche. Detrás del vanse Roberto e Javier. No quilómetro dous decido baixar o ritmo posto que saíra demasiado forte. Pásame Pablo Anllo,do Runaways. Tirando por Xoana de Vega volvo coller ritmo. Detrás de Pablo iniciamos a pasar corredores. No catro xa pasara a Javier. Por Riazor collo a Jesús e a Abu, compartimos uns metros e auga. Sigo tirando. Despois da rotonda dos surfistas paso a José R. Tajes.
Grazas pola foto, Bea

Iniciamos a subida cara á Torre. Xurde o vento. Continuamos mellorando posicións. Adianto, por primeira vez na miña vida a José L. Bouza. Anímoo. Na rotonda da Torre noto a subida de verdade. Sei que desde o Orzán imos subindo mais vou tan concentrado que nin me entero. Nesa rotonda parece que non teño folgos pero na baixada collo forzas e tiro de novo con Pablo. Collemos a Luis, do seu club que vai acompañado por Noé (un dos grandes). Luis non pode máis pero nós animámolo moito. 
Foto de Blas no km 8 tirando de Pablo tras pasar a Luis.

Dígolle a Pablo que hai que tirar que estamos no derradeiro quilómetro e que podemos entrar por baixo de 37. Váiseme e, como non, pásame un atleta nos trescentos metros finais. Trato de non baixar o ritmo e tiro con forzas. 

Resultado: De 117 na absoluta (sobre 3.557) e 6º na categoría. 37.01´´ a 3.42´´ o quilómetro. Foi o dez mil máis rápido en asfalto. Incrible. Pili: 1ª de categoría. Esta muller nunca nos falla. Despois… xantar festivo. A vindeira semana tocará “participar” como “liebre” na Carreira da Auga de Sada e tratarei de facer unha tirada longa.

2 comentarios:

  1. Impresionante Antonio ... tiempazo. Enhorabuena campeón !!!!
    Un abrazo, Juan Carlos

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión