11/10/15

A Coruña-10 e... o comandante mandou parar

Semana de ilusións. O martes adestramento suave de 10 km, mércores tirada algo máis longa, 16 km, e o xoves, case por sorpresa, integreime no grupo do CAS que adestra no INEF. O traballo específico consistiu en cinco series rápidas de cinco minutos con tres minutos de recuperación e logo outras tres rápidas con outras tres lentas.  Despois da segunda de cinco minutos tiven que estirar posto que a parte posterior do xeonllo dereito parecía querer contracturarse. Tras os estiramentos incorporeime sen máis molestias. Rematei canso pero contento por ter con quen compartir adestramentos. O venres, trote suave (realmente suave pola miña culpa pois estaba esgotado) con Pili e logo sesión de pesas (fitpower) no ximnasio. Sábado de repouso e o domingo tocou actuar en

Coruña-10

O chofer recolleume con puntualidade. Laura tamén estivo lista cando tocaba. As dúas últimas carreiras nas que participara a cabeciña dixéralle ao corpo que non debía sufrir, de xeito tal que non forcei nin sofrín. Mais agora tocaba cambiar o chip e tratar ir mellorando  polo que trataría de esforzarme. Sei que non estou para repetir a marca do ano pasado, eses 37.01´´ pero habería que forzar.

Quecemento compartido con moitos amigos e amigas. Tempo de comentar problemas e ilusións. Que se facer menos de 40´, de 43´ ou de 53 no caso de Laura.



Saímos costa arriba, polo novo circuíto, sen forzar, paso a Paula Mayobre, pero sobre todo vaime pasando moita xente. Logo baixada ata facer o primeiro km en 3.39´´. Rápido pero non me sinto mal ata que… no quilómetro e medio xorden as mesmas molestias ca o xoves pasado pero nesta ocasión non remiten se non que van a máis. Baixo ritmo. Adiántanme moitos coñecidos, entre eles don Julio, o subcampión galego de triatlón da súa categoría. Laura saúdame. E non podo facelo.

Ao chegar á Praza de Portugal retírome a estirar. Agardo por Pili. Reincorpórome para ir con ela pero só o podo facer uns cincocentos metros. Vou coxeando. 
Inútil intento de reintegrarme na carreira. Forte dor

Volvo retirarme e póñome, de novo, a estirar. Agardo por Laura. Vén moi rápida, por baixo de 5´/km. Acompáñoa algo máis dun quilómetro e a gardo por ela enfronte á Domus para collela no km 8. Os amigos e amigas que vexo pasar interésanse pola miña saúde. Trato de dar folgos a corredores e corredoras. Inés vai soa. Saúdo con ilusión a Pablo Anllo que anda a rodar pensado na maratona de Frankfurt (que grande é este home e que pelo tan ben cortado) Pili semella que vai a menos.

Por fin aparece Laura. Estamos no km 8. Trae mala cara. Non quere falar. Foi perdendo moitas posicións. Ten que ir aprendendo. Saíu cun ritmo descontrolado e pagouno na subida á Torre. Trato de animala mais é moita xente a que nos pasa. Só no último quilómetro recupera algo para tratar de entrar por baixo dos 50´.

Ten estilo ou non, a rapaza?




Resultados: Laura 49.32 neto, por fin baixou de 5´/km nun dez mil. As rapazas do club, coma sempre, excelentes con varios pódiums.

Agora toca, coma dicía a canción de Carlos Puebla, “y el comandante mando parar”. Hai que ver que pasa na perna e recuperarse. Ademais, pensando en positivo, por fin estreeime nun abandono nun dez mil. Xa tiña abandonado nunha maratona (como doe aínda esa retirada na primeira edición de Coruña-42) e nunha media (León). Por fin chegou a retirada nun dez mil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión