1/11/15

II Carreira Popular Centro "Ricardo Baró" Aspronaga

Rematei outubro con 159 km. En outubro de 2014 fixérao con 352, sinal de que algo está a pasar. Xa van dous meses consecutivos que fago menos da metade dos quilómetros realizados no ano anterior. Se en setembro foran os xemelgos, en outubro foi un problema na parte interna do xeonllo dereito que afectou ao isquitibial. A pesares de pasar polo fisio, cando toca facer series hai por aí un aviso de forte contractura que me obriga a baixar o ritmo. Mesmo o xoves non fun quen de rematar o adestramento de series. 

A boa nova do mes é a fichaxe polo CAS de Laura. Benvida.

II Carreira Popular Centro “Ricardo Baró” Aspronaga 

O domingo participei por vez primeira nesta proba que se desenvolve a tan só dous quilómetros da casa. A percorrido era de tan só 5.600 metros. A idea era comprobar como se comportan o xeonllo e o isquiotibial e saber se aguantan uns quilómetros a ritmos alegres. 

Foi un pracer, coma sempre, compartir os instantes previos á carreira con tantos amigos e amigas. Por suposto, houbo marea azul e branca do CAS que ademais colaborou na organización (estes tipos son marabillosos e cada día que pasa penso que o principal valor do club e a solidariedade) 

Saín cómodo ao carón de Inés e de Alvaro. O primeiro quilómetro foi en baixada polo que saíu rápido (3.36´´) Cando principiamos polo plano achégaseme Alvaro que axiña me deixa pero tereino sempre moi preto ata o último quilómetro. Outro que anda renqueante pero … vai fenomenal. Parabéns, meu.

A proba discorre por onde adestro cunha certa regularidade polo que a longa subida non é descoñecida para min aínda que é a primeira vez que a fago co corazón na boca. Vexo que non teño forzas na subida e sobre todo que non teño pulmóns pois cando remata a costa tampouco son quen de recuperar. 

O último quilómetro iníciase cunha dura subida de trescentos metros. Álvaro e o seu acompañante vanme gañando metros, especialmente Álvaro. Recupero unha posición é entramos en Aspronaga. Miro para atrás vexo que alguén se me acerca pero decido non forzar na recta de meta pois cada metro que pasa o isquio cárgase máis. Son adiantado. 

A salientar, coma sempre, os folgos que reparte a xente do CAS que non participa ou que corre nas probas doutras categorías. Grazas. Ademais fiquei abraiado polo cariño que había no aire. Que xente tan boa hai en Aspronaga.

Resultados: Fago meta en 21.54´´ a 3.54´´na posición 24 na xeral e de 3º na de categoría. Creo que foi un bo ritmo.

Fotos na proba de Inés, de Running Plus e do Grinch do CAS. Grazas.
A medalla, ben fermosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión