ADESTRAMENTOS
Tras a mala experiencia mental da pasada Marató de Barcelona 2011 e a pesares da boa marca (Pili, admito 3,02,40 como boa marca), o corpo e a mente necesitaban repouso: marzo e abril. Tras pasar a facer un arranxo de chapa e pintura (o piramidal semella non ter amaño posto que sigue molestando permanentemente), en maio decidín iniciarme, de novo, do mundo do trote “borriquero”. En paralelo tratei facer unha ou dúas sesións semanais de ximnasio (Toni, cabrón)
Ademais volvín as competicións en Lira e Carnota, Pobra do Caramiñal, no dez mil de A Coruña (37.30´´) e na media maratón de La Bañeza (1.22.15´´).
Alá por agosto, no cerebro volveu a idea de facer outra maratón como único remedio para que se curaran as feridas mentais de Barcelona. Escollín a de Porto pola súa proximidade xeográfica. As dez últimas semanas de adestramentos non foron tan perfectas coma na preparación do de Barcelona: os tempos das series non foron tan bos pero adestrei sen presión e sen tensión e, de feito, a cabeza estivo tranquila e ilusionada por volver a gozar desta proba e con gañas de demostrarlle ao cerebro que o corpo tamén sabe correr. Sen embargo fixen máis quilómetros…
As estatísticas destes meses de adestramentos son as seguintes:
Maio: 134 km. a unha media de 4,45 o km e cun percorrido medio de 9,5 km.
Xuño: 195 km. a unha media de 4,39 o km. e cun percorrido medio de 13,9 km.
Xullo: 288 km a unha media de 4,26 o km. e cun percorrido medio de 16,9 km.
Agosto: 299 km. a unha media de 4,20 o km. e cun percorrido medio de 14,9 km.
Setembro: 319 km. a unha media de 4,23 o km e cun percorrido medio de 16,7 km.
Outubro: 366 km (rércord persoal nun mes) a unha media de 4,20 o km e cun percorrido medio de 18,3 km.
Mirade as estatísticas tiradas do meu Strands:
Como cando preparei a última de Barcelona, Pili tivo a ben axudarme nalgunha tirada longa e tamén como cando na de Barcelona, Pili quixo cambiar a residencia algúns días (ánimo, campiona).
PREVISIÓNS CLIMATOLÓXICAS
PREVISIÓNS CLIMATOLÓXICAS
En canto ao tempo climatoloxicamente falando… as previsións nunca foron boas… hai uns dez días eran de moita chuvia e vento duns 10 qm/h, logo foron mellorando ata suprimir case a posibilidade da auga pero aumentando a dureza do vento: 18 km/h do norte. En principio non sería o peor vento posto que a maior parte do percorrido era en dirección oeste-leste e viceversa, só do quilómetro 37 ao 40 hai un tramo en dirección sur-norte polo que debería gardar forzas (eu gardando forzas para o final?, imposible) Finalmente tivemos 7 graos á saída e chegamos con vento e cun día de sol magnífico.
VIAXE
Nesta ocasión, ademais da eterna ISA, acompañáronme Pepe e Eva, non sei se para facerme de condutor ao regreso, probar o viño de Porto ou tentar obter algunha foto nos últimos metros porque, en principio, non estaban dispostos a animarme no percorrido.
EXPECTATIVAS
Analizada as tres últimas participacións en maratóns, creo que debo aprender unha lección contundente: hai que ser prudentes. Na maratón de Barcelona do 2011 pasei a media en 1.23´, na de 2010 en 1.24, mentres que no Mapoma de 2009 en 1.27´. Manteño o obxectivo de baixar algo das tres horas polo que tratei de convencer á miña cabeciña de pasar a media por riba de 1.26´. Deste xeito, cría, que por unha banda gardaría algo de forzas e, por outra, tería posibilidades de mellorar a marca persoal de 2.57´.17´´.
PORTO
Viaxamos a Porto acompañados polos nosos escudeiros Eva e Pepe. A cidade está fermosísima. O Hotel estupendo, con permiso para deixar a habitación ás 15 horas por participar na proba. Retiramos o dorsal o sábado pola tarde/noite, despois de xantar un magnífico arroz de marisco. A bolsa do corredor é estupenda (canto nos queda por aprender, con viño do Porto incluído). Paseamos pola ribeira, tomamos café no Majesti e ceamos na Casa da Música do arquitecto Rem Koolhaas. Magnífico edificio e magnífica cea.
O domingo moi cedo fun á saída na avenida Júlio Dinís, ao carón da praza de Galiza (que bo sinal). Na saída ofrecen café e cha: todo un detalle. Só teño na cabeza unha palabra: SENTIDIÑO, teño que facer unha carreira con SENTIDIÑO, saír amodo e gardando forzas para o final. Pero a palabra que máis escoitei na corrida foi FORÇA. Saída picando moito para arriba, e logo… a tratar de facerlle caso á cabeza. No segundo quilómetro achégome ao globo das 3 horas, pouco despois vouno adiantado sen presa, comodamente. No quilómetro catro preocúpame que me siga adiantado moita xente… non poder ser. Alá polo décimo decátome de que son os participantes da Family Race de 12 quilómetros.
Non fago grupo e vou tirando só en terra de ninguén. Cruzamos o río pola ponte Dom Luis I. Antes do 21 paro a mexar (bato o récord persoal na cuestión: 35´´). Reintégrome sen problemas e asombrado porque tan só me adiantara un corredor. Dos quilómetros despois ficou detrás. Teño un grupo a menos dun minuto, vou tras el sen agobio… non o conseguirei coller… pero adiantareinos a todos nos catro últimos quilómetros.
Paso a Media en 1.28´. Paso o quilómetro 26 (o meu muro) sen problemas, vou cómodo e pensando que está vez si, esta vez rematarei sen sufrir e sen baixar moito o ritmo. Calculo que lle saco tres minutos ao globo das tres horas e podo andar en torno á miña marca. No 30 penso que Pili está agardando por min e que vai tirar o que falta. Sei que só me falará cando non existan costas pero notar a súa presenza faime manter o ritmo nas subidas. Aínda hai forzas e manteño un ritmo máis ca aceptable. No 35 creo que vou en moi bo tempo pero noto como o meu ritmo comeza a descender. Mais non importa: non son eu o adiantado polos corredores senón que non deixo de adiantar xente. Son quilómetros en solitario, notando o cansanzo mais tamén empezando a sentir a satisfacción pola "boa corrida". Saúdo a un de Verín, animo aos que paso. Os últimos quilómetro fanse difíciles: aparece o vento, sube a temperatura, pica para arriba. Cando faltan douscentos metros está o meu grupo animando e tirando fotos: grazas.
Paso a Media en 1.28´. Paso o quilómetro 26 (o meu muro) sen problemas, vou cómodo e pensando que está vez si, esta vez rematarei sen sufrir e sen baixar moito o ritmo. Calculo que lle saco tres minutos ao globo das tres horas e podo andar en torno á miña marca. No 30 penso que Pili está agardando por min e que vai tirar o que falta. Sei que só me falará cando non existan costas pero notar a súa presenza faime manter o ritmo nas subidas. Aínda hai forzas e manteño un ritmo máis ca aceptable. No 35 creo que vou en moi bo tempo pero noto como o meu ritmo comeza a descender. Mais non importa: non son eu o adiantado polos corredores senón que non deixo de adiantar xente. Son quilómetros en solitario, notando o cansanzo mais tamén empezando a sentir a satisfacción pola "boa corrida". Saúdo a un de Verín, animo aos que paso. Os últimos quilómetro fanse difíciles: aparece o vento, sube a temperatura, pica para arriba. Cando faltan douscentos metros está o meu grupo animando e tirando fotos: grazas.
Meta en 2.58.38´´ de 99 na xeral e 9 na categoría. (Por terceira vez modificáronse as clasificacións, agora entrei de 104 e de 10 na categoría). Ata o quilómetro 30 fun a 4.10´´/km e de aí ata meta a 4.25´´/km. A media saíu a 4.13´´/km.
Non melloro a miña marca pero sigo baixando das tres horas. Entro feliz. Só o piramidal volveu a molestar mais non conseguiu que me parara. O resto do corpo está fenomenal, parece mentira que correra unha maratona. Unha rapariga ben fermosa cólgame a medalla. Dáme (pídolle) dous bicos. Agasállannos cunha nova bolsa do corredor. Tomo a cervexa máis fría da miña vida, está fantástica (destrozarame a gorxa para todo o día). Paso polos fisio. Non me saben tratar o piramidal. Regreso ao hotel. Xantar na ribeira no Postigo do Carvao e regreso ao norte.
O percorrido é moi fermoso e bastante plano (moito máis ca Madrid), pero hai pouca xente animando o que provoca sensación de soidade (a soidade do corredor de fondo que se diría), mais un xa está afeito por non saberes correr en grupo (algún defecto teño que ter...)
Grazas a todos e todas os que me animáchedes nos últimos días. A vosa lembranza foi a miña forza.
Isa, Eva e Pepe estiveron inconmensurables: non deixaron a animar en toda a proba, cambiando de lugar, sorprendéndome en calquera esquiña, tirando fotos (non as poño por pudor) e dándome berros de ánimo. A pancarta que levaron era impresionante. Grazas, grazas, grazas.
SENTIDIÑO E FORÇA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas por deixarme a túa opinión