15/4/12

Maratón A Coruña 42: chegou o descanso


ADICATORIA
Hai case un ano, meu  pai deixou estes mares para ir navegar por outros máis tranquilos.
Pola contra, Sara está a piques de coñecer as ondas da ría Muros (xa ten lista a táboa de surf, a vela de wind-surf, e a cometa de kite-surf), mentres o seu pai ten corazón tan grande que as veas non son quen de soportar a súa forza.
Para eles tres ía esta maratón, e, para eles tres, vai esta crónica.

Tres maratóns en trece meses… quen o diría hai uns anos. Efectivamente en marzo de 2011 fixen o Marató de BCN, en novembro, para recobrar sensacións, a de Porto e, agora, en abril de 2012 o da Coruña. 

Como sempre fixen unha preparación específica seguindo un plan de dez semanas.

En xaneiro andiven con varios catarros que me deixaron sen forzas polo que tomeime a miña primeira participación na Media Maratona Manuela Machado en Viana do Castelo como un adestramento, para ir de menos a máis. En febreiro, fixen a I Media Maratón do Ribeiro cun tempo inesperadamente bo. Logo, a tres semanas da maratón, a Vig-Bay, onde o tempo que tiña que saír, saíu. Despois viñeron uns días de repouso e masaxes por molestias nun isquio; molestias que non deixaron de existir completamente. Na semana anterior, volvín a estar con molestias na gorxa e algo acatarrado.

Fixen os adestramentos, primeiro con moita tranquilidade, sen presión, gozando deles. Mais, logo, apareceu o cansazo psicolóxico, a falta de gañas, o desexo para que  pasara pronto  o 15. Para tratar de combater esas malas sensacións fixen un par de tiradas longas (menos longas de que me gustaría) cos amigos do C.A. de Sada. Todo un pracer.

Os quilómetros feitos por semanas, foron os seguintes (de luns a domingo): 81, 70, 91, 92, 79, 94, 59, 47,  Por meses: xaneiro con 253 ; febreiro con 325, marzo con 335. Como veredes non fun moi regular. Nos adestramentos os tempos da series saíron case todos agás, como sempre, o test de 2x6000.

Na última fin de semana aparaceu unha molestia tras cada adestramento no nocello esquerdo. Mesmo como ía  máis (chegou a ser dolorosa) modifiquei os entrenos. Só saín a trotar o martes. Logo, coxeei un pouco, repouso ata o sábado para probar o nocello. O sábado pola mañá o nocello aguantou quince minutos sen protestar. Mais eu sei que non está ben. Decido facer a proba pero co risco de abandonar se aparece a dor.

Durante os días previos, as charlas coas amizades danme moito ánimo: coma sempre corro por e con eles.  Juan e Pili estarán, seguro, no percorrido. A Rabudiña tamén. Conto cuns berros exclusivamente para min. É a vantaxe de correr na casa.

O domingo amenceu como dicían as previsións: forte treboada ás 7.15. Un rato despois, tiramos as primeiras fotos co CAS, logo con Raúl e despois eu só. Case sen quecemento facemos a saída moi puntual.

Inicio a proba moi comodamente. Sorpréndome ao ver o tempo no primeiro quilómetro: 3.59´´. Como parece ser que se fai un grupo que quere baixar algúns minutos das tres horas, vou con eles ao pensar que é a mellor forma de protexerse do vento. Facemos o Orzán e Riazor. Cruzamos por Xoana de Vega e Linares Rivas, ao entrar, por vez primeira no porto, cáenos unha gran cantidade de auga e granizo, acompañado por forte vento. Foron tan só dous minutos. Pero estamos empapados e as miñas zapatillas son un puro charco.

O ritmo do grupo é bastante irregular: tiróns e paróns. De súpeto, véxome no final de Oza con cinco corredores só, posto que o gran grupo quedárase atrás. Como nos da un forte vento de cara en dirección á Casa do Mar, baixo o ritmo e deixo que o grupo me colla. Primeiro paso polos Cantóns: parece que o público está decidíndose a animarnos. Rematamos a primeira volta en 56 minutos, case un mellor do esperado, pero sigo cómodo. 

Iniciamos a segunda volta con todo o vendaval polo Orzán e logo pola zona do Milenium. Ao pasar pola Casa da Auga (20,5 km.) o grupo comeza a marchárseme. Non me importa, vou ben. Paso a media maratón en 1.25. Case no tempo deseñado. Dous quilómetros despois xa estou de novo co grupo. Imos de novo por Oza. Parada técnica a evacuar líquido (perdo 40 segundos). Váiseme o grupo. O regreso á Casa do Mar fáiseme duro polo forte vento en contra. Desde Linares Rivas ata os Cantóns hai moita xente animando pero aínda non aparecen os grupos anunciados pola organización. 

Na Mariña, Pablo e logo Ángel, saúdanme. Aos dous fágolles movementos negativos coa cabeza. Remato a segunda volta (quilómetro 28 en 1.54.11´´, a menos de 4.05´´) Tempo estupendo e… abandono.

O nocello dixo basta. Non teño gañas (perdón) para quedarme a anirmar aos amigos e amigas, nin aos outros participantes. Saúdo a varios amigos e marcho para casa.

É o meu primeiro abandono nunha maratón… e foi tocar xusto no da casa…. Unha mágoa. É síntoo de verdade porque varios amigos achegáranse ata a proba para animarme (Juan, Pili, Julio, Chema, Sandra, Pablo, Ángel...). Laméntoo moitísimo por eles. Pero cando non se pode, non se pode.




DESPEDIDA
Toca agora unhas semanas de repouso e, coma sempre, unhas sesións de chapa e pintura para tratar de amañar algo o corpiño. E para despedirse, nada mellor que facelo dun xeito explosivo, ou non?



6 comentarios:

  1. Sei que é difícil consolarse cando un pon tanto empeño en acadar unha cousa, despois de tanto traballo e sacrificio, máis en ocasións recoñecer os nosos límites é unha batalla gañada. Ánimo e unha aperta!

    Teño un bo amigo que tivo que deixala na primeira volta, e sei que é un dos seus peores días, vamos que é un auténtico pesadelo. De novo ánimos e saúdos.

    Dieta & Deporte

    ResponderEliminar
  2. Estás seguro que iso do nocello non foi do bombazo que levaches ao saír da casa? E, porque a todos os fracos se vos da por correr? A onde ides? Que dan? De quen fuxides? Grazas pola resposta que estou adiviñando, amable.

    ResponderEliminar
  3. Vaia, menuda mágoa. Supoño que para todo hai unha primeira vez. O importante é que un mal día non bote ó traste as tuas ilusións e dende xa prepares o desquite.
    Ánimo!

    ResponderEliminar
  4. Grazas polos ánimos, benqueridos amigos. Foi un golpe duro: tantas semanas, tantas ilusións... pero un maratoniano non se derrota nunha batalla... QUE TEMBLEN OS 42.195 METROS...

    ResponderEliminar
  5. Mágoa! tanto adestrar para que unha lesión te bote fóra da carreira é duro, pero como ti ben dis un maratoniano non se rende facilmente. A recuperarse pronto que seguro que xa tes en mente onde tomar a revancha.
    Saúde e quilómetros!

    ResponderEliminar
  6. Grazas, Xosé. Agardo impaciente a túa crónica da vosa viaxe a París e do éxito dos Taninos na maratón.

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión